Poetas en homenaxe a José Ángel Valente



Francisco Xosé Fernández Naval preséntanos nesta web unha pequena homenaxe a Valente e á súa poesía. Non o perdan.

Aquí podedes ler algúns dos poemas que Valente escribiu en galego, xunto con outros que consideramos significativos.

Ademais, varios poetas galegos que admiraron e admiran a Valente e a súa obra escribiron o día do seu pasamento unha homenaxe en forma de poemas, unha homenaxe en forma de palabras:
Arcadio López Casanova, Luz Pozo, Eduardo Estévez, Diego Ameixeiras, Raúl Bentraces e Francisco Domínguez Romero , velaquí:


Grova do Ser
(Homenaxe a José Angel Valente)


A modo de esperanza foi a vida,
luz tecida nos signos da memoria:
un home en pé e só fronte da Historia,
e lonxe sempre a Terra prometida.

Grova do Ser o seu dicir, luída
na fronza do soñar -luz, sombra- a verba
súa, e aquel mirar que esculca, aterva
fondal do Tempo, ¡ai, lapa desvivida!.

Un soño de atervar alá na hora
escura, e escuras mans de cinza agora,
e un corazón na tebra tradeado,

máis que na Noite do calar non cala,
vento de lume que en canción abala,
cántiga súa xa no Alén amado.

Arcadio López-Casanova
No País Valenciano, mes de Sant-Yago do 2000




Mandorla
Para J. Ángel Valente coa palabra

Que non se espallen nunca
eses fragmentos rotos nin a imaxe insidiosa da tristeza
nas estancias do abrente dunha mañá de xullo
pois o fulgor persiste

Pois o fulgor persiste nese alentar
de paxaros escuros e contiguos que dan forma á materia

E acaso fuxe a néboa solar por longos corredores
que se extinguen no vértigo
cando toques o fondo onde a luz permanece

Vas indefenso ó encontro daqueles que inciaron o exilio
no alén da identidade
e podes albiscar a raia desmentida das mudanzas
e os sulagados avatares

Queda de ti contigo a palabra que salva
na inmediatez do lume
E queda a plenitude do vacío sen forma
desde o corpo recente nun espello insumiso cara á morte

Luz Pozo Garza
A Coruña, 19. Xullo.2000





A José Ángel Valente

e se perdo a voz
as pausas as ideas

se perdo a lingua
se esvaran
das miñas mans os pecados

cal a intención
do dito

das follas gastadas
se non teño pasos

se perdo o corazón
se non bate

cal o resto
dos silencios das culpas

se extravío o destino
se xa non vale a álxebra

cal o sentido
do verso
(sempre)
da dor
da memoria

Eduardo Estévez
19/7/2000





Escriban que nunha habitación baleira, probablemente
de paredes amarelas, non quedan espacios libres para a
as homenaxes, que sobran os epitafios, os
agradecementos póstumos, calquera obituario. Que non
se sabe se soa ou non o piano de Thelonius Monk. Que a
derradeira disfunción do hálito ocupa o espacio todo,
que tamén pervive o noxo, o desprezo, o amor que leva
dentro, o fráxil das certezas. Que no baleiro fican
poemas, poesía e versos e un calendario que agoniza na
parede. Que as últimas noticias falan dun poeta que
deixou un díxito vermello remarcado cun círculo de
trazo feble, sinalando unha data centígrada: un
domingo provinciano de desigual memoria que algún día
foi nostalxia.

(1) Nos agradecementos poñan tamén que hai moito tempo
que andamos sobrados de furia. Póñano así, a modo de esperanza.

Diego Ameixeiras





III

moito ten ardido nestes días.
o paseo da noite levoume entre as xestas recén queimadas.
sobe do rueiro unha brisa húmida
de borralla mollada
de orballo gris.
toco esta carqueixa
este pau de silveira mutilado
érgoa negra cara ó ceu
e como é borralla, dígoo:
borralla.
como é borralla todo canto queda
e o abrocho da espranza tamén é borralla

Raúl Bentraces
Retallos do seu diario



O Infinito
A José Ángel Valente (In memoriam)


Se a música sente
o infinito no aire,
a pintura nos ramos
e na flor ou na herba...
O poeta o percibe
nos ramallos e no aire:
na seu verbo conviven
o amor que ilumina,
melodías que elevan...

Francisco Domínguez Romero
La Ribera, 20 - Xullo - 2000