![]() |
|
Velaquí tedes a entrevista que os internautas lle fixeron a Miguel de Lira e Xesús Ron, actores e comandantes da Sala Nasa, o espacio máis alternativo de cultura en todo o país. Son protagonistas, ademais, de 'Río Bravo', un "grelo-western" que está a arrasar nas catro semanas que leva en cartel. Trátase dun 'remake' da súa primeira obra co que conmemoran os 15 da compañía Chévere e os 10 da Sala Nasa. Nesta ciberconversa (que aquí podedes consultar de forma íntegra) de Lira e Ron parolaron abondo sobre as luces e as escuridades do mundo do teatro en Galicia.... |
![]() "En Galicia para facer cine hai que ser parente de Pérez Varela". "Realmente ninguén nos toma en serio 15 anos despois dentro de Galicia. Fóra é distinto". O Concello da Coruña non quere 'Río Bravo' porque xa teñen cuberto o cupo de teatro galego, como se o teatro fose unha raza aparte e se medira por cota, coma o leite". "Desde o ano 97 o Dpto. de Cultura do Concello de Santiago non colabora con ningunha das actividades levadas a cabo pola Nasa, aínda que todos os anos se lle presentan proxectos". "O normal sería que a tv e o cine fixeran medrar o teatro, que é a canteira da que están a beber, pero en Galicia agora mesmo só é unha moi boa oportunidade para os actores a título individual, pero non para as poéticas dos grupos". |
![]() |
<Vieiros> A ver, vós repoñedes Río Bravo, que é un western, nos cinemas botan 800 balas... ¿Estamos todos virando ao oeste? ¿É un efecto do 11-S? <chevere-n> ¿Que efecto é ese? He, he, he... Estamos no extremo oeste e 'Río Bravo' é un grelo-western... <enermundo> Estoutro dia pareceume ver un lp (dos de vinilo) coa música de Río Bravo... ¿pódese conseguir? <chevere-n> Ola forasteiro. Aínda quedan algúns na barra da Nasa á venda, si... <enermundo> Podiades facer unha reedición en cd, e así poñervos no top manta... <chevere-n> Si, creo que é a única posibilidade que nos queda, ao mellor tamén nos poñemos nós enriba. É o que nos queda. Son reliquias do pasado que volven a nós. Pero o vinilo volverá, tranquilos, take it easy. ;) <Warren_Sa> Estaría ben reeditar o de outros espectáculos tamén: Big-Bang, Annus Horribilis, etc. <chevere-n> Si, pero hai unha pantasma que se chama SGAE que nos ten ameazados e mentres sigan amparados pola lei iso é imposible. Unha causa perdida máis. Teñen ameazados a toda a sociedade. <Warren_Sa> ¿Ides rular co espectáculo por Galicia? <chevere-n> Faremos unha xira de xaneiro a abril nos sitios que poidamos e a cousa está difícil... A Coruña, sen ir máis lonxe, non quere Río Bravo, ou concretamente, o Concello da Coruña, así que os coruñeses que queirades ver Río Bravo tedes que vir á capital, que é onde temos un pouco de cultura ;). O que pasou foi que a xente que leva o teatro Rosalía de Castro xa ten cuberto o cupo de teatro galego para uns cantos meses, coma se o teatro galego fose unha raza aparte e se medira por cota, coma o leite. Tamén cómpre dicir que hai 12 anos enchemos o Rosalía ata o galiñeiro, pero a xente é de memoria fraca, especialmente os xestores culturais. <enermundo> Coas ostias (disimulando) que hai polas entradas de Río Bravo, calquera pensa que vos estades forrando... ¿é así? <chevere-n> Ben... isto é so o principio... :)) Chévere na Nasa normalmente está cheo. Pero esta vez é un éxito con precedentes. O que nos gustaría é exportar este éxito por todo o nor-Oeste. <edu_pais> E digo eu, ¿por que o teatro ten a consideración de elitista? <chevere-n> Iso diralo ti. Non toleramos esas palabras no noso chat, forasteiro. ;) <Warren_Sa> ¿Pódese vivir do teatro? <chevere-n> Vivir, vivir, forasteiro... estamos celebrando 15 anos, ti que cres? Outra cousa é vivir ben, etc. :)) Seguimos sen chalé nin esas cousas. <Warren_Sa> Refírome a como podedes sobrevivir sen subvencións... <chevere-n> Sen subvencións... non se poden plantar patacas nin pescar