Vieiros Ferrol

Informacións do mes de maio do 98

Informacións da fin de semana do 29 ó 31/05/98
Consello Económico e Social
Juan Blanco Rouco, alcalde da cidade e presidente en funcións do Consello Económico e Social (CES) das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal convocou a tódolos seus membros a unha reunión o próximo luns 1 de xuño co obxectivo de analizar entre os seus membros as medidas realizadas nos últimos tempos nestas comarcas, ademais de presenta-la memoria das actividades desenvolvidas por esta entidade no período 1996-1997. O CES está constituído por tódolos alcaldes dos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e ten como obxectivo o desenvolvemento económico destas comarcas ademais de afrontar, cando sexa necesario, medidas de emerxencia fronte a situacións extremas desde un punto de vista industrial.

Pasamento da pintora Josefina Silvar
Onte, día 28, finou Josefina Silvar, artista ferrolá que expuxo as súas obras nas galerías máis importantes do mundo. Silvar comezou a ser coñecida a partir de 1973, ano en que participa na Bienal de Pontevedra e que se converte no comezo dunha brillante carreira artística. Museos tan importantes como a Real Academia de Arte de San Fernando en Madrid, o de Arte Contemporánea de Florida contan con obras da pintora ferrolá entre os seus fondos.

Compromiso medioambiental coa ría
O Concello de Ferrol prometeu, na reunión plenaria de onte, retomar o plano de saneamento integral da ría de Ferrol e o seu contorno. O portavoz do BNG, Xaime Bello, demandou a posta en marcha das accións que no seu día foran acordadas polo pleno do Concello.O plano de limpeza da Ría estaba aparcado por falta de decisión da corporación municipal en canto a cál debería ser o emprazamento das depuradoras, segundo recoñeceu o propio alcalde, Juan Blanco.

Informacións do mércores 27 e xoves 28/05/98


A "aprendizaxe" de Bonifacio Borreiros
Bonifacio Borreiros, deputado autonómico e estatal, é oficialmente candidato ás eleccións primarias que se realizarán no seo da agrupación local dos socialistas. Así se fixo saber no trascurso dunha rolda de prensa ofrecida ós medios de comunicación no Parador de Turismo de Ferrol, na que tamén se deu conta de que a executiva local opta pola súa persoa para acada-la alcaldía da cidade no ano 1999. Quen fora Director Xeral de Cultura durante o goberno tripartito na Xunta de Galicia considera que o seu devir político ata o de hoxe foi unha aprendizaxe para poder afronta-las eleccións municipais das que, en contra do que precisou o seu opoñente Vicente Irisarri, pode saír unha maioría absoluta a favor do PSOE.

Seminario de Estudos Galegos
A entidade do Seminario de Estudos Galegos é o centro dunha exposición que ata o próximo día 10 de xuño estará aberta na sala de exposicións da Galería Sargadelos, coa que se pretende achegar ó público ferrolán as actividades e o traballo desta institución fundada por intelectuais e estudiantes o día 12 de outubro de 1923 e que continuou o seu labor ata o estoupido da guerra civil en 1936. As súas publicacións, materiais fotográficos, referencias xornalísticas e bibliográficas constitúen o groso desta mostra que tenta achegar unha parte esencial da nosa historia, na que participaron ferroláns coma Carvalho Calero, ós máis novos.

De novo, o cabalo de verde
De seguro que moi poucas figuras na historia da humanidade, do noso país e, por conseguinte, da nosa cidade, despertan sentimentos tan enfrontados coma a de Francisco Franco, que gobernou este país noso con man de ferro durante máis de corenta anos. O seu ferro debía ser verde á vista da moita pintura que de novo volveu aparecer na estatua equestre que se sitúa no centro da Praza de España e que durante unha semana, con guindastre de seguridade incluído, funcionarios municipais limparon a conciencia. De novo o cabalo volve estar verde. ¿Insensibilidade, incivismo, intolerancia ou reación contra a historia, chamadas á liberdade?

Informacións do luns 25 e martes 26/05/98


Éxitos deportivos na fin de semana
Logo da victoria o sábado fronte ó Sondeos do Norte de A Coruña e aínda que perdeu fronte ó Enkarta Zalla no domingo, o equipo ferrolán do Abeconsa - C.B. Galicia asegúrase un posto na liga LEB de baloncesto para a próxima tempada 1998-1999. Esta liga, equivalente á segunda división de futbol, preséntase coma un grande reto para o equipo adestrado por Miguel Loureiro que se reencontrará, se son posibles os avais económicos, con grandes clubes que competiron co histórico OAR Ferrol na liga ACB. Noutra orde de cousas, o equipo de O Parrulo Indunor, de futbol pequeno, despois de vencer no pavillón de A Malata ó equipo de Las Rozas por un 7-1 proclamouse campión da división de prata a nivel estatal o que lle dá dereito a desputa-la fase de ascenso á elite do futbol sala español, que lles enfrontará no primeiro dos partidos ó Maxón Movi Line de Barcelona ou ó Maspalomas de Gran Canaria.

Homenaxe a Ángela Ruiz Robles
Moitos recordan aínda na nosa cidade a figura pequeneira e entrañable de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá nacida en 1895 e falecida en 1975 que se encargou durante moitos anos de impartir ensino primeiramente na Escola Obreira Gratuíta para pasar con posterioridade ó C.P. Ibáñez Martín e á academia de educación para adultos Elmaca. O seu labor social e as innovacións pedagóxicas que realizou durante a súa mestría valéronlle a concesión da medalla de Afonso X O Sabio. Hoxe luns, e a iniciativa de moitos colectivos da cidade, o Concello de Ferrol renderalle unha emotiva homenaxe coa colocación dunha praca conmemorativa fronte ó centro no que impartíu o seu maxisterio durante anos, o Ibáñez Martín.

