OS INTERNAUTAS ENTREVISTAN A EVRU

"EVRU son as catro primeiras letras de Evrugo, así que só me queda 'Go', marcharme"


Así falaba este sexaxenario artista multimedia, EVRU, un creador tecnolóxico que ten impactado as esferas artísticas occidentais no último cuarto de século. Daquela chamábase Zush, e como EVRU fala nesta entrevista da creación, do tempo, e do espacio do artista na era das novas tecnoloxías. Os lectores de Vieiros fixéronlle as preguntas a través do chat, durante o desenvolvemento do Congreso de Novas Tecnoloxías e Sociedade de Pontevedra.

EVRU





"Todos levamos dentro un artista, un científico e un místico."

















"A tecnoloxía xa nos permite ser biónicos, aumentar as nosas propias capcidades artificialmente."

















"Einstein dixo que o tempo era relativo, Hawking que virtual, e eu creo que habería que admitir que non existe."
<Vieiros> Lemos a túa biografía e sabemos que naces en 2001. Pero, ¿exactamente quen ou para quen é EVRU?
<EVRU> Eu son para min mesmo e para os que lles interese o que teño que dicir.

<xanxan> ¿Cal foi o motivo de que morrese Zush?
<EVRU> Que se converteu nun monstro que me dominaba. A fama é unha droga abominable.

<Ur> ¿EVRU non ten memoria? ¿Non ten historia? ¿A quen vota? ¿Ten ideoloxía?
<EVRU> :) EVRU é o centro de ideas do Evrugo Mental State. No seu estado, todo é posible.

<Ur> Zush nace e despois coñece a Yoona. Daquela, ¿EVRU é unha simbiose con Yoona?
<EVRU> :) Cando decidín que desaparecera Zush, propúxenlle a Yoona converternos en Yoosh, pero Yoona negouse :) Eu díxenlle incluso: "fantástico, así serás ti quen faga as entrevistas e fale nos chats". E non me deixou... e aquí me tedes, no chat ;)

<virvirich> ¿Pero quen é Yoona?
<EVRU> :D Yoona é a muller con que comparto a miña vida.

<xanxan> É unha muller moi interesante, penso que cunha historia vital impresionante...
<EVRU> Non sei que contestar... estou de acordo :) É coreana, de cultura xaponesa, e agora, de nacionalidade española, ou europea.

<melmac> ¿Cres que a estas alturas EVRU vai desaparecer de novo? ¿Canto tempo che queda?
<EVRU> :D EVRU son as 4 pequenas letras do meu estado, que se chama Evrugo.... Así que o único que me queda é GO... ¡que en inglés significa marcharse! :) Pero todo o mundo me pide que quede aquí, así que non te preocupes, que aínda farei moito barullo neste planeta, mentres o corpo aguante.... :). Agora mesmo acábaseme de durmir a perna. Teño mal a circulación e son un avó con catro netos ;).

<xanxan> ¿Que lles transmites aos teus alumnos nos talleres? ¿Que idea lles queres deixar?
<EVRU> Que todos somos ArtCieMis. Isto é, que todos levamos dentro un artista, un científico e un místico, ou unha parte espiritual se vos molesta a palabra místico.

<tsar> E esas tres partes... ¿a partes iguais?
<EVRU> Unha harmonía entre elas, mellor.

<xanxan> ¿Que papel xogan a linguaxe e a lingua na creación artística?
<EVRU> A creación artística xa é unha linguaxe. Se falas de linguaxe escrita, estou convencido de que a palabra nos limita máis do que nos libera.

<melmac> ¿Non cres que moitas veces os artistas multimedia caen en tics técnicos que repiten ata a saciedade?
<EVRU> Esa é unha das razóns polas que cambiei de nome, porque o sinxelo é copiarse a un mesmo. Fíxeno fundamentalmente para atopar un territorio de liberdade, e estou orgulloso de ser o artista máis novo deste país :) . Con todas as súas inseguridades.

<melmac> Nas últimas videocreacións que observei case sempre había unha pregunta no fondo sobre o perplexo que queda o videocreador cando descobre as súas posibilidades técnicas. ¿Cres que esa perplexidade é un tema recorrente? Non é un pouco absurdo que nola conten?
<EVRU> Sí, estou de acordo contigo. Moitos creativos empregan a sorpresa, o espectáculo para atrapar o público, e o que sempre gaña é a sinceridade.

<melmac> 'Nunca mais' ou 'Non á guerra' son frases que triunfan porque teñen dúas ou tres palabras. Se as videocreacións que se ven nos museos teñen menos de dez minutos (porque nas outras proxeccións non se detén case ninguén), cres que imos cara a videocreacións-spot?
<EVRU> Si que creo que na creatividade, o difícil é con moi pouco dicir moito. O difícil é sintetizar. A mensaxe que queres dicir, canto máis curtamente a digas... Vivimos nunha época en que cambias de canal, zapeas... canto máis curta sexa a túa mensaxe, máis posibilidade terás de conectar; canto máis sintético sexas, maior éxito de comunicación. Hai demasiado ruido por todas partes, e ademais úsano para emborracharnos, para ternos dominados.