peixe, pero teatro sempre se poderá facer. <heleninha> E volos dous, sodes amigos e compañeiros de traballo despois de quince anos? <chevere-n> Somos máis ben de despois que de antes. :)) <eu_mesmo> ¿Onde vos gustaria actuar con certa frecuencia? <chevere-n> Na Coruña, sen ir máis lonxe. Ata hai pouco iamos con frecuencia. <enermundo> Contádenos como é o voso proceso creativo á hora de parir textos como o de Río Bravo? ¿Vai parello ao da posta en escena ou cocédelo todo antes? <chevere-n> É un proceso no que se vai creando todo ao mesmo tempo: textos, música, improvisación das escenas, roupas, dirección artística... e o texto non para de cambiar ata que tiramos o espectáculo. En concreto, no caso de Rio Bravo o texto é un pretexto. <Vieiros> Manuel Guede, do CDG, dixo que lle quitabades xente ao seu espectáculo... ¿que función pode ter o CDG se as compañías privadas lle restan público á pública? <chevere-n> Nós sumamos público. Os que restan son outros. Esa teoría de que menos é máis non sempre é válida. Se nunha cidade de 90.000 habs coma Santiago se mantén un espectáculo catro semanas con cheo absoluto... que podería pasar nunha cidade coma Vigo ou A Coruña? <enermundo> Cherif, por que é vostede o único que non se despelota na función? Sei que hai fans ás que lles pareceu moi mal... :)) <chevere-n> Miguel: déixome as pelotas, iso si, pero... ¿viches a alguén despelotarse en Río Bravo? <enermundo> De medio corpo, si... <chevere-n> Nós somos os actores máis pudorosos deste país. Iso non é despelotarse, é botarlle peito. (Miguel) Bueno, está ben... confeso que estou operado, fáltame un peito. :)) <Vieiros> ¿Como vedes o do teatro quince anos despois? ¿Predominan as alegrías ou os choros? <chevere-n> Alegrías hai poucas. E isto dicímolo matándonos á risa. :)) Pero realmente ninguén nos toma en serio 15 anos despois dentro de Galicia, fóra é distinto. O importante é que despois de todas as barbaridades que fixemos... seguimos a ter público, o cal... nos permite seguir coa mesma estupidez. <eu_mesmo> ¿Cales foron as obras que máis gustaron ao publico segundo vós? <chevere-n> Rio Bravo, Annus Horribilis, Hero.es, BigBang e un longo etcétera... Hai público para todo, aínda que algúns sexan capaces de baleirar o teatro. Pero a cantidade non é o principal: Nós reivindicamos a liberdade de facer teatro para pouca xente. Sen ir máis lonxe, o anterior espectáculo de Chévere tiña unha capacidade máxima de 45 espectadores... e tamén enchemos, aínda que non tivese tanto mérito, en termos cuantitativos, claro. :)) <enermundo> ¿Voltariades á telegaita se vos chama Gaioso? <chevere-n> Nós estamos na era post-Gayoso. Sempre encarando o futuro... Todo chegará. <eu_mesmo> ¿Gustariavos interpretar algunha obra que non fose vosa? <chevere-n> Fixemos unha que era Salomé, de Oscar Wilde, pero o problema foi que acabamos facéndoa nosa e non o volvemos intentar, por respecto aos seus lectores. :)) Tildáronnos de profanadores porque disque aquilo era unha traxedia, que non era para rir. Por certo...codirixía un amigo noso que se chama Roberto Vidal Bolaño. <eu_mesmo> ¿E que obra vos gustaría interpretar? <chevere-n> (Xesús): a min gustaríame interpretar as escrituras, pero aínda non o conseguín. <chevere-n> (Miguel): A min a obra de Escrivá de Balaguer enteira. :)) <Vieiros> Miguel, ti estás moito na casa de todos os galegos á hora de cear... E ti, Xesús? Non che tentou compartir a cea con dous millóns e medio? <chevere-n> Eu non sei se será polo meu nome, pero resisto todas as tentacións. Prefiro ir pouco a pouco. <enermundo> Un colega díxome o outro día que Chévere eran os Monty Pyton galegos, e pareceume acertada a comparación... ¿Non pensastes nunca (ou vos propuxeron) facer unha peliculiña? Hoxe en día non sería de todo inviable. Ou si, non sei... <chevere-n> En Galicia para facer cine hai que ser parente de