A Lingua das Cantigas

Identificación de "Torona"Carlos Pérez Varela
    O termo TORONA aparece no inicio da canción "Ala uuaz que la torona", a única que coñecemos atribuída ao nobre portugués D. Garcia Mendez de Eixo, presente na corte de Sancho I a finais do século XII, e falecido con seguridade no 1239 -pois así consta na súa sepultura do mosteiro de Alcobaça-:

Ala uuaz que la Torona
e los parens son tauz
e la terra he trou bona
e ja quites son los chauz
c'ora me volho tornar
a Sousa a lo mon logar (...)
(vv.1-6)


    D. Garcia Mendez de Eixo pertencía á familia dos Sousas, de grande importancia na corte portuguesa, e casou con Elvira Gonçalvez, filla de D. Gonçalo Paez de Toronho, como di o nobiliario do conde de Barcelos:

    "F (de D10) 11. DE DOM GARCIA MEENDEZ DE SOUSA E DOS QUE DEL DECENDEROM. Este dom Garcia Meendez foi casado com dona Elvira Gonçalvez, filha de dom Gonçalo Paaez de Toronho, filho de dom Paai Curvo, como se mostra no titulo XVI, parafro 50, e fez em ela o conde dom Gonçalo Garcia e dom Meem Garcia e dom Joham Garcia, o // Pinto, e dom Fernam Garcia Esgaravhunha, o que trobou bem, e dom Pero Garcia Albouia e dona Maria Garcia." (Mattoso 1980: I, 274-5).

    A súa influencia na corte debeu decaer a partir de 1211: a subida ao trono de D. Afonso II, trala morte de Sancho I, enfrontou ao novo rei con D. Gonçalo Mendez, albacea do monarca defunto e irmán de D. Garcia Mendez de Eixo; D. Gonçalo exiliouse na corte de León, polo que se pode supoñer a ausencia de D. Garcia de Portugal a partir deses anos e ata 1217, ano no que volve ser citado en documentos portugueses (V.Oliveira 1994: 348).

    O único texto conservado do noso autor é xa de partida un misterio, pois nin tan sequera a lingua aprovenzada na que está escrito puido ser definida con exactitude: Michaëlis chamouna "lemosino catalanesco" (Vasconcelos 1990 [1904]: II, 327).

    A canción foi transmitida unicamente polo cancioneiro 10990 da Biblioteca Nacional de Lisboa (B), co número 454, e ten sido obxecto de estudio en varias ocasións a causa da súa famosa rúbrica "esta cantiga foy feita a Roy de Spanha". Correspóndese no Cancioneiro da Vaticana (V) co inicio dunha lacuna que afecta tamén a B455, e parcialmente ás cancións de Alfonso X. Esta ausencia non debe estrañarnos se temos en conta que o copista esteta de V abominaría dun texto escrito aparentemente en provenzal.

    Carolina Michaëlis xa propuxo como sentido xeral da composición o da añoranza do autor polo seu señorío de Sousa, o cal remitiría ao seu exilio como causa última. A lectura meramente biográfica do texto poético -tan habitual naquela estudiosa- pode resultar hoxe pouco defendible, pero no caso que nos ocupa as coincidencias de vida e literatura son ben evidentes. A rima dos versos 3 e 7 da primeira estrofa, e 1-3-7 da segunda obriga a restituír en "torona" a lección "torana" do cancioneiro. A edición dos Machado presenta unha lectura moi pouco clarificadora, propoñendo, para o primeiro verso,"Ala u vaz que la Torona"(Machado 1950: II, 293). Torona podería ser dona Elvira mesma, ou o seu territorio de orixe. En ningún caso Tours ou Touraine como J.-M. d'Heur suxeriu -con certa xorna, queremos pensar-, no medio dunha argumentación que o levaba a desbotar unha tal solución: o autor propón finalmente que o verso se lea "A la mazo on es la corona" (D'Heur 1973: 95 e n.7); para o resto da composición a liberalidade na lectura é a mesma, polo que o resultado final semella, cando menos, extravagante (ibid.: 93-104). No verso 4, a palabra en posición de rima pode ser chans ('champs') ou chaus ; calquera das solucións é aceptable se entendemos quites como 'ceibos,liberados'. En función da escolla que fagamos para o cuarto verso, o final do segundo será tans ('tanz') ou taus (='talz').

    Se admitimos que Dona Elvira foi "a Torona", mesmo é posible pensar que o territorio de onde era orixinaria (Toronho) puido se-lo lugar, ou un dos lugares, onde D. Garcia se acolleu durante o seu exilio, de cerca de seis anos, rematado en 1217. Resende de Oliveira indica a súa sospeita de que esta canción puido ser composta en Galicia, baseándose na extrañeza da palabra torona1. Tivemos ocasión, noutro lugar, de tratar este mesmo asunto, e de relacionar ao señor de Toroño cun antepasado galego (D.Paio Curvo), que o sería ao tempo de dona Guiomar Afonso Gata, a dama cantada por Roy Queimado2. Os estudiosos da nosa lírica adoitan indicar a orixe galega de dona Elvira Gonçalvez porque seu pai aparece citado nos nobiliarios como o fillo deste "dom Paai Curvo de Toronho, em Galiza"3; sen embargo, "Toronho" nunca foi identificado cun lugar concreto do país. A pesar do descoñecemento por parte dos autores citados do significado deste topónimo, é o certo que diferentes historiadores galegos teñen falado de Toroño coma un territorio que correspondería ao actual Baixo Miño -Baiona, Oia, Tomiño, O Rosal e A Guarda- visto que o seu centro xeográfico era Erizana (hoxe Baiona): "...bajo el imperio de los bárbaros [...] el territorio turonense en que aparece enclavada y del cual fue su centro, suena bastante..." (M. Murguía, Galicia, p.740) "En la alta Edad Media perteneció Erizana al condado de TORONIUM,..." (R. Otero Pedrayo, Guía de Galicia, p.432).

