Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº 20 Xaneiro 2008
Contacto

O COCIDO DE LALÍN

A Feira do Cocido é unha das festas que máis caracteriza ó pobo de Lalín. Esta festa ten como obxectivo principal renderlle homenaxe a un produto estrela dentro da nosa gastronomía: o porco.


"De San Amaro a San Valentín, mes do cocido en Lalín"

O día que se celebra esta feira é o domingo anterior ó domingo do entroido, e vén cargada de festa e diversión para todos. Desde carrozas, comparsas e charangas que desfilan pola rúa principal da vila, e que comezan despois da lectura do pregón, ata postos que se asentan durante toda a mañá e algo da tardiña no campo da feira, facendo que Lalín encha as súas rúas con milleiros de persoas.

A Feira do Cocido de Lalín remóntase ó ano 1968, en que os alcaldes dos seis concellos que conforman a Comarca do Deza (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón) acordaron xuntarse para pensar nunha estratexia de difusión e comercialización dos produtos típicos relacionados coa gastronomía. Seguindo a tradición dun grupo de lalinenses que se xuntaban cada ano a comer o cocido, foi o Concello de Lalín quen asumiu a iniciativa para poñer en práctica as ideas xurdidas naquel encontro mediante a creación da Feira do Cocido. Esta festa celebrouse por primeira vez o ano 1969, para exaltar o prato máis tradicional da cociña galega, que é o cocido; e dende esa data que se ven celebrando esta festa gastronómica en Lalín e que lle da paso seguido ó entroido, este ano xa se celebrou a XXXIX edición. Neste día, Lalín atópase colapsada pola cantidade de xente que chega á vila, de todas partes de Galicia e fóra dela, e que soe pasar das 50.000 persoas.

Pero hai que destacar que aínda que o cocido que se fai en Lalín é o máis coñecido en Galicia enteira, tamén se celebra o cocido en Cea (Ourense), o sábado anterior ó 15 de agosto, e o de Cee (A Coruña), tamén no mes de agosto, pero sen unha data fixa.

Ademais destes tres pobos onde se fai o cocido, hai que destacar outro cocido ben coñecido é popular: o cocido madrileño, no que o elemento clave na súa elaboración son os garavanzos.

Existe tamén o cocido maragato, que se celebra en Astorga (León), o cal ten como elementos máis salientábeis a morcilla e a cecina (carne salgada, estreita e secada ó aire, ó sol ou ó fume) aínda que para a súa elaboración se empregan diferentes tipos de carnes. A peculiaridade deste cocido é que o primeiro que se sirve é a carne e os garavanzos, deixando para o final a sopa e a sobremesa.

Todos eles botan man dos produtos típicos do lugar, e cada un deles ten o seu estilo propio e un sabor particular.

Volvendo a Lalín, a receita do cocido é un elemento clave para a súa elaboración. Ademais de empregar produtos da terra, de calidade e unha boa dose de cariño na súa elaboración, poderemos degustar un bo prato de cocido. Pero para que quede ben completo este prato, necesítanse bos acompañantes: o pan, un bo viño; de sobremesa unhas orellas, unhas filloas e un anaco de queixo con marmelo; e como non, unha queimada e café para rematar. E para unha boa preparación da queimada, que mellor que ir recitando o conxuro ó tempo que se vai removendo o pote.

 

Precedendo á celebración da festa gastronómica e con posterioridade a ela, véñense desenvolvendo todos os anos, unha serie de actividades de especial importancia:

- Matanza tradicional do porco que se celebra dous domingos antes da feira do cocido, e cada ano se leva a cabo nunha parroquia diferente da comarca.

- Mes do cocido, que ten por obxectivo principal proporcionar información á xente que se queira achegar á vila neste día e toda a información sobre os restaurantes nos que poden facer as súas reservas previas, os cartos que poden gastar na degustación do prato estrela, entre outras informacións de importancia.

- A Encomenda do Cocido, no que se invita a unha persoa importante tanto do ámbito político, do xornalismo, do mundo das letras ou da cultura; coa finalidade de promocionar esta feira, actuando como voceiro.

