ENTREVISTA CON ARTURO DOPICO, DIRECTOR XERAL DE R

¿Que se agocha detrás dunha letra?


¿Que se agocha detrás de R? ¿Que se agocha detrás de tan sorprendente campaña de publicidade? Para sabelo fomos á Coruña e entramos na empresa de cabo dunha soa letra. Paseando por cada andar, fomos vendo moita xente moza, moita imaxe corporativa e moita modernidade. Termos que, desgraciadamente, poucas veces van asociados á palabra Galicia. Pero estes si: R (cun 90% de capital autóctono) investiu o ano pasado 6.000 millóns e investirá ata o 2008 50.000 millóns en Galicia, só en Galicia. Forman R máis de duascentas persoas, na súa maioría profesionais de 30-35 anos pero, corre a apuntar Dopico, "con moita experiencia no mundo das telecomunicacións".

E el é un exemplo. Ten 35 anos. É enxeñeiro superior de Telecomunicacións, traballou en Andersen Consulting e logo exerceu como director da Consultora Norsistemas. Antes de entrar en R foi responsable de Telecomunicacións no Grupo Unión Fenosa, ademais de director de proxecto de Madritel, a empresa adxudicataria do cabo en Madrid. Para coñecer este home subimos ata o derradeiro andar e entramos nunha impresionante oficina dende a que se pode contemplar o porto, A Coruña, o mar. Enfronte, Arturo Dopico, director xeral e primeiro executivo de R.



"En tres anos teremos despregada a nosa rede nas sete cidades galegas"


















"O negocio do cabo ten unha rendibilidade a máis longo prazo, pero o crecemento vai ser moi superior ao que tivo o móbil nos últimos anos"























"Nós non imos facer un portal, senón unha plataforma de comercio electrónico"


















"O marco regulatorio non fai máis que favorecer a telecos que alugan redes de outros"

Vieiros. R chegou con forza ao mundo das telecomunicacións en Galicia: sorprendente nome, presentación e posta en escena moi atrevidas, interesantes ofertas e un equipo humano no que destaca a mocidade. ¿Cal é a imaxe que pretenden darlles aos potenciais clientes?

Arturo Dopico. Ben, cando fixemos o estudio para facer unha análise de cal podía ser o noso nome falamos cos actores máis relevantes do mundo da empresa, do ensino, da cultura, da universidade, etc. e por outro, coa xente da rúa. E, gracias a isto, soubemos cales eran a maioría dos valores que os galegos identificaban con Galicia: a universalidade, a practicidade, a sinxeleza, etc. E de aí, segundo a nosa consultora, vén un pouco o R que pretende reflectir estes valores e tamén un xeito distinto de facer as cousas no mundo das telecomunicacións. Tentamos diferenciarnos do resto dos operadores, que non teñen rede propia senón que o que fan é alugar a rede de Telefónica.

V. ¿Cales son as vosas previsións de futuro?

AD. As previsións son ter cableadas as sete cidades de Galicia en tres anos ou tres anos e medio. Se temos o apoio das administracións públicas e dos concellos, estariamos a falar de dous anos e medio ou tres. Tamén temos que ter boas relacións coas comunidades de veciños para todo o que son as verticais dos edificios, pero ben... non cremos que iso vaia ser un obstáculo.

V. Os seus investimentos, sobre todo en infraestructura, son moi altos. ¿Cren que resultará rendible meter cabo en toda Galicia?

AD. Home, nós somos optimistas, pero dende logo os que pensan que isto é rendible son os accionistas da compañía. O cabo é un negocio a longo prazo. Estamos a falar duns cinco anos para poder entrar en beneficios na conta de resultados e dun prazo de once-doce anos para recuperar os investimentos. Non é un negocio coma o móbil, no que un operador como Airtel aos 22 meses tiña un 'cash-flow' positivo e en catro anos poderán recuperar o investimento. O noso é máis a longo prazo, pero cunha marxe bruta máis alta, tarda máis tempo, pero é máis rendible. E apostamos pola fibra óptica porque é o medio mellor situado de cara ao futuro, de cara aos novos servicios que van vir, sobre todo Internet. Cremos que vai ter un crecemento moi superior ao que ten o móbil nestes últimos anos.

V. ¿Teñen previsto chegar ata a última aldea do concello da Mezquita, por exemplo?

AD. Home, temos pensado nos vindeiros tres anos ter cubertas as sete principais cidades, e a partir de aquí, en sete anos como moito, en todas as poboacións de máis de 20.000 habitantes. Logo empezariamos a baixar pero, obviamente cando estamos a falar de vivendas illadas, monte e demais non ten sentido ningún e non sería rendible.

