A Nosa Terra


Ano IV 25 de Xulio de 1920 Núm. 124



Alborada


A "NOSA TERRA", cumprindo un acordo da II Asamblea Nazonalista de Compostela, i-obedecendo ordes do Direitorio, do que é orgao oficial, oxe festexa chea de ledicia reloucadora, o "DIA DE GALICIA". Esta data do 25 de Santiago, en todol-os logares do mundo onde latexa un peito galego, é data de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira do home.

Arela a "IRMANDADE", espallada por todol-os pobos da nazón de Breogán, facer canto seia abranguibre para que dentro de poucos anos, o 25 de Xullo, non haxa fogar galego, aldean ou vilego, que deixe d'esteriorizar o seu patriotismo no "DIA DE GALICIA".

A Cruña, a capital da Nosa Terra, escomenza a dal-o exempro. No ano veñideiro, imitaránn-a todal-as cidades galegas.

Cómprenos, porén, na data xurdia d'oxe, saudare con moito amore, con fraterno agarimo, a todol os queridos irmáns na Grande Obra, qu'eisí chamáballe Antolín Faraldo á da redenzón da Terra asoballada... Cómprenos tamén ofrendarlles unha lembranza cordial ás nazonalidades irmás da Iberia, Portugal libre e Cataluña i-Euskadi arelosas de se ceibaren pra conseguir o rèxime de seu que pra nós tamén nosco cubizamos...

Mas a lembranza máis do íntimo, a lembranza que deita de xeito maormente cristaiño do fondo da nosa i-alma è a que, fixada con sangue do curazón, temos pra Irlande, irmá nosa e nosa mestra anaco latexante i heróico do tronco celta, oxe callado de mestos loureiros tinguidos de roxo, que han cinguir a raza común i-aldraxada de cote co'a coroa trunfal que so merecen os xurdios «epos» alumeadores da Hestoria...

Irmáns, amigos i-enimigos: faigamos votos no "DIA DE GALICIA", porque a nosa terra chegue a conquerir o imperio espritoal na futura e groriosa civilización atlántica que xa escomenza a xurdire enchendo da diviña saudade, "do que foi e do que agardamos", o curazón dos bós e xenerosos.

¡E o momento hestórico "de ser ou non ser" prá terra na que fumos nados nos e nosos pais i-abós!


Volver