Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº 10 Novembro 2006
Contacto

Cabazas do Samaín

Samaín

Chega o outono e con él as castañas, as caveiras de melón, os calacús, as abóboras; chegan as augas e os tempos escuros, remata o verán e encétase o inverno, vaise a calor e vén o frío: acaban as romarías ao sol e inícianse os fiadeiros a carón do lume: son os tempos de Samaín.

 

Cabazas do Samaín

Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.

Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza dos melóns, ou cabazos, ou calabazotes. Tradición que, grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro, sabemos que se estende por toda a antiga xeografía céltica europea e concretamente para o caso de España, por todas as zonas con presencia do elemento céltico ben documentado. En Galiza atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense...etc.

 

O Samaín é o antecedente europeo do Halloween americano. Tradición de orixe europeo foi levada polos emigrantes a terras americanas e de alí transmutouse nun carnaval outonal.

É unha tradición aínda hoxe presente en numerosas pedanías rurais das comunidades do norte e centro da Península Ibérica: Galiza, Asturias, Aragón, Cantabria, Castela-León, Madrid, Cuenca, Guadalajara..etc.

 

... dende hai xa dezasete anos na vila de Cedeira celébrase a Festa de Samaín?

... en Chubut, Arxentina, as comunidades galesas e galegas celebran conxuntamente esta tradición ?

... ao día de hoxe varias localidades francesas están a iniciar tamén as súas Festas de Samaín, para contrapoñelas ao Halloween?

... certas comunidades progresistas de EEUU están celebrando estas datas co nome de Samaín e non Halloween?

... fomos nós, os galegos, os primeiros europeos que erguemos a idea de Samaín para facerlle fronte á alienante moda do Halloween?


 

Samaín, a festa das caliveras, é o primeiro estudo publicado en España sobor da tradición do tallado de caveiras. Incorpora unha descrición da creación da Festa de Samaín de Cedeira e unha unidade didáctica aplicable nas escolas e institutos.

No tema do día de CulturaGalega.org: Cabazas do país

No blog de Colineta: Caldo de Cabazo

Na web do CEIP de Palmeira: O Samaín

Revista Nova Fantasía: O Samaín e a Santa Compaña

No Portal da Lingua: Ano Novo Celta

Outro recurso aconsellábel é o DVD Las Calaveras de Ánimas. Vol. V. DVD. Aragón. Edit. Pyrene. Tamén na obra do etnógrafo asturiano Constantino Cabral, que analiza rasgos desta tradición en Asturias.

Radiquero, pequena aldea oscense. Sorpréndete coas similitudes dos contos e lendas das comunidades onde esta tradición está presente.

QUEN É O AUTOR DESTE TRABALLO

Rafael López Loureiro, mestre, investigador e artista plástico. Creador da técnica dos encolados. Premio Escola Crítica e Escola Viva. É autor entre outras de: Siluetas para un teatro de sombras, Colores Cooperativos, Cartafol de Enredos e Samaín a festa das caliveras.