FELIPE LUBIÁN, alcalde de Lubián e deputado do PSOE en Castela e León

"Eu considérome galego"



Felipe Lubián Lubián (con este nome ninguén dubida da súa procedencia) é procurador do PSOE nas Cortes de Castela-León. É dicir, deputado. E tamén é alcalde de Lubián, un dos catro concellos que falan galego na franxa oeste de Zamora, xunto con Porto, As Pías e Hermisende. Neste pobo só hai un bar, viven 388 persoas (e a cifra cae en picado) e case todas falan galego, "agás a farmacéutica, que non é de aquí, e algún máis por aí solto". Felipe é o máis coñecido dos defensores do galego en Castela e León. Non oculta a súa simpatía política polo BNG, fala do bo 'rollito' que tivo cos de Allariz, e froito do seu traballo en Valladolid foi a materia optativa de galego nas zonas galegofalantes logo de que se aprobase unha modificación no Estatuto (artigo 4º, apartado 2) para a protección do galego (a petición de Francisco Rodríguez no Congreso dos Deputados). E agora vai seguir o ronsel do concello de Veiga do Valcarce (Bierzo) e presentar unha moción pola cooficialidade do galego...





Os carteis non oficiais de Lubián están en galego









"Como persoa estaría a favor da integración destes territorios en Galicia. Agora, como alcalde, o que dixera un referendo"









DiNiro


"O galego aquí desaparecerá unicamente se desaparecen os pobos. Porque se cando eu era rapaz había no concello 1.000 habitantes e agora hai 388. Ese é o perigo real."





















"Eu creo que a Junta vai presentar un recurso contra a cooficialidade porque lle teñen medo ao Condado de Treviño. Isto podería resucitar a polémica de declarar o vasco oficial nese condado.





















"Cada vez que saio co do galego, nos medios zamoranos tómano a mal, así que teño que ter moito coidado e dicir cousas como 'yo, como castellano-leonés' ou 'me siento orgulloso de ser castellano-leonés" para compensar un pouco..."

¿Cando vai ser iso?

A primeiros de abril, non sei cando exactamente, porque hai pleno cada dous meses, pero máis ou menos nesas datas... Será unha mera cuestion simbólica, porque nós imos utilizalo (de feito xa o facemos) sexa legal ou non, pero tamén é importante que eu vaia a Verín, por exemplo, e leve un documento co membrete do concello en galego. Iso si, as actas seguirán en castelán porque o secretario non sabería escribilas: fala galego, porque é de Hermisende, pero non podería escribilo.

¿E a oposición vai aprobar a moción?

Home, a verdade é que somos 6 do PSOE e un do PP. Está el só e ten pouca cultura e se llo consulta ao partido diranlle que non e votará que non; pero se non o fai, votará que si con toda a boa fe do mundo. Porque eu xa algunha vez lle teño dito: "Mira, ti é mellor que votes non a esta cousa" para que logo non lle tiren das orellas no PP. Non sei o que fará, pero eu teño feito algún bando en galego e ninguén dixo nada nunca. E a única voda que fixen fíxena en galego tamén. Collín un Código Civil en galego que me deron un día cando o Goberno tripartito, xunto cuns cantos libros, e alá os casei en galego. Así que non entendo que problema vai ter un concello por declarar a cooficialidade no seu ámbito territorial. É simplemente darlle unha cobertura legal a algo que xa existe: todo o pobo fala galego.

Se agora ides ao único bar que hai poderedes escoitar aos paisanos falando galego: só hai unha rapaza que non o fala, que é da época da moda de falarlle español aos fillos. En Lubián hai un 90% de xente que fala galego, aínda que houbo un momento en que lle falaron aos fillos na casa en español. Ademais iso é unha cousa esquizofrénica: ter dúas linguas, dous rexistros na casa, iso é un conflicto lingüístico.

¿E que pasa no resto dos concellos estremeiros?

