A Nosa Terra


Ano XVII 25 de Xulio do 1933 Núm. 302



Nista encrucillada espiritual do día de Galicia, todol-os seus fillos veñen a xuntarse na aperta xusta, quente e forte da Terra e da Raza.

Diante o día da nosa Terra, todal-as loitas fraternas findan para abrir paso âs augas soturnas do noso esprito, e pôr en comunicación viva as almas da gran Comunidade galega. Por enriba de todal-as barreiras mesquiñas, cheias de soma de todol-os persoalismos, de todol-os resentimentos, Galicia estende os seus brazos para xuntarnos a todos na quentura do sua aperta. Ista é a aperta lonxana que todos esperamos para tornar a renacer, para volver a refacer a nosa vida con claridades orixinaes de amañecida.

Iste é o Día do magno Xubileo da nosa Terra, en que as almas se limpan, en que os irmáns se reconcilian, en que todol-os escarriados pol-os vieiros da noite se recoñecen á lus da gran fogueira broncal do Lar común.

Que ninguén falle! Que ninguén chegue coa concencia carregada de somas valorentas de xenreiras mesquiñas! Que ninguén se quede â porta!

Entremos todos, todos xuntos, e alcendamos un lume de corazóns aquecedor dos corpos e das i-almas. Un gran lume, unha labrada inxente que limpe todal-as somas que se acubillan nas esquinas das concencias. Un gran lume que ruba por riba de todal-as montanas i-encha de quentura todal-as congostras. Un gran lume que traspase de luz as i-augas floridas do río profundo da nosa Historia, por onde escorre -en amor i-en dôr- toda a i-alma da Raza.

Arrequentados nisa inxente labarada, recomencemos logo, os vieiros da nosa vida, alastrados co remol perenne do gran Lume nutricio. Tornemos todos con espíritu limpo, outo e reito, á loita de todol-os días, pol-a grandeza e a liberdade da nosa Terra.

Irmáns! que ninguén falle ao redor do gran Lume que, na lareira perenne da Raza, se alcende niste Día, enchendo de lus todol-os camiños. Todos temos cabida. A todos se nos espera. Todos debemos acudir. De non facel-o, virán xentes extranas. Matarían o Lume. Estrarian o remol. E nós ficariamos na soma para sempre, sin Lume e sin Fogar.


Volver