Eleccións primarias no PSOE local
Finalmente serán Bonifacio Borreiros, deputado autonómico, e Vicente Irisarri, ex-responsable da Autoridade Portuaria, os precandidadtos á alcaldía polo Partido Socialista Obreiro Español na nosa cidade. Procedentes de dous ambientes culturais, económicos e políticos moi distintos, na administración e na órbita galeguista o primeiro, fronte á privacidade do segundo, esta loita previa dentro da agrupación socialista vén dar novos aires a unha formación que durante moitos anos se vén debatendo en loitas intestinas entre as súas distintas correntes organizadas. As perspectivas dunha victoria en solitario, sexa quen sexa o candidato, non semellan moi amplas polo que Vicente Irisarri, recollendo a opinión de moitos militantes, deu a súa opinión favorable a pactos postelectorais co BNG de quen eloxiou a figura do seu cabeza de lista, Xaime Bello.

Informacións do xoves 21 ó domingo 24/05/98


Comeza a Decena da Música
Co concerto da Banda Municipal de A Coruña, baixo a dirección de Indalecio Groba, comeza hoxe xoves, e ata o sábado 30 de maio, a VII Decena da Música, unha iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que pretende achegar ós ferroláns os aspectos máis novidosos e atractivos da música sinfónica. Nesta sétima ocasión, moitos dos actos e composicións estarán adicados á figura de Federico García Lorca e ó país de Cuba, coincidindo co centenario da súa perda. Vieiros Ferrol informará diariamente do programa de actos previstos que terán lugar, basicamente, nas intalacións do Teatro Jofre, na que se supón derradeira aprtura do local antes das obras de remodelación e rehabilitación.

Sanción para Astafersa
A estaleiro ferrolá de Astafersa, que acaba de bota-lo derradeiros dos buques contratados co goberno de Nixeria, recibíu nos últimos días unha sanción de 750300 ptas por parte da Inspección Provincial do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais por non seguir, xenericamente, tres normas de seguridade importantes no campo desta producción indistrial. De igual maneira foi precintado un dos guindastres da empresa do que na última semana se tiñan desprendido algunha das súas pezas. O sindicato CIG, que denunciou en moitas ocasións as faltas de dotación por parte da empresa, indicou tamén que as empresas auxilares, necesarias para o remate e a dotación das embarcacións, non queren traballar as bordo dos buques pola falla de medidas de seguridade.

"O caso do metílico"
Na primavera de 1963, unha partilla de alcol tóxico comercializado freudalentamente en distintas comunidades do estado, entre elas a nosa, envelenou a centos de persoas causando a morte de máis de 1000 persoas e diversas lesións a outras tantas. Do proceso xudicial derivado foron condeados 11 persoas. A partir deste material inicial, Fernando Méndez, xornalista nacido en Bos Aires, realizou o traballo "Historia dun crime. O caso do metílico", volume documentado que pretende aportar novas luces a estes sucesos na década do sesenta. Este traballo vai ser presentado hoxe xoves, ás 20:00 h., na librería Índice de Ferrol polo seu autor.

Abeconsa Ferrol, listo para a fase final
O cadro de xogadores do Abeconsa-C.B. Galicia está xa en terras granadinas para desputa-la fase final da liga EBA que terá lugar na localidade de Cabra. O primeiro dos encontros terá lugar mañá venres fronte ó equipo do Balneario Archena de Murcia. Para desputar este partido e tódolos que restan, o técnico ferrolá, Miguel Loureiro disporá de tódolos seus homes. Dáse a casualidade que o adestrador do equipo murciano é Moncho Monsalve, vello coñecido da efección ferrolá ó adestra-lo Oar Ferrol no ano 1985 e ter como pupilo a Miguel Loureiro.

Informacións do mércores 20/05/98


A praza de España podería contar cun aparcamento subterráneo
O concelleiro de urbanismo, Román Cenalmor, declarou onte que estaba a estudiar a posibilidade de retomar a idea da construcción dun aparcamento subterráneo na praza de España. Cenalmor manifestou que esta sería unha boa solución vial perante a progresiva peatonalización das rúas do centro, xa que o estacionamento tería capacidade para uns 350 vehículos. En canto o Concello analiza este proxecto, as obras do edificio de usos múltiples da praza de España marchan a bo ritmo. O predio, sito no cruce da rúa da Madalena e a avenida de Vigo, acollerá todas as delegacións das consellerías da Xunta con presencia en Ferrol.

Convocada a I Bienal de Vídeo "Paso da Raia"
O Ateneo Ferrolán convoca a primeira bienal de curtametraxes en vídeos para a mocidade galego-portuguesa Paso da Raia. O certame está dirixido a mozos e mozas entre 16 e 25 anos, que elaboren os seus traballos en lingua galega ou portuguesa e se centren tematicamente na pasaxe da adolescencia á idade adulta. O prazo de admisión dos traballos, que en ningún caso deben exceder os 20 minutos de duración, fica aberto ata o próximo 30 de setembro.