En Hermisende fálase galego, pero o alcalde -que é maestro en Lubián-, é galegofalante e considera que iso non é galego. E a partir do momento en que saíu o do galego na escola como asignatura optativa creouse unha polémica nos medios de comunicación (pero só nos medios), e esta persoa dicíalles que aquí non se falaba galego, que era unha "mestura de galego, de portugués, de castelán e de leonés". É mestre e sabe moito... O titular era "Que no nos galleguicen". Pero se nos castelanizaron... ¿que problema hai con que nos galeguicen? Pero logo había persoas dese concello que dicían cousas tan fermosas como "nós entendémonos cos portugueses, cos galegos e cos casteláns, somos uns privilexiados". E iso díxoo unha persoa que non é mestre, é un xubilado que foi labrego toda a vida. E ten moito máis sentido común que o mestre que ademais é alcalde.

En Porto cren que falan "portexo" e que non se fala noutro sitio cando en realidade é un galego cunha tonalidade un tanto curiosa, un pouco cantarina. E cando fun ao congreso "Latim em pó" en Santiago escoitei falar aos de Cáceres e a tonalidade do seu galego era moi semellante á dos de Porto. E chegou Henrique Costas (profesor da Universidade de Vigo) e dixo: "É que precisamente repoboaron aquela zona con xente da diócese de Astorga, concretamente de Porto".

Pías, xunto con Lubián, é o sitio onde máis se asume o feito de que o que se fala é galego, quizais porque ambos os dous pobos están a carón da estrada e hai máis relación con Galicia.

¿Como cre que vai responder a Junta a isto? ¿Presentará un recurso?

Eu creo que si, algo presentarán, porque teñen medo probablemente ao Condado de Treviño. Porque isto podería resucitar a polémica de declarar o vasco oficial nese condado.

É vostede deputado polo PSOE nas Cortes de Valladolid... ¿Como ven alí os do seu partido o seu galeguismo?

Pois no meu grupo ben, porque incluso parece que quere que fagamos unha proposición non de lei para poñer nas zonas fronteirizas da comunidade o portugués como segunda lingua estranxeira en lugar do francés. E iso tamén sería importante. É un xeito de desfacer o efecto fronteira incorporando á nosa bagaxe cultural esa lingua que non deixa de ser galego tamén...

Preguntoume hai tempo o mesmo Alonso Montero nunhas xornadas. Estaba entre o público e díxome: "¿E os 'grandes' do PSOE non che van tirar das orellas?". E eu contesteille: "Precisamente porque eu son máis pequeno, eu pódolle retorcer a eles os c..." (risos)

¿Cre que o PSOE castelán-leonés aceptaría unha cooficialidade conxunta (e a conseguinte política de promoción do galego) para as zonas galegofalantes do Bierzo e das Portelas?

Eu creo que si. Eu xa hai moitos anos, no 89, presentei nun congreso rexional na ponencia marco unha emenda de adición falando da variedade cultural e lingúística que había na rexión, dicindo que había que protexer as variedades lingüísticas e, sobre todo, o galego. E saíronme co problema do Condado de Treviño. Entón daquela esa foi a única problemática para evitar que xa na ponencia marco do PSOE naquel momento aparecera isto. Entón, ¿que diferencia hai entre a cooficialidade do galego nos concellos e impartir o galego como optativa na escola? Eu non me atrevín a poñer máis que optativa porque son unha persoa moderada e creo que de poñelo como obrigatorio sufriría un rexeitamento moi grande, mentres que desta maneira alomenos hai xente que o acolle ben, como o acolleu o PP.

¿E que pasa cos mestres? ¿Teñen formación para ensinar galego?

