A Nosa Terra


Ano VII 25 de Julio de 1923 Núm. 189


Día de Galicia do Ano 1923


Ofrenda


Fai tres anos que os nacionalistas vimos celebrando no día de Sant-Yago o día de Galicia, día de santidade en que os nosos corazós renovan seu voto diante o altar da Patria, día de ledicia en que todol-os galegos nos sentimos irmáns, día de espranza en millores días, día en que as nosas almas voan hacia os hourizontes de días que inda non viñeron, pero que virán, que xa se ollan na lonxanía envoltos na brancura da nova Libertade.

Día de fe no porvir, de fe en nós mesmos, de fe na forteza da raza que ha de cumprir outos destinos, de fe en todol-os galegos porque pra todos tén a Santa Terra agarimos de nai e promesas de noiva.

Fai tres anos que vimos os nacionalistas celebrando o Día de Galicia, e oxe xa son todol-os galegos os que celebran esta festa patriótica, dándose todos conta do seu trascendente simbolismo.

Nosoutros saudamos con orgulo de patriotas e con amore de irmáns a todol-os galegos, pero preferentemente a todol-os nacionalistas que nas moitas e diversas organizaciós, xa xurdia e podentes, que hay na nosa Terra, tanto veñen loitando pol-a sua redenzón e libertade; a eles especialmente noso saudo porque son os escolleitos, os que como dicía o poeta, levan unha estreliña na frente e no bico un cantar, e sobor todo porque xa oxe saben ser héroes, e mañán, si é preciso, saberán ser mártires.

Noso saúdo para os galegos do desterro. Para eles sempre a nosa ademiración e a nosa lembranza. Eles son os que mais deben sentir a escravitude da Terra, porque son os que tiveron que fuxir a outras terras mais libre por estar a sua terra escravizada.

E a tí Galicia, Nai nosa, Patria nosa, nosa única Patria, a tí que nos deche a vida, a tí por quen alentamos, n-este teu santo día, ofrendámosche as vidas nosas, agardando o teu mandato para que d-elas podas xurdír tí renovada e liberada.

A Redaición.


Volver