Alumnado de FP poderá facer prácticas en Ferrolterra
A Consellería de Educación e a Asociación de Empresarios de Ferrolterra acaban de chegar a un acordo que facilitará as prácticas para o alumnado de Formación Profesional nunhas trescentas empresas da comarca. O convenio contempla un máximo de catrocentas horas por persoa, distribuídas como moito en 80 xornadas, que facilitarán a formación destes alumnos e alumnas ao se desenvolveren sen interrupcións durante un período de tempo continuado

Informacións do martes 19/05/98


Novas subvencións para entidades culturais
A Comisión de Goberno do Concello aprobou onte, día 18, a nova partida de subvencións para entidades culturais que ascende a un total de 6 millóns e medio de pesetas. As organizacións deberán solicitar as axudas para actividades determinadas a través dunha instancia presentada no Rexistro municipal e a cantidade concedida non será en ningún caso maior do 50% do orzamentado. Os criterios para a concesión serán: o maior número de persoas beneficiadas, o maior interese social e a mellor relación entre orzamento e programa. As actividades deberán ser publicitadas en galego.

Cortes nocturnos nas Pías ata o xoves
Na madrugada do vindeiro xoves, día 21, a ponte das Pías deixará de sufrir cortes de tránsito polas noites. A empresa Dragados y Construcciones anunciou a boa marcha das obras, favorecidas pola mellora climatolóxica, e comunicou que as estructuras para os miradores, o carreiro para bicicletas e o paseo para peóns están xa prontos. Segundo as previsións do Ministerio de Fomento, as obras de ampliación da ponte das Pías, estarán rematadas no próximo mes de xullo.

Remata prazo para "Medio Ambiente 98"
Mañá, día 20, finaliza o prazo de recepción dos traballos fotográficos para concursaren no certame "Medio Ambiente 98". O concurso, organizado polo Ateneo Ferrolán, xira en torno á ecoloxía e vai dirixido a persoas que non sexan profesionais da fotografía. O certame concede tres premios: o primeiro dotado con 100.000 pesetas e unha cámara Olympus, o segundo con 50.000 e un trípode Stare o terceiro con 25.000 e un bolso para o equipo Olympus. Os traballos deben enviarse ao Ateneo Ferrolán, na rúa da Madalena, 202, 1º, 15402 Ferrol.

Informacións do luns, 18/05/98


Más noticias para o Rácing, boas para o Abeconsa
O estadio da Malata estaba cheo de público, un público entregado ao seu equipo e disposto para celebrar unha festa rachada, mais con dous xogadores expulsados (Isaac no minuto 49 e Mosquera no 52) o Rácing de Ferrol non foi capaz de remontar o penalti do Talavera. Logo dun partido desigual por parte dos xogadores e das decisións arbitrais adversas, o equipo ferrolán ficou ás portas de xogar a promoción para o ascenso a Segunda. En Lleida, o Abeconsa de Miguel Loureiro logrou gañar o quinto partido que o levará a participar na final a oito da liga EBA de básquet. Os galegos derrotaron os cataláns por 81-82, logo dun emocionante xogo que os conduciu a disputaren a prórroga.

Escape de cloro na cetárea de San Felipe
Unha das bombonas de cloro utilizadas na depuración da cetárea de mariscos de San Felipe sofreu unha rotura e liberou 20 litros de líquido que, en contacto co ar, produciron unha pequena nube tóxica. Sete persoas, que saían dun restaurante próximo, véronse afectadas e foron atendidas no centro hospitalario Arquitecto Marcide, aínda que ningunha delas presentaba patoloxía grave. O corpo de bombeiros de Ferrol neutralizou o escape e xa se están a realizar estudios técnicos paradetectar os fallos da instalación.

Andrej Javoronkov gaña o "Cidade de Ferrol"
O pasado venres, día 15, no teatro Jofre, disputouse a final do premio internacional de piano "Cidade de Ferrol". Os tres finalistas, o italiano Domenico Codispoti, o catalán José Enrique Bagaría e o ruso Andrej Javoronkov.Tanto Javaronkov como Codispoti coincidiron na elección da peza e interpretaron o concerto nº2 de Rachmaninof mentres que Bagaría escolleu o concerto nº4 de Beethoven. A enerxía e o virtuosismo do ruso, favorecido por unha mellor actuación da orquestra valéronlle o primeiro posto.

Informacións da fin de semana do 15, 16 e 17/05/98


Unha fin de semana decisiva para o deporte ferrolán
De seguro que hai xa moitos anos que a cidade non afronta unha fin de semana deportiva con tanto atractivo e perspectivas de futuro. En tres encontros de tres distintas modalidades deportivas, os representantes ferroláns poden dar un paso de xigante para ascender de categoría e loitar entre os máis grandes. O Rácing de Ferrol, nun partido que se considera clave para o futuro da entidade, enfróntase o domingo a partir das 18:00 ó Talavera. Unha victoria dos locais aseguraría a presencia do equipo na liguiña de ascenso á segunda división do futbol estatal, circunstancia que desexan entre outros os ex-adestradores da entidade, Luís Rodríguez Vaz, agora nas ringleiras do Ourense, e Carlos Simón, ademais de moitísimos afeccionados que, como Carlos López Pereira nos demostra, desexan ver un equipo da cidade no máis alto. Pola súa banda, o Abeconsa Ferrol, xa nas competicións de baloncesto, afronta o quinto e decisivo encontro da súa eliminatoria fronte ó Lleida, en terras catalanas, ese mesmo domingo, con tódolos seus homes preparados agás as dúbidas que presentou o capitán Manuel Aller. Unha victoria dos da cidade permiotiríalles xoga-la final de oito equipos e ascender á Liga LEB, ou segunda división do baloncesto estatal. Finalmente, e xa no futbol-sala, o Parrulo-Indunor, de gaña-lo seu encontro fronte ó Hollywood de Avilés en terras asturianas garantiría matematicamente a súa presencia na fase final de ascenso á División de Honra do futbol pequeno.

