Nº 16 Xaneiro 2007
Contacto
O comercio mundial esta a producir maiores niveis de pobreza ca os que se pretenden superar a través da globalización. As diferenzas entre o Norte e o Sur son cada día máis profundas. Fronte á inxustiza podemos achegar solucións, no individual: coas nosas accións de consumo, no xeral coas nosas accións sociais e políticas.
Entendese por comercio xusto o movemento internacional (involucra a ONGDs, Nacions Unidas e movementos sociais, sindicais e politicos) que promove un sistema alternativo máis xusto de relacións comerciais e produtivas entre o Norte e o Sur do planeta. Tamén é coñecido polos nomes de Comercio Equitativo, Comercio Solidario ou Comercio Alternativo. Criterios de comercio xusto (Fonte Intermón Oxfam)
O comercio tradicional poucas veces defende os criterios do comercio xusto, e case sempre acentúa as diferenzas entre os países ricos e pobres. Esta situación pódese cambiar a través do comercio xusto, unha ferramenta de cooperación para colaborar á erradicación da pobreza nos países en desenvolvemento e axudar ás poboacións empobrecidas a saír da súa dependencia e explotación. As organizacións de comercio xusto constitúense nun sistema comercial alternativo que ofrece aos productores acceso directo aos mercados do Norte e unhas condicións laborais e comerciais xustas e igualitarias, que lles asegure un medio de vida sustentable. Estas organizacións deben respectar unha serie de criterios básicos para que o seus produtos leven o Selo que os clasifica como produtos de comercio xusto:
Salarios para unha vida digna
Os soldos que reciben os traballadores do Sur condénanos a seren escravos da pobreza. Uns 100 millóns de persoas viven do café. A maioría son xornaleiros ou pequenos campesiños que cultivan as súas parcelas. Cando caen os prezos do café, os pequenos propietarios deben aumentar a área dedicada a este cultivo en detrimento dos produtos para o autoconsumo. Os xornaleiros deben andar varios quilómetros para chegar ata as plantaciones e cargar os sacos de café de volta.
Non á explotación infantil
Os nenos e nenas traballan como adultos en moitos países do Sur. Os xornaleiros son axudados polos seus fillos e fillas para así aumentar os ingresos. As situacións de extrema pobreza que viven as familias fórzaas a iso. Sen unha escola que lles facilite un mellor futuro, traballan demasiadas horas e viven en condicións insalubres e expostos a enfermidades. Ademais, cobran menos polo seu traballo e sofren trastornos que lles afectan física e psiquicamente.
Igualdade entre homes e mulleres
É habitual que a muller cobre un salario inferior por realizar o mesmo traballo ca un home. Desde o berce ata a tumba, as mulleres están sistematicamente discriminadas no plano social e económico. Isto suponlles careceren de posibilidades de alcanzar un emprego seguro, ingresos propios, formación e, xa que logo, tomar decisións sobre o seu propio futuro. O 70% dos que viven na pobreza absoluta son mulleres e hai un abismo entre a retribución que as mulleres reciben e o papel que desempeñan na sociedade.
Respecto ao medio ambiente
A sobreexplotación dos recursos naturais compromete o desenvolvemento dos países do Sur Nos útlimos anos intensificouse o uso de pesticidas e fertilizantes nas plantacións. Estímase que nos países do Terceiro Mundo utilízanse sen control unhas 400.000 toneladas anuais de pesticidas, moitos deles prohibidos nos países do Norte. Aínda que a curto prazo eliminan as pragas, estes produtos afectan á pel e ás vías respiratorias, e provocan a degradación dos solos e a contaminación do medio natural, coa conseguinte recesión dos cultivos. Unha produción de café sen produtos químicos suporía un aforro de entre 100 e 120 € por ano e hectárea, aínda que a produtividade das terras sería menor.
Dereitos laborais
A ausencia de dereitos laborais dificulta a obtención dunhas condicións de vida e traballo máis dignas En moitos países de Sudamérica e África, os capataces van armados; os temporeiros amoréanse en aloxamentos precarios; non hai ningunha cobertura sanitaria para previr enfermidades ou accidentes; as leis non permiten a asociación ou sindicación e, se a permiten, os sicarios encárganse de perseguir os activistas...
