Vieiros Canal Fwwwrando ed_nomefoto

Vieiros Canal Fwwwrando
desde 2002
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.

 
Mércores 07 de marzo do 2007. Actualizado ás 15:06

PROTESTAS DENDE O SECTOR EMPRESARIAL DO SOFTWARE LIBRE GALEGO
O Sergas defende o gasto de 650.000 euros en licenzas de Microsoft
[07/03/2007 15:06] O director de negocio de Igalia, unha das principais empresas galegas de software libre, acaba de publicar unha dura crítica contra a decisión do Sergas de seguir usando a tecnoloxía de Microsoft na súa web. Javier Vázquez argumenta que pagar máis de cen millóns das antigas pesetas por licencias que hai que renovar cada dous anos "significa gastar de forma ineficiente os nosos impostos". Pola súa banda, o Sergas defende que non ten outra alternativa que seguir traballando con Microsoft debido, entre outros factores, aos problemas técnicos que implicaría unha migración. Continuar


ASOCIACIÓNS DE DEFENSA DAS LIBERDADES TACHAN A DECISIÓN DE ANTIDEMOCRÁTICA
Unha lei francesa pretende castigar os que difundan vídeos violentos sen ser xornalistas
[07/03/2007 12:12] O consello constitucional francés deulle o visto e prace á xa coñecida como Lei Sarkozy contra a delincuencia. Entre outras medidas restritivas, o texto prohibe que a xente que non sexa xornalista profesional difunda vídeos violentos na rede, cunha pena de até cinco anos de cadea. Continuar


O FBI CONSEGUIU ACCEDER AOS DATOS DO SEU DISCO DURO
Demanda a Microsoft porque o Internet Explorer non ocultou a súa afección ao porno
[06/03/2007 12:46] Un estadounidense demandou a empresa informática Microsoft porque o navegador que empregaba, Internet Explorer, non borrou información sobre as páxinas web pornográficas que visitaba, e que logo obtivo o FBI. Continuar


SEGUNDA XORNADA DE INFORMÁTICA GRÁFICA NA UDC
As ferramentas de software libre para o audiovisual danse a coñecer na Coruña
[06/03/2007 11:14] O grupo de programadores e usuarios de Linux GPUL achega por segundo ano o mundo da informática gráfica e o software libre ao público. Durante a mañá do martes 6 de marzo presentaranse no salón de graos da facultade de Informática da Coruña catro conferencias que darán a coñecer as ferramentas libres que existen para a creación de produtos audiovisuais, as súas vantaxes e o seu uso. Continuar


COLABORA CON FRANCIA E ITALIA COA ACHEGA DE DOUS MILLÓNS DE EUROS
Defensa desenvolve un sistema para espiar as comunicacións vía internet
[05/03/2007 16:24] O Ministerio de Defensa español traballa canda os de Francia e Italia na creación dun sistema informático, que permitirá espiar as comunicacións realizadas por calquera usuario na internet. Continuar


A ALTERNATIVA LIBRE AO EXPLORER SEGUE A CONQUISTAR ADEPTOS
Voluntarios completan a tradución do Firefox 2.0 ao galego en tres meses
[05/03/2007 14:11] Tres meses despois do seu lanzamento internacional, a versión 2.0 do navegador Firefox xa está dispoñíbel en galego. O máis relevante é que foi o esforzo de voluntarios, baixo o paraugas de Mancomun.org, o que permitiu a rápida tradución desta ferramenta, cada día máis popular entre os internautas. Na actualidade, en torno a un terzo dos usuarios empregan a principal alternativa libre ao Microsoft Explorer. Continuar


OS ACUSADOS SON APPLE, SAMSUNG E SANDISK
Mercan os dereitos sobre a patente dos reprodutores mp3 e denuncian os principais fabricantes
[04/03/2007 13:59] A empresa estadounidense Texas MP3 Technologies demandou a Apple, Samsung e Sandisk, principais fabricantes de reprodutores mp3 do mundo, por infrinxir a lei de patentes. Os denunciantes mercáronlle a dous coreanos hai pouco máis de dúas semanas un curioso rexistro de 1997 relacionado con este tipo de reprodutores. Continuar


PÓDESE LOITAR VIRTUALMENTE CONTRA UNHA VAGA DE LUMES
Nacións Unidas crea un videoxogo que ensina a prever os desastres naturais
[02/03/2007 18:03] Unha tsunami, un furacán, unha inundación, un terremoto e mesmo unha vaga de lumes. Son as catástrofes contra as que se ten que loitar no videoxogo Stop disasters!, creado pola Oficina para a Redución de Desastres das Nacións Unidas, ISDR. Continuar


A GALEGA R OBTÉN A MELLOR VALORACIÓN ENTRE AS OFERTAS MÁIS VELOCES
A OCU denuncia as diferenzas entre a publicidade da banda larga e as prestacións reais
[01/03/2007 17:32] "As velocidades actuais son suficientes para a maioría dos usuarios, pero as expectativas que crea a publicidade son tan altas que algúns poden sentirse decepcionados". Así avalía a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) as conexións de alta velocidade ofertadas no Estado. Telefónica e Orange logran os mellores resultados entre todas as ofertas de ata un mega por segundo. Entre os servizos de maior velocidade, a operadora galega é a triunfadora. Continuar


A FERRAMENTA LIBRE QUE XESTIONARÁ OS PRIMEIROS BANCOS DE TEMPO ESTÁ LISTA
Cidadáns de Foz e Allariz poderán intercambiar servizos en liña dende abril
[28/02/2007 16:47] Os dous primeiros bancos de tempo galegos comezarán a funcionar nos vindeiros meses, segundo anunciou hoxe a Xunta de Galicia. De feito, a ferramenta a través da que se xestionará o intercambio de servizos entre os veciños xa está lista e poderase descargar a partir de mañá. O goberno quere que sexan as mulleres rurais, un dos colectivos que máis sofren a fenda dixital, as primeiras en beneficiarse deste iniciativa. Nos bancos de tempo pódense ofrecer servizos -por exemplo, coidar nenos- e a cambio recibir horas. Os usuarios cambiarán estas horas por máis servizos, ofrecidos por outras persoas dadas de alta no banco de tempo. Continuar


O SERVIZO ATÓPASE EN FASE DE PROBAS E OFRECERÁ TRADUCIÓN AUTOMÁTICA
Bota a andar Páxinas.com, un buscador de información galega na rede
[28/02/2007 13:42] O buscador Páxinas.com xa se atopa en fase beta. Despois de case un ano de funcionamento do seu bot, que foi furando pola rede adiante na procura de contidos do noso país, xa está aberto ao público o servizo, aínda que, de momento, en período de probas. Continuar


MENTRES, DOUS AUTORES SEGUEN DENUNCIADOS NO SALNÉS
O Supremo dos EUA confirma que os blogueiros non son responsábeis dos comentarios
[27/02/2007 11:08] O Tribunal Supremo dos Estados Unidos reafirmou a inmunidade dos blogueiros fronte aos comentarios que se deixan nas súas bitácoras. O xulgado desestimou un recurso de apelación da compañía Universal Communication Systems, que demandara a Lycos por unhas mensaxes difamatorias aparecidas nun taboleiro de mensaxes. Continuar


OS ARQUIVOS DO NOVO PORTAL LEVARÁN O DRM DE MICROSOFT
Bittorrent venderá filmes e series na rede dende este luns
[26/02/2007 13:40] Bittorrent abre este luns o seu portal Bittorrent Entertainment Network, que permitirá a descarga legal de filmes e programas de televisión. A empresa consegue, así, reconciliarse coa industria cinematográfica estadounidense distribuíndo contidos de pago a prezos que oscilan entre os 2 dólares dos programas de televisión até os 4 dos filmes de estrea. Iso si, estes últimos só se ofrecerán na modalidade de alugueiro. Continuar


PRESIÓNS AOS FABRICANTES PARA QUE NON INSTALEN OS SEUS PROCESADORES
AMD acusa a Intel de tentar formar un monopolio mediante a coacción
[25/02/2007 12:13] A empresa fabricante de microchips AMD acaba de demandar a súa competencia, Intel, por estar a formar un monopolio aplicando técnicas de coacción mundial. Segundo informa Infochannel, a empresa californiana di que Intel presiona de forma ilegal os fabricantes de dispositivos para que non instalen nos equipos os seus procesadores. Trinta e oito foron as compañías que cederon ás presións de Intel, segundo AMD. O segundo fabricante mundial asegura que por este motivo os seus compoñentes foron eliminados dos pecés que se venden en grandes cadeas de tendas de electrodomésticos como Media Markt.


O PAPEL ESCURECE COA LUZ ULTRAVIOLETA
Inventan unha impresora que non precisa tinta
[23/02/2007 14:06] A empresa Xerox está a desenvolver unha nova tecnoloxía de impresión que non vai requirir o uso de tinta. A técnica, que aínda se atopa nas súas primeiras etapas, permitirá reducir os custos económicos e ambientais que provoca o uso masivo de papel nas oficinas, pois empregará follas reutilizábeis que se poderán imprimir e borrar ducias de veces. Continuar


FORMA PARTE DUN OBRADOIRO DE PRENSA DO CENTRO SOCIAL DE COIA
Editan en Vigo a primeira revista dixital feita por maiores
[23/02/2007 13:15] Un grupo de doce persoas maiores do centro social de Coia, en Vigo, estase a iniciar no mundo da prensa dixital a través dun obradoiro de xornalismo. Cada xoves publican no enderezo cscoia.com unha revista ou blog colectivo sobre temas de actualidade, cultura e mesmo consellos de beleza. É a primeira revista dixital do país feita por redactores tan veteranos, que teñen así un medio de expresión para as súas inquietudes.


CRÍTICAS Á ACTITUDE DO GOBERNO CENTRAL NO MANEXO DA CRISE
O blogomillo segue de preto o 'Ostedijk'
[22/02/2007 18:12] Os blogs do país amosan a súa preocupación pola situación do 'Ostedijk', cun seguimento moi de preto dos acontecementos e tamén críticas á actitude gobernamental. Brétemas, na súa entrada do 22 de febreiro, afirma que é o medo das autoridades o que está a condicionar a súa actuación; medo á alarma social e mediática e ás súas consecuencias nunhas eleccións que están moi próximas. Continuar


CRUZ VERMELLA É QUEN DE CONTROLAR OS MOVEMENTOS DOS ENFERMOS
O servizo de seguimento de persoas con alzheimer estará dispoñíbel este mes
[23/02/2007 10:07] Evitar que os enfermos de alzheimer se perdan será máis doado a partir da próxima semana. Daquela será cando Cruz Vermella lance en Galiza un servizo de localización de persoas con deterioro cognitivo a través da tecnoloxía móbil. O sistema é quen de avisar a un centro de control se, por exemplo, algún dos enfermos afástase demasiado do seu domicilio. Iso si, "o proxecto está pensado para pacientes nas primeiras fases desta enfermidade", matiza a responsábel do proxecto en Galiza. Continuar


O PRIMEIRO DO ESTADO EN DAR O PASO
O Concello de Zaragoza aforrará un millón de euros coa introdución do software libre
[23/02/2007 11:54] Impulso á innovación tecnolóxica, garantías de seguridade, mellor servizo e aforro de cartos. Neste último caso, até un millón de euros anualmente. Son os argumentos fundamentais expostos polo propio alcalde de Zaragoza ao tempo que anunciaba que o Concello optou por mudar ao software libre todas as aplicacións informáticas municipais. Continuar


EUA, XAPÓN E EUROPA ACAPARAN AS GANANCIAS POR LICENZAS NO MUNDO
O mapa da desigualdade no repartimento dos dereitos de autor
[22/02/2007 14:43] Capítulo 0, o blog de Manuel Gago, preséntanos dun xeito moi gráfico a desigualdade que existe no mundo no eido dos dereitos de autor e das licenzas. O mapa, un dos moitos incluídos na web Worldmapper.org, reflicte a supremacía dos Estados Unidos, Xapón e Europa fronte á práctica invisibilidade de Sudamérica, África e a meirande parte de Asia. Continuar


ABDELKARIM SULEIMÁN TAMÉN FOI CONDENADO POR DIFAMAR O PRESIDENTE
Condenan un blogueiro exipcio a catro anos de cadea por atentar contra o Islam
[22/02/2007 13:26] Un blogueiro exipcio foi condenado a catro anos de cadea polos contidos da súa bitácora. Segundo un tribunal de Alexandría, Abdelkarim Suleimán, de 22 anos, atentou contra a relixión e difamou o presidente da República. O autor, coñecido polo pseudónimo de Karim Amer, fora detido en novembro por oito entradas do seu blog. Continuar


PARA A PROTECCIÓN AO CONSUMIDOR
A UE vixiará as bitácoras que afagan empresas
[22/02/2007 11:36] A popularización dos blogs incluíu nos últimos tempos o descubrimento desta ferramenta por parte do ámbito empresarial. A bitácora como instrumento para ter un contacto máis estreito cos clientes é xa utilizada con relativo éxito. Ademais diso, están as empresas interesadas en que o debate na bloguesfera trate de xeito favorábel os sus produtos e servizos. Neste último caso, a Comisión Europea proponse vixiar os falsos blogs creados para afago de empresas concretas. Continuar


A REDE SOCIAL DE NOVAS PUBLICOU MÁIS DE 12.600 HISTORIAS DE 3.000 FONTES DIFERENTES
Chuza! cumpre un ano con máis de mil usuarios inscritos
[21/02/2007 12:11] Xa hai un ano que naceu Chuza!, a rede social galega de novas na internet. Pouco antes das once da noite do 20 de febreiro de 2006 abríase ao público o acceso a chuza.org. Daquela só contaba con nove usuarios rexistrados, outras tantas historias publicadas e quince pendentes. Continuar