- Gala da Gastronomía de Galicia, que se ven facendo desde o ano 1995 no pavillón municipal, e que é retransmitido en directo desde a TVG. Ademais de brindarnos con boa música e actualidade, faise a entrega dos Premios de Gastronomía de Galicia e do Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico "Álvaro Cunqueiro", que serven para galardoar a profesionais relacionados coa gastronomía de Galicia, e para premiar o labor de toda unha vida profesional adicada á mesma.

- Venres básicos, actividade proposta pola Concellería de Xuventude da vila, na que se levan a cabo concertos de música e outras actividades de carácter lúdico.

- Divercocido, no que se levan a cabo diversas actividades dirixidas a todos os rapaces e rapazas, desenvolvida tamén pola Concellería de Xuventude, coa finalidade de que se divirtan e pasen unha boa tarde chea de xogos e diversión.

- Rallye do cocido, que se leva a cabo en diferentes parroquias, e nas que se establecen diversos tramos polas que estes rapaces van pasar durante todo o día que dura o rallye. Dura unha fin de semana, sempre despois da celebración da feira. O venres se expoñen, no campo da feira, os coches que van participar; o sábado levase a cabo o rallye, e o domingo é a entrega de premios.

Deste programa de actividades, hai tres que xa contan cun protagonismo especial: o cartel, elaborado cada ano por un artista galego diferente que plasma a súa visión sobre a festa; o pregoeiro e a Encomenda do Cocido.

 

- A Feira do Cocido de Lalín celébrase todos os anos o domingo anterior ó domingo de entroido, pero os cocidos que se fan en Cea (Ourense) e Cee (A Coruña) son no mes de agosto.

- A actividade da Matanza do Porco, que se ven celebrando cada ano nunha parroquia diferente da Comarca do Deza, conta coa colaboración de todos os seus veciños, e foi proposta como unha recuperación da actividade. Invítase a todas aquelas persoas que queiran ir a presenciar este feito, que poden ademais achegarse ós hábitos de matanza que se empregaban ata fai ben pouco, comezando pola chamusca do porco e acabando polo despece.


 

... a capa que levan os comendadores no Cocido a fixo o deseñador lalinense Florentino?

... a encomenda do cocido é unha sociedade gastronómica sen ánimo de lucro que xurdiu no ano 2000, e na que formar parte dela implica ter que comer cocido de Lalín unha vez ó ano e levar posta a capa dos comendadores?

... o premio que se lles entrega na Gala da Gastronomía de Galicia se chama Testiño e o seu autor é Paco Lareo, pintor e escultor lalinense?

... se fixo unha sintonía do Cocido?

... no ano 1999 a Xunta de Galicia declara á Feira do Cocido como Festa de Galicia de Interese Turístico?

... os "Cocidos do Camiño" é unha actividade que pretende poñer en común a todos os pobos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que teñen como prato típico o cocido?

... o primeiro pregoeiro foi Álvaro Cunqueiro, no 1969, ano no que se comezou a celebrar esta festa?

... os días previos á celebración da Gala da Gastronomía de Galicia podes acudir ó concello de Lalín a recoller as entradas que regala o alcalde para acudir ó evento?


 

- Para saber facer un bo cocido, ademais de empregar os ingredentes necesarios, cómpre saber cal é o modo de preparación axeitado.

- Os pregoeiros desta festa gastronómica son unha das pezas fundamentais no día grande, xa que é co seu pregón cando se inaugura este gran día.

- Un elemento importante da festa tamén é o cartel que precede á súa celebración.

- Os premios que se entregan na Gala da Gastronomía teñen diferentes categorías.

QUEN SON OS AUTORES DESTE TRABALLO

- Feijoo Varela, Cristina
- González Rocha, Silvana
- Lamas Álvarez, Rita
- Serra Vaz, Alejo

Alumnos de 3º de Pedagoxía de "Didáctica Aplicada á Educación Secundaria"- Facultade de Ciencias da Educación. Santiago de Compostela. Coordinados polo profesor Jesús Rodríguez Rodríguez.