V
. ¿Cando estará completa a rede e cando comezarán a dar servicios?

AD. A dar servicio comezamos a finais de maio pasado nalgunhas zonas da Coruña, Vigo e Santiago. Pensamos dar servicio no primeiro trimestre deste ano nas outras catro cidades. Temos xa desenvolvida unha rede de máis de 800 quilómetros nas sete cidades...

V. Meténdonos xa en contidos... á parte de ofrecer as canles de TV que actualmente xa fornece Canal Satélite Digital, ¿que outras programacións van incluír?

AD. Nós temos unha política un pouco diferente: só comercializamos servicios empaquetados, que nós chamamos "combos", é dicir, o cliente contrata connosco o Combo 1, o Combo 2, o Combo R..., pois contrata os tres servicios: teléfono, Internet e televisión. Dentro do mundo da empresa é diferente porque á parte disto, ofertamos todos os servicios de datos, Internet, etc. e logo facemos opcións a medida, non só para as grandes empresas senón tamén para as pemes, pequenas oficinas, autónomos, profesionais, etc.

No que é telefonía, en primeiro lugar, ao sermos o primeiro operador que fai unha rede de fibra óptica totalmente nova, permítenos por primeira vez en Galicia ser competencia nas chamadas locais e hai que ter en conta que o 80% das chamadas que fan os galegos son locais. Entón só nós podemos facer competencia aí, e ofrecemos un desconto sobre o operador dominante que é Telefónica.

Por outra banda, como operador galego, temos unha tarifa chamada 'Tarifa Galicia', cun 45% de desconto no que son as chamadas interprovinciais dentro de Galicia. Nós facemos diferencia entre unha chamada de Lugo á Coruña e outra de Lugo a Barcelona. E, como remate, o máis innovador das nosas tarifas é que todos os clientes R poden falar entre eles dende as oito da noite ás oito da mañá totalmente de balde.

No que é o mundo da televisión, estamos a ofrecer 33 canles, e temos un acordo con Sogecable e distribuímos doce canles deste grupo, pero temos acordos para algúns canais de Vía Digital. Non queremos ofertar 100 canles ou 60 de baixa calidade como fan os do satélite, senón centrarnos na calidade e coller as mellores ofertas en cada un dos canais temáticos que hai: nenos, cinema, deportes, etc. Iremos engandindo novas canles á nosa oferta actual, pero o obxectivo sempre será a cualidade.

E dentro do mundo audiovisual, estamos argallando un producto co resto dos operadores de cabo de España para facer un proxecto de 'pay per view', semellante ao que están dando as plataformas de satélite. Para isto está colaborando connosco unha empresa británica que foi a que lanzou este servicio nos operadores de cabo en Gran Bretaña e o que estamos a facer é ter unha relación directa coas "majors" americanas, coas productoras de cinema, para ter unha oferta de primeira man e filmes de estrea.

E no mundo da Internet, hai unha grande diferencia ao utilizar unha rede coma a nosa e non ter que utilizar as redes telefónicas antigas, que son redes de par de cobre que se estenderon hai sesenta ou setenta anos. Nós ofertamos acceso a Internet a través do cabo co módem de cabo. ¿Que vantaxes trae? Pois unha capacidade de 150 Kas reais, e iso é cinco veces máis có que ofrecen o resto dos operadores. Isto é o comezo: máis adiante ofreceremos distintas calidades de servicio con distintos prezos. Pero estamos comercializando xa a tarifa fixa por 6.400 ptas. ao mes e ti podes estar conectada as 24 horas do día, sen entrar e saír de Internet e sen ocupares liña telefónica.

V. Voltarei insistir no dos contidos audiovisuais. Quería saber se o feito de que haxa unha operadora galega vai potenciar o audiovisual galego, por exemplo. ¿Ides ofrecer algo que non ofreza Canal Satélite?

AD. Home, nós somos un medio de distribución axeitado para contidos dirixidos a Galicia. Pero non nos dedicamos a producir contidos. Imos mercalos ou apoiar aqueles que estean en disposición de expoñer contidos propios para Galicia, pero non temos capacidade nin experiencia para facelos. Se unha productora estivese disposta, nós encantados de favorecer o audiovisual galego.

V. Pretenden asemade crear un portal en Internet con amplos servicios para o internauta. ¿Que novidades nos deparará?

AD. Non me gusta o termo "portal"...