O BLOGMILLO CONTRATACA INISTINDO NO "GOOGLEBOMBING" CONTRA A SGAE
A SGAE ameaza un blogueiro por asociar o nome da entidade co termo "ladrones" en Google
[21/02/2007 13:59] Julio Alonso, un blogueiro madrileño, acaba de recibir un fax da SGAE, que ameaza con demandalo. A razón é que Alonso participou co seu blog nunha campaña de 'googlebombing', un sinxelo método para asociar dous termos nos resultados de Google. Neste caso, a campaña logrou que cando se buscaba 'ladrones' en Google a primeira web que aparecía era a da SGAE. Continuar


FALA A WEBMASTER DA SANTA SÉ
Código aberto no Vaticano... de momento só nos computadores
[21/02/2007 12:10] "Non sabemos o sistema operativo que usa Deus, pero nós utilizamos Linux". Confésao a irmá Judith Zoebelein, a quen lle corresponde a dirección do equipo que xestiona a web do Vaticano. Outro exemplo de como as novas tecnoloxías estreitan contacto coa relixión, desde a recepción de avemarías vía correo electrónico até o envío de extractos bíblicos a través de mensaxes SMS. Continuar


ENTREVISTA CO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE ENXEÑEIROS DE INFORMÁTICA E XEFE DE INFORMÁTICA DO CONCELLO DE SANTIAGO
"Se a rede da zona vella é un éxito, o lóxico é levala a outras áreas"
[19/02/2007 17:55] Que unha web institucional requira da sinatura dun enxeñeiro informático, igual que unha ponte está avalada pola firma dun arquitecto. Este é un dos obxectivos da Asociación Enxeñeiros de Informática de Galicia (AEIG), que preside Jesús Rodríguez. Nesta entrevista, Rodríguez fai unha radiografía desta profesión nun intre clave, cando están a piques de nacer dous colexios profesionais de inscrición obrigatoria para os informáticos licenciados. Ademais de presidente da AEIG, Rodríguez é xefe dos servizos informáticos do Concello de Santiago. Por iso tamén adianta a posible expansión da rede sen fíos de Santiago máis alá do casco histórico. Continuar


AS PRAZAS ESGOTÁRONSE EN 33 SEGUNDOS NAS EDICIÓNS PASADAS DESTA PARTY
Milleiros de mozos e mozas, pendentes este sábado do ordenador para inscribirse no Xuventude Galiza Net
[17/02/2007 10:13] Este sábado 17 de febreiro ás 17 horas comeza o proceso de inscrición para obter unha praza no Xuventude Galiza Net 2007. O primeiro paso para participar nesta party é encher o formulario de preinscrición. O ano pasado as prazas esgotáronse en tan só 33 segundos. Os que consigan os seu obxectivo, os máis rápidos na tarde do sábado, gozarán do 30 de marzo ao 1 de abril de máis de sesenta horas ininterrompidas de videoxogos, cinema, torneos e cursos de formación. Aloxamento no Monte do Gozo e comida incluídas, e todo por 37 euros ou menos.
  • Especial Xuventude Galiza Net 2006 en Vieiros



LIBERALIZACIÓN DO ESPECTRO RADIOELÉCTRICO
O Parlamento Europeo aposta pola universalización da banda larga no rural
[16/02/2007 11:13] "Acceso universal" á banda larga, especialmente nas zonas do rural. É un dos puntos que inclúe un informe aprobado este mércores no Parlamento Europeo. O texto propón fomentar a competencia e o desenvolvemento das tecnoloxías innovadoras no espectro radioeléctrico europeo. Segundo os eurodiputados, este espectro, que se liberará coa conversión ao sistema dixital, incrementará a dispoñibilidade xeneralizada da banda larga móbil ou sen fíos, "que beneficiará sobre todo ás zonas rurais". Continuar


O PROXECTO DIRIXIDO DENDE O CESGA ADVIRTE DA DUPLICACIÓN DE PROXECTOS PÚBLICOS
Un informe europeo alerta da "descoordinación" da e-administración galega
[16/02/2007 13:52] A administración electrónica no país avanza con falta de coordinación e duplicación de iniciativas. Así se recolle nun dos informes de ICHNOS, un programa da Unión Europea sobre a e-administración clausurado o xoves en Santiago. Este documento salienta a "falta de planificación" na administración electrónica e no apoio aos emprendedores en Galiza. É máis, o texto indica que existe "unha grave carencia de vontade política para favorecer os cambios". Técnicos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) dirixiron o programa coa axuda de socios italianos e checos. Continuar


EGANET TAMÉN PREMIARÁ A EMPRESAS, ADMINISTRACIÓNS E MESMO BLOGUEIROS
Búscase a mellor obra de arte multimedia galega
[15/02/2007 17:19] EGANET, a patronal das empresas de internet de Galiza, presentou hoxe a cuarta edición dos seus premios. Nas dez categorías destes galardóns inclúese por primeira vez o "Premio Net Art para a mellor web ou produto interactivo galego". Aínda que a maioría dos premios distinguirán iniciativas empresariais, existe un galardón, o "Premio Comunicación Web", ao que se poden presentar, por exemplo, blogueiros ou redes sociais. Outra categoría premiará a accesibilidade dos sitios web, aspecto no que as administracións do país están mellorando, segundo indicou a directiva desta asociación hoxe en Santiago. Continuar


RECTIFICADO O COMUNICADO SOBRE A INTERVENCIÓN DE TOURIÑO NO PARLAMENTO
A Xunta matiza a súa interpretación optimista dos datos da fenda dixital
[14/02/2007 14:07] O presidente da Xunta presentou uns "datos positivos" sobre a evolución do uso das novas tecnoloxías o luns no Parlamento. No comunicado orixinal que resumía esta intervención, a Xunta aseguraba que "en acceso a internet, Galiza foi a comunidade con maior crecemento no ano 2006 (23%)". O certo é que Presidencia recoñeceulle a Vieiros que se trataba dun "erro", pois en realidade o dato referíase unicamente a empresas, polo que reeditou o comunicado orixinal colgado na web. É máis, varias das outras cifras presentadas inicialmente distorsionaban a realidade do uso das TIC no país. O certo é que Galiza non saíu da cola da clasificación de uso da Rede, aínda que si recortou a distancia respecto a media estatal. Continuar


SERVIZO OPERATIVO A FINAIS DE 2007
R entra no mercado da telefonía móbil
[12/02/2007 14:51] A rede da empresa Vodafone fornecerá a infraestrutura para a nova oferta de telefonía que proxecta a operadora galega R. Segundo as previsións presentadas este luns, os usuarios de teléfono móbil poderán contratar os servizos de R no último trimestre de 2007, con ofertas pensadas inicialmente para os clientes que a empresa xa ten no ámbito de internet, teléfono fixo e televisión.


PROXECTO DE LEI DE IMPULSO DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN
As novas tecnoloxías xa libran batallas a prol dos dereitos civís
[12/02/2007 14:18] Hoxe en día falar das innovacións tecnolóxicas non é falar de futuro, é falar de presente, máis ben dun presente que pasa moi rápido. En definitiva o futuro esta aquí, chegou, e as novas tecnoloxías renóvanse e quedan obsoletas en pouco tempo, esta vertixe de acontecementos somete a un constante proceso de cambio o xeito de relacionárense os seres humanos e esta é a verdadeira revolución. Artigo de Pedro Martínez, tenente fiscal de Madrid, na web da Asociación de Internautas. Continuar


A REEDICIÓN DO MÍTICO NAVEGADOR DOS 90 ESTARÁ BASEADA EN FIREFOX 2.0
Netscape tenta resucitar coa súa versión 9.0
[12/02/2007 13:58] O que fora o navegador de internet dominante nos anos 90, Netscape, tenta recuperar o terreo que lle comeu rapidamente o seu rival, o Internet Explorer de Microsoft, e, despois, o seu fillo de código aberto Mozilla Firefox. A empresa propietaria do programa, AOL, anunciou que nun par de meses estará dispoñíbel a versión 9.0 do programa. Continuar


O ORGANISMO QUE CONCEDE NOVOS DOMINIOS REUNIRASE O 26 DE MARZO
PuntoGal segue a recibir apoios de cara á conferencia do ICANN en Lisboa
[09/02/2007 11:35] O 26 de marzo comeza en Lisboa a 28ª conferencia internacional pública da ICANN, o organismo internacional sen ánimo de lucro que se encarga de conceder os nomes e números dos enderezos da internet. Na xuntanza de Portugal, o ICANN terá sobre a mesa as peticións de novos dominios, e ha decidir cando e como convocará os novos nomes. De cara a ese evento, a asociación PuntoGal segue a recabar o apoio dos internautas a prol da concesión do dominio que distinga a lingua e a cultura galegas. No momento de redactar esta información, eran xa 2.761 as sinaturas recollidas, a meirande parte delas de persoas particulares, aínda que tamén se sumaron á iniciativa asociacións, institucións e empresas, e non só de Galiza. Continuar


UN NOVO PORTAL DA XUNTA MOSTRA O ATRASO DA E-ADMINISTRACIÓN NA GALIZA INTERIOR
O 40% dos concellos lugueses e ourensáns aínda non teñen acceso de alta velocidade
[09/02/2007 11:45] En Galiza contratar unha conexión de banda larga non é unha utopía só para os habitantes do rural. Incluso oitenta e nove concellos do país, case o 29% do total, aínda non poden acceder a este servizo, básico para poder aproveitarse das novas tecnoloxías. Así o mostra o Galimap, unha aplicación presentada onte pola Xunta. Este novo sistema de información xeográfica permite comprobar a gravidade da fenda dixital que sofre Galiza, na que hai 58 municipios que non ofrecen aos veciños ningún local de acceso público á rede. Continuar


MALIA QUE A LEI OBRIGA ÁS ADMINISTRACIÓNS A GARANTIR QUE TODOS PODEN USAR OS SEUS PORTAIS
As webs de todas as deputacións galegas suspenden en accesibilidade
[09/02/2007 08:35] Dende 2006 a lei obriga a todas as administracións a facer os seus sitios web accesíbeis para persoas maiores e con discapacidade. Máis dun ano despois, ningunha deputación galega cumpre os requisitos mínimos de accesibilidade, segundo o Test de Accesibilidade Web (TAW), unha ferramenta financiada polo Ministerio de Industria. Polo contrario, a Xunta e os concellos de Santiago, Vigo, A Coruña e Ourense presenta resultados en principio aceptábeis. Continuar


A DECISIÓN DEPENDE DAS DISCOGRÁFICAS
Apple avoga por suprimir a protección DRM na música dixital
[07/02/2007 13:02] O presidente da empresa informática Apple, Steve Jobs, está a negociar coas principais empresas discográficas para que deixen de vender música na rede co sistema de protección DRM. Deste xeito, podería resolver as queixas que lle expuxeron varias asociacións de consumidores europeas, preocupadas polo feito de que as cancións mercadas na tenda en liña de Apple, iTunes, non fosen compatíbeis con calquera reprodutor de música. Continuar


CONSIDERA ILEGAL A INSTALACIÓN DE BECHOS ESPÍAS
Un tribunal alemán prohíbelle á policía fedellar en computador alleo
[07/02/2007 10:46] Aproveitando a actualidade da loita antiterrorista, a semellanza de iniciativas paralelas en Estados Unidos e no Reino Unido, o executivo alemán tamén preparaba plans para darlle maiores poderes ás autoridades policiais para a ciber-investigación. A sentenza dun tribunal de Kalsruhe abre un precedente importante na defensa da privacidade dos usuarios naquel país. Continuar


IGALIA, A XUNTA E AGNIX NUN DOS EVENTOS MÁIS IMPORTANTES DA INDUSTRIA DO SOFTWARE QUE COMEZA MAÑÁ EN ESTREMADURA
Relatores galegos na Conferencia Internacional de Software Libre
[06/02/2007 14:36] Algúns dos mellores programadores do mundo participan dende o mércores na Conferencia Internacional de Software Libre. A cita de Badaxoz tamén acudirán centos de empresas e administracións á caza da última solución para explotar a tecnoloxía sen limitar a liberdade dos usuarios. Entre os relatores destacan Richard Stallman, principal ideólogo do movemento, e Miguel de Icaza. Entre tanto gurú e executivo internacional, tamén hai sitio para a presenza galega. Así, Xavier Vázquez explicará a historia de oito alumnos da Facultade da Informática da Coruña que en cinco anos montaron unha compañía, Igalia, que xa factura máis dun millón de euros. Ademais, a Xunta exporá os seus plans para a e-administración e Roberto Brenlla, de AGNIX, análizará o futuro dos programas abertos. Continuar


ÉXITO DOS 'HELIONAUTAS'
O barco solar completa a travesía atlántica
[06/02/2007 12:38] Co único impulso da enerxía solar, o Sun 21 chegou hai poucos días á Martinica, semanas despois de saír da outra beira do Atlántico. Os promotores da expedición quixeron facer coincidir esa simbólica chegada a porto coa presentación en París do informe sobre o cambio climático. Continuar


OS BLOGUEIROS REUNIRANSE ESTE MES NUNHA CAFETARÍA DA CIDADE DO LÉREZ
Segundo encontro de cervexas e blogs en Pontevedra
[06/02/2007 12:21] Un Beers&Blogs (cervexas e blogs) é unha reunión informal de blogueiros, que se xuntan nun local hostaleiro para compartiren en persoa experiencias e ideas mentres toman unhas cervexas (ou calquera outra cousa). Na wiki de B&B é doado de comprobar que Galiza ocupa un lugar destacado dentro do Estado na convocatoria deste tipo de eventos. A próxima cita será este mes en Pontevedra. Aínda non hai data definitiva: pode ser o 16 ou o 23 de febreiro, segundo se informa no blog convocante, Atún tun tun, onde os interesados se poden apuntar. Continuar


AS COMUNICACIÓNS ELECTRÓNICAS DA XUSTIZA PODERÍAN SER MÁIS VULNERABEIS
Windows e Explorer serán "requisitos" para os xulgados galegos
[06/02/2007 10:33] "Sistema Operativo Windows 98/X9/2000" e "navegador internet explorer 5.5 compatíbel ou superior". Estes son dous dos "requirimentos" que teñen que cumprir os xulgados galegos para introducir o sistema LexNet, unha nova ferramenta de comunicación electrónica na xustiza. Así o indica un convenio firmado pola Xunta e o Estado que foi publicado o venres no BOE. Aínda que a Consellería de Presidencia argumenta que o sistema é quen de funcionar con programas libres, este acordo mostra a contradición entre o discurso oficial de promoción do software aberto e a practica cotiá, que, neste caso, pasa por confiar nas ferramentas de Microsoft. Continuar


LEMBRANZA DO 'XIS'
O día que os internautas puideron navegar en galego
[06/02/2007 10:32] "Estamos a día 3 de febreiro de 1999 e o ánimo dos internautas segue encrespado". Contábao Vieiros no especial titulado Infovía Plus, Telefónica e nós (os internautas). Eran tempos onde o ministro correspondente prometía que en pouco tempo habería tarifa plana para o ADSL a 5 mil pesetas mes, á parte, instalación, módem e fornecedor. Para afrouxar tensións, cando menos os internautas do país estreaban aquel mes a versión definitiva do navegador en galego, o Xis. Fora desenvolvido por un grupo de informáticos e filólogos que se xuntaran no Proxecto Xis para verquer ao galego o Communicator de Netscape, logo de que abrira o seu código fonte. Na actualidade pode usarse en galego o Firefox.