Iso está sen solucionar. Xa hai anos que os centros de profesores en Ponferrada deron algúns cursos, e en Vilafranca nunha ocasión. O que pasa é que non estaba lexislado para contemplar esa posibilidade. Aquí non hai mestres preparados. Entón agora se asinan un convenio a Xunta co coordinación de Eduación Non Universitaria de Castela e León, ese convenio terá que ter un contido, e seguramente será que os cartos os pon a Junta e o profesorado que forme profesores poráo a Xunta de Galicia, a través dos centros de profesores. A Puebla de Sanabria pode vir un profesor, e apuntámonos uns cantos para facer un curso de iniciación e perfeccionamento...

Logo agora mesmo esa materia non se está a impartir...

Non, non... Nin hai profesores nin nunca se ofertou.

¿E de quen é responsabilidade?

Da Junta de Castela e León. Ata o 1 de xaneiro do 2000 era responsabilidade do Ministerio, pero fóronlle transferidas as competencias de educación á comunidade. Pero estou falando desa proposición de lei que presentamos o Grupo Socialista que foi aprobada en novembro. Entón vai ser para o próximo curso, estanse dando os pasos. Eu creo que aquí na provincia de Zamora non vai ser posible porque son pouquiños alumnos e porque hai pouca vontade por parte, por exemplo, do director do centro de Lubián, que é o alcalde de Hermisende. Porque el considera que iso sería galeguizarnos, como colonizarnos. Logo no instituto de Puebla, onde estou eu de profesor, alí pódese ofrecer pero como hai tan poucos galegofalantes e están ademais esparexidos por diferentes cursos... É que estamos a falar dunha zona de 1.200 habitantes. Entón vai ser difícil que iso se leve a efecto. Eu, persoalmente, que son do departamento de Matemáticas, no momento en que o CEP oferte isto, eu serei un dos que faga o curso. E coma min vai haber máis, sobre todo, porque queren presentarse tamén ás oposicións en Galicia.

¿Cal é a actitude dos mestres con respecto ao galego?

Cando aquí había 10 ou 12 mestres, alguén de Filoloxía de Santiago veu aquí facer unha enquisa e logo mandou os datos. E era moi curioso porque dos doce mestres opinabamos nove que se debía poñer como optativo o galego, logo había dous obrigatoria (e un era de Palencia) e só un en contra: que é o alcalde de Hermisende. Pero iso non é unha actitude unicamente lingüística, é de sentido común e trátase dunha persoa que é retrógrada en todos os aspectos da educación.

¿Como ve o futuro do galego nesta zona?

Eu creo que non vai haber cambio de ningún tipo. Eu non son pesimista porque o galego falouse sempre sen que ninguén mandara falalo, máis ben todo o contrario. E levamos desgallados de Galicia dende 1789, cunha dictadura, etc. Eu creo que no futuro vai seguir igual: haberá xente que lle fale castelán aos fillos: eu teño un fillo de 24 anos que é castelánfalante pero escribe en galego, logo teño unha de 19 galegofalante, porque eu na casa falo coa muller castelán e cos fillos galegos. Eu tamén estou un pouco tolo nese aspecto.

Eu creo que o galego foi unha cousa que se mantivo así e así se seguirá mantendo. Aínda que -evidentemente- se se protexe institucionalmente e se se cumpre o que di o Estatuto -as dúas palabras que di sobre iso- e facemos actividades que axuden a dignificar a lingua, como xornadas... Eu teño repartido libros polas escolas, feito cos rapaces moito teatro en galego... E eu cada vez que saio nos medios con isto, en Zamora hai xente que o toma a mal, pero como son un político que leva 22 anos de alcalde, fun deputado provincial 8 anos e que saben que non son sospeitoso de ser un "infiltrado galeguista" que pretendo levar para Galicia todo isto, teño que ter coidado e dicir: "Yo, como castellano-leonés, me siento orgulloso de ser castellano-leonés"... teño que dicilo para compensar un pouco.

O galego aquí desaparecerá unicamente se desaparecen os pobos. Porque se cando eu era rapaz había no concello 1.000 habitantes e agora hai 388... pois ese é o perigo real. E os outros están en Cornellà e falan galego alí e a min entrevistáronme nunha emisora de Santa Coloma de Gramanet en galego e convidáronme a ler o pregón no Día da Casa de Galicia alí.

