![]() |
25 CABODANO DE BLANCO AMOR
Os colectivos homosexuais reivindican a memoria de Blanco Amor [30/11/2004 17:20] O 1 de decembro cúmprense 25 anos do falecemento do escritor Eduardo Blanco Amor. O Pen Clube organizará unha intensa xornada de actos en Ourense, que comezará ás 12:30 no camposanto de San Francisco, onde está soterrado Blanco Amor. Paralelamente, os colectivos homosexuais CGC e Boga, fixeron público un comunicado onde se reivindica a memoria de Eduardo Blanco Amor e se lles solicita ás administracións "un compromiso político eficaz na reparación moral, histórica e económica das lesbianas e dos gais represaliados pola ditadura franquista".
Blanco Amor, entre nós
Eduardo Blanco Amor, un dos máis importantes escritores galegos de toda a historia, falecía o primeiro de decembro de 1979, nun taxi, en Vigo. Hai diso agora 25 anos. Vintecinco anos durante os que o seu valor literario, cementado nas novelas 'A esmorga' e 'Xente ao lonxe', non deixou de medrar. Honrado co Día das Letras en 1993, en todos estes anos diversos estudos puxeron de relevancia os seus valores literarios e o seu compromiso coa esquerda, a democracia e o galeguismo, mentres que quedaba esquecida, ou só rescatada esporadicamente grazas ao voluntarismo, a súa homosexualidade. E non se pode entender a vida e a obra de Eduardo Blanco Amor sen a súa homosexualidade. Blanco-Amor foi o primeiro escritor galego da época moderna que asumiu claramente a súa homosexualidade. Foi o primeiro en colocar un personaxe homosexual, o Milhomes, na súa novela 'A Esmorga', onde se reflectían con claridade as tan terribles dificultades de ser diverxente co modelo hetero-masculino. E Blanco-Amor sufriu longamente na súa vida por asumirse como homosexual. Eduardo Blanco Amor botou a maior parte da súa vida no exilio. Un exilio económico, político, pero tamén moral: en Galiza non podía construír a súa personalidade, a súa homosexualidade, nun réxime opresor que condenaba a diferenza aos espazos máis escuros, ao cárcere, aos campos de concentración, aos psiquiátricos. E á súa volta, Blanco-Amor defrontouse a un muro de illamento construído en boa medida sobre a súa homosexualidade. Nunha das últimas entrevistas que lle concedeu á prensa, un xornalista preguntoulle "por que causas sairía vostede á rúa en manifestación?". E el respondeu: "Polo Estatuto de Autonomía, se se produce algún retroceso na democratización do país, contra as centrais nucleares e polos dereitos dos marxinados, como por exemplo contra a lei de perigosidade social que se lles aplica aos homosexuais". Ese carácter militante, cando máis difícil era, é o que BOGA e o Colectivo Gai de Compostela quere lembrar polo seu cabodano. Pero tamén lembrar a memoria doutros escritores homosexuais, como Fermín Bouza-Brei, que sufriron máis caladamente o medo e a exclusión. Lembrar a memoria de todas e de todos os que coa súa palabra, coa súa arte, lle fixeron fronte a unha sociedade cruel que reprimía a súa homosexualidade. Pero tamén, e moi especialmente, é hora de lembrar as lesbianas e os gais represaliados polo franquismo, condenados ao silencio, a unha heterosexualidade forzada, a negarse a si mesmos, a converterse en monstros para si. E esixísmoslle ás autoridades públicas que, nesta época de memoria, tomen un compromiso político eficaz na reparación moral, histórica e económica das lesbianas e dos gais represaliados pola ditadura franquista. Boga • Mulleres lésbicas e bisexuais de Galiza Colectivo Gai de Compostela |
|
||||||||||||||||||||||||||