Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº 5 Maio de 2006
Contacto

Anteriores: Nº 4,
Nº 3, Nº 2, Nº 1, Nº 0

17 de maio

O 17 de maio celébrase o aniversario das letras galegas, que seica deberon nacer, aínda que ninguén se acorda certamente, tal día como o 17 de maio dun ano calquera. Ao primeiro, as letras deste país de noso celebraban con moita festa, e con moitos agasallos, o seu “cumpre”, pero o certo é que, como a todos e todas nos ocorre, a medida que foron cumprindo anos, máis que celebrar o aniversario, case o foron tratando de agachar.

 

Como ninguén o sabía de certo, e mesmo había quen falaba do século XII ou do XIII, no ano 1963 a Real Academia Galega decidiu que o 17 de maio se celebraría o Día das Letras Galegas, e, a falta dunha data fixa, ocorréuselle isto porque xustamente en 1963, o 17 de maio, cumpríanse 100 anos desde que Rosalía de Castro publicara os seus Cantares Gallegos, ese impresionante libro de poemas que dá o sinal de saída ao que despois se chamou o Rexurdimento.

graffitiHai que ter en conta que en 1963 este país de noso estaba rexido por unha ditadura, a do Xeneral Franco, e que non había moitas bromas, no que fai referencia ás linguas, con idiomas que non fosen o castelán oficial. Por iso non pensedes que o 17 de maio foi sempre un día festivo, de moitos discursos, de moitos caraveliños e rosiñas..., o día apropiado para lerlle ese poemiña de amor que tiñamos gardado ao noso namorado ou á nosa namorada. Non, durante o franquismo o 17 de maio foi un día sobre todo de denuncia e de reivindicación, un día para ensinarlle ao mundo a situación na que se atopaba o idioma galego.

Pero o sentido do 17 de maio cambiou radicalmente cando fomos empezando a pensar que o espellismo da normalización era real, xa nos últimos dez ou quince anos, e sobre todo cando unha mente privilexiada decidiu que o 17 de maio fose un día non lectivo, non laboral. A desculpa é perfecta: un día de festa para disolver aos colectivos que poderían dar un pouco de caña en día tan sinalado. Estando na praia, nunha paparota familiar, estando dando un paseo (rural ou urbano, que para o caso é o mesmo) malo será que dean a lata. E os resultados podemos velos calquera de nós. Son uns artistas da estratexia, claro que si.

Ademais de todo isto que nós pensamos sobre o sentido do 17 de maio, hai outra cousa que non queremos deixar de compartir. Vós credes que este país de noso só ten lingua? Nós cremos que non, porque Galiza é idioma, pero tamén é arquitectura, é natureza, é música, é xogos, é literatura, é arte, é industria, é vías de comunicación... é algo moi complexo. Reflexionade un pouco e mirade se á parte dunha pseudopreocupación polo idioma, se fixeron realmente moitas outras cousas por todas esas manifestacións culturais, económicas, sociais... que tamén constitúen Galiza e que nos identifican como pobo. Parécevos que propoñamos que en vez de Día das Letras, o 17 de maio sexa só 17 de maio, para que poidamos dedicalo a pensar en todo o que é Galiza?

 

Equipo de Normalización Lingüística IES MELIDE

En todos os centros educativos non universitarios debe existir un Equipo de Normalización Lingüística, que está formado por profes, alumnos/as e persoal non docente. A súa función é coordinador o desenvolvemento dun plan anual que vaia conseguindo novos usos para o galego dentro do centro. Por extensión, e ante a ausencia doutro tipo de iniciativas, moitos ENLs téñense destacado tamén polo seu papel na procura de novos usos para o idioma na contorna onde están inseridos os centros.

A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística é unha entidade formada por persoas de todas as colores políticas e de todas as profesións e ámbitos sociais, que persegue a plena normalización do idioma. O traballo que leva realizado ao longo dos anos é realmente impresionante e débese recoñecer que durante moito tempo estivo parcheando o que o goberno galego non lle daba a gaña de facer.

Nova Escola Galega é un movemento de Renovación Pedagóxica con vinte e tres anos de vida e cun inxente traballo na procura da plena galeguización do ensino. A esta organización débeselle a única proposta práctica realizada ata o momento no sentido de conseguir que o sistema educativo estea plenamente galeguizado.

 

... Desde o primeiro ano, cada Día das Letras foi dedicado a un escritor ou escritora, para divulgar a súa obra e para que todo o mundo o coñecese mellor. Rosalía, Castelao, Pondal e Curros foron os primeiros, e Avilés de Taramancos, Xaquín Lorenzo, Lorenzo Varela e Manuel Lugrís Freire, os últimos.

... Unha das materias pendentes máis evidentes que ten o idioma galego é a súa presenza nos medios de comunicación. Se nos referimos só a periódicos de tirada nacional, só existen na actualidade un diario (Galicia Hoxe) e un semanario (A Nosa Terra).

... En setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou o Plan de Normalización Lingüística, o primeiro na historia de Galiza. Independentemente de que para moitas persoas sexa só un relatorio de boas intencións, o certo é que o número de medidas recollidas nel que ata o momento foron postas en práctica son máis ben escasas.

 

Ata o momento celebráronse un total de 43 Días das Letras. Podes coñecer a súa historia completa e quen foron os 43 escritores e escritoras homenaxeados visitando a web Días das letras galegas . Hai outras moitas páxinas nas que podes obter información.

Cara ao Día das Letras deste 2006, podedes consultar a web institucional sobre Manuel Lugrís, que inclúe unha cronobiografía, artigos diversos sobre o autor e unha completa axenda de actos.

Lingua e novas tecnoloxías únense este 17 de maio coa campaña "Máis internet, máis galego".

Se queres coñecer cal é o estado no que se atopa realmente o idioma nos nosos días, non esquezas visitar a web d’A Mesa, e as súas diferentes seccións sobre a actualidade do idioma.

Se o que queres son datos obxectivos (os últimos) sobre o uso e sobre as actitudes sobre o idioma, visita a web do Consello da Cultura Galega, pois desta institución é o informe máis recente sobre a situación do galego. Nesta web tamén poderás atopar infinidade de información sobre outros aspectos da realidade galega tradicionalmente ignorados polos normalizadores.

Se non es quen de imaxinar como sería un sistema educativo galego plenamente normalizado, procura a proposta que fixo Nova Escola Galega xa hai anos e que mantén toda a súa actualidade.

E, se pensas coma nós que Galiza é algo máis que un idioma, suxerímosche que investigues pola rede adiante onde a protagonista sexa a arquitectura galega, os xogos galegos, a música galega, a natureza, a industria, as autoestradas, os camiños de ferro, o deporte...

QUEN É? (O/A AUTOR/A DESTE TRABALLO)

Equipo de Normalización Lingüística do IES Melide
Leva realizando un traballo ininterrompido pulando pola plena normalización do idioma no centro e na comarca da Terra de Melide desde hai 15 anos. Está formado na actualidade por uns 130 alumnos e alumnas, uns 30 profesores e profesoras e dúas persoas dos servizos de administración. Alcúmase internamente “Equipo de Normalización Lingüística e Cultural” porque, máis alá da lingua, pretende poñer en valor (e recuperar do máis rancio folclorismo) calquera manifestación cultural que aínda nos identifique aos galegos e ás galegas como pobo.