AS ADHESIÓNS A PROL DO DOMINIO XA PASAN DAS 2.500
Industria considera Puntogal un "obxectivo estratéxico"
[05/02/2007 17:43] O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, entrevistouse este xoves con membros da Asociación Puntogal. Blanco coincidiu cos promotores na importancia de conseguir un dominio propio na rede para a lingua e cultura do país, algo que considera un "obxectivo estratéxico". Mentres non paran de medrar os apoios a esta reivindicación. Máis de 2.500 persoas xa asinaron a prol do Puntogal.


A PROTESTA PRETENDE EVITAR A SUBA DAS TARIFAS DE TELEFONÍA
Martes 6 de febreiro: día sen móbil
[06/02/2007 14:38] Os usuarios de teléfonos celulares están chamados a participar este martes 6 de febreiro nunha xornada de móbiles caídos. A convocatoria, feita a través do correo electrónico, pretende darlles un toque de atención ás tres principais compañías de telefonía, Movistar, Vodafone e Orange, para que dean marcha atrás na súa decisión de subir as tarifas a partir do 1 de marzo. As empresas pensan así neutralizar a lei que as obriga a cobraren as chamadas por segundos. Xa anunciaron que incrementarán o prezo de estabelecemento de chamada e mais o custo medio por minuto, co que pensan manter os seus elevados beneficios. Continuar


SEGUNDO A EMPRESA WEBROOT, O SISTEMA TEN IMPORTANTES LIMITACIÓNS DE SEGURIDADE
O novo Windows Vista deixa pasar até un 84% do spyware habitual
[05/02/2007 14:07] Enxeñeiros da empresa Webroot, especializada no desenvolvemento de software de seguridade, publicaron a semana pasada un informe no que sinalan que Windows Vista non detecta a maioría do spyware e virus máis habituais. En concreto, falan dun 84% dos casos en que o novo sistema operativo de Microsoft é vulnerábel aos ataques de spyware, adware, monitores de sistema, virus, troianos e rastrexadores de teclado. Continuar


CORREO DO CO-PRESIDENTE DA COMPAÑÍA A BILL GATES
"Compraría un Mac hoxe mesmo se non fose porque traballo para Microsoft"
[04/02/2007 14:35] Decenas de correos electrónicos enviados entre directivos de Microsoft están a ser publicados por mor dun proceso xudicial. A empresa presidida por Bill Gates enfrontase nun xulgado de Iowa, Estados Unidos, á acusación de utilizar supostas tácticas empresariais ilegais. Entre os moitos mensaxes desclasificados até agora destaca o que Jim Allchin, co-presidente da multinacional, lle manda a Bill Gates no que asegura que compraría un Mac "hoxe mesmo se non fose porque traballo para Microsoft". Continuar


CONVOCADO O QUINTO PREMIO DE XORNALISMO CIENTÍFICO
Divulgar o coñecemento tecnolóxico ten recompensa
[02/02/2007 14:58] A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, convocou unha nova edición do Premio de xornalismo científico Galicia innovación. O certame ten como finalidade estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica, en investigación e desenvolvemento. A convocatoria encádrase dentro do conxunto de actividades coas que a dirección tenta divulgar a comprensión do que significa o desenvolvemento científico e tecnolóxico na configuración do mundo contemporáneo. Na edición do 2006 o xornalista de Vieiros Roberto Noguerol recibiu, de xeito ex aequo xunto con Raúl Romar de La Voz de Galicia, o primeiro premio pola súa reportaxe sobre a evolución do software libre.
  • Vieiros faise co Premio de Xornalismo Científico Galiza Innovación



ENTREVISTA CO DIRECTOR DE BLUSENS, LÍDER NA VENDA DE REPRODUTORES MP3
"Coa formación que temos, hai que pensar en ser empresario e non funcionario"
[02/02/2007 08:30] Agora mesmo é un dos homes de moda, a cara do éxito do mundo dos negocios en Galiza. Contrata misses e patrocina equipos no mundial de motos para promocionar os seus trebellos dixitais. É certo que Xosé Ramón García, santiagués de só 36 anos, sabe como atraer os focos dos medios cara aos seus negocios. Pero tamén é verdade que o avala un espectacular currículo e, sobre todo, as cifras de negocio de Blusens. Son xa medio millón de reprodutores mp3 vendidos no estado, o que o convirte no líder deste mercado. A compañía ten filiais en Dubai, China, Malasia e uns 300 obreiros en Hong Kong. Todo isto deseñado dende Galiza "sen ningún complexo". Continuar


AS PRAZAS ESGOTÁRONSE EN 33 SEGUNDOS NAS EDICIÓNS PASADAS DESTA PARTY
Só os máis rápidos co rato lograrán un sitio en Xuventude Galiza Net
[01/02/2007 10:37] 17:00 horas do 17 de febreiro. Esa é a cita que milleiros de mozos do país xa anotaron nas súas axendas. A esa hora, a organización de Xuventude Galiza Net porá na rede o formulario para lograr unha praza na "party" máis popular de Galiza. E hai razóns abondo para non esquecer esta data, pois "as prazas para este evento cubríronse en menos de 33 segundos nas últimas edicións organizadas en 2005 e 2006", lembra a organización. Así os máis rápidos no envío do formulario gozarán de máis de sesenta horas ininterrompidas de videoxogos, cinema, torneos e cursos de formación. Aloxamento no Monte do Gozo e comida incluídas, e todo por 37 euros ou menos. Continuar


O 'HIDROMETANO' FÓRMASE A PARTIR DA DESCOMPOSICIÓN DO PLANCTO
A enerxía alternativa podería estar no fondo do mar
[01/02/2007 11:05] Científicos alemáns e doutros países están a traballar intensamente cunha nova fonte de enerxía alternativa no fondo do océano. O metano no mar fórmase a partir da descomposición do plancto. Cando este morre descende ás profundidades, onde o frío e a presión fan que se agrupe en moléculas acuosas coñecidas como hidrato de metano. Científicos xaponeses calculan que o hidrometano acumulado nas augas do seu arquipélago podería ser suficiente para o abastecemento de enerxía do país durante cen anos. Porén, o sistema de manipulación conta cunha serie de dificultades para o seu pleno desenvolvemento. Poden aumentar a información no Deutsche Welle.


SANIDADE, INDUSTRIA, PRESIDENCIA E ECONOMÍA PRESENTAN O FUTURO DA E-ADMINISTRACIÓN GALEGA
A Xunta quere empregar os telediagnósticos para reducir as listas de espera
[31/01/2007 14:39] Pagar os impostos por internet con tarxeta ou reducir as listas de espera nos hospitais mediante consultas en liña. Estes son algún dos proxectos prioritarios para a administración electrónica da Xunta, iniciativas presentadas por representantes das consellerías de Industria, Sanidade, Economía e Presidencia nunha xornada celebrada esta mañá en Santiago. Fomentar o uso do software libre "tanto nos servidores como nos computadores dos funcionarios" é outra das medidas adiantadas para sacar a Galiza da "cola do estado que está a cola da Unión Europea no uso das TIC" . Continuar


MARISOL LÓPEZ REUNIUSE ESTE MÉRCORES COA ASOCIACIÓN
Política Lingüística mostra o seu apoio a PuntoGal
[31/01/2007 13:57] A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, recibiu este mércores en Compostela os membros da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal, que promove a existencia dun dominio en Internet para a lingua e a cultura de Galiza. Marisol López manifestoulles o "pleno apoio" do seu departamento aos obxectivos que persegue a asociación. "A existencia deste dominio servirá para darlle maior visibilidade na Internet á existencia da nosa lingua e da nosa cultura; por iso, alentamos esta iniciativa promovida por unha importante representación do ámbito cultural e social do noso país", afirmou.
  • Case 1.800 persoas xa asinaron a prol do PuntoGal



EN SÓ DÚAS SEMANAS DE CAMPAÑA
Case 2.000 persoas xa asinaron a prol do PuntoGal
[31/01/2007 11:01] Preto de 2.000 persoas amosaron xa o seu apoio individual á consecución do dominio propio para a lingua e a cultura galegas, promovido pola asociación PuntoGal. Dende que se abriu a convocatoria na súa páxina web o pasado 17 de xaneiro, xa asinaron a favor do dominio centos de persoas, ademais dalgúns colectivos, empresas e institucións. O ritmo de chegada de sinaturas é constante. Continuar


O XIGANTE DA AUTOMOCIÓN PASA A LINUX
Citröen cambia ao software libre
[31/01/2007 12:31] Serán arredor de 20 mil computadores e máis de dous milleiros de fornecedores os que pasarán a ter instalado o sistema operativo Linux nas instalacións do xigante europeo do motor PSA Peugeot Citröen. Un significativo movemento en favor do código aberto que coinciden ademais coa presentación do Windows Vista de Microsoft. Os expertos prognostican o avance das alternativas ao Windows entre as grandes empresas, explicado pola redución de custos que conseguen coa introdución de Linux. Poden ampliar en Linux Electrons e Auto Spectator.


O PAÍS ASIÁTICO AÍNDA NON CONTA CON APARATOS DE 3X
A cuarta xeración de telefonía móbil xa esta aquí... en China
[31/01/2007 10:31] China levou a cabo en Xangai os primeiros ensaios do mundo con tecnoloxía móbil de cuarta xeración (4X), completamente desenvolvida por investigadores do país, segundo informaba o pasado martes a prensa local. A nova tecnoloxía transmite datos até cincuenta veces máis rápido que a 3X, a máis recente nos mercados mundiais, que paradoxalmente aínda non funciona en China por repetidos atrasos do goberno asiático na concesión de licenzas. Continuar


PODERASE DESCARGAR NAS PRÓXIMAS SEMANAS
A Xunta xa traduciu o Windows Vista ao galego
[30/01/2007 12:53] Haberá Windows Vista en galego e será "en breve". Política Lingüística confirmou a Vieiros que un equipo de tradutores da Xunta e da Real Academia Galega (RAG) xa rematou a tradución do novo sistema operativo. A Xunta, que oficialmente apoia o software libre, adica así recursos públicos a expandir o mercado do sistema propiedade do xigante Microsoft. Tamén é certo que, con este investimento, a Xunta pon a disposición a versión en galego dunha ferramenta que pode dominar o mercado nos próximos anos. Continuar


LANZAMENTO OFICIAL DO WINDOWS VISTA
O novo sistema operativo de Microsoft chega rodeado de polémica
[30/01/2007 11:40] O martes 30 sae á venda para os usuarios domésticos a nova versión do sistema operativo de Microsoft, Windows Vista, cinco anos despois do lanzamento do XP. A empresa norteamericana domina na actualidade o mercado do software, pois ten instalada algunha das versións do seu Windows no 95 por cento dos computadores do mundo, e aspira a que os usuarios se actualicen ao Vista. Microsoft asegura que o novo sistema é máis seguro, máis avanzado e máis atractivo visualmente, pero os seus detractores non están de acordo, e mesmo afirman que podería ser ilegal en Europa. Continuar


REDES PÚBLICAS E UNIVERSAIS CONTRA A FENDA DIXITAL
Todas as aldeas da Estrada terán dende esta semana conexión por banda larga
[29/01/2007 17:23] Acceder a internet de alta velocidade dende calquera aldea da Estrada será posible a partir do martes. Así o adiantou hoxe a iniciativa A Estrada Dixital. Deste xeito, o municipio de Tabeirós convértese no segundo concello da Galiza rural que loita contra a fenda tecnolóxica cunha rede sen fíos de titularidade pública. E iso que o director xeral estatal para a Sociedade da Información é contrario ás redes públicas porque, asegura, prexudican ás operadoras privadas. Continuar


GALIZA FOI PIONEIRA
Os suecos van ter embaixada en Second Life
[30/01/2007 11:01] Suecia vaise converter no segundo país do mundo -Galiza ten unha de seu- con embaixada en Second Life. A iniciativa parte do Instituto Sueco, directamente vencellado ao Ministerio de Asuntos Exteriores. O seu director, Olle Waestberg, salientou que coa embaixada virtual poderán chegar a un amplo sector da mocidade, ademais de ofrecer información e promocionar Suecia. No entanto, non expenderán pasaportes e visados como un organismo oficial, mais diranlles aos usuarios como conseguilos na vida real. Por outra banda, hai quen xa anda a reclamar que antes dunha segunda vida habería que ter unha primeira.
  • Unha tapa de polbo en Second Life?
  • A Universidade de Vigo abre unha oficina en Second Life



CARTA DO RESPONSÁBEL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA PARA A MULTINACIONAL AMERICANA
A Generalitat reclámalle a Apple que inclúa o catalán no seu novo sistema operativo
[29/01/2007 13:51] O novo sistema operativo Mac OS Leopard así como todos os produtos fabricados por Apple poderían incluír nun futuro o catalán entre os seus idiomas. Polo menos esa é a intención de Miquel Pueyo, secretario de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña que lle mandou con tal fin unha carta aos responsábeis americanos e europeos da compañía Apple. Pueyo insiste na misiva na necesidade de incluír o catalán en todos os produtos de Apple, en especial no sistema operativo que comezará a distribuírse no próximo verán. Ademais reclama que as versións dos produtos da compañía que comercializa o iPod e o Mac estean dispoñíbeis en igualdade de condicións co resto das quince linguas que ofrecen actualmente no cedé do ‘Mac OS’. Miquel Pueyo tamén lle recorda a Apple as mobilizacións que se produciron nos últimos anos por parte dos usuarios de Mac para conseguir que o catalán sexa unha opción do sistema operativo.