Día das letras:"En galego, chegarás moi alto"
Recentemente comentaba Fina Casalderrey, a escritora pontevedresa gañadora en 1997 do Premio nacional de literatura infantil, que o Día das Letras Galegas debe ser unha chamada á reflexión en canto que temos, como galegos, unha cultura propia. Fagamos logo caso das palabras dos sabios e recordemos que neste 1998 Ferrol acolleu por primeira vez unha campaña de normalización lingüística (O futuro de Ferrol: En galego, chegarás moi alto) e que son moitas as iniciativas, mesmo este Vieiros Ferrol, as que tentan de aumenta-lo nivel e o prestixio do noso idioma. Pero recordemos que por riba de todo debemos aumenta-lo número de falantes, por desgracia, a máis baixa porcentaxe nos totais galegos. Fagamos logo caso, e reflexionemos, de chamadas como a do BNG que alertou do baixo uso do noso idioma no nivel institucional, pero tamén, debemos facelo, congratulémonos de que un comité de empresa como o de Bazán, se posicione publicamente polo futuro do idioma. Pola nosa banda, neste tempo de recordo ós grandes trobeiros da nosa lingua, Vieiros Ferrol comprométese, como fai cada día, co noso idioma e apoia, a través da súa edición, as demandas que en Compotela reclamarán o sábado 16 o futuro do noso idioma.

Fase final do premio internacional de piano "Cidade de Ferrol"
O teatro Jofre, nunha das súas últimas aperturas antes da remodelación prevista, acolle o venres ás 20:30 h. a fase final do Premio Internacional de Piano "Cidade de Ferrol", unha iniciativa da Concellería de Cultura de Ferrol, á que chegaron, logo dunha fase previa na que participaron máis de vinte intérpretes de todo o mundo, Domenico Codispoti, Andrej Javoronkov e José Enrique Bagaría.

Informacións do xoves 14/05/98


Juan Fernández ofrécelle a súa concellería ó alcalde
No transcurso dunha inusitada rolda de prensa, Juan Fernández, concelleiro delegado de facenda do Concello de Ferrol, e líder de Independentes por Ferrol, ofreceulle publicamente a Juan Blanco Rouco, alcalde da cidade, o seu posto de delegado de facenda ó considerar que non ten sentido que un alcalde que asina uns dictames económicos de carácter extraordinario presentados por ese departamento rebata logo estes mesmos pronunciamentos nunha comisión. "Se o alcalde ten dous dedos de fronte e media unlla de valentía política debe retoma-la Concellería de Facenda" dictou Juan Fernández que acabou por se preguntar se era el o delegado ou non.

O 25 de maio podería funciona-lo novo mercado
Logo dunha reunión mantida polo delegado de urbanismo, Román Cenalmor, a empresa constructora, Mercasa, e os vendedores do mercado central de Ferrol, acordouse que sexa o próximo día 25 de maio cando comece a funciona-lo novo mercado provisorio constrído á beira das vellas naves que deben ser derrubadas para a construcción do novo mercado central. Por outra banda, será o alcalde quen determine quen será o administrador provisorio do mercado de Caranza, información que se coñecía o mesmo día que Juan Fernández animaba ós traballadores deste mercado a que se presenten á poxa de explotación da praza ou a que encontren un adxudicatario que realice as reformas.

"De trobas e casorios"
O Instituto de Ensino Secundario de Caranza acolle mañá venres ás 11:00 h. a presentación da obra de teatro "De trobas e casorios, comedia medievo-musical en tres actos" que o Obradoiro de teatro do centro, baixo a dirección de Belén Roca Fortúnez, autora tamén do texto, representa coincidindo cos actos das letras galegas. A partir da figura da Balteira, a obra recrea a sociedade medieval e os fundamentos poéticos da lírica medieval galego-portuguesa.Tamén coincindo coa ´celebración do Día das Letras galegas, o Campus Universitario da nosa cidade organiza hoxe xoves un concerto homenaxe a Xosé Fontenla Leal, patrocinador do himno galego en La Habana, a cargo do coro Toxos e Froles e unha conferencia sobre lírica medieval a cargo de Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. Este acto terá lugar ás 12:30 h. no vicerrectorado do campus.

Informacións do mércores 13/05/98


Remodelación da Praza de Armas
O día 2 de xuño será o día clave para a aprobación do novo plan de recuperación e remodelación do contorno da Praza de Armas, logo da reunión que sosterán Juan Blanco Rouco, alcalde da cidade, e Gerardo Mingo, subdirector xeral de Vivenda, Arquitectura e Urbanismo do Ministerio de Fomento. Desta reunión sairá o compromiso de actuacións urbanísticas no centro de Ferrol, e a aceptación dos plans que distintos arquitectos, entre eles, Manuel Gallego Jarreto, teñen presentado. O arquitecto ourensán presentou no pasado 1997 un plan de actuación no que se contempla, entre outras actuacións, a demolición da Casa do Concello, a eliminación dos aparcadoiros subterráneos e os locais comerciais, punto este último común a tódolos proxectos presentados ata o de hoxe. Pola súa banda, Román Cenalmor, concelleiro de Urbanismo do Concello de Ferrol, baralla a idea de amplia-lo contrato do aparcadoiro da Praza de Armas ampliando as súas posibilidades a dúas ou tres prantas subterráneas máis, de maneira que os beneficios destes contratos vaian destinados á realización de tódalas obras no contorno da praza.

