Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº 12 Novembro 2006
Contacto

Cogomelos

Chega o outono, no solo dos bosques e das viñas, nos herbeiros e mesmo nas pólas das árbores, xorde unha morea de seres cunha grande diversidade de formas, cores e tamaños que, dende os tempos máis remotos, e debido ao seu aspecto e efectos, foron motivo de curiosidade, aproveitamento e moitas veces temor... Eses seres son os cogomelos ou setas.


 

Para ser precisos, as setas ou cogomelos son as froitificacións, os órganos que empregan para reproducirse uns seres vivos que se desenvolven baixo o solo ou as follas e mesmo no interior das árbores. Eses seres son os fungos e forman un reino propio, o reino Fungi ou micetal. A súa característica principal é a carencia de clorofila polo que teñen que tomar o seu alimento de substancias elaboradas por outros seres (animais, vexetais, outros fungos); para facelo transforman ditas substancias mediante exoenzimas e logo absórbenas.

Amanita

Un fungo consta duns filamentos que forman a parte vexetativa ou micelio e que se vive nun determinado substrato; en determinadas condicións de temperatura, humidade, etc, producen os carpóforos ou setas.

Para estudar as partes dunha seta ou cogomelo, podemos tomar como mostra un exemplar do xénero Amanita nel podemos distinguir a volva (especie de saquiño que envolve a parte inferior do pé), pé, anel e sombreiro (con láminas, tubos, aguillóns...na parte inferior). Pero, máis alá deste modelo clásico, a variedade é enorme).

Saprofiticos, parasitos e micorricicos

Segundo o seu papel no medio, podemos considerar tres tipos de fungos: os saprofíticos (viven sobre restos animais ou vexetais), os parásitos (aprovéitanse doutros seres danándoos e mesmo producindo a súa morte) e micorrícicos (relación de convivencia con produción de beneficio mutuo).

Fungos comestible e toxicos

En canto ao seu uso como alimento, podemos clasificalos en comestibles, tóxicos e sen valor culinario. Dentro dos primeiros atopamos especies moi apreciadas como o Boletus edulis, Cantharellus cibarius, Amanita caesarea, Macrolepiota procera, Lactarius deliciosus, etc e nas tóxicas máis perigosas, diversas Amanitas como a phaloides, verna, virosa...e as Lepiotas de pequeno tamaño, entre outras.

 

Os fungos teñen un papel fundamental nos ciclos do carbono e do nitróxeno, ao posibilitaren o seu peche.

A única norma segura para o recoñecemento dos cogomelos é a identificación mediante as súas características morfolóxicas, axudados pola consulta dunha boa guía ou a axuda dunha persoa experta.

As especies máis perigosas no noso país corresponden aos xéneros: Amanita, Paxillus, Cortinarius e Lepiota.


 

En Galiza non son especialmente abundantes os nomes vulgares dos fungos e adóptase a denominación xenérica de “pan de sapo” ou “pan de cobra”. Un caso á parte é o da Macrolepiota procera, moi coñecida e consumida, que recibe diferentes nomes: choupíns, cogordos, patamela, monxo, zarrota... É recomendábel a utilización da nomenclatura científica para evitar confusións, así: Macrolepiota (xénero) procera (referente da especie).

O micelio dos fungos ten crecemento circular, polo que é habitual que os cogomelos formen rodas coñecidas polo nome de “corros de bruxas”. Precisamente o descoñecemento deste fenómeno e a aparición repentina destes círculos (que, ás veces, poden acadar quilómetros), fixo que se asociasen ao mundo máxico, ao supor que era o lugar onde bailaban as bruxas (e de aí o seu nome).


 

A cociña dos cogomelos é moi apreciada

Existen numerosas asociacións micolóxicas no noso país

Os cogordos

Información completa sobre intoxicacións podémola atopar na web do Sergas.

Os cogomelos deron lugar a numerosos refráns.

Máis sobre fungos na Wikipedia.

QUEN É O AUTOR DESTE TRABALLO

Xosé Álvarez Castro. Profesor no IES Sanxenxo. Membro do grupo micolóxico Sendeiriña da ASC CEDOFEITA.
Fotografías: Marisé Pérez Caramés. Os dous son membros de NEG.