A Nosa Terra


Ano XIV 25 de Xulio do 1930 Núm. 274



Ao decorrel-os días


Un novo "Día de Galicia". O día grande da Patria. O día símbolo de festa nacional que teñen todol-os pobos.

Os pobos libres, non mediatizados, adoitan a celebrar o seu día con grandes festas de explosión patriótica. Para os que ainda non son por enteiro donos dos seus destiños siñifican estas datas supremas arelas de renovación, de liberación e pensamentos xenerosos voando en precura do porvir. Pombiñas mensaxeiras portadoras de ideas de amor, de libertade.

Fai sete anos que en Galicia o día de hoxe viña celebrándose únicamente na comunión espiritual dos bós e xenerosos. Non podia exteriorizarse e os latexos do corazón ofrendados no altar da Patria eran cinguidos e coutados pol-o xugo alleo.

Mais como as boas ideas e os pensamentos sanos teñen máis poderío que a forza bárbara, os días no seu decorrer foron poñendo as cousas no seu lugar e este ano xa o día de hoxe pode ter, anque non toda a que lle corresponde, mais libre expansión e púbricamente pode facerse algunha exteriorización do seu siñificado.

A nosa bandeira, cos seus côres de pureza branco e azur, flameará ao vento en moitos currunchos da nosa terra decindo ao mundo que aqui hai un pobo, unha raza que cobiza lle sexan reconoscidas por enteiro as suas prerrogativas como tal pobo e raza.

Aqueles oustáculos poderosos, que o parecían aínda máis cando estaban en vigor, están hoxe destrozados e por riba do seu cadávre a xusticia, a razón e o dereito brincan camiñando deica o hourizonte lonxano onde aniñan ainda máis grandes libertades. Un camiñar que non poderán detér xá os oustáculos de calquer crás de calquer forza que ao seu paso quéiranselle poñer. Porque non hai forza humán capaz de poder impedir o andar d'un pobo que tén concencia de seu e adequiriu o convencimento de que ten dereito a algo mais do que hoxe posee. Galicia anda a recuperar íntegramente a súa alma e os seus dereitos e para conqueril-o todol-os días do ano son días consagrados a tal patriótica laboura reivindicadora.

No día de hoxe, resume de todos, día simbólico e ateigado de arelas prometedoras, os nazonalistas renovamos o xuramento feito:

preto e lonxe, onte, agora,
mañán, na vida e na morte.

Un saúdo preno de agrimo a todol-os irmáns que connosco comulgan o sagro ideal de Galicia.



Este número foi revisado pol-a censura

Volver