Nº11 Maio 2010
Contacto
Todas as persoas necesitamos comunicarnos como forma de relación e interacción social. Esta comunicación plásmase a través da linguaxe, onde todos os seres humanos posuímos de forma innata uns patrón lingüísticos abstractos que imos desenvolver dependendo do entorno no que nos toque vivir e que se materializa na lingua propia de cada lugar. Cando pensamos na linguaxe, tendemos a facelo dentro da oralidade, posto que unha gran parte das persoas que integran a nosa sociedade comunícase de forma oral. Pero, sen embargo, a linguaxe oral non é a única senón que existe a linguaxe de signos que é empregada sobre todo polas persoas que teñen unha discapacidade auditiva é é un medio imprescindible para aqueles que ademais de esa discapacidade auditiva tamén é visual. Como ben xa se indicaba os seres humanos de forma innata teñen uns mecanismos para a adquisición da linguaxe que se van desenvolvendo en contacto cos seus iguais e como tal "a linguaxe de signos vai xurdindo de maneira natural cando unha persoa xorda entra en contacto con outro ou outros xordos" (Rodríguez González, Mª Ángeles), e paulatinamente irán configurándose linguas de signos diferentes que trae consigo non só unha configuración dos signos diferentes entre un país e outro senón que como toda lingua trae consigo unha cultura propia. Por tanto, non se pode dicir que a lingua de signos sexa única e universal para todas as persoas dos distintos países, continentes..., , senón que ao igual que pasa coas linguas de carácter oral son diferentes dun lugar a outro. Incluso dentro do mesmo país poden coexistir diversas linguas de signos e incluso variedades dialectais que se traducen no emprego de diferentes signos aceptadas.
As diversas linguas de signos, pese a que recentemente está sendo recoñecida como tal nas lexislacións entre elas a española, non sempre gozou de unha "boa saúde" no senso de que tivo (e aínda ten) moitos detractores polo camiño que propiciou un estancamento das mesmas e a educación das persoas xordas centrouse durante un tempo cara unha educación puramente oralista, é dicir, pretendíase que as persoas con deficiencia auditiva só se comunicaran a través da linguaxe verbal. Así, se durante os séculos XVI e XVII coñécese a existencia de mestres que ensinan ás persoas xordas utilizando xestos, tales como Ponce de León e Bonet e que foi consolidado nos séculos XVIII e XIX por mestres que trasladan este coñecemento a persoas de condicións socioeconómicas variadas, con docentes tan coñecidos como o Abad L'epee e discípulos seus como Sicard, estes avances truncáronse a partires do Congreso de Milán en 1880, onde un grupo de mestres de persoas xordas decidiron excluír a lingua de signos no proceso de ensinanza-aprendizaxe e o seu obxectivo primordial sería potenciar a fala no alumnado con deficiencia auditiva. É por iso que nos inicios do S. XX imperou o sistema estritamente oralista, pese a que autores de recoñecido prestixio como Vigotsky manifestaron a pouca eficacia dos métodos orais puros. Segundo el, estes métodos conducen "ao desenvolvemento da articulación, pero non da fala... e unha fala deste tipo nunca serve para o desenvolvemento do xordo, nin se convirte nun medio para acumular unha experiencia social, nin para a participación na vida social. (Vigotsky, 1983). Vigotsky defendía o eclecticismo entre a a lingua oral e a lingua de signos, considerando a esta última unha verdadeira lingua.
Existen máis motivos ademais dos xa explicados polos que podemos considerar que a comunicación xestual empregada polas persoas xordas entre si constitúe unha forma de linguaxe. Así, a miúdo falamos que a linguaxe posúe tres dimensións: A forma, o contido e o uso. Veremos unha comparativa entre a linguaxe oral e a xestual para comprobar que en ambos casos están presentes estas dimensións.
Con respecto á forma debemos distinguir o nivel fonolóxico e o nivel morfosintáctico. O nivel fonolóxico fai referencia na linguaxe oral aos fonemas, é dicir aos sons que forman as palabras. Este nivel é equiparable nas linguaxe de signos co nivel querolóxico, o cal foi moi estudado polo lingüista estadounidense, Stokoe, no ano 1960, onde establece uns parámetros para a distinción duns signos de outros: Posición das mans e dedos con respecto ao corpo, a configuración das mans, movemento, orientación da palma, compoñentes manuais, expresión facial e movemento dos labios. O cambio de algún destes compoñentes fai cambiar o seu significado por completo.
Exemplo: Os compoñentes manuais nos dous casos de abaixo son iguais, pero teñen distinta expresión facial e posición da man con respecto ao corpo así como movemento.