¿Vostede considérase galego?


(Pénsao...) Se o galego é unha maneira de ser, si, claro que me considero galego. E aquí a calquera persoa que veña de Seabre (Sanabria) chamámoslle 'xabrés', aínda que tamén aos que veñen de Galicia chamámoslle 'galegos'. E eu creo que ao dicir "un xabrés" é que non nos consideramos xabreses porque, en principio, xabreses deberiamonos considerar todos. E se fosemos galegos non lle chamariamos galego a ninguén. Eu o único que podo dicir é que se algún día me vou de aquí, iría a Vigo, aínda que son do Deportivo (risos).

¿E que posición tomaría vostede sobre unha hipotética integración destes pobos en Galicia? ¿Estaría a favor?

Como persoa si. Agora, como alcalde, o que dixera un referendo. Loxicamente, ao opinar teño que facer esa diferenciación. Eu comecei nisto da política no ano 1979, cando foron as primeiras eleccións locais democráticas, e daquela había a UCD e o Partido Liberal. Eu viñera de mestre para aquí de Santa Coloma de Gramanet. Eu en Cataluña era simpatizante do PSUC e do PSOE aínda que non militaba en ningún partido. Entón un grupo de mozos e máis eu queriamos presentar unha candidatura independente, pero non sabiamos ben como facelo (lembra que era o comezo da democracia), e tentámolo co PSOE, aínda que tampouco foi posible, porque non había oficina deles en Puebla de Sanabria, así que acabamos facendo unha candidatura de consenso con UCD: iamos mesturados os do PSOE cos deles, comigo de cabeza de lista. E lémbrome que nunha reunión en Puebla xuntáronnos a todos os concelleiros de UCD para que decidisemos nos nosos concellos se queriamos que a nosa autonomía fose de vía rápida ou de vía lenta. E eu, no medio daquela xente, levantei a man e dixen que eu tiña aínda outra dúbida: Antes de decidir por unha ou outra cousa, tiñamos que decidir a que autonomía iamos pertencer: a Castela e León ou a Galicia. Entón aquilo foi... uf... montei alí unha marimorena. E nós, que eramos novos, saímos dalí escarallándonos coa risa. E logo nun bar miraban para nós e dicían: "Ahí están... esos son del GRAPO".

(E segue a contar da súa mocidade...)

Cando estabamos no tempo de Franco, todos eses mozos escoitabamos a Miro Casavella, a Bibiano (Voces Ceibes), que tiña unha canción que dicía "Abaixo a dentadura e o can de palleiro". E facíamos un lume no medio da praza, e cun tocadiscos da casa do pobo, pois bailando faciamos unha queimada e meu irmán colleu un saco de Nitramón, que tiña unha banda azul e converteuna nunha bandeira de Galicia, puxémola no alto dun cañoto de carballo e andábamos con aquel cañoto e viña a Garda Civil a mirar e preguntaba: "¿Que é ese trapo?", e nós "Non é un trapo, é a bandeira de Galicia", e eles: "No se anden con coñas..."

(...para logo explicar a súa actual moderación)

¿Que pasa? Que -evidentemente- non é igual daquela, que tiña vintentantos anos, que agora que teño 49 e é certo que as persoas van moderando co tempo. E eu, agora, tanto me ten, eu creo que ser galego non é pertencer a unha comunidade autónoma ou a outra. Eu creo que ser galego é ser respectuoso coa cultura que un ten estea onde estea. Creo que o fundamental non é mover raias nin fronteiras, aínda que eu, dende o punto de vista persoal, non tería ningún inconvinte. Para min o importante é que a xente colla gusto polo que é seu e que non o desprece.

Rocío Castro Tarrío


(Gracias a Gaspar Méndez, polo apoio loxístico)



Vieiros