Artesanía |
obxectos de decoración, papelaría, xoguetes, bixutaría, bolsos, mochilas, xogos infantís, cestos, mobles... |
Téxtil |
complementos de vestir, roupa para o fogar, panos, tapizaría,... |
PRODUTOS CON SELO DE GARANTÍA
Como resulta doado comprender, o comercio xusto precisa dunhas garantías que aseguren que os produtos se fabrican tal e como vimos describindo. Esta necesidade fíxose evidente, en especial, a partir da presenza de artigos co reclamo de xustos en puntos de venda distintos ás propias tendas solidarias, polo que se comezaron a implantar os denominados selos de garantía, estendidos por organizacións responsables da correspondente certificación.
![]() |
FLO (http://www.fairtrade.net/) (Fair Trade Labelling Organizations International) é a federación central internacional de 19 iniciativas nacionais outorgantes do selo de calidade do comercio xusto. Certifica produtos como: café, té, arroz, froitas frescas, mollos, cacao, azucre, mel, balóns de deporte, viño, flores,... Co fin de desempeñar a tarefa principal -a certificación de productores e realización de transaccions de Comercio Xusto- fundouse hai poucos anos unha organización independente de certificación, FLO Cert GmbH. |
![]() |
IFAT (http://www.ifat.org/) (The International Fair Trade Association) é a sociedade paraguas de organizacións de comercio xusto de 60 países de todos os continentes. A maioría dos aproximadamente 200 membros son organizacións productoras e importadoras. O logo IFAT está a disposición das organizacións integrantes, sempre que aproben o sistema de autoavaliación con éxito. O sistema ten as compoñentes seguintes: autoavaliación, revisión mutua, verificación externa. O logo IFAT non é para produtos, senón que cualifica os receptores de organizacións que se comprometen activa e exclusivamente a favor de Comercio Xusto. |
![]() |
NEWS! (http://www.worldshops.org/) (Network of the European World Shops) é unha rede de tendas solidarias de Europa que facilita a cooperación e a unión entre os seus membros: 15 organizacións nacionais de tendas de 13 países que representan un total de aproximadamente 2.700 tendas de comercio xusto. Os obxectivos de NEWS! son os seguintes: unir os intereses das tendas do mundo e das súas organizacións; iniciar, dirixir e promover campañas e coordinar actividades a escala europea tendo como obxecto fomentar o Comercio Xusto e o traballo das tendas; cooperar con outras organizacións fomentando o Comercio Xusto e o traballo das tendas. |
![]() |
EFTA (http://www.eftafairtrade.org/) (European Fair Trade Association) asociación de once importadoras en nove países europeos. Os membros da EFTA desexan facer o Comercio Xusto máis efectivo e eficaz, harmonizando e coordinando as súas actividades, especialmente na área de cambio de informacións sobre os socios comerciais, os produtos e asuntos de mercadeo. Actuacións de presión política a escala europea e internacional danlle unha voz máis alta ás organizacións productoras. |
TENDAS
Dispoñemos cada día de mais alternativas e opción para mercar produtos de comercio xusto. As que teñen maior difusión en Galicia: Amarante, A Cova da Terra, Intermón, Panxea e Solidariedade Internacional.
- Existen cada día mais tendas.
-Campaña "Roupa limpa".
-Máis información na Coordinadora estatal de ONGDs e na Coordinadora Galega.
-UNTAD, Conferencia das NNUU sobre Comercio e Desenvolvemento.
- Día sen compras ... ou para outra compra posíbel.
- Luis Martínez, labrego de Oaxaca: "O comercio debe ser unha ferramenta de desenvolvemento para os pobos"
- Galiza move o 15.5% do 'comercio xusto' a nivel estatal.
OIT, Programa da Organización Internacional do Traballo en contra do traballo infantil
- Global March, accións en contra da explotación laboral da infancia
Ramón Ferreño Mariño
Profesor de Ensino Secundario. CPI “O Mosteirón”, Sada, A Coruña.
-Revisar etiquetas dos produtos que compramos. Comparalas coas que se ofrecen en calquera produto de comercio xusto.
-Organizar unha exposición venda de produtos (contactar con algunha das tendas para organizalo).
-Investigar na clase de onde sae o prezo dunha prenda de marca. Pensar na publicidade ( ); pode ser de utilidade visitar a proposta de roupa limpa.
-Visitar unha tenda de comercio xusto. Mercar produtos e falar coas persoas que traballan nela...descubre o que se agacha tras o produto, a vida dos seus produtores/as...
-Participar nunha campaña a favor do Comercio Xusto ou Comercio con Xustiza.
- Ver algún vídeo sobre o tema; Intermóm, Setem, e outras ONGDs dispoñen de material axeitado. Facer unha actividade de vídeo forum.
-Organizar o "Xuízo a Nike". Xogo de simulación editado por Intermón Oxfan, ou outras propostas para a escola (.pdf )