Xornadas sobre polizonaxe, refuxiados e migración
Coral Seoane, concelleira delegada de Servicios Sociais, en nome de distintas asociacións cívicas e ONGs presentou as "I Xornadas sobre polizonaxe, refuxiados e migración" que se celebran o xoves e o venres no salón de actos da Uned. O obxectivo destas xornadas é afondar na problemática, social, legal e cultural deste fenómeno que atenta, en moitos casos, contra os máis mínimos dereitos humanos. Jaime Cagiao, responsabele de CITE-CCOO, unha das organizacións convocantes, sinalou a importancia destes encontros entre outras cousas para non nos esquecer do feito de que os galegos tamén temos vivido esta problemática.

"Palabras Íntimas": Miguel no recordo
Tal e como informabamos no día de onte, martes, o Centro Cultural Municipal acolleu o concerto "Palabras Íntimas", unha iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol para celebra-lo Día das Letras Galegas. Presentado pola escritora Ánxela Loureiro, os máis de douscentos espectadores recibiron as músicas de Xoán Rubia e o grupo Sphaira, e a tenrura e a forza de María Manuela, a grande cantora ferrolá que logo de 25 anos aínda fai que o corpo sinta algo cando colle o micrófono. Faltou, por desgracia, o seu grande compañeiro, Miguel Tranquilo, mestre e referente musical desta cidade nosa e, como non, de toda Galicia. Victorino Pérez Prieto, colaborador de Vieiros, e amigo persoal de María e Miguel, analiza nunha pequena colaboración o concerto "Palabras Íntimas" e a figura dos dous artistas.

Informacións do martes 12/05/98


"Palabras íntimas"
Música e poesía únense unha vez máis no concerto que os cantores María Manuela e Xoán Rubia ofrecerán no Centro Cultural Municipal a partir das 20:00 h. de hoxe martes para celebra-lo Día das Letras Galegas na nosa cidade. Presentados pola escritora Ánxela Loureiro e acompañados, no caso de Xoán Rubia, por Sphaira, o acto servirá para dar boa mostra do bo facer destes músicos que comezaron, hai xa máis de trinta anos, unha carreira musical co noso idioma por bandeira. Nesta ocasión, María Manuela estará acompañada polo seu fillo Xurxo, Paco Barreiro, Nani García e Manolo Dopico, mentres que Sphaira, o grupo musical que realiza o seu traballo xunto ó mugardés Xoán Rubia, contará coa presencia de Manolo Pérez, Xavier Varela e Antón Marcial.

Indemnizacións do Discoverer
Finalmente será o xuíz marítimo da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao quen decida e estableza as indemnizacións que deben recibi-los remolcadores e efectivos que participaron no movemento do Discoverer Enterprises unha vez que o buque destruíse a Ponte das Pías na madrugada do 13 de xaneiro. Esta é a solución dada polo Tribunal Marítimo Central logo das dúbidas xurdidas pola consideración técnica do Discoverer que finalmente será catalogado coma buque con dedicación á exploración, refinado, armacenaxe e transporte de cru. Esta decisión non entorpece en nada as dilixencias abertas recentemente polas vías penais e civís ó considerárense que poderían existir responsabilidades moi graves.

Concurso Cidade de Ferrol
Sete pianistas, dos vinte inscritos inicialmente, foron os escollidos durante a xornada do luns para participar nas semifinais do concurso internacional de piano "Ciudad de Ferrol" que na súa sétima edición é organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol. Os sete semifinalistas proceden de Rusia, Italia, Albania, Xapón, Corea e España e durante toda a xornada de hoxe martes, desde as 16:00 h., interpretarán as súas pezas no Teatro Jofre en sesións gratuítas abertas o público. A partir desta selección escolleranse os catro finalistas que participarán na final do próximo venres ás 20:00. Unha vez celebrada a final, darase paso á Decena da Música que durante quince días encherá a nosa cidade coa participación de nomeadas e escollidas formacións orquestrais.

Informacións do luns 11/05/98


José Graña, de novo á fronte de Asfedro
A Asociación ferrolá de loita contra a drogadicción, Asfedro, reelixíu a Jose Graña Gutierrez como presidente da entidade logo dunha votación na que se deron 139 votos a favor, 3 abstencións e ningún voto en contra entre os socios que asistiron á súa asemblea extraordinaria o domingo día 10. Este proceso electivo extraordinario foi o resultado da demisión presentada pola anterior xunta directiva o 18 de marzo, ó consideraren os seus membros que certos traballadores da entidade, co apoio de persoas alleas á institución, pretendían boicotea-lo traballo que este grupo ferrolán realiza a favor dos xoves toxicomanos. Como saída provisoria a estas dificultades encargouse da xestión de Asfedro unha xunta xestora rexida polo xuíz José Luis Aulet que agora deixa paso de novo ó antigo concelleiro socialista ferrolán.

Escritores do 98
José Antonio Ponte Far, doutor en Filoloxía Hispánica, crítico literario do máis alto nivel e especialista na figura e na obra do ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, participa mañá martes día 12 no ciclo de conferencias "Ferrol-Cuba: memoria do 98" cun relatorio titulado "Escritores do 98: unha literatura terapéutica". Este acto, a celebrar na Aula de Cultura de Caixa Galicia a partir das 20:00 h., pecha este ciclo de conferencias que, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, pretendeu achegar dúas realidades tan distantes no espacio pero tan próximas no sentimento, ó existiren moitos lazos históricos e vicenciais comúns.