<xanxan> ¿Que relación cres que debe establecer o corpo coa máquina? ¿Son ámbitos integrables, relacionables, opostos?
<EVRU> Estamos nun momento da historia do ser humano no que se di que como corpos estamos obsoletos. A tecnoloxía xa nos permite ser biónicos, é dicir, aumentar as capacidades do noso corpo ao introducirlle chips para aumentar a visión, por exemplo. Hoxe en día xa podemos ver dez veces máis do que realmente por nós mesmos poderíamos ver, pois a tecnoloxía que se ten inventado para os cegos, nunha persoa que ten unha visión correcta, que pode ver, auméntalle a súa capacidade visual. E estamos só ó principio disto. Seguro que dentro duns anos podemos ver cen veces máis. As ciencias avanzan que é unha barbaridade ;)

<melmac> ¿Parécenche interesantes as propostas de Antúnez, pois, cando conecta músculos do seu corpo a un productor de imaxes?
<EVRU> ¿Coñeces a Stellarc? É un artista grego-australiano cun traballo moi paralelo ao de Antúnez e moi interesante. Aconsélloche que investigues sobre el.

<Ur> ¿Cal é a túa idea de territorio como artista?
<EVRU> Todos temos unha burbulla, á que incluso algunhas veces lle chamamos aura, pero, en definitiva, o territorio do artista está para compartir o que el ten cos demais.

<xanxan> ¿Que opinión tes ti das nacionalidades? ¿E dos nacionalismos?
<EVRU> Vivimos nun momento da historia en que as grandes preguntas e as guerras non se fan só polo petróleo, senón pola globalización (Comunidade Europea, Nafta) ou pola fragmentación (País Vasco, Chechenia, Bosnia, Iraq...) Eu estou a favor da fragmentación. ¡Que horror un mundo uniforme! Cunha soa marca de coches, un só banco, un só estado... e é o que se nos achega.

<Vieiros> Nas últimas pancartas hai artistas de artes, como pouco, decimonónicas... ¿por que cres que a vangarda non aparece detrás das pancartas do 'non á guerra', do 'nunca máis'...?
<EVRU> As mensaxes teñen que ser o máis universais posible, e se se empregan 'imaxes' (non me gusta a palabra) demasiado "vangardistas"... non se chega a todo o mundo. Por iso hai que sacrificar as estéticas persoais polo ben da comunidade. As pancartas o que teñen que facer é comunicar, non trazar pinchacarneiros estéticos. Neste momento, o importante é que comuniquen e que cambien a mentalidade da xente.

<tsar> Benjamin marcou un antes e un despois da forma de entender a arte ao publicar o seu artigo sobre a fotografía... 'A arte na época da reproductividade técnica. ¿Cres que se produciu unha nova fase na arte coas novas tecnoloxías e a súa capacidade para reproducir?
<EVRU> Vivimos unha época na que hai unha promiscuidade inevitable, e calquera imaxe que se faga pública é de todos. Creo que a arte boa, ou a que me interesa, é intemporal e se me apuras, o tempo é o único que non entendo. Einstein dixo que era relativo, e déronlle o premio Nobel. Hawking di que é virtual. Pero creo que habería que admitir que non existe, Pero iso esnaquizaría todo o sistema no que vivimos.

<tsar> ¿En que cambiou o espectador coas novas tecnoloxías?
<EVRU> Estou convencido de que a tecnoloxía (a roda xa é unha tecnoloxía) o único que fai é acelerar un proceso. No caso da tecnoloxía dixital, o único que a fai distinta é que consegues acelerar as túas ideas. A roda aceleraba o movemento, o computador acelera as nosas ideas, e así podemos chegar ao mesmo sitio antes.

<tsar> ¿E socialmente? ¿Cres que o espectador de arte é da mesma clase social agora que hai 25 anos?
<EVRU> Tristemente só un 5% da población mundial ten acceso a internet, por exemplo. Vivimos por fatalidade xeográfica nunha parte privilexiada deste planeta e os que compartimos o que chamamos a aldea global, a rede, somos moi poucos. Hai un noventa por cento da poboación mundial que non ten acceso ás novas tecnoloxías e 30.000 persoas morren ao día de fame.

<Ur> Unha pregunta pragmática... ¿Como se pode adquirir este tipo de obra dixital? ¿Onde podo atopar os teus traballos?
<EVRU> Os dixitais... en liña en evru.org
.



Transcrición íntegra do chat (28/3/2003)



Vieiros