ESTREARASE NOS ESTADOS UNIDOS O 5 DE FEBREIRO
Yahoo! tentará competir con Google pola publicidade en internet co seu sistema Panamá
[29/01/2007 11:53] A cómoda vantaxe coa que o xigante Google lidera o campo da publicidade en internet pode perigar desde o próximo 5 de febreiro, data na que Yahoo! lanza Panamá, o seu sistema de insercións publicitarias. A entrada dun novo competidor no negocio está a espertar unha grande expectación na rede, de feito na empresa norteamericana aseguran que é "a noticia máis importante desde hai moito tempo". Malia isto, o interese dos expertos e analistas vai máis aló do propio sistema publicitario xa que vén nel a última esperanza de Yahoo! para remontar posicións ante os seus competidores e recuperar usuarios. Non hai que esquecer que en novembro pasado filtrouse un documento interno da empresa no que se recoñecía que non estaba definido o público obxectivo, as xerarquías internas nin a estratexia de Yahoo!.


ANUNCIOUNO UN DOS SEUS FUNDADORES NO FORO ECONÓMICO MUNDIAL
Youtube compartirá beneficios cos usuarios que suban vídeos
[28/01/2007 12:22] Chad Hurley, un dos fundadores de YouTube, anunciou este sábado que a páxina compartirá os seus beneficios financeiros cos seus millóns de usuarios. Segundo adiantou Hurley no Foro Económico Mundial que se está a desenvolver en Davos, unha das maiores innovacións en que traballa a web é o xeito de permitir que o usuarios cobren polo contido subido. "Temos unha audiencia suficientemente grande para ter a oportunidade de apoiar a creatividade mediante o repartimento de beneficios cos usuarios", asegurou o fundador da famosa páxina. Porén, Hurley, multimillonario grazas á venda de Youtube a Google (1.278 millóns de euros), aínda non deu detalles sobre o importe que recibirán os usuarios.


RECLAMABAN 5.000 EUROS POLA MÚSICA DAS CELEBRACiÓNS DE CEDEIRA
A Xustiza libra a unha comisión de festas de pagarlle os dereitos á SGAE
[26/01/2007 14:36] A Audiencia Provincial da Coruña fallou en contra da Sociedade Xeral de Autores e Editores, SGAE no preito polas festas de Cedeira en 2003. O xulgado de primeira instancia condenara á Comisión de Festas local a pagar 5.000 euros pola dereitos da música. Porén, a Xustiza di agora que a Comisión «carece de capacidade para ser parte» no conflicto, polo que non pagará un peso. Malia todo, a xurisprudencia sobre se as comisións e os concellos teñen que pagar á SGAE polas festas segue a ser confusa. Continuar


DESENVOLVEN A POLÉMICA TECNOLOXÍA RFID NO PORRIÑO
Microchips galegos para controlar os asistentes dos cumios internacionais
[26/01/2007 14:31] Chámase RFIDELIA e é a primeira empresa galega de sistemas RFID, a polémica -e eficaz- tecnoloxía chamada a remprazar os códigos de barras. Os RFID son chamados chips espía polos seus detractores, dada a súa capacidade de invadir a intimidade dos cidadáns. As ferramentas desta compañía aplicáronse xa en citas tan importantes coma os Premios Príncipe de Asturias ou en cumios en Washington. Dende a sede da empresa no Porriño explican que "ningunha tecnoloxía de por si é boa ou mala, todo depende do uso que lle queiras dar". Continuar


A FOTOBLOGOTECA INCORPORA AS IMAXES SUBIDAS POLOS USUARIOS AOS SEUS BLOGS
Abertal presenta un sistema propio de xestión de fotoblogs
[26/01/2007 11:29] A empresa carballesa Abertal Networks incorpora ao seu servizo de xestión de blogs blogoteca.com a posibilidade de engadir galerías fotográficas e mesmo crear fotoblogs. As imaxes que se suban ás bitácoras persoais aparecerán automaticamente no enderezo fotoblogoteca.com, onde se poderán compartir e consultar. Continuar


ERGAC.ORG REÚNE A INFORMACIÓN OFICIAL E O BLOG DA ASOCIACIÓN
Os espazos radiofónicos galegos en Cataluña contan cunha nova web
[26/01/2007 11:03] A asociación Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGAC) ten unha nova web na que se integran a parte institucional e o blog, que anteriormente estaba aloxado no servizo Blogger. A comunidade galega en Cataluña dispón, deste xeito, dun novo espazo de encontro e comunicación na rede, complementario aos cinco programas que se emiten actualmente noutras tantas emisoras locais catalás. Continuar


O CAMIÑO CARA O REXISTRO CIVIL EN LIÑA
Presidencia e Red.es financian a informatización dos xulgados de paz e rexistros civís
[26/01/2007 10:15] A Xunta vai destinar 686.000 euros á informatización dos rexistros civís e xulgados de paz de Galiza. A sinatura do convenio entre a Consellería de Presidencia e a entidade do Ministerio de Industria Red.es para o desenvolvemento do programa Rexistro Civil en Liña, incluído no Plan Avanza, foi aprobada o xoves no Consello da Xunta. Será o xermolo da integración das TIC nestes ámbitos, e o camiño para unha xestión rexistral tecnoloxicamente avanzada que permita a prestación dun servizo de maior calidade. Continuar


OS INTERNAUTAS XA PODEN ADHERIRSE INDIVIDUALMENTE Á CAMPAÑA
As sinaturas en apoio do Puntogal achéganse xa ao milleiro en só tres días
[25/01/2007 19:45] En apenas tres días desde que se abriu o espazo na web da Asociación PuntoGal, os apoios non paran de chegar. Nestes momentos xa pasan de 900 os internautas que asinaron en favor dun dominio para a lingua e cultura galega na rede e a cifra non para de medrar. Os promotores son optimistas diante do interese en loitar pola reivindicación da identidade da nosa cultura na internet. O Puntocat levara á ICANN o aval de 50 mil sinaturas. Agora nós iniciamos o camiño. Asina xa para que o desafío se resolva con éxito para Galiza!
  • A Asociación PuntoGal presentouse na Real Academia
  • A polo Galiza.gal: comeza a conquista do dominio



TELEFÓNICA PROMETE ADIANTAR UN ANO A EXTENSIÓN DA BANDA LARGA AO RURAL
Nas aldeas seguirase a pagar máis por menos velocidade en internet
[25/01/2007 16:59] Rematar o Programa de Extensión da Banda Larga a Zonas Rurais este ano e non en 2008. Este é o compromiso que Telefónica asumiu este mércores nunha xuntanza en Santiago. De cumprise a promesa, máis de 3.000 aldeas poderían conectarse nos vindeiros doce meses. Isto supón un adianto respecto das previsións anteriores, que deixaban máis de 1.000 lugares para conectar durante 2008. Iso si, as conexións deste Programa son moito máis lentas e caras do que se pode contratar nas cidades. Continuar


ANÁLISE NO BLOGOMILLO
Que tarecos che gustan?
[25/01/2007 11:01] Un paraugas que prognostica se vai chover ou non, un quentador de bebidas con conexión USB ao computador, lentes con mp3, camisa con ventiladores... Cabeciñas de todo o planeta andan seguido a cavilar novas innovacións tecnolóxicas coas que sorprendernos e o debate e análise destes inventos é case un xénero en si mesmo dentro da bloguesfera. Sobre os famosos gadgets, que nós rebautizamos como "tarecos", Andrés Milleiro reflexiona que en Galiza está pendente algún espazo conxunto onde falarmos deles. Na súa bitácora propón crear un blog en galego sobre tarecos. Alguén se anima?


A INICIATIVA PARTE DE ASOCIACIÓNS DE FRANCIA, ALEMAÑA, NORUEGA E FINLANDIA
Consumidores europeos esíxenlle a Apple que faga compatíbel o iTunes
[24/01/2007 11:59] Catro das organizacións de consumidores máis importantes de Europa pediranlle a Apple que abra o seu sistema de venda de música pola rede iTunes-iPod para que sexa compatíbel con outras plataformas competidoras. A francesa UFC-Que Choisir, a federación de consumidores alemá VZBV e os mediadores de consumo de Noruega e de Finlandia uníronse nunha loita para conseguir que os arquivos vendidos na tenda de Apple se poidan reproducir noutros lectores, e non só nos seus iPod, como acontece na actualidade. Por iso, pídenlle á compañía que resolva o asunto antes de setembro do 2007. Continuar


O VÍDEO AMOSA DEVASTADORAS CONSECUENCIAS POR USAR SOFTWARE PIRATA
Microsoft alerta os usuarios sobre a pirataría
[24/01/2007 11:07] O xigante informático Microsoft está a poñer en marcha unha campaña contra a pirataría de software por medio de animacións cunha atractiva estética de banda deseñada. Dende este luns, o anuncio xa se pode ver na rede para os usuarios dos Estados Unidos, aínda que xa hai un mes que se lanzaron campañas semellantes en Indonesia, Suecia, Francia e Italia. No vídeo, titulado "Genuine Fact Files", preténdese advertir, e mesmo amedrentar, os usuarios e os empresarios sobre o perigo que pode supoñer empregar programas ilegais, e chega a insinuar unha relación entre "de balde" e "inseguro". Continuar


ESTRELLA GALICIA É PIONEIRA NO USO DOS POLÉMICOS RFID
A cervexa galega controlada cun microchip
[23/01/2007 16:28] Parecía ciencia-ficción pero xa está nos bares de Galiza. Os revolucionarios e polémicos microchips RFID entraron no país a través das billas de Estrella Galicia. A empresa cervexeira instalou milleiros destes diminutos trebellos para controlar o rendemento dos seus tiradores. A compañía pode saber así, por exemplo, canto tempo tarda un instalador en colocar unha nova billa. Esta eficaz tecnoloxía é tamén centro dunha gran polémica internacional. E é que o seu mal uso abre as portas para controlar os movementos das persoas e de todo o que compramos. Iso si, a ferramenta de Estrella é respetuosa coa privacidade dos donos dos bares e clientes. Continuar


OS INTERNAUTAS XA PODEN APOIAR INDIVIDUALMENTE A CAMPAÑA
Asina polo PuntoGal!
[23/01/2007 10:55] Ducias de institucións e colectivos garantíronlle xa o seu apoio á iniciativa da Asociación PuntoGal a prol dun dominio galego en internet. Agora chega a etapa da procura de apoios individuais. Na web do colectivo está aberto o espazo para asinar individualmente a proposta, "deixando constancia do apoio ás reivindicacións da Asociación PuntoGal". No momento de escribirmos estas liñas, un cento de persoas xa asinaron. O aval dos apoios sociais será clave para que á hora de levar a petición fronte á ICANN o desafío se resolva con éxito para Galiza.
  • A Asociación PuntoGal presentouse na Real Academia
  • A polo Galiza.gal: comeza a conquista do dominio



NOVAS ACCIÓNS DA XUNTA PARA FOMENTAR O USO DA REDE
Seis de cada dez mulleres nunca se conectaron a internet
[22/01/2007 17:56] Os pais dos alumnos das Galescolas xa non terán que desprazarse ao colexio para saber que tal lle vai aos seus fillos. Estes centros van contar cun portal no que os proxenitores poderán, entre outras cousas, saber que come o seu fillo cada día. O lanzamento desta web é unha das medidas que prepara a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, para impulsar o uso das novas tecnoloxías entre as mulleres e as familias. Unhas iniciativas necesarias, pois o certo é que a fenda dixital en Galiza tamén é unha cuestión de xénero. Un exemplo é que máis de seis de cada dez varóns galegos conectáronse algunha a vez á rede. No caso das galegas, a proporción cae por debaixo do 40%, vinte puntos menos.