Unha de cal e area no deporte
Tras dunha severa derrota fronte ó Langreo asturiano, un 4-0 que quedou curto á vista do mal xogo realizado, o Racing de Ferrol complica a súa presencia na liguiña de ascenso á Segunda División do futbol estatal. Trala maior derrota sofrida polo cadro departamental nesta tempada do 98, os xogadores deberán agardar ó encontro final contra o Talavera na Malata para determina-la súa presencia nesta fase final. Pola súa banda o Abeconsa Ferrol forzou o quinto e definitivo encontro nos cruzamentos que o enfrontan ó Lleida na fase final da liga EBA, ou segunda división do baloncesto estatal. O equipo dirixido por Miguel Loureiro deberá xoga-lo quinto e definitivo encontro a próxima fin de semana en terras catalás para poder disputa-la final a oito.

Informacións da fin de semana do 8,9 e 10/05/98


Libia favorecerá a planta de regasificación
Como viñeron informando os distintos medios de comunicación, e entre eles Vieiros, D. Manuel Fraga, presidente da Xunta de Galicia comezou o luns día 4 unha viaxe oficial a Libia, país que, polo seu réxime autoritario, está sendo embargado polas Nacións Unidas. No medio das acusacións sobre a violación ou non desta medida polo presidente galego, un grupo de empresarios da nosa comunidade, como xa vén sendo habitaual nas viaxes presidenciais, acompañou ó nosa máximo dignatario coa intención de establecer contratos e alianzas económicas que favorezan o desenvolvemento da nos comunidade. Un deses empresarios é Roberto Tojeiro, propietario do consorcio do mesmo nome e principal impulsor, xunto a Endesa e Unión Fenosa, da planta de regasificación da nosa cidade. sen dúbida o empresario pontés será un dos máis convencidos da utilidade desta xira comercial xa que acaba de obte-lo compromiso das autoridades libias para que o país mediterráneo importe gas licuado á planta sen ningún tipo de intermediarios e a través da illa de Malta. Pola súa banda, o grupo galego, a través das súas empresas San Luís, Claudio e Gadis, implantaríase no país dominado por Gadaffi, coa intención de abrir novos mercados e triplicar, no seu conxunto, a exportación. O mesmo día que se coñecía esta noticia, de incrible interese para a cidade, a Consellería de Industria facía pública unha nota na que considera que a planta ferrolá e o seu máximo competidor, aquela que se pretende construír en Bilbo, non son incompatibles ó estaren dirixidas a mercados distintos.

Astano poderá seguir recibindo axudas
O consello de ministros da Unión Europea deu un paso máis cara ó que se supón o futuro da factoría Astano ó aprobar, durante unhs reunión mantida o xoves día 7, unha normativa que permitirá que logo do 2001, os gobernos poidan subvencionar economicamente a empresas do sector naval de importancia para os distintos estados. Esta medida afectará, sempre e cando os Estados Unidos non veten esta decisión, a aquelas empresas que realicen buques frotantes de armacenaxe e descarga (FSO), buques de armacenaxe e descarga de producción (FPSO) ademais dos de perforación (FPDSO).

"Rastros" no auditorio de Narón
A compañía teatral "Teatro de aquí" representa o sábado, baixo a dirección do escritor Roberto Vidal Bolaño, a obra "Rastros", unha obra na que, segundo se ten visto nas súas obras anteriores, se fai unha reflexión sobre a vida de cada un e cara a determinados aspectos do tempo no que vivimos. Patricia Lourenzo, Luís Iglesias, Xoán Carlos Mejuto e Rubén Ruibal son os protagosnistas desta obra que se representa ás 20:00 no Auditorio Municipal.

Informacións do xoves 7/05/98


Ferrol contra o terrorismo
A banda terrorista ETA asasinaba na mañá do mércores 6 de maio ó concelleiro Tomás Caballero, membro da formación Unión del Pueblo Navarro, con dous tiros na cabeza e fronte ó seu domicilio habitual en Pamplona. De 65 anos de idade, o concelleiro pamplonés significouse pola súa democrática e forte oposición ós metodos violentos e á política de acultación realuizada polo contorno de herri Batasuiina. Como, por desgracia vén sendo habitual, o Concello de Ferrol, a petición da Federación de municipios e comarcas, fai un chamamento á cidadanía para que realice un paro de cinco minutos a partir da unha da tarde e se reúna silenciosamente na Praza do Concello á mesma hosra como mostra de solidariedade coa familia do falecido e como rexeitamente á utilización de métodos violentos.

Julio Anguita: "A democracia falseada"
O cordobés Julio Anguita, coordinador xeral de Izquierda Unida a nivel estatal, chega hoxe xoves á nosa cidade para impartir unha conferencia na Facultade de Humanidades do campus ferrolán a partir das 19:30 co título xenérico de "A democracia falseada", na que, como vén sendo habitual nos últimos tempos, reclamará un novo modelo de estado e a reorganización política das formacións de esquerda. Este acto está organizado pola sección local de Izquierda Unida-Esquerda Unida, formación que, logo das escisións surxidas con anterioridade ás últimas eleccións autonómicas, está a demostrar unha forte presencia social e un número crecente de simpatizantes.

