Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº10 Abril 2010
Contacto



Un proxecto de sensibilización do patrimonio cultural dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes


O patrimonio cultural material existente no rural galego dá identidade á nosa paisaxe porque son construcións moi integradas no medio e vencelladas a un xeito de explotar os recursos bastante respectuoso coa natureza da que sabe aproveitarse sen destruíla. No momento actual moitos destes elementos patrimoniais xa non son útiles, razón pola que esmorecen en medio das silveiras ou son destruídos impunemente. Se non hai cara a eles unha valoración como parte da nosa historia, perderanse para sempre da nosa memoria e seremos un pobo sen pasado. De ti depende.

 

Onde podemos atopar este patrimonio cultural?

Nas aldeas.
Se hai unha aldea é que hai unha fonte e xunto a ela, un lavadoiro. Antigos lugares para o abastecemento de auga e reunión, actualmente permanecen medio abandonados aínda que en moitos sitios se teña actuado en favor da súa recuperación.

Outros elementos aparecen relacionados coa manipulación e almacenamento do gran: os hórreos, as palleiras e os eirados. Case podemos dicir que en cada casa destes tres concellos hai un canastro. O habitante máis sensible opta pola súa restauración; outros en cambio prefiren darlle novos usos que alteran as súas formas orixinarias e degradan a súa estética. Cando os hórreos aparecen agrupados en torno a unha eira, algo frecuente nas aldeas da Lama, a harmonía do conxunto arquitectónico é tal que pide unha política especial de sensibilización e conservación destes espazos aínda que xa perderan a súa funcionalidade. Resulta unha mágoa ver moitos eirados asfaltados.

Pero na aldea hai tamén un espazo reservado para lembrar a fugacidade da vida (os petos de ánimas), para establecer un diálogo transcendente (capelas, igrexas, cruceiros) e ao seu carón, sen transición, a parte festiva: os torreiros. Carne e espírito mesturados, unha síntese no espazo do mundo mental do ser humano.

Nos ríos.
Os ríos Verdugo e Oitavén e toda a súa extensa rede de afluentes foron elementos que favoreceron o asentamento nunha zona de pouca superficie agraria útil. A forza e a regularidade das súas augas permitiron o seu aproveitamento para a instalación de muíños. Nunha área de poboamento disperso, de tradicional economía de subsistencia orientada ao cultivo do millo, era necesario completar o ciclo produtivo coa presenza de numerosas fábricas de fariña. Os muíños son modestas e sabias obras de enxeñaría popular que, perdida a súa función, adormecen na ignorancia e indiferenza xeneralizada. Poucos saben que na parroquia da Insua (Ponte Caldelas) había varios batáns onde o mazo movido pola auga golpeaba feixes de liño e de lá de buriel.

No río atopamos tamén pontes, pontillóns e pasos. Pontes de coidada fábrica que deron nome a unha vila como Ponte Caldelas; fermosas e sólidas como a ponte de Berducido na Lama; de enorme encanto como a Ponte da Laxe, en Fornelos; lugares de trasfega para os arrieiros que percorrían o Camiño Real entre Pontevedra e Ribadavia. Ás veces as corredoiras entre parroquias veciñas salvan os regatos a través dos pontillóns, outras veces, cando o río é ancho , pero a corrente e a profundidade do río leve, aparecen os pasos, unha obra de enorme beleza pola simplicidade da súa execución.

No monte.
Estes tres concellos teñen unha superficie importante de terras de monte. Varias son as serras que accidentan a superficie, de entre todas elas destaca a Serra do Suído. Aquí localízanse elementos patrimoniais de gran valor pola súa peculiaridade relacionados coa actividade gandeira: o foxo do lobo, os sesteiros e os currais. Hai poucos lugares en Galicia onde se conserven tan ben os foxos do lobo, unha antiga trampa que servía para limitar o número de lobos e protexer o gando que pasta no monte libremente. Os sesteiros e os currais son obras directamente relacionadas coa actividade gandeira extensiva. Formas e estruturas moi primitivas que servían a pastores e animais.

 

  • Aínda que os elementos etnográficos vencellados ás aldeas dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes non son diferentes aos doutras aldeas de Galicia, a conservación dun variado e rico repertorio destes elementos en lugares tan próximos á Galicia máis dinámica e urbana debe ser unha obriga de todos porque representan a memoria dun mundo rural xa desaparecido.
  • A presenza dos foxos do lobo, sesteiros e currais ou chozos converten o Suído nunha das mellores áreas na conservación do patrimonio ligado á actividade gandeira extensiva dun espazo de media montaña na Dorsal Galega.
  • O programa de explotación hidroeléctrica sobre os ríos Verdugo e Oitevén supón un ataque ao equilibrio dos ecosistemas fluviais, altera a paisaxe e afecta a numerosos elementos patrimoniais existentes nos ríos: muíños, pontillóns, pasadoiros, pontes.


 



  • Os currais ou chozos servían de acubillo aos pastores que levaban o gando aos pastos frescos do Suído no verán. Onde moraban había ademais da vivenda parideiras e cortes. Os currais da zona do concello de Avión e os de Fornelos son diferentes. Os de Fornelos teñen unha estrutura máis primitiva fronte aos do concello veciño de Avión que teñen arcos e contrafortes para suxeitar o teito.

  • Hai muíños que son de maquía e outros son de herdeiros

 



  • Os canteiros poñen nomes a cada peza dun hórreo, dunha ponte ou dun muíño

  • Os muíños estaban relacionados coa produción de fariña de millo. Os batáns coa fabricación téxtil. O seu funcionamento é semellante ao muíño.

  • Os currais ou chozos son vivendas temporais para os pastores nos pastos naturais do Suído

QUEN SON OS AUTORES DESTE TRABALLO

  • Chus Diéguez
  • Humberto Martínez
  • Cristina Ogando

Profesores do IES de Ponte Caldelas e coordinadores do Proxecto de sensibilización ao redor do patrimonio etnográfico que resultou premiado pola Fundación Antonio Fraguas no ano 2006