Continuar


FUNCIONARÁN BAIXO LINUX
Os primeiros computadores chineses venderanse a pouco máis de 150 euros
[22/01/2007 13:15] Oitenta usuarios están xa a probar os primeiros ordenadores desenvolvidos e creados integramente na China. A empresa Lemote anunciou que as probas no laboratorio do seu ordenador xa remataron e que a mediados de febreiro porán a venda as primeiras mil unidades. Trátase dun ordenador que funcionará baixo Linux e que terá 40 gigas de disco duro e 256 megas de memoria ram. A creación do chip Godson II E por parte de enxeñeiros chineses foi o paso final dun proxecto que contou co apoio e financiamento da Administración Pública China. Cun custo de pouco máis de 150 euros, a tecnoloxía chinés desembarcará tamén no resto do mundo co obxectivo de competir cos xigantes do desenvolvemento informático Microsoft e Intel. Continuar


UN VECIÑO DE COLES CONTA A SÚA ODISEA PARA ACCEDER Á REDE CON BANDA LARGA
En Galiza seguen a instalar liñas obsoletas para internet
[18/01/2007 16:34] O presidente Touriño prometeu que a banda larga chegaría ao 90% da poboación en tres anos. Pero o certo a día de hoxe é que Telefónica -destinataria da maioría dos cartos públicos para ampliar a cobertura de internet- segue a ofrecer novas liñas de teléfono vía radio, que impiden as conexións de banda larga. E isto non sucede unicamente en aldeas remotas. Pasou en Coles, a dez minutos de Ourense, no mes de decembro. Un veciño deste concello relata a súa odisea para conectarse a internet. E é que en Galiza, tres postes de teléfono poden ser un abismo. Continuar


ÉXITO DAS ENCICLOPEDIAS LIBRES
Seis anos de Wikipedia e case catro de Galipedia
[17/01/2007 11:24] Esta semana cúmprense seis anos da orixe da Wikipedia, un proxecto que estimulou profundamente o intercambio de coñecemento a través das novas tecnoloxías. Máis recente no camiño é a Galipedia, que fará o terceiro aniversario o próximo marzo. Ao fío, aproveitamos para falar con Miguel Bugallo, profesor de galego e ao tempo un dos máis activos colaboradores da enciclopedia libre galega. Continuar


A FORXA É UNHA INICIATIVA DE MANCOMUN.ORG
Nace o portal galego para a creación de programas libres
[17/01/2007 16:27] Axudar ao lanzamento de programas libres en galego é máis doado dende hoxe. Mancomun.org, a iniciativa galega polo Software Libre, acaba de crear A Forxa, un portal para coordinar o traballo de empresas, institucións e voluntarios. A través desta ferramenta pódese botar unha man na programación de novas ferramentas e tamén participar noutras tarefas menos técnicas, como a tradución de documentación ao galego. Continuar


EN PROBAS A PRIMEIRA VERSIÓN
Joost: A aposta dos creadores de Skype e Kazaa para a tv en internet
[17/01/2007 11:25] O que foi presentado inicialmente como Venice Project é rebautizado agora co nome de Joost. Trátase da proposta dos creadores das famosas ferramentas Skype e Kazaa para a consulta de vídeos en rede. Segundo aseguran, unha "combinación perfecta de televisión e internet". Poden solicitar xa as claves para probar a versión beta do trebello.
  • Venice Project: nova e-promesa dos autores de Kazaa e Skpye
  • Google paga 1.300 millóns de euros por Youtube



VILLARINO PRESENTARÁ A RENOVACIÓN TECNOLÓXICA DA CÁMARA NA CONFERENCIA DE PARLAMENTOS AUTONÓMICOS
O Parlamento dille si ao software libre
[16/01/2007 12:56] A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, escolleu o software libre e as novas tecnoloxías como tema do seu relatorio na próxima Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (Coprepa). Nesta importante cita institucional, Villarino dará a coñecer un plan para fomentar o uso dos programas libres entre os deputados e traballadores da Cámara. Na actualidade, o Parlamento contrata a maioría das súas aplicacións a Microsoft, malia o apoio oficial da Xunta ao software libre. Continuar


UN GRUPO DE BOLSEIROS PROMOCIONARÁ INTERNET NO RURAL
Un cento de mozos loitarán contra a fenda dixital
[16/01/2007 16:54] Evitar que as aulas de formación tecnolóxica esmorezan por non existir persoal para sacarlles partido. Este é un dos fins da Rede de Dinamizadores da sociedade da información, unha iniciativa da Consellería de Industria para loitar contra a fenda dixital nas áreas rurais. A partir de hoxe, un cento de bolseiros pasarán a traballar en centros comarcais, concellos e asociacións para difundir as vantaxes do ciberespazo. Continuar


A IDEA PARTIU DA ESCOLA SUPERIOR DE ENXEÑARÍA INFORMÁTICA DE OURENSE
A Universidade de Vigo abre unha oficina en Second Life
[16/01/2007 13:23] A presenza galega en Second Life, o mundo virtual de máis éxito na rede, segue a medrar día a día. Se hai dous meses Nacho Mirás creaba o Centro Galego nesa realidade paralela, agora é a Universidade de Vigo a primeira institución académica do noso país en construír unha sucursal dixital. A idea partiu da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Continuar


EXEMPLO DAS VANTAXES QUE O SOFTWARE LIBRE APORTA Á LINGUA
Un alumno lanza un tradutor galego-castelán para OpenOffice
[15/01/2007 16:17] Pasar documentos do galego ao castelán (e viceversa) é moito máis doado grazas a Óscar Hermida, un alumno do instituto Chan do Monte de Marín. Hermida acaba de publicar na rede Traducíndote, un programa capaz de traducir automaticamente textos a través de internet. A aplicación funciona completamente en liña, sen necesidade de instalar ningún programa no computador. Esta ferramenta, que explota a tecnoloxía creada no proxecto Opentrad, tamén traballa con arquivos de OpenOffice. Continuar


MORTOS REAIS CON TUMBAS VIRTUAIS
Varias webs homenaxean os usuarios de MySpace falecidos
[14/01/2007 15:46] Que internet é unha parte cada vez máis importante das nosas vidas non é nada novo. O que si que é noticia é que a morte e o respecto cara aos ausentes comece a protagonizar as chamadas webs 2.0. A práctica de converter a páxina do MySpace dun falecido nunha tumba virtual está comezando a ser máis que habitual nos Estados Unidos. Amigos e familiares seguen a deixar mensaxes nese espazo que antes utilizaban para comunicarse co finado. É por iso polo que xa aparecen os primeiros "cemiterios virtuais", páxinas onde se recollen as ligazóns ao Myspace dalgún finado, onde se explica o motivo da morte así como outros datos de interese sobre a persoa. Continuar


A FALTA DE FORMACIÓN É UNHA DAS CAUSAS DA FENDA DIXITAL DO AGRO GALEGO
Discapacitados introducen a mulleres do rural nas novas tecnoloxías
[12/01/2007 13:15] Mellorar a inserción laboral dun dos colectivos con máis problemas para atopar un traballo. Este é o motivo do innovador programa de alfabetización tecnolóxica para mulleres rurais da Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI). Unhas 350 persoas, na súa maioría discapacitados, aprenden a explotar as ferramentas do ciberespazo a través desta pioneira iniciativa. Os cursos impártense en 30 vilas do rural galego por profesores que tamén sofren algún tipo de minusvalía. Continuar


KOOPA VENDE AS SÚAS CANCIÓNS A TRAVÉS DA REDE E MENSAXES DE MÓBIL
Un grupo musical británico entra nas listas de vendas sen editar discos
[12/01/2007 11:17] Non destacan pola súa orixinalidade, nin son grandes músicos, pero pasarán á historia por seren o primeiro grupo que entra nas listas de vendas do Reino Unido sen editaren discos. Koopa, banda de pop-punk do condado de Essex, está a piques de se converter na primeira en chegar ao top 40 sen ter contrato con ningunha discográfica. O seu single Blag, Steal & Borrow só se pode conseguir mediante descarga. Pero nun país cunha industria discográfica tan potente, non se leva moito o de ofrecer a música de balde. O tema pódese mercar con tarxeta de crédito (por 77 peniques, 1,15 euros) ou enviando unha mensaxe de texto que custa aproximadamente o dobre. Continuar


A DIRECTORA DE SOCIEDADE DA INFORMACIÓN DEBULLA AS CLAVES DO PEGSI
"O compromiso co software libre é real pero o cambio non é de hoxe para mañá"
[11/01/2007 17:40] Sobre os ombreiros de Elena Veiguela, directora xeral de Sociedade da Información, descansa a responsabilidade da estratexia da Xunta para sacar a Galiza da fenda dixital. Nesta entrevista, Veiguela reafirma a aposta do Goberno polo software libre, unha das medidas do novo Plano Galego da Sociedade da Información (PEGSI). O compromiso da Xunta cos programas abertos é "real" e compromete a todas as consellerías, argumenta a directora. Pero o asunto máis relevante do PEGSI é cando todos os galegos poderán ter internet de banda larga. Veiguela non concreta datas, pero defende que o proceso se acelerou grazas á presión sobre Madrid e Telefónica.

Continuar


BAILE DE DATAS SOBRE A EXTENSIÓN DA BANDA LARGA
A Xunta aproba o plan para salvar o país da fenda dixital
[10/01/2007 17:04] O Consello da Xunta aprobou o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) este mércores. Entre a choiva de promesas institucionais, destaca que o 90% dos galegos poderán acceder a banda larga dentro de tres anos. Malia todo, o Plano, que debería coordinar o traballo de todas as consellerías, só ten "carácter orientativo". Algunha das súas claves son o fomento dos contidos en galego e as axudas ás empresas tecnolóxicas. A previsión orzamentaria é elevada, oitocentos millóns de euros a gastar en catro anos no primeiro plano para sacar o país da periferia dixital. Continuar


NOVOS XEITOS DE EXPRESIÓN NA REDE
O Centro Sociocultural do Ensanche, en Compostela, dedica o sábado aos blogs
[11/01/2007 10:41] Os novos formatos de expresión e comunicación que están a aparecer co desenvolvemento da internet serán o fío condutor da xornada que organiza o sábado 13 o Centro Sociocultural do Ensanche, en Compostela. Durante a mañá e a tarde pasarán polas instalacións da rúa Frei Rosendo Salvado diversos conferenciantes que explicarán as características dos blogs, os fotologs, os podcasts e outros medios expresivos de recente creación e que están a crear unha ampla rede social tamén no noso país e na nosa lingua. Continuar


O TELÉFONO MÓBIL DE APPLE PRESENTADO O MARTES LEVANTA PAIXÓNS
O blogomillo amosa o seu entusiasmo polo iPhone
[10/01/2007 18:25] O novo e longamente agardado lanzamento de Apple, o iPhone, un artefacto que combina teléfono, navegador de internet, reprodutor de mp3 e a saber cantas cousas máis, está a causar sensación no blogomillo. Os blogs dos autores máis afeccionados á tecnoloxía, como Opaco, Blogue do Raul, Crónicas de Oz, Capítulo 0 e O neno Paquito ofrécennos completas revisións dun artigo que non chegará ás tendas galegas, no mellor dos casos, até finais de ano. Pero o seu deseño e características fan desexar a moitos a súa inmediata adquisición, a pesar de que o seu prezo (499 ou 599 dólares, segundo o modelo) e a limitación dalgunhas das súas prestacións esperten as críticas dalgúns blogueiros. O nivel de friquismo chegou até tales estremos que xa hai, por exemplo, un vídeo demostrativo con música de Las Grecas.


A XUNTA DESEÑA UNHA "PLATAFORMA DE CONTROL DE CONTIDOS" PARA AS TELEVISIÓNS DIXITAIS
As novas canles de TDT terán que emitir un 30% da programación na nosa lingua
[09/01/2007 17:50] Vixiar que as novas canles de Televisión Dixital Terrestre (TDT) cumpran a obriga de emitir un 30% do tempo, cando menos, en galego. Este é un dos obxectivos da nova "plataforma de control de contidos para as emisións" que prevé crear a Xunta. Un novo ente controlaría así a programación das empresas que gañaron a polémica adxudicación das 45 locais e as dúas para todo o país. A TDT ten unha especial relevancia no país debido aos problemas de recepción da sinal analóxica. Galiza xa é, xunto con Andalucía, a comunidade con máis audiencia nas primeiras emisións en TDT. Continuar


MÁIS DE 180 MUNICIPIOS RECIBIRÁN ESTAS AXUDAS
Innnovación e Industria destina 1,6 millóns de euros en achegar os concellos á rede
[06/10/2006 15:19] A Consellaría de Industria subvenciona a entrada e a presenza dos concellos na Sociedade da Información cun total de 1,6 millóns de euros que se repartirán de diferente maneira segundo a poboación coa que conte cada municipio. Esta medida impulsárona os datos de 2005 referidos ao acceso á rede, situada nun 31,25 por cento, segundo datos propios. Continuar


DEDICADO ÁS PÁXINAS DE TELEFONÍA MÓBIL
Xa está activo o dominio .mobi
[27/09/2006 11:55] Desde esta semana é posíbel rexistrar calquera web co sufixo .mobi, un dominio que a ICANN autorizou o mes de novembro do ano pasado e que desde xuño xa se podía empregar, aínda que só por marcas rexistradas. Continuar


PRESENTADO UN VIDEOXOGO PARA DESENVOLVER A CONCIENCIA AMBIENTAL ENTRE OS RAPACES
Apúntate á ecopanda e recicla!
[02/10/2006 13:53] As Consellerías de Educación e de Medio Ambiente, xunto coa empresa Ecoembes, lanzan esta semana o videoxogo interactivo 'Keco e a busca da ecopanda', destinado a que os rapaces adquiran conciencia ambiental aprendendo a reciclar. O xogo consiste en axudar a un robot a recoller e separar correctamente o lixo mentres se responden preguntas relacionadas co ambiente. Continuar


INSTALACIÓN PILOTO DA TECNOLOXÍA WIMAX NO CEAO
Unha rede para conectar Lugo
[02/10/2006 18:40] Lugo vai ser obxecto de unha experiencia piloto europea coa instalación de unha rede Wimax no polígono industrial do Ceao. Esta tecnoloxía consiste nunha rede de conexións inalámbricas de alta velocidade para transportar o sinal de internet. Comezará a funcionar en novembro, cando emprecen, tamén, a comercializarse estes servizos. Continuar


GUERRA PSICOLÓXICA ENTRE IRÁN E EEUU
A propaganda dispútase nos videoxogos
[03/10/2006 12:01] Farto de títulos como EEUU ataca Irán ou Asalto a Irán, un mozo iraniano de 27 anos contraataca presentando un videoxogo da súa autoría. Este pódese consultar no enderezo www.kobra.ir, aínda que só como aperitivo. A distribución comezará a facerse en Irán, aínda que si teñen pensado ampliala ao mundo occidental. E se os videoxogos estadounidenses tratan todos de atacar e destruir Irán, esta nova proposta contraataca cunha aventura que consite en evitar que un gran cargamento de petróleo atravese o Estreito de Hormuz e chegue aos EEUU. Inspirado en outro xogo chamado Counter Strike, mellórao tecnicamente. E chega en pleno debate sobre o armamento nuclear. Quen vencerá a guerra da propaganda?


