Tento recuar no tempo ata os doce anos, mais as imaxes de
Cantareliña abálanseme nos ollos, son reflexos
brillantes que mal podo reter... Lembro os pés do Luis,
petando con enerxía sobre aquela tarima enorme; lembro as
fazulas encarnadas da Paula e a súa cabeciña
movéndose perto de mim; lembro o abundante cabelo crecho do
Xurxo, enterrado no mastro dunha guitarra galega; lembro as mans da
Ánxela fronte a nós, cosendo no ar as notas da Buxaina,
como un colar de castañas... E o escenario xigante comezaba a
desfacerse a medida que nós cantabamos, os sorrisos do
público deixaban de darme medo e xa non había
diferencia entre a miña voz e as outras... Podo reproducir
aquilo que vin e tentar describir as emocións do día,
mais o difícil é facer agora un balance consciente do
que aquela experiencia supuxo para min.
Cantareliña alentou a paixón que tiña pola
música e, sobre todo, contribuíu a reforzar outro
sentimento importante: o vínculo de unión coa lingua e
a cultura do meu país. Por iso e polos momentos de
ilusión que me fixo vivir, agradezo a Saraibas a iniciativa
que tiveron e espero, de corazón, que se animen a levala
novamente á práctica.
Carme Fernández García
|