    Sen embargo, o seu centro económico e espiritual debeu ser o mosteiro de Santa María de Oia, como o demostra a doazón de Alfonso VII ao mosteiro de "...totum hoc quod ad me iure regio pertinet in terra de TORONIO..." (Flórez, España Sagrada XXII, 264-5). En documentos relativos a este mosteiro aparece como testemuña, alomenos dúas veces, un tal "Pelagius Corvus" que cremos debe ser identificado como o Paai Curvo do que falamos máis arriba, isto é, o avó paterno de dona Elvira Gonçalvez4.

    Unha vez delimitado o territorio, o paso seguinte é o de buscar alí un lugar que puidese ser chamado "Torona". Moi preto do mosteiro está aínda hoxe o lugar de Torroña, pertencente á parroquia de Burgueira, tamén no concello de Oia. O nome deste lugar é o único que nos plantea dúbidas sobre a identificación da "Torona" na cantiga de Garcia Mendez de Eixo: o señor de Sousa podería estar a falar tanto da súa esposa, filla do conde de Toroño, coma do lugar chamado Torroña, aínda que non de Toroño (que sería o nome dun territorio moito maior). Talvez esta Torroña -ubicada no antigo Toronium- sexa a que explique o outro topónimo: *tor debería indicar `altura' ou `monte', e Torroña preside a serra da Groba, de seiscentos metros de altitude; o mosteiro, a menos de dous quilómetros, está construído na mesma ribeira do océano, polo que a impresión de elevación resulta moito maior.

    Comentando o reinado en Galicia de Reckila, Torres Rodríguez apunta que nesa época -ca. 445- unha expedición dos vándalos chegou a Turonio; e anota: "Respecto a la identificación de Turonio; parece corresponder al Turoquia del Itinerario de Antonino, cuarta mansión de la vía de Braga a Astorga, entre Burbida y Aquis Celenis. En los documentos medievales, según SAMPEDRO, (CASTO) se registra en los del Monasterio de Oya en las formas: Turonio, Turoneo, Toronio y Toroño; con más frecuencia Turonio" (Torres Rodríguez 1977: 91). A propósito dos documentos de Santa María de Oia, Torres engade:"En algunos se menciona el castillo o fortaleza de Santa Elena de Toroña. Según Flórez corresponde a Torroña, a una legua del Monasterio y tres de Tuy" (Torres Rodríguez 1977: 91, n.154). Por outra parte, Santa Helena aparece tamén en documentos da catedral de Tui de 1106 e 1142 (Pallares-Portela 1971: 119 e 29 n.13).

    Se en Torroña, que está no antigo Toroño, existiu unha fortaleza, e se D. Gonçalo Paez foi o señor de "Toronho", non parece demasiado temerario concluír que o desaparecido castelo de Santa Helena foi o seu solar. Ou o que é o mesmo, un dos destinos posibles de don Garcia Mendez no seu exilio.

    Esta Torona de B454 podería ser así a Torroña galega e, polo tanto, o lugar onde don Garcia Mendez de Eixo cantou a añoranza das súas terras de Sousa. Aínda recoñecendo que a nosa lectura sexa puramente especulativa, suporía para nós, cando menos, unha seguridade: a de que esta estraña canço foi composta en Galicia entre os anos 1211 e 1217.

- D'Heur, Jean-Marie (1973): Troubadours d'oc et troubadours galiciens-portugais, Paris, Fundação Calouste Gulbenkian, Centro Cultural Português.
- Machado, Elza Paxeco e José Pedro Machado (1950): Cancioneiro da Biblioteca Nacional, antigo Colocci-Brancuti, vol. II, Lisboa.
- José Mattoso (ed.), Livro de Linhagens do conde D. Pedro, Edição crítica por José Mattoso, Portugaliæ Monumenta Historica vol. II 1/2, Lisboa, Académia das Ciências de Lisboa 1980.
- Oliveira, António Resende de (1993): "A caminho da Galiza. Sobre as primeiras composições em galego-português", en O Cantar dos Trobadores (Actas do Congreso celebrado en Santiago de Compostela entre os días 26 e 29 de abril de 1993), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 249-261.
- Oliveira, António Resende de (1994): Depois do espectáculo trovadoresco, Lisboa, Edições Colibri.
- Pallares Méndez, Mª del Carmen e Ermelindo Portela Silva (1971): El Bajo Valle del Miño en los siglos XII y XIII. Economía agraria y estructura social, Universidad de Santiago de Compostela.
- Portela Silva, Ermelindo (1981): La colonización cisterciense en Galicia (1142-1250), Universidad de Santiago de Compostela.
- Torres Rodríguez, Casimiro (1977): El reino de los suevos, A Coruña, Fundación Barrié de la Maza.
- Vasconcelos, Carolina Michaëlis de (1990): Cancioneiro da Ajuda, 2 vol., Lisboa, Imprensa Nacional-Casa da Moeda [1904 Halle, Max Niemeyer].
Volver