![]() |
CONVOCADO POLA FUNDACIÓN PEDRÓN DE OURO
Nova edición do Certame de Narracións Breves "Modesto R. Figueiredo" [29/09/2005 11:21] A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do concello de Cotobade, convoca unha nova edición do Certame Nacional Galego de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo. O gañador coñecerase nun acto que se celebrará a finais de decembro no concello de Cotabade no que tamén se homenaxeará a figura do "galego egrexio", o historiador Antón Fraguas, do que este ano se conmemora o centenario do seu nacemento.
BASES DO CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES "MODESTO R. FIGUEIREDO"
Poderán tomar parte neste Certame todos os autores de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en Lingua Galega, sexan inéditas e non se teñan presentado a ningún outro Certame a celebrar entre a convocatoria e a resolución deste. Os traballos terán un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografiadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou o desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen. Tempo e modo de presentación Antes do 30 de novembro de 2005, os participantes deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite ou outra forma de identificación aos enderezos seguintes: FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO. Apdo. de Correos 627 Santiago de Compostela ou CONCELLO DE COTOBADE. A Chan,11- Carballedo- 36856COTOBADE. Para a identificación dos autores premiados ou para a daqueles que o Xurado considerase que os seus traballos son merecentes de publicación, todos deberán incluír en sobre pechado, co título e un lema no seu exterior, os seus datos ( nome e apelidos, enderezo, teléfono ou e-mail) e o currículum vítae que consideren oportuno . Para aqueles traballos de autores que se estimen merecentes de publicación o Xurado – de non ser manifestado explicitamente polos autores en documento adxunto no momento do presentar os seus traballos a este Certame - poderá abrir as plicas correspondentes para identificar ós seus autores a fin de poñerse en contacto con eles para que dean o seu consentimento obrigado de publicación dos traballos así considerados. Premios A obra gañadora será premiada con 600 euros. Se a calidade das obras presentadas ao Certame o aconsellase, o Xurado poderá conceder ata dous segundos premios de 240 euros cada un. Da mesma maneira e sen contía económica, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o estime. En todo caso a publicación destes traballos soamente será posible co consentimento dos seus autores. Xurado O xurado estará composto por catro especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores e do Concello de Cotobade, reservándose a Fundación do Pedrón de Ouro os postos de: presidente, secretario e moderador, estes dous últimos con voz pero sen voto. O Xurado, se o considera pertinente, poderá outorgar o premio a dúas obras dividindo a súa contía. Se a calidade literaria das obras non fose estimable, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto. O xurado reunirase contra a terceira semana do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Ó remate do fallo do Xurado o secretario levantará a acta que asinarán todos os membros do mesmo e ese será o único documento que dará fe. Entrega de premios Os premios á obra ou obras galardonadas realizarase nun acto a celebrar na última semana de decembro organizado polo Concello de Cotobade. Os autores premiados terán que recoller personalmente os seus galardóns. Normas finais A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro resérvase o dereito de publicación das obras premiadas na súa primeira edición. O auotor ou autores, ao aceptar estas Bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos de autor a favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. A partir da segunda edición, as obras son da total propiedade dos seus autores, que terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no " PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO DA FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO". As obras non premiadas serán devoltas aos seus autores se as requiren antes de rematar o mes seguinte ao fallo do xurado.Caso contrario serán destruídas. A FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das Bases dos seus Certames.O feito de concursar obriga aos autores a aceptar as Bases deste Certame. |
|
||||||||||||||||||||||||||