O nivel morfosintáctico fai referencia á gramática ou estrutura da linguaxe, é dicir, a orde en que as diferentes partes da fala se presentan nunha oración. A linguaxe de signos presenta tamén este nivel. Así, se concretamos na lingua de signos española apreciamos que non se corresponde coa lingua oral, xa que soen omitir as palabras función (artigos, preposicións,,,), a orde sintáctica varía, as formas verbais só existen no presente pasado e futuro....
En relación ao contido este fai referencia ao significado do que se di. Constitúe por tanto o vocabulario dunha lingua. Ás veces existen palabras que non teñen unha tradución literal. Iso mesmo ocorre entre as linguas orais e as linguas de signos. Exemplo coa palabra ano. Nós empregaríamos a mesma palabra para dicir. Teño 5 anos (Idade cronolóxica) e O ano pasado. Pero na lingua de signos española emprégase diferente signo.
Ano: Idade cronolóxica
O ano pasado
E, ademais, tal e como ocorre nas linguas orais tamén van evolucionando e aparecendo novos termos, así como as xa mencionadas variedades dentro dunha mesma lingua dun territorio.
O uso é o terceiro nivel e fai referencia ao uso social e interactivo da linguaxe e, este é un nivel que tamén se produce nas linguas de signos sempre e cando sexa coñecida polos seus interlocutores.
Por tanto, vemos que estudos no eido da lingüística propiciaron un maior coñecemento da comunicación xestual e se antes se consideraba un "mimo" ou "pantomima" podemos apreciar que isto non é así e ten unhas estruturas definidas apoiada xa por unha base teórica que fai que se considere unha linguaxe ao igual que a oral. E esta linguaxe xestual deriva en diferentes linguas configuradas en cada país nas que o seu desenvolvemento depende de moitos factores: educativos, económicos, culturais... En moitas ocasións non están recoñecidas como linguas aínda que sexan empregadas polas persoas xordas. Por sorte, noso país recentemente aprobouse unha lei na que se recoñecen oficialmente as linguas de signos española e catalá. Trátase da lei 27/2007, de 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas con discapacidade auditiva e xordocegas. Esta lei está pendente aínda dun desenvolvemento normativo pero esperemos que se consigan eliminar as barreiras de comunicación e integrar as persoas xordas e xordocegas nunha sociedade nas que todos e todas temos o mesmo dereito a participar activamente da contorna que nos rodea.
-Os medios de información e comunicación paulatinamente contribúen a que as persoas xordas poidan estar informadas e participar de actividades. Así existen espazos televisivos como o que temos na nosa comunidade Informativo en linguas de signos que dura uns 50 minutos todas as mañás na canle G2. Podes acceder a través de internet.
Tamén existe un xornal en internet no que o seu grupo diana son as persoas con discapacidade auditiva e a información que transmiten é tanto a nivel escrito como a través da linguaxe de signos. Accede a ela: Diario Signo.
A FAXPG (Federación de asociacións de Persoas Xordas de Galicia ) tamén informa acerca de actividades que fan na comunidade de Galicia a través da rede. Védeo a través da rede na web da FAXPG
-A lingua de signos tamén serve como sistema alternativo e/ou aumentativo de persoas que, aínda non teñen unha discapacidade auditiva, teñen necesidades na comunicación oral como é o caso do espectro autista. Na páxina seguinte podedes ler a historia dunha nena de 5 anos con Síndrome de Down e espectro autista que se pode comunicar a través da lingua de signos.
Se queres coñecer un pouco acerca da gramática da lingua de signos española, existe unha páxina web que nos explica a súa gramática, poemas de autores moi coñecidos interpretados na lingua de signos, contos en lingua de signos ….
Para iniciarse no alfabeto dactilolóxico sempre podes consultar esta páxina onde aparece as diferentes configuracións da man
-Tamén podemos ver vídeos e materiais elaborados en colaboración entre mestres e interpretes en lingua de signos española, podes facelo a través desta páxina, onde aqueles profesionais que o desexen poden colgar o seu material.
Podemos profundizar máis acerca da historia, adquisición, .... da linguas de signos, a través da seguinte publicación: -De los Reyes Rodríguez, I. (2005). Comunicar a través del silencio. Las posibilidades de la lengua de signos española. Sevilla: Universidad de Sevilla. -Gallardo Ruiz, J. R. y Gallego, J.L (1995) Manual de logopedia escolar. Un enfoque práctico. Málaga: Aljibe. -Rodríguez González, Mª Ángeles (1991). Lenguaje de signos. Madrid: CNSE e Fundación Once. -Rondal, J. A. e Serón, X. (1995). Trastornos del lenguaje. Barcelona: Paidós.