Pérez Varela. Pero está ben a comparación con Monty Pyton. Temos toda a colección. <enermundo> ¿Gustaríavos, en todo caso, facer cine coas vosas historias? Xa tedes algunha curta, ¿equivócome? <chevere-n> Si. Aínda que nunca se vexa máis ca no Zinasa na Nasa. Chévere, como Chévere, nunca fixo un corto, pero os seus actores participaron en numerosos curtas e longas. Hai que dicir tamén que sempre nos pecharon as portas da TVG porque, segundo eles, Chévere é humor universitario. E os universitarios non ven a TVG, nin os menores de 70 anos. :) Que equivocados están... <Vieiros> ¿Credes que a tele e o cinema están facendo aboiar economicamente o mundo do teatro? Como vedes ese mundiño da pequena e da gran pantalla...? <chevere-n> O normal sería que a tv e o cine fixeran crecer ao teatro, que é a canteira da que están a beber, pero en Galicia de momento iso non está a ser así... é unha moi boa oportunidade para os actores a título individual, pero non para as poéticas dos grupos. Quizais sexa porque o teatro se basea en que o escenario é un espacio totalmente libre e a pantalla, sexa grande ou pequena, sempre está condicionada a intereses varios. <eu_mesmo> Aínda que acabades de estrear obra... ¿estades xa pensando na seguinte? <chevere-n> Antes convén que saibades que temos 3 obras en cartel... (imos facer un pouco de publicidade, hehe): O Navegante, Unha Fantasía Electrodoméstica, que visitará a Universidade de Vigo a finais deste mes, Humana, un café cantante protagonizado por Ana Pudor, e a de sobra coñecida, Rio Bravo, gañancia de espectadores. E temos por aí en mente unha cousa que se chama Radio Universo coa cal xa fixemos unha pequena exploración no Festival de teatro Alternativa da Nasa. É un serial radiofónico que transcorre en Galicia dentro de mil anos. Xusto cando a Xunta de Galicia descubre que o universo é redondo. <enermundo> A ver, ¿cal é o futuro da Nasa? Algo oín da posibilidade de pechar ou marchardes de Compostela, polo visto había certa confrontación co concello... <chevere-n> Confrontación non, o que pasa é que eles non prestan nin a máis minima colaboración, nin axuda, nin diálogo... En resumidas contas, non hai relación. E pensar que a chegou a haber tan boa... Nós pensamos que debería haber Nasa para moito tempo, pero é imprescindible que colaboremos todos e agora mesmo o único que non colabora é o Concello. Estamos a ver se podemos contratar un psicólogo, pero aos políticos non hai quen os entenda, nin sendo do mesmo partido... Quizais sexa a envexa, a falta de sensibilidade, cegueira, torpeza, cóncavo, convexo, esperpento... ;) <iota> ¿Podedes falar máis claro? ¿Quen é que xa non colabora? <chevere-n> Desde o ano 97 o Dpto. de Cultura do Concello de Santiago non colabora con ningunha das actividades levadas a cabo pola Nasa, aínda que todos os anos se lle presentan proxectos. Mantemos unha pequena pero interesante colaboración co Dpto. de Educación que está a permitir que Santiago teña unha temporada estable de teatro dirixido a público infantil e familiar: o Asteroide. Pero a axuda redúcese a asesoramento técnico e a unha aportación económica do 30% do custe total do programa. <enermundo> Seica agora mesmo sodes a única sala de Santiago que ten licencia para facer concertos. ¿Por que non hai máis? ¿Non quere o Concello ou realmente non hai salas que reunan as condicións? <chevere-n> Non hai moitas salas que reúna as condicións da Nasa, pero hai moitas formas de que se faga música en directo. É fundamental que haxa música de pequeno, mediano e gran formato máis alá das festas patronais. É fundamental para unha cidade: tanto nos bares coma na rúa... Nós reivindicamos que igual que se presta moita atención desde as institucións públicas e os bancos ás programacións de música clásica, unha cidade coma Santigo ten que ter unha programación de música popular do mesmo nivel. |