CHEGARÁ A OUTRAS CIDADES GALEGAS NOS VINDEIROS DÍAS
O DNI electrónico entrou en Galiza por Ourense
[06/10/2006 11:12] O novo carné de identidade electrónico estreouse este xoves na comisaría de Ourense coa expedición de máis de 40 destas novas tarxetas que permiritán non só demostrar a nosa identidade diante dos funcionarios correspondentes senón tamén a través da rede, facendo posíbeis xestións administrativas, fiscais e comerciais. O retraso na implantación do novo carné está facendo medrar a ansia por renovar o documento xa no novo formato, polo que se prevén longas filas á hora de facer o trámite nos vindeiros días. O DNIE entrará pouco a pouco nas cidades galegas: o luns comezará en Lugo, en Pontevedra o 17 e en Vigo o 18. E, malia as campañas feitas por entidades como a Organización polo Multilingüísmo, teremos que seguir a ter o noso documento en español.


EVOLUCIÓN DA TV A TRAVÉS DE INTERNET
Venice Project: nova e-promesa dos autores de Kazaa e Skpye
[09/10/2006 13:44] "O Venice Project é unha nova empresa que combina os mellores elementos da experiencia televisiva coas máis poderosas tecnoloxías en internet, coa fin de redefinir a forma en que a xente pensa sobre a tv. Non é unha aplicación P2P nin un servizo de descarga". Velaí a pouca información que oficialmente facilitan deica agora os responsábeis desta iniciativa. Vindo de onde vén, cos creadores de Kazaa e Skype como padriños, o proxecto espertou gran expectación na rede. Continuar


O XIGANTE FAISE CON OUTRA EMPRESA EXITOSA
Google paga 1.300 millóns de euros por Youtube
[10/10/2006 08:55] Finalmente, o ruxerruxe converteuse en noticia confirmada nas últimas horas: Youtube pasa a formar parte de Google a cambio duns 1.300 millóns de euros. Google segue así axitando o escenario tecnolóxico, e cando non é coas novidades saídas dos seus propios laboratorios é a través da compra de e-proxectos para complementar o seu imperio internáutico. Con todo, a adquisición desta exitosa plataforma de publicación de vídeos de balde é a maior operación realizada deica agora, movemento estratéxico que Google realiza malia ter o seu propio servizo de intercambio de vídeos. Segundo anunciaron, de momento Youtube seguirá o seu funcionamento independente, aínda dependendendo en última instancia do xigante motor de busca.
  • Anteriores: Venice Project: nova e-promesa dos autores de Kazaa e Skpye
  • Youtube queda cos teus vídeos
  • Xigantes empresariais apúntanse ás videotecas en liña



INICIATIVA AUDIOVISUAL EN LIÑA
eBlog Tv preséntase na rede con entrevista a Suso de Toro
[11/10/2006 10:58] En directo e desde Santiago de Compostela, "sen intermediarios nin xornalistas", o novo espazo en internet eBlogTV convida este mércores ás 12h aos internautas a teren unha conversa virtual co escritor Suso de Toro, a quen se lle poderán facer preguntas en tempo real. O acceso a este vídeo-chat é desta volta gratuíto, aínda que cavilan realizar encontros de pago en futuras emisións. A iniciativa chega promovida por Enrique Castro, promotor tamén da Rede de Blogs Socialistas. O próximo convidado, o mércores 18 de setembro, será Jordi Pedret, deputado do PSC no Congreso, quen falará sobre a campaña electoral catalá.


NOVAS FERRAMENTAS
Máis Google: cara ao Office en liña e atendendo aos Mac
[11/10/2006 11:47] O fluxo informativo do xigante informático estadounidense Google, non deixa de xerar novas alén do novo episodio en que a empresa tirou de talonario para mercar Youtube. Agora, por unha parte integran nun mesmo contorno Docs.Google.com as súas aplicacións en liña de procesador de textos e manexo de follas de cálculo e por outra xuntan media ducia das súas máis coñecidas ferramentas para uso dos computadores da mazá: Google Mac. Recomedámoslles tamén visita á bitácora oficial: Google Mac Blog.


A 'CÁPSULA DO TEMPO' DO PORTAL ESTADOUNIDENSE
Deixa pegada no espazo exterior con Yahoo
[11/10/2006 11:48] Como "primeiro proxecto electrónico antropolóxico da historia" cualificaron os responsábeis de Yahoo a súa última idea. A chamada Time Capsule pide a colaboración dos internautas para acumular información sobre o ser humano e a vida na Terra e aceptan propostas diversas: textos, vídeos, audio, música, que son ordenadas tematicamente: pasado, agora, beleza, fe... As achegas serán dixitalizadas e vanse facer dúas copias: unha vai quedar enterrada en Silicon Valley, á beira da propia sede da empresa, e non se abrirá até 2020, cando Yahoo cumpra 25 anos de historia. A outra vaise chimpar ao espazo a través dun sinal láser. A brincadeira tecnopublicitaria vai ir acompañada dun festivo cerimonial de tres días a celebrar na Pirámide do Sol de Teotihuacan, en México, o próximo 25 de outubro.


CONGRESO EN LIÑA DO OBSERVATORIO PARA A CIBERSOCIEDADE
Até 62 grupos de traballo xestionarán en novembro o ciberdebate sobre a e-sociedade
[11/10/2006 13:13] Política e cambio social, identidade e grupos sociais, comunicación e cultura, educación e aprendizaxes, crítica e innovación. Velaí os grandes temas arredor dos que se organiza a terceira edición do Congreso online do Observatorio para a Cibersociedade. No contorno deses eixos temáticos organízanse até 62 grupos de traballo especializados en moi diversas materias. Até o próximo 30 de outubro, os organizadores chaman ao envío de colaboracións e propostas de debate. Toda a información na web oficial do encontro, desta volta co lema: "Coñecemento aberto, sociedade libre".


EXPLICANDO AS FERRAMENTAS
Guía Google para mestres
[16/10/2006 12:27] Co curso xa iniciado, Google vén de presentar un espazo especialmente pesado para a difusión das súas aplicacións entre a comunidade escolar. A sección Google para Educadores presenta unha escolma guiada dos servizos máis importantes que ofrece de balde o xigante informático para a súa utilización por parte dos mestres en actividades a desenvolver polos seus alumnos co computador. Ao tempo, organizan a Google Teacher Academy, xornada de formación na propia sede da empresa á que convidarán a profesores estadounidenses a través dunha selección que inclúe a esixencia de elaboración dun vídeo dun minuto por parte dos docentes.


BANDA LARGA GRATUÍTA EN TODA A CIDADE DESDE 2007
Singapur súmase ao territorio wireless
[13/10/2006 14:28] A cidade estado de Singapur vaise sumar en xaneiro á pequena lista de paraísos para cibernautas nos que internet está no aire e usalo non se nota nos petos. O goberno da cidade vai poñer en marcha un plan, Wireless@SG, que levará internet con banda larga e sen cabos a cada curruncho de Singapur. Continuar


ESTABA EN DESACORDO CON ALGUNHAS DINÁMICAS DO PROXECTO
Un dos fundadores da Wikipedia vai crear unha nova e-enciclopedia
[13/10/2006 14:56] Un dos fundadores do proxecto Wikipedia, Larry Sanger, está a traballar nunha nova idea, Citizendium, que será unha nova compilación enciclopédica e cibernética con algúns aspectos, negativos a xuízo do autor, remediados. Sanger asegura que abandonou o proxecto da Wikipedia por estar desacordo coa súa metodoloxía e co seu funcionamento, debido a factores como a falta de un modelo académico, de dimensións estándar, de especialización dos autores, etc. Coa nova iniciativa pretende remendar estes erros e, empregando igualmente un sistema aberto e participativo, controlar en maior medida a calidade dos contidos. Polo momento está en fase experimental, e non conta cunha data marcada de presentación.


ORGANIZAN GALPÓN E AGNIX
A maior ciberfesta linuxeira, outra vez no Porriño
[13/10/2006 15:01] A maior party de software libre de Galiza comezou este xoves ás cinco da tarde e desenvolverase até o domingo 15 mediodía, con 150 ordenadores conectados en rede, conferencias, coloquios, visitas escolares, concursos e outras actividades relacionadas co Linux e os programas de código aberto. O evento está organizado por GALPón (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), coa colaboración do Concello e de AGNIX (Asociación de Usuarios de GNIX). Continuar


A LENTA ATENCIÓN AOS CONSUMIDORES
"Por favor, agarde un intre": durmidos na poza das operadoras telefónicas
[16/10/2006 13:50] Contámoslles en ocasións anteriores de como as oficinas de atención aos consumidores se ven asolagadas de queixas de cidadáns polo mal servizo prestado por operadoras de servizos de telecomunicacións, coas que pode resultar unha odisea tratar de contactar telefonicamente para resolver un problema. No blog Tuexperto fanse eco dun caso acontecido en Estados Unidos que evidencia que o problema do défice na atención telefónica non é exclusivo dos clientes. No vídeo incluído vese como un técnico chega a un fogar para solucionar uns problemas coa conexión de banda larga, chama á sede da súa empresa de telecomunicacións, e agarda a que o atendan durante unha hora, quedando á fin durmido no sofá da vivenda mentres espera.


ELEMENTO NÚMERO 118
Confirmado o novo casilleiro para a táboa periódica: Ununoctio
[16/10/2006 13:50] A colaboración de dous laboratorios rusos e outro estadounidense vén de dar na creación oficial do Ununoctio, que fai suma de 118 elementos na Táboa Periódica. Resumindo proceso, seica a consecución deste elemento, o máis pesado dos coñecidos, produciuse facendo bater átomos de Californio e Calcio, e aínda que a súa inestabilidade impide a detección directa, os científicos conseguiron probas da súa creación. Outro laboratorio afirmara hai sete anos a síntese do Ununoctio, aínda que os investigadores responsábeis retiraran formalmente o achado despois de que posteriores experimentos similares fracasasen en confirmar a descuberta. Poden ampliar na bitácora PhysycBuzz.


NOVA PROPOSTA DA FUNDACIÓN WIKIMEDIA
A Wikiversidade: cara a unha plataforma virtual educativa libre
[17/10/2006 13:41] A filosofía wiki bota adiante outra iniciativa colaborativa, de balde e libremente accesíbel para os internautas, a Universidade Wiki, en internáutico resumo: a Wikiversidade, que inicialmente foi proposta desde o espazo Wikilibros e que recibiu recentemente beizón oficial. Trátase do proxecto de construción dunha plataforma educativa que permita a creación de grupos de aprendizaxe en diversos niveis educativos e temáticas. De momento, alén do orixinal inglés, apenas hai versión da iniciativa en inglés, español e portugués.


DEBATE EN CHILE
Internet: un dereito constitucional posíbel
[17/10/2006 14:12] Mentres por estes pagos o máis factible retoque constitucional para o que se debuxa consenso entre os representantes políticos será arranxar os papeis para que en trono real poidan sentar tamén as mozas Borbón, en Chile saen ao debate outras prioridades. "A conectividade debe ser considerada, igual que o acceso á auga potábel ou á luz eléctrica, un dereito humano que recurte as fendas sociais en Chile", foi argumento do deputado socialdemócrata chileno Esteban Valenzuela, un dos dous promotores da iniciativa que levará ao Congreso a petición de que o acceso a internet sexa un dereito recoñecido na Constitución. Os congresistas están seguros de que o goberno ten a capacidade de financiar a iniciativa, indicando a importancia de garantirlle aos mozos chilenos o acceso á banda larga.


EXPERIMENTO SOCIOLÓXICO
Arquivo blogueiro para a posteridade
[18/10/2006 14:25] A iniciativa está pensada fundamentalmente para internautas británicos, pero aberta a toda a rede e proponlle aos cidadáns que deixen nun blog o relato do que fixeron o día 17 de outubro deste ano. Os seus autores parten da idea de que para ter unha visión da vida dun país nunha época determinada non é necesario reparar nos grandes acontecementos, senón que os detalles vitais de cada un dos cidadáns achegarían unha foto precisa. O proxecto está aberto a contribucións deica final de mes. Todos os post quedarán gardados nun arquivo na Biblioteca Nacional Británica. Por outro lado, se o prefiren, poden deixar pegada no espazo exterior con outra brincadeira de Yahoo.


