A Nosa Terra


Ano VIII 25 de Xulio de 1924 Núm. 203



A Actualidade Galega


Escabroso e ao mesmo tempo para nós agradabre é o tema que hoxe ofrécenos a actualidade galega.

O Día de Galicia.

Agradabre e satisfaitorio polo siñificado que para nós ten o día de hoxe que debía ser de festa e de ledicia como compre a data tan señalada. Escabroso polo dificil que resulta poder abordalo libremente poñendo de manifesto unha vez mais o que siñifica para os galegos e mais ainda para nós, os galeguistas
.
Na imposibilidade de o poder facer ao noso gusto, e tal como debera, sírvanos de consolo, ¡que remedio senón conformarse!, a afirmación n'ese día de canto dixemos e pensábamos na mesma data en tempos pretéritos, mais soaves e propicios, que cobizamos para o porvir.

Todol-os pobos teñen unha data señalada na que celebran a sua festa nacional, en que por todas partes aparesce pendurada a enseña que resume as difrentes características que lle dan vitalidade, e que celebrase con festas pomposas oficiás.

Galicia tén tamén os mesmos dereitos e non carece das mesmas modalidades d'aqueles pobos no que teñen de manifestación da existencia d'unha raza, d'un pobo definido. E tamén as rúas galegas aparecerán hoxe adornados con bandeiras de moitas cores, algunhas d'elas firentes e molestas, e na asusencia "d'aquela", o ceo galego, branco e azul, lucirá limpo e crariño indiferente as pomposidades oficiás d'aqui abaixo. E cando chegue a noite, a noite do "Día de Galicia", as estrelas brilarán mais que de cote e no medio d'elas a estrela grande, a nosa estrela, indicará unha vez mais, con ademán imperativo, o camiño a seguir.

E indiferente a todo o que nos rodea, despreciando as miserias d'abaixo, no día de hoxe as almas dos "bos e xenerosos" apertaranse mais e mais con amor subrime pensando no mañán que traguera, ¿quen o dubida?, moitos "Dias de Galicia" felices e grandiosos.

Hoxe por hoxe somentes nos ofrece un "Día de Galicia" que nós desconocemos por sernos alleo e indiferente. Aló na intimidade dos nosos espritos é onde festexamos o único e verdadeiro "Día de Galicia" que poderá sofrir altas e baixas pero que haberá de ficar marcado para sempre para que sexa festexado por todos o mesmo que o fán os pobos definidos que gozan das libertades a que teñen dereito.

Aos nosos irmáns. ¡Terra a Nosa!

No día de Galicia saudamos a todol-os nosos irmans galegos.
¡Terra a Nosa!



Este número foi revisado pola censura militar

Volver