V. Cancela, quizais?

AD. (risos) ...non, non imos facer un portal. Nós imos desenvolver unha plataforma de comercio electrónico. Non queremos facer algo como un baúl con moita información onde ti podes navegar, porque cremos que iso non é útil nin productivo. Queremos que permita facer cousas: mercar productos, entradas para os espectáculos, facer banca, transaccións en Bolsa... o que sexa, pero que sexa útil. Indo por aí, temos un proxecto -estamos a falar de máis de 500 millóns de pesetas- que estamos a desenvolver. Ademais, fomos adxudicatarios dun dos principais proxectos que lanzou o Ministerio de Fomento de desenvolvemento de redes interactivas a través de redes de banda larga, cun orzamento de 200 millóns de pesetas dirixido ás pemes, que imos integrar no desenvolvemento desta plataforma comercial.

V. ¿Cando estará listo?

AD. Quixéramos que estivera na primavera, esperamos que non haxa retrasos.

V. Hai pouco creouse unha sociedade chamada Telefónica Cable de Galicia, participada tamén polo Grupo Voz. ¿Que opina disto? ¿Cre que hai mercado suficiente en Galicia para dúas empresas de cabo?

AD. Non creo que Telefónica se meta a iso. Explícome: Telefónica, por lei, ten unha licencia. R foi a adxudicataria das tres licencias que había en Galicia, pero ao memso tempo existe unha moratoria de dous anos a partir da cal Telefónica podía empezar a dar servicio. Sen embargo, como se pode ver xa noutras rexións, como Cataluña ou Castela e León, onde xa rematou o prazo de moratoria, Telefónica non está a facer nada de nada. Para min non ten ningún sentido que Telefónica invista no cabo porque nestes intres xa ten o 100% do mercado do mundo das telecos e do mundo dos datos para a empresa. E do mundo da televisión de pagamento e do audiovisual xa está a prestar todos os servicios a través de Vía Digital.

V. ¿Como ve o panorama para as "telecos" en Galicia? ¿Quen vai gañar esa carreira de tolos?

AD. ¿Esa carreira de tolos entre operadores, dis? (risos) En España están 42 operadores, pero moi poucos veñen a Galicia, porque se centran nas zonas máis rendibles. O que pasa é que nestes intres o marco regulatorio fomentado polo goberno está a favorecer a aqueles operadores que invisten máis en publicidade ca en rede, polo tanto están xurdindo moitas iniciativas que o único que fan é alugarlle a rede a Telefónica. Ti pensa que nós este ano pechamos cun investimento de 6.000 millóns, pero ata o 2008 meteremos ata 50.000 millóns en Galicia, só en Galicia. Pois moitos destes están facendo iniciativas a nivel España cun investimento de menos de mil millóns porque hai un marco regulatorio que favorece os operadores sen rede. E eu creo que Fomento debería favorecer o desenvolvemento de redes de banda larga, e non falo dun favoritismo para o cabo, senón para todas aquelas redes de banda larga, porque senón encontrarémonos que España e Galicia estarán alonxadas do que é o mundo de servicios interactivos que está a chegar. Quedaremos fóra outra vez máis. Ten que cambiar o marco regulatorio xa para favorecer a aqueles que están investindo, que son os que crean riqueza e os que chegan aos barrios, ás vilas e non quedan só no máis rendible.

V. Dígame como ve Galicia dentro de vinte anos, en pleno apoxeo da chamada "sociedade da información".

AD. Home, neste caso eu son parte interesada... (risos), pero todo o que sexa unha aposta de Galicia, do mundo empresarial galego, das administracións polas telecomunicacións, coido que é positivo. Se nós estivesemos no Mediterráneo, máis preto dos centros de decisión, da UE, etc. estariamos noutra situación onde influiría menos. Para nós as telecomunicacións son fundamentais, permítennos achegarnos virtualmente e realmente. E hai un exemplo claro como é a Bretaña en Francia, cunha situación de partida parecida á galega, e que nestes momentos ten un desenvolvemento tremendo basicamente pola aposta que se fixo no eido das telecomunicacións.

V. Identifique empresas e persoas clave na comunicación en Galicia, tanto a nivel técnico coma en contidos.

AD. O concepto dos contidos vai cambiar nos vindeiros anos... Agora mesmo, se ti pensas en contidos, pensarás en TVG, Faro de Vigo, La Voz, El Progreso... pero ese mundo vai cambiar. Calquera que teña algún interese vai ser un productor importante de contidos: a banca, as empresas de "utilities", as empresas de distribución... teñen importantes contidos que meter na rede. E isto vai trocar totalmente.



R.Castro Tarrío
Quen é quen...
...no mundo das Telecomunicacións en Galicia

José Ángel Veiga,
director territorial de Teléfonica para Galicia e Asturias

Rosanna López Salgueiro,
conselleira delegada de Retegal

Luís Suárez Jordana,
director xeral de Comunitel



Vieiros