Avaliadas as perdas producidas polo Discoverer
Musini, compañía aseguradora do Disvoverer Enterprise, avaliou finalmente en 3100 millóns de pesetas as perdas producidas polo embarracamento do buque na madrugada do día 13 de xeneiro, segundo as informacións presentadas, paradoxicamente, pola oficina de prensa do Partido Popular en Madrid. Con esta cantidade, e a falla dunha valoración definitiva unha vez que se remate o novo tramo da Ponte das Pías, preténdese condea-la débeda subscrita cos remolcadores, Astano, o mesmo buque e tamén os danos físicos ademais das reclamacións presentadas polos cidadáns a instancias da Plataforma Cívica.

Informacións do mércores 6/05/98


O Acceso Norte pechado nas fins de semana
Dragados, empresa constructora do novo Acceso Norte á cidade, informou mediante unha nota de prensa que a próxima fin de semana, concretamente desde as 22:00 h. do venres 8 ata as 14:00 h. do domingo 10, estará pechado o tramo compreendido entre Catabois e o Raposeiro para a realización de novas obras nos tramos subterráneos. Estes cortes de circulación acumúlanse ós que realiza a mesma empresa durante as noites na Ponte das Pías para axiliza-las obras dos novos catro carrís que unirán os concellos de Fene e Ferrol, que, entre as 22:00 h. e as 6:15 h. volven estar máis separados. A empresa Dragados informou ademais de que accedeu a recortar en 15 min. o peche da Ponte das Pías para facilita-lo transporte e a mobilidade dos traballadores da factoría Bazán.

Pleno extraordinario a favor de Bazán
Mañá xoves, día 7, o Concello de Ferrol celebra o previsto pleno extraordinario en apoio das demandas presentadas polo Comité de empresa da factoría Bazán en petición de novas cartas de traballo e, en xeral, dun plan de viabilidade que asegure o futuro da factoría. Os distintos grupos municipais presentes na corporación municipál reuníronse dureante a mañá de onte martes co alcalde, Juan Blanco Rouco, para trata-la convocatoria do pleno e tentar de consensuar un documento unitario que recolla as demandas dos traballadores. Este documento unitario partirá do principio de que Bazán é un factor fundamental de cohesión para a comarca, de xeito que as súas dificuldades repercuten no conxunto das actividades económicas, laborais e sociais de Ferrolterra e, por conseguinte, de toda a nosa comunidade.

Alumnos contra o estatuto da función pública
Ó igual que aconteceu nos distintos centros docentes da Universidades da Coruña, os alumnos das distintas escolas e facultades do Cumpus de Ferrol participaron durante o día de onte nos actos de protesta contra o Anteproxecto de Lei da Función Pública que prevé, de acordo coas normativas europeas, que os diplomados en moitas especialidades científicas e técnicas sexan considerados coma bachareis europeos e non coma titulados universitarios á hora de acceder ós distintos postos da función pública Arredor de 14000 estudiantes secundaron a folga en todo o Estado dos que arredor de mil se manifestaron polas rúas ferrolás rematando a súa concentración na Praza de Armas, no mesmo momento no que centos de escolares soltaban os seus globos ó aire nunha das moitas concentracións contra o traballo infantil.

Informacións do martes 5/05/98


Narón amenaza con non autoriza-la autovía
Xoán Gato, alcalde do Concello de Narón, viaxará mañá mércores a Madrid para se entrevistar do Director Xeral de Estradas, do Ministerio de Fomento, Juan Lazcano. A intención desta visita é a de coñecer ó detalle o proxecto de realización da autovía Fene-Ferrol ó seu paso polo termo naronés. Desde fontes municipais tense indicado que estas obras non terán o permiso da institución municipal se non se achegan máis informes técnicos por parte do Ministerio que ata o mometo solicitou autorización para unha obra que non ten datas, nin trazado, nin proxecto parcelario. Outro dos aspectos que Xoán Gato quere aclarar con Juan Lazcano é a interconexión da autovía cos polígonos industriais, entre eles o naronés de Río do Pozo, para o que se ten contratado o investimento de novas empresa, o de Vilar do Colo, que logo da súa construcción ten adxudicadas vinte das cincoenta e sete parcelas.

Peatonalización da rúa Dores
A comisión de goberno do Concello de Ferrol reuníuse na mañá do luns día 4 para aprobar, entre outros asuntos, o prego de cláusulas administrativas particulares para a adxudicación das obras de reurbanización e peatonalización da rúa Dores, unha das máis concorridas da cidade pola cantidade de establecementos comerciais e hosteleiros que posúe. Recordemos que esta é unha vella demanda dos comerciantes do centro da cidade para aumenta-las súas vendas. Noutra orde de cousas, FerrolHoxe, o boletín informativo do Concello de Ferrol na rede, pon en liña as bases para a contratación de persoal nesta entidade municipal.

"Trobadores do Reino de Galiza"
A galería de arte Sargadelos acolle mañá mércores a presentación do libro "Os trobadores do reino de Galiza", editado por Edicións A Nosa Terra e do que é autora Mercedes Queixas Zas. Xunto a ela, a escritora Laura Tato, e Cesáreo Sánchez, presidente da editorial, analizarán a obra de Martín Códax, Meendinho e Joham de Cangas, autores a quen este ano se lle adica o Día das Letras. Participa neste acto tamén o grupo Saraibas, o grupo orixinario de San Sadurniño, a quen Vieiros ten adicado en especial, e que celebra este ano o seu vixésimo aniversario.

