
Nannerl Mozart
(1751-1829)
Maria Anna "Nannerl" Mozart foi unha gran pianista e compositora que desenvolveu unha importante carreira profesional dando numerosos concertos dende moi temperá idade. O maior desexo de Nannerl era converterse nunha famosa compositora, e porén, sacrificou a súa carreira en favor da do seu irmán Wolfgang Amadeus Mozart. Nannerl pasou a ser pianista acompañante nos concertos do seu irmán, e tras o seu matrimonio deixou finalmente a vida pública para dedicarse ao ensino do piano.
Do mesmo xeito que Nannerl outras mulleres tiveron que afrontar moitos obstáculos ao seu traballo como compositoras e as súas obras foron ignoradas. Malia todo, distintas investigacións están redescubrindo as súas composicións. Estes traballos mostran que as mulleres foron activas compositoras en todos os períodos da historia e en todos os estilos musicais. Xa dende a Idade Antiga se pode falar da existencia de mulleres compositoras. Na Idade Media os conventos son lugares nos que se desenvolve un importante labor musical tanto de interpretación como de composición. Pódese destacar o traballo de monxas como Hildegarda de Bingen, quen compuxo numerosas obras as cales sorprenden pola extensión das súas tesituras. Con todo, o traballo destas mulleres foi ignorado ata datas recentes, igual que as prácticas de composición de trobadoras e trobeiras da época. Durante este período da historia tamén as mulleres da realeza e da aristocracia se dedicaron á composición e moitas puideron publicar os seus traballos. Durante os séculos XVIII e XIX o número de compositoras semi-profesionais aumentou e as súas obras eran cada vez máis diversas. Algunhas das mais coñecidas son Fanny Hensel Mendelssohn ou Clara Wieck Schumann, que compuxeron obras instrumentais, corais e operísticas, aínda que o seu traballo musical foi coñecido mais polo seu labor como instrumentistas que polas súas composicións, as cales foron practicamente ignoradas durante anos. Aínda que a principios do século XX se produciu un declive no número de mulleres compositoras de música da tradición occidental, á vez o traballo de compositoras da época foi cada vez mais respectado e recoñecido. Como exemplo poderíase falar de Lili Boulanger, quen en 1913 gañou o importante premio Prix de Rome, recoñecéndose a gran complexidade das súas obras.
Neste ano que celebramos o 250 aniversario de Wolfgang Amadeus Mozart debemos preguntarnos porqué seguimos sen coñecer a historia das mulleres compositoras e porqué non podemos asistir a concertos onde se interpreten as súas obras.
(Na foto da esquerda: Nannerl e Amadeus)

As ideas sexistas de que a creatividade é algo “masculino” son unha das causas que explican os impedimentos postos ao traballo das mulleres compositoras.

As composicións das mulleres, malia a súa calidade, foron frecuentemente criticadas e rexeitadas, o que fixo que moitas compositoras tiveran dúbidas sobre o seu traballo. Clara Schumann escribía no seu diario: “Eu crin unha vez ter talento creativo pero abandonei esta idea; unha muller non debe desexar compoñer, ningunha foi capaz de facelo e ¿por que eu debía esperar ser capaz?”
(Na foto da esquerda: Clara Wieck Schumann)
...na orquestra Filarmónica de Viena admitiuse por primeira vez a unha muller en 1997, o seu nome é Anne Lelkes.
...durante séculos as mulleres non puideron acceder as clases de composición nos conservatorios, só a finais do s.XIX comezaron a ser admitidas nestas clases.
...Alma Schindler Mahler (quen compoñía dende os nove años), recibiu unha carta de Gustav Mahler antes da voda na que dicía: “¿Como te imaxinas a vida matrimonial dun home e unha muller que son os dous compositores? ¿Tes idea do ridícula, co tempo, o degradante que chegaría a ser inevitablemente para os dous unha relación tan competitiva como esa? ¿Qué vai a ocorrer se, xusto cando che chegue a inspiración, te ves obrigada a atender a casa?...Ti non debes ter máis que unha profesión, a de facerme feliz”
Escoita a música dalgunhas compositoras de música da tradición occidental
Coñece mais cousas da historia de Nannerl Mozart neste libro
Algunhas iniciativas como a Fundación Internacional “Adkins Chiti: Mulleres na Música”
O que conta unha muller compositora e directora de orquestra
Velaí algunhas compositoras e intérpretes de hip-hop