Ano XV | A Cruña, 25 de Xulio de 1931 | Núm. 286 |
Estamos novamente diante d'un Día de Galicia que este ano amóstrásenos revestido d'uns caraiteres que até agora non tivera. Coincide co funcionamento da Asambreia Constituinte de onde sairán a nova lei estatal e as autonomías rexionaes. Decimos sairán porque temos confianza en que ollada a realidade da vida hespañola e as demostracións feitas por casi todal-as nacionalidades hispánicas no senso de conquerir agora a súa autonomía parécenos que o bon senso impoñerase nos homes que están chamados a facer a nova Constitución, e os problemas rexionaes ficarán resoltos en aras da maior eficacia para o Estado hespañol e da necesidade de non perder esta ocasión de construir unha Hespaña legal e verdadeira, fundamentada nas naturaes nacionalidades que a constituien perfeitamente libres e federadas. Si así non fora non tería a Repúbrica a eficacia propia do momento e defraudaría a espranzas que n'ela teñen depositados os pobos peninsuares. Ademáis de que sería de funestos resultados para a Repúbrica e para a mesma Hespaña non deixar agora definitivamente arranxado este probrema que é o mais importante de cantos autualmente están prantexados. Depende d'ese feito o que a Hespaña sexa o que debe ser, un Estado grande, europeo e moderno, que cumpra a súa minsión histórica ou que continúe pol-os mesmos vieiros trabucados e de resultados tan desastrosos dos tempos da desaparecida monarquía centralista. Hespaña non pode, sinon é suicidándose, desaproveitar esta hora histórica para reconstruirse debidamente, con arregro â súa constitución natural e verdadeira. E si Hespaña seguira o camiño trabucado, Galicia que quere vivir, que arela ser libre e universalizarse, tería que ourentar a súa vida deica hourizontes mais amplos salvándose do naufraxio indefectibel do Estado Hespañol. Esta é a verdade urxente do momento autual. Os galegos non negamos a nosa colaboración para facer unha Hespaña nova, mais si Hespaña quere perderse os galegos salvaremos a Galicia contra todo e contra todos. No Día de Galicia do ano 1931, no que está ventilándose o porvir da nosa terra. A emoción que sempre sentimos no día da nosa festa nacional tén de axigantarse de xeito extraordinario pol-o decisivas que son as horas autuaes e tamén pol-a responsabilidade que os nacionalistas temos contraguido co-a Terra. Fumos nós quenes creamos o ambente galeguista que hoxe respírase en Galicia. Nós fumos quenes maxinamos e estructuramos unha Galicia nova e libre. Por eso agora que a nosa ideia patriótica pode acadar posibilidades de feito o noso corazón brinca mais emocionado que nunca e temos ante os ollos, con toda a súa crudeza, a responsabilidade da labor realizada e da nosa autuación futura. Días de loita, de preocupación e de traballo intenso, e poida que tamén de perigo, avecíñanse para nós. N-este día renovamos o xuramento feito diante do altar da Nai Terra dispóndonos rexamente, patrióticamente, a chegar a onde sexa necesario para ollarmos realizado o noso pensamento plasmado n'unha Galicia libre para o que non podemos negar ningunha crás de sagrificios. Pol-a salvación da nosa Patria xuremos hoxe cumprir cos deberes que as circunstancias nos impoñan. |