A Nosa Terra


Ano VI 25 de Xulio de 1922 Núm. 167



O Día de Galicia


Este é o segundo ano que se celebra o Día de Galicia. ¿Que sinifica? Un día de recollimento, de comunión, de ledicia para os galegos, un acto esterno para que moitos dos nosos compatriotas se dean conta do que son, da terra nai, á que teñen que volver si queren ser algo. Desta maneira despertarán do seu sono e traballarán n-un futuro glorioso. Que hoxe todos poñan o seu pensamento en Galicia, falen a sua propia fala, e recen os versos dos nosos poetas!

As condiciós actuás para o noso movimento nacionalista non poden ser mellores. O rexurdimento do catalanismo, a sua purificación terá unha transcenencia enorme; e ademais non é Cataluña xa a única que pide a sua libertade política, son os restantes países oprimidos pol-o Estado hespañol. Por outra parte, dentro da nosa terra o nacionalismo fixo enormes progresos: o número das organizaciós multiplícase cada día, as publicaciós en galego aumentan rápidamente, e os participantes no noso movimento esténdese por todal-as clases sociás e todol-os campos ideolóxicos.

As simpatías pol-a nosa actuación non son menores. Elementos novos de moito valimento inauguran con motivo do día de Galicia a sua colaboración na NOSA TERRA. O Sr. Castillo, o mellor arqueólogo galego, delegado rexio de Belas Artes, autor de tantas obras interesantísimas, hónranos c-un traballo escrito en galego expresamente para A NOSA TERRA, relativo ao escudo de Galicia. Para o dito traballo fixo un dibuxo o gran arquitecto cruñés Sr. del Villar, que non hai moito tempo, n-unha conferencia sua, indicaba que debíamos facer rexurdir a nosa arquitectura popular. O poeta Xavier Bóveda conságrase hoxe definitivamente coa sua primeira composición en galego, o soneto que os leitores verán mais adiante; era oúnico que lle faltaba ao «cantor dos pinos» para ser estimado como un dos mellores dos nosos. Calcas (García Acuña), un fino humorista, que pol-as suas penetrantes verbas conoscen os leitores do «Noroeste», tamén nos remite unhas cuartillas expresamente para nós.

Con gran ledicia contamos entre nós de novo a vellos amigos e colaboradores: a inspirada poetisa Francisca Herrera; os escritores cheos de talento Eladio Rodríguez, Valcárcel, Euxenio Carré Aldao, Banet Fontenla, Lousada Diéguez, non podían nin debían faltar n-este número.

¿Qué dicir dos mais? Lugrís, Leandro Carré, Peña Novo, Abelaira, Taibo e tantos outros... Son representantes do espíritu galego, sempre fondo e valente. O presente número, pois, amostra unha ampla colaboración na obra do rexurdimento da nosa Galicia, que é a única que como temos dito, poderá permitir lograr o gran fin que nos propoñemos. As xeneraciós sucesivas apreséntanase agora unidas nas suas aspiraciós e arelas.



***

Saudamos n-este día aos irmaos galegos d'América. A eles é moito o que Galicia lles debe e ainda lles deberá máis agora que se organizan e preparan o labor redentor da terra. As ideas nacionalistas van conquerindo as nosas colonias alén do Atlántico. O mozo loitador Tomás Sabio fundou hai pouco a Xuntanza Nacionalista da Habana, que leva unha vida moi próspera. N'esta semana anúncianos a prensa a organización d'unha Liga Autonomista en Cuba, anuncio que acollemos con fonda ledicia. Na Arxentina fixo un labor de propaganda galeguista, pola que sentimos verdadeira simpatía, o vicecónsul da República da Plata en Mondoñedo, Fernando Lorenzo Rico, a quén tamén se lle debe o homenaxe ao poeta Leiras Pulpeiro. Unha estreita e saudosa aperta, pois, aos nosos irmáns d'América.

***

En Portugal, en Viana do Castelo, publicaráse no día de hoxe en honor de Galicia un extraordinario da revista «Aurora de Lima», no que terán parte escritores galegos. Ao iniciador, señor Julio Lemus, e aos seus paisanos de Viana, saudamos fraternalmente, dándollel-as gracias pola sua fineza e facendo votos porque as relaciós culturás entre Galicia e Portugal sexan cada vez máis intensas. Non esquecemos n-este día ós nosos amigos de alén Miño: Leonardo de Coimbra, Teixeira Pascoaes, Alexandre de Córdova, Peralta, Sergio e os mais artistas e pensadores que nos honraron coa sua amistade persoal. Nós seguimos con amor e interés os progresos de Portugal, e o seu porvir considerámolo como cousa propia.

***

Decíamos que na Península espertan rápidamente os ideás nacionalistas. Estamos seguros que a estridencia nacionalista resolveráse n-unha consonancia federalista, n-unha confederación ibérica máis grande, máis fecunda que esta caduca unidade de forza que fixeron contra a vontade os Reis Isabel e Fernando. En todos estos amigos que loitan nas mesmas condiciós que nós, pensamos tamén hoxe e enviámoslle un aperta ideial.

A alma galega é romántica e xenerosa e afeita ao mar, cosmopolita. Os laios dos pobos oprimidos chegan hasta nós e atopan eco nos nosos peitos. Galicia n'este seu día de festa, fai votos porque conquiran a súa arelada libertade, é porque a xusticia e a paz reinen no mundo.


Volver