Informacións do luns 4/05/98


Cortes na Ponte das Pías
A partir de mañá, martes día 5 de maio, e ata o día 26 deste mesmo mes, a ponte das Pías permanecerá pechada ó tráfico desde as 22:30 h. ata as 6:30 h. para a realización das obras de melloras incluídas dentro da Fase II aprobadas polas distintas administracións logo do sinistro do Discoverer Enterprises. Estes cortes no tráfico, que serán aproveitados polos traballadores da empresa Dragados para a realización dos dous novos carrís accesorios, obrigará á utilización, de novo única, das saídas pola Estrada de Castela.

Sen bibliotecas
A reestructuración do persoal de bibliotecas dependente do Concello de Ferrol obrigará a que a partir de hoxe luns, 4 de maio, os veciños do Inferniño e os Ensanches A e B non poidan utiliza-las salas da biblioteca localizada dentro do centro Cultural Carvalho Calero. Este peche súmase así ó xa realizado dentro do barrio de Caranza, feito polo que, no seu conxunto, máis de 5000 ferroláns quedan sen servicio de lectura e adquisición temporal de obras. A razón esgrimida polo Concello para estes peches temporais é o feito de cubri-los postos de traballo baleiros logo das xubilacións de moitos membros da Biblioteca Municipal central na Praza de España. Distintas asociacións culturais, cívicas e de veciños, ademais de distintas formacións políticas, acaban de manifesta-la súa disconformidade por este proxecto e reclaman unha rápida solución.

Que pasa en Timor Leste?
Luis Cardoso, voceiro para Galicia da resitencia Maubere contra a dictadura indonesia en Timor Leste, ofrecerá este luns día 4 ás 20:00 h. unha conferencia co título "Que pasa con Timor Leste? e que pretende ser unha visión actual sobre a situación deste ex-colonia portuguesa no Índico e que desde hai xa trinta anos loita pola súa liberdade e independencia. O acto realízase na Galería Sargadelos e esta organizado polo Comité de Solidariedade con América Latina.

Difícil eliminatoria para o Abeconsa
O equipo do Abeconsa - CB Galicia, adestrado por Miguel Loureiro, perdeu durante esta fin de semana os dous primeiros partidos do "play-off" polo título da liga EBA fronte ó equipo do Lleida, situación moi comprometida e que obriga ó cadro ferrolán a gaña-los dous próximos encontros, a realizar na cidade, para poder iguala-la eliminatoria e forzar, no máximo, un quinto e decisivo partido. Noutra orde de cousas, o equipo do Racing de Ferrol, cun solitario gol de Mosquera, gañou ó equipo asturiano do Sporting B, victoria que practicamente lle permite xoga-la fase de ascenso á segunda división.

Informacións da fin de semana do 1, 2 e 3/05/98


Un primeiro de maio desunido
Só a Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras teñen logrado convocar unha manifestación conxunta en demanda do traballo e da seguridade laboral o 1º de maio, Día Internacional do Traballo. Nesta ocasión, a Confederación Intersindical Galega (CIG) non participa nestes actos conxuntos debido, segundo fontes nacionalistas, ó acordo que as centrais sindicais de ámbito estatal teñen subscrito coas entidades empresariais para paraliza-lo tema da xornada laboral de 35 horas semanais. A central nacionalista convoca unha manifestación que sairá ás 12:00 da súa sé na rúa Pondal para rematar na Praza de Armas co lema "Pleno emprego fronte ao neoliberalismo". A Unión Sindical Obreira celebra tamén esta xornada reivindicativa coa celebración dunha II Marcha Civlista Popular para recadar fondos económicos de axuda á creación do escolas-taller en Colombia. USO, a traverso do seu voceiro comarcal, ten manifestado o seu descontento polo feito de que as tres grandes centrais sindicais rematen as súas concentracións na Praza de Armas sen respecta-la liberdade dos alí pesentes.

II Esmorga Carlos Zaera
O parque municipal Raíña Sofía ocelle o venres 1 de maio a II Esmorga Carlos Zaera, un encontro que naceu arredor das festas do barrio de Canido no ano 1997 e co que se pretende recordar, aínda que só sexa un día, a memoria de Carlos zaera, gaiteiro ferrolán falecido en accidente automobilístico hai xa catro anos. O importante deste evento é que son os seus propios compañeiros de afección, os músicos, quen organizan este encontro musical que pode converterse nun punto de encontro imprescindible para a primavera ferrolán. Os seus compañeiros de Os cempés, cos que participou desde un principio, Raparigos, Athaide, harabiscas, Paco Díez, amigo persoal do músico, Leliadoura, Ramo cativo, Cachimonia, os feneses de Brendefolk camiño da súa primeira gravación, Seralle aí, Greve, Bágoa da Raíña de Ortigueira, Baila na criba, Sempre Nubia e Ábregos do Couto son os convidados a este encontro que comezará ás 20:00 h e que non se sabe cando ha rematar. E como dicía Carlos, facendo gala da súa orixe ne Canido: Opa!!

O Clube Sierra Narón, subcampión galego
O equipo feminino do Clube de atletismo Sierra Narón logrou durante a pasada fin de semana o subcampionato galego de clubes na súa categoría cadete celebrado nas pistas do Clube Universitario de Santiago de Compostela. Os naronenses quedaron a só seis puntos do primeiro clasificado, o Clube Franciscanos de Ourense. Noutra orde de cousas, o pavillón de Esteiro será sé durante esta fin de semana da fase final do campionato galego de baloncesto na súa categoría infantil, e na que participa o equipo da Cristalería San Xoán do C.B. San Rosendo.

Informacións de: xaneiro'98 | febreiro'98 | marzo'98 | abril'98



Vieiros Ferrol