A EXPANSIÓN DA INTERNET SEN FÍOS TOMA CAMIÑOS ALTERNATIVOS
Faite cunha foneira e comparte WiFi!
[18/10/2006 18:49] Unha das últimas novidades na implantación das redes WiFi é a creación da comunidade FON, unha rede mundial de intercambio e préstamo de internet sen fíos. A súa implantación é xa bastante ampla, eles mesmos se definen como a maior comunidade WiFi do mundo. Para enredarse nela só é precisa umha 'foneira': unha especie de modem que serve para identificar e poñer en contacto aos foneiros entre si. Continuar


REUTERS ABRE OFICINA NUNHA COMUNIDADE VIRTUAL
Unha 'Segunda Vida' de xornalista
[18/10/2006 19:45] A axencia internacional de noticias Reuters acaba de irrumpir no ciberespazo cunha vida paralela na comunidade virtual de Second Life. O portal de noticias co que conta a axencia debeulle quedar pequeno e esta vez a expansión vai cara un mundo paralelo e inexistente no que, iso si, non é a primeira empresa que cheira o negocio. Continuar


NA REDE A VERSIÓN 7.0 DO NAVEGADOR
Nada novo no planeta Explorer
[19/10/2006 09:43] "Queríalo máis fácil e máis seguro: escoitámoste". Velaí o anuncio de Microsoft ao tempo que presenta a última versión do seu navegador: Internet Explorer 7, descargábel de balde desde este xoves. Malia todo o poder publicitario da empresa, nada novo trae a ferramenta, longos anos desactualizada, que non ofreceran xa desde hai moito os seus rivais. Hai tempo houbera ruxerruxes sobre a posíbel renuncia de Bill Gates a manter a aplicación e na rede xa lle agoiraban hai anos próxima defunción. Lembren que é crecente a popularidade doutras opcións: Firefox gaña espazo como alternativa construída colaborativamente entre internautas de todo o mundo, e desde Noruega, Opera propón a súa propia ferramenta gratis, a miúdo un chanzo por diante en canto á innovación respecto ao resto.


ENCARGAN MÁIS DUN MILLÓN DE COMPUTADORES
Ningún neno libio sen o seu portátil
[20/10/2006 13:25] Muammar al-Gaddafi acaba de revitalizar o programa 'One Laptop Per Child' (OLPC), ou o que é o mesmo, 'un portátil por neno'. Esta iniciativa, que parte do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e conta co apoio de varios xigantes empresariais do sector, saiu da idea de que todos os nenos do mundo puideran dispor de un portátil, ofrecendo un modelo axeitado para os críos, resistente, e ao prezo de 100 dólares a unidade. O goberno libio encargou a Quanta, a empresa taiwanesa que se encarga de fabricar estes computadores, un pedido de máis de un millón de unidades. O programa estaba en principio destinado a mercados en desenvolvemento como a China, o Brasil, a India, Rusia, África e Europa do Leste, para tratar de rachar coa fenda dixital dando facilidades de acceso como o prezo, o feito de non precisaren corrente eléctica (contan cunha batería recargábel a man), ou a súa resistencia. A idea non tivo moito éxito nos países aos que ía destinada; sen embargo, Libia voltou a sorprender con esta decisión, ao encargar 1,2 millóns de unidades para un país cunha poboación de 5 millóns e medio de persoas. Os computadores vanse empezar a fabricar a principios de 2007 e a empresa conta con rematar os pedidos nun ano.


NOVA EDICIÓN DO PREMIO XERARDO GARCÍA CAMPOS
Enxeñeiros de telecomunicacións na procura de modelos TIC
[20/10/2006 13:57] A empresa viguesa Optare Solutions, que en tres anos de vida brincou de 3 a 18 empregados, máis da metade deles enxeñeiros de informática e telecomunicacións, foi recoñecida hai un ano co Premio Enxeñeiro Xerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC, en recoñecemento ao seu "compromiso co desenvolvemento tecnolóxico e a innovación continua". Na busca de novos referentes no sector TIC galego, a Asociación e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación Galicia, AETG-COETG, convocan unha nova edición, a cuarta, dun galardón que busca a mellor iniciativa empresarial no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Continuar


REPRESIÓN NA REDE CHINESA
China non quere blogueiros anónimos
[23/10/2006 11:34] A bitácora nada sospeitosa da actriz Xu Llinglei é unha das tres máis lidas en todo o planeta e exemplo do rápido crecemento de internet en China e do interese dos cidadáns daquel país polas bitácoras, calculándose que existirían xa uns 34 millóns de blogs chineses. O impacto da ferramenta é seguido estreitamente polo goberno, que xa detivo a varias persoas por artigos publicados na rede e que non repara en investimentos para a mellora dos mecanismos de cibercensura, coa colaboración dos xigantes do sector. O novo proxecto do goberno chinés: obrigarlles aos blogueiros a asinaren co seu nome e apelidos
  • Anterior: 'Imparábel': denuncia da represión en liña



AS PONTES CONVOCA DE MOMENTO A ÚNICA EN GALIZA
Festas para o Firefox 2.0
[23/10/2006 11:35] Están xa traballando na versión 3.0 e da cibercociña brincará á rede o próximo 27 de outubro o Firefox 2.0. A comunidade Mozilla convida a internautas de todo o mundo a unírense para celebralo e de paso amplificar a nova e conseguir máis fieis para esta ferramenta de navegación. En Galiza, a única convocada deica agora será nas Pontes, promovida pola asociación Amigus. A outra Firefox-romaría máis próxima será en Braga, na Universidade do Minho, convocada por GNU-Linux Portugal. A recente publicación do Internet Explorer 7 que non supera á versión actual do raposo, agóiralle máis cota entre os usuarios para o Firefox, aplicación desenvolvida colaborativamente entre programadores de todo o mundo.


CELÉBRANSE A FINAIS DE NOVEMBRO NO PORRIÑO
Inscrición aberta para as xornadas galego-lusófonas de software libre
[23/10/2006 11:35] Na web do colectivo Agnix está aberta a inscrición para as I Xornadas Galego-Lusófonas de Software e Coñecemento Libres, convocadas pola propia asociación co apoio do Concello do Porriño e da consellaría de Innovación. A participación é gratuíta, e o encontro terá lugar entre o 30 de novembro e o 3 de decembro próximos en Porriño, que mantén así o seu apoio polas iniciativas tecnolóxicas logo da recente celebración dunha festa linuxeira.


SOFTWARE LIBRE PARA CEGOS E DISCAPACITADOS VISUAIS
Máis un chanzo cara a igualdade
[23/10/2006 13:59] O software libre tamén se preocupa polas persoas afectadas por minusvalías e Oralinux é unha proba diso. Este proxecto, elaborado en Debian, está pensado para persoas cegas ou discapacitadas visuais. Non ten contorno gráfico: só traballa en modo texto; e conta con gravacións de voz que sinalan cada parte do menú pola que se move o usuario empregando o teclado. Está en varios idiomas, entre eles portugués, español, inglés, francés ou alemán. Para rematar coas facilidades, o programa conta cun feixe de 'drivers' para dispositivos braille, e, ao estar elaborado en Debian é compatíbel con case todo o software libre. A intención de Oralinux é incrementar a igualdade de condicións no acceso, mellorando as posibilidades das persoas cegas de acceder a Linux. Para conseguilo só hai que descargalo da web.


VIDEOXOGO SOBRE O CONFLICTO DE PALESTINA E ISRAEL
Do campo de batalla á pantalla do ordenador
[23/10/2006 19:53] Os conflictos políticos estanse impoñendo como temática para videoxogos, e estes están sendo empregados como propaganda ao mesmo tempo. Se xa son coñecidos xogos sobre as eleccións nos EEUU ou sobre hipotéticas accións armadas da mesma potencia contra Irán e viceversa, a novidade é que desta volta o escenario é o conflicto entre Palestina e Israel. A empresa dinamarquesa Serious Games Interactive desenvolveu 'Global Conflicts: Palestine', unha aventura na que a personaxe principal é un xornalista recén chegado que ten como misión atravesar o territorio palestino e o israelí para conseguir unha noticia. A partir de aí o xogador pódese posicionar a favor de Palestina, de Israel, ou nun punto intermedio, segundo os seus creadores. 'Global Conflicts: Palestine' vai ser lanzado e comercializdo a primeiros do ano que vén.


LEMBRANZA DO LECER INFORMÁTICO
Medio século de videoxogos
[24/10/2006 10:51] O chamado Pong, unha primitiva brincadeira informática que a comezos dos anos 70 desenvolveu un programador estadounidense, é considerado o primeiro videoxogo da historia para uso doméstico e masivamente comercializado. Así e todo, a primeira xogueta electronicamente deseñada xurdiu moitos anos antes, xa na altura de 1957, e apenas catro anos despois, outro investigador armaba o primeiro xogo de naves espaciais para a pantalla. Desde aquela, a industria do videoxogo medrou até mover na actualidade máis cartos que o sector cinematográfico. No Reino Unido temos noticia dunha exposición, con versión en liña pensada para facer repaso e homenaxe desa historia. Para curar a nostalxia dos videoxogadores existen webs especializadas en fornecer de balde emuladores de xogos históricos.


LANZAMENTO DA VERSIÓN 2.0
O día Firefox
[24/10/2006 10:52] Perfeccionamento do sistema de navegación a través de pestanas, melloras no sistema de introdución de chavellas (plug-ins) cos que dispoñibilizar novos servizos desenvolvidos pola comunidade internauta, correctores ortográficos, máis protección fronte ás fraudes e ataques á seguridade do computador... Cara a outras formas de navegar os mares internáuticos promete ir levándonos o Firefox 2.0 que desde este martes estará dispoñíbel para descarga na web da Fundación Mozilla. E lembren a convocatoria das firefox-romarías.


FINALISTAS DOS PREMIOS BOBS
A metade dos candidatos ao mellor blog en español son galegos
[24/10/2006 13:50] Galegos que viven fóra, xente de fóra que vive en Galiza, galegos que viven aquí... son cinco e teñen en común tres cousas: teñen bitácora, fana en español e forman parte do grupo de dez finalistas para os premios BOBs da comunidade hispanofalante. E todos son homes: Enrique Dans, Nacho de la Fuente, Daniel Basteiro, Manuel Rico e Pedro Jorge Romero. Os BOBs (Best of the Blogs) que outorga a Deustche Welle ao mellor da bloguesfera planetaria, teñen aberto o proceso de votación popular até o 11 de novembro.


O DESAFÍO PENDENTE DO SOFTWARE LIBRE NAS ADMINISTRACIÓNS
O Observatorio da Neutralidade Tecnolóxica denuncia cláusulas de oposicións do Sergas
[25/10/2006 12:22] "Por que un cidadán usuario de software libre ten que adquirir unha licenza de Microsoft Windows e outra de Microsoft Office para poder preparar unha proba da administración púiblica, cando hai ferramentas ofimáticas libres e de balde coma OpenOffice?". A pregunta faina o Observatorio da Neutralidade Tecnolóxica, que recentemente lle entregou ao ministerio de Administracións Públicas o seu primeiro informe, onde se recolle a denuncia concreta aos requerimentos ed coñecemento informático incluídos en oposicións do Servizo Galego de Saúde. Continuar


EXCESOS ANTITERRORISTAS
"A súa computadora queda confiscada"
[26/10/2006 10:43] "Grazas a esa lei as autoridades non teñen que botar man de ningunha razón específica, nin dunha sospeita sequera, e poden analizar os contidos das computadoras portátiles dos viaxeiros. Teñen o permiso para facelo e sen dar razóns". Explícao para o Herald Tribune o avogado Tim Kane, ao fío dunha lei pouco coñecida que lles permite aos funcionarios da alfándega aeroportuaria non só examinar os equipos informáticos dos viaxeiros, senón mesmo confiscarllos por tempo indefinido. Ao respecto citan casos nos que o afectado tivo que agardar até dous anos pola devolución da súa computadora.


DEBATE EN ESTADOS UNIDOS
Taxas para a economía dos mundos virtuais?
[26/10/2006 11:46] John mércalle unha leira a Manuel, George véndelle un coche a Bill... pero tanto terras como vehículo son espazos que só existen na rede: Preto de medio millón de euros se moven diariamente en Second Life, e o volume de actividade económica medra a un ritmo espectacular no que vai de ano, coa comunidade superando xa o millón de internautas suscritos. Adam Reuters, o corresponsal desta axencia no mundo virtual avanzaba hai uns días que o Congreso estadounidense manexaba un informe sobre a posibilidade de aplicar taxas aos movementos comerciais que se producen nese contorno. Adam conta agora da confirmación de que os congresistas están elaborando un estudo sobre o asunto e cita a un dos membros da comisión económica que opina que "sería un erro" introducir taxas para esta economía virtual.


O PROXECTO DO MIT
Do manubrio ao cordel: 'innovación' na computadora de 80 euros
[27/10/2006 11:42] Pensando en que poida usarse en zonas ao onde non chega o servizo eléctrico, os deseñadores do computador barato para as escolas que promociona o colectivo Un portátil para cada neno, argallaran un sistema de manivela que xeraba enerxía para o equipo. En presentación oficial da computadora o propio secretario xeral da ONU, Kofi Annan, rachou o trebello cando o xiraba e agora os promotores enxeñaron outro sistema: unha cordela da que se tira, ao xeito das serras eléctricas e outras máquinas. O bautizado 2B1, usa Linux, e conta con procesador de 500 MHZ, 128 MB de RAM e aínda sen disco duro, vai acompañado de memoria Flash de 500 MB. En 2007 vanse fabricar os primeiros 10 millóns, que se enviarán a zonas pobres Libia, Nixeria e Brasil, financiadas polos respectivos ministerios de Educación.


AVANCES NOS TRADUTORES
Cara ao "bilingüismo" tecnolóxico
[27/10/2006 11:43] Teñen sido noticia os avances nos sistemas de tradución simultánea de conversas baseados no recoñecemento da voz, pero agora, científicos estadounidenses avanzan un chanzo máis, cun dispositivo que conectado á gorxa e cara do falante, identifica as palabras a través dos movementos e tradúceas a continuación. O sistema necesita que a persoa vocalice en silencio e a continuación repite as verbas na outra lingua, creando unha ilusión parecida á visión dun filme dobrado, segundo explican os investigadores, recoñecendo que así e todo aínda é inexacto na tradución global. Conta do invento a BBC.


DA AULA Á REDE
Proxecto Encerado
[16/11/2006 10:07] A través da bitácora Capítulo 0 coñecemos dunha curiosa iniciativa de Xurxo Mariño. Profesor na Escola Universitaria de Enfermaría de Ferrol, Mariño decidiu tirarlle unha fotografía ao encerado cada vez que remata a clase da materia que imparte, Estrutura e función do corpo humano. A continuación, sobe as fotos á rede, onde os alumnos poden consultalas. Recomendámoslles botarlle un ollo á súa web en construción, Culturacientífica.org. En internet tamén poden descargar de balde a súa escolma de artigos de divulgación científica: Os dados do reloxeiro.


BUSCADOR DE BLOGS
Remexe no blogomillo
[27/10/2006 14:51] A listaxe de blogs en lingua galega elaborada por Blogaliza chega a esta semana aos 2045 blogs. Combinando a nova ferramenta para a personalización das buscas Google Co-op e esa selección do blogomillo, o blogueiro Xaime argallou "un poderoso pesquisador de blogues" que bautizou A peneira e que lle propón aos internautas que inclúan nas súas páxinas. Hai tempo, o informático Ramón Antonio Parada deseñara tamén o G3, un motor de busca para remexer en bitácoras e xornais galegos. Na rede está tamén a web Blogalego cun servizo de busca nos 490 blogs que ten rexistrados.


TOPONIMIA DETURPADA
O Caudillo abandona Ferrol nos mapas de Google Earth
[30/10/2006 19:37] Rectificar é cousa de sabios e vese que Google non quere quedar por menos, así é que deron cambiado varios topónimos galegos que aparecían en Google Earth na súa versión máis deturpada, como por exemplo El Ferrol del Caudillo. A polémica xurdiu pola protesta de Francisco Rodríguez no Congreso dos Deputados, instando a que o goberno, a través do Ministerio de Industria, negociara coa empresa para que amañara as incorreccións do programa. O deputado do BNG salientou a importancia do problema dada a cantidade de persoas que no mundo consultan o programa, e que poden quedar cunha idea trabucada do que é Galiza. Ademais de Ferrol, Google Earth contaba con 'perlas' como Jubia, Puebla del Caramiñal, Santa Eugenia ou San Saturnino, que xa foron corrixidas.

Anterior:
  • Protesta polo "caudillo" virtual do Google Earth


    A PROTECCIÓN DOS DEREITOS DE AUTOR MARCA OUTRO EXCESO
    Arrestan un xaponés que interpretaba música rexistrada cunha harmónica
    [13/11/2006 11:56] Masami Toyoda, de 73 anos de idade, virtuoso da harmónica e propietario dun bar de Tokio, interpretaba de cando en vez algún tema musical para os asistentes ao local, acompañado dunha pianista. Recentemente foi detido, acusado de tocar ilegalmente entre agosto e setembro deste ano máis de trinta temas musicais xestionados pola Sociedade Xaponesa de Dereitos de Autor. Entre as composicións froito do delito, varias dos Beatles, como Yesterday e Here, There and Everywhere. Cara ao futuro, quen sabe, o que vostede asubíe pode ter que pagar dereitos de autor. Poden ampliar, vía Barrapunto, no diario Mainichi.


    FORO SOBRE A GOBERNABILIDADE DE INTERNET
    Seguridade e liberdade: desafíos para o futuro da rede
    [31/10/2006 14:05] Internet pode ser unha ferramenta importante no relanzamento da loita polos dereitos humanos en todo o mundo, malia que ese potencial "está sendo ameazado por gobernos que non toleran esa liberdade" e que contan coa colaboración de grandes empresas do sector. Encárgase de lembralo Amnistía Internacional, un dos colectivos convidados ao Foro sobre a Gobernabilidade de Internet, organizado pola ONU, e que se celebra estes días en Atenas. Un milleiro de expertos e representantes dos executivos dun cento de países participan nunha xuntanza que servirá para achegar posicións sobre cuestións polémicas pero que paradoxalmente non valerá para chegar a decisións firmes. Continuar


    DETECTÁRONSE NO SEU CONTORNO 12 CASOS DE CANCRO
    Investigan un ordenador da Policía por canceríxeno
    [31/10/2006 19:49] O Ministerio de Interior abriu unha investigación, encargando a unha empresa privada unha auditoría independente, para tratar de esclarecer os motivos do alto índice de casos de cancro entre os policías do centro de El Escorial (Madrid) no que se atopa o supercomputador 'Clara'. Continuar


    CARA AO FUTURO DA TELEFONÍA
    Teléfonos móbiles de balde?: Google prognostica o negocio
    [13/11/2006 11:57] Hai tempo que se falou da posibilidade de que os cidadáns poidan gozar de conexións de balde á rede a condición de atender ás mensaxes publicitarias fornecidas polas operadoras. Exemplo deste tipo de explotación publicitaria son as redes sen fíos que serán despregadas nalgunhas cidades e que terían ese tipo de financiamento. Agora, desde o cerne de Google, o conselleiro delegado da empresa, Eric Schmidt, asegura que nun futuro os teléfonos móbiles poderían ser gratis para os consumidores que acepten ver publicidade. Schmidt realizou o prognóstico ao tempo que recoñeceu que Google traballa no desenvolvemento de aplicacións para o uso de texto, imaxes e vídeos nos teléfonos de nova xeneración. Máis en Reuters.


    MÁIS DUN CENTO DE ACTIVIDADES DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA
    Semana da Ciencia 2006: "O mundo na túa cabeza"
    [02/11/2006 14:10] A iniciativa foi promovida a nivel europeo co obxectivo de "facernos reflexionar sobre a evidencia de que vivimos rodeados de ciencia e da importancia que ten esta para acadar o progreso e o benestar social". En Galiza, a consellaría de Innovación e Industria programou e coordinou as actividades vencelladas a esta celebración da Semana da Ciencia, máis dun cento de propostas en todo o país entre o 6 e o 19 de novembro, que foron presentadas este xoves. O tema central deste ano vai ser a a Neurociencia. Continuar


    CONSUMO DESORBITADO EN SECOND LIFE
    Gasto real nas vidas ficticias
    [13/12/2006 19:30] A preocupación polo gasto económico e tamén polo gasto ecolóxico foi o que motivou que o xornalista Nicholas Carr, autor do blog Rough Type, botara un cálculo de toda a electricidade que se consume no mundo por causa de Second Life. A conclusión que tirou é que gasta máis de media calquera vida ficticia nese mundo paralelo do que un cidadán brasileiro medio. Continuar


    NOVAS TECNOLOXÍAS E COLECTIVOS SOCIAIS
    Que é un wiki e como poden usalo as ONGs para transmitir os seus coñecementos
    [09/11/2006 11:55] Con exemplos como a enciclopedia libre Wikipedia, construída coas contribucións cidadás, os wikis están a cuestionar a autoridade para transmitir o saber. Neles, as organizacións teñen unha útil ferramenta de formación. Recomendámoslles a reportaxe de Olga Berrios no Canal Solidario.


    INICIATIVA DA PLATAFORMA TODOS CONTRA O CANON
    Crearán unha entidade que xestionará as exencións ao pagamento do canon dixital
    [09/11/2006 12:17] "O canon aféctache, e a túa sinatura conta". É lema da convocatoria coa que a Plataforma Todos contra o canon anima aos visitantes da coñecida Feira Internacional de Tecnoloxía e Comunicacións, SIMO a que apoien as reclamacións do colectivo. De paso, a asociación anunciou que promoverá a creación dunha entidade sen ánimo de lucro que xestione as posíbeis exencións ao pagamento do canon dixital. O colectivo tamén quere participar "activamente" no desenvolvemento regulamentario da lei de propiedade intelectual e ten a intención a emitir certificacións e realizar auditorías para acreditar a exención dese pago.


    CONEXIÓNS VÍA SATÉLITE
    Andalucía ponlles banda larga aos barcos pesqueiros
    [09/11/2006 12:17] A flota pesqueira andaluza terá axudas do goberno para que os barcos teñan conexión a internet a través de satélite. Alén do acceso a servizos telemáticos variados, a iniciativa pensouse co obxectivo fundamental de mellorar a seguridade en alta mar das embarcacións e avanzar na capacidade de resposta fronte a situacións de emerxencia. É un dos acordos destacados entre as consellarías andaluzas de Pesca e Innovación para o impulso da sociedade da información nos sectores do agro e a pesca.


    MANIFESTO DO FORO e-GALLAECIA
    Implicación social e compromiso orzamentario: Desafíos para a sociedade da información galega
    [10/11/2006 10:36] Debe chegarse ao 7% do investimento na sociedade da información en relación ó PIB galego en 2010, en liña cos compromisos adquiridos a nivel do Estado, realizándose para iso e xa desde o 2007 un investimento crecente e nunca inferior á media dos orzamentos públicos destinados polo resto das comunidades autónomas. Pídeno representantes do sector das tecnoloxías da información e das comunicacións en Galiza reunidos no contorno do Foro e-Gallaecia, que asinan o Manifesto a prol do desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia. Ao tempo, subliñan a importancia de estimular a participación da sociedade civil en iniciativas relacionadas, que na actualidade é "moi baixa" e contribúe a aumentar a fenda dixital. Poden ler o documento completo na web da Universidade de Santiago.


    O FESTIVAL PROMOVERÁ CURTAMETRAXES PARA O TELÉFONO MÓBIL
    Sundance prognostícalle un vizoso futuro ao 'microcinema'
    [10/11/2006 10:36] "Este experimento está na liña da nosa adicación de 25 anos na exploración de novas plataformas para apoiar unha maior distribución de voces independentes na produción de cinema". Quen así fala e o actor e director Robert Reford, promotor do prestixioso Festival Sundance, ao fío do anuncio dun proxecto de colaboración con varios produtores de cinema independente para a creación de media ducia de curtametraxes dirixidas especificamente á proxección a través de teléfonos móbiles. O impacto do vídeo en internet e das novas tecnoloxías no sector cinematográfico, animan aos directores a experimentar cos novos microformatos. "Os móbiles estanse convertendo con rapidez na cuarta pantalla, despois da tv, a sala de cinema e os computadores", opina Redford.


    TIC E SERVIZOS SECRETOS
    Intellipedia: A Wiki dos espías
    [10/11/2006 10:36] Información polo miúdo sobre a vida e movementos de presuntos terroristas e sospeitosos de actividades delitivas, análise en detalle de posíbeis ameazas á seguridade... Cara a 30 mil artigos camiña a bautizada Intellipedia, un sistema de xestión de datos inspirado na propia Wikipedia ao servizo das axencias de espionaxe e organismos de seguridade estadounidenses. En total, incluíndo institucións como a CIA ou A NSA, até 3.600 persoas teñen acceso á consulta e construción desta particular enciclopedia. Máis en Usa Today.


    'COÑECEMENTO ABERTO, SOCIEDADE LIBRE'
    Tres mil participantes e medio milleiro de investigacións para o CiberCongreso 2006
    [13/11/2006 14:24] A dez días do inicio, tres mil internautas están xa inscritos na terceira edición do congreso en liña que promove o Observatorio para a Cibersociedade, e os organizadores agardan chegar até cinco mil participantes. Co lema Coñecemento aberto, sociedade libre, o evento comeza o próximo 20 de novembro e os organizadores agardan chegar até cinco mil participantes. Profesionais e investigadores de Europa, África, América Latina ou Estados Unidos enviaron as máis de 550 comunicacións que estarán a debate durante dúas semanas. Continuar


    INFORMACIÓN MÉDICA NA REDE
    Doutor Google: Diagnóstico para os casos máis complicados
    [15/11/2006 10:57] A comunidade médica ten advertido contra a crecente práctica dalgúns doentes de remexer en internet buscando información especializada sobre enfermidades e tratamentos. Investigadores australianos decidiron poñer a xuízo os motores de busca e realizaron unha pesquisa sobre 26 casos clínicos. Sen saber o diagnóstico concreto, combinaron varias claves de cada un deles para unha pesquisa a través de Google e atoparon que en 15 ocasións daban directamente coa solución correcta. Os resultados foron publicados no prestixioso British Medical Journal.


    INFORME FRANCÉS SOBRE O 'OPEN-DOCUMENT'
    Aposta polo "formato aberto" cara á independencia tecnolóxica europea
    [15/11/2006 12:29] Logo de que o formato de documento aberto fose aprobado como estándar oficial en maio deste ano, o goberno belga foi pioneiro na decisión de adaptar todos os seus documentos oficiais a este modelo. Agora, en Francia coñécese un informe oficial que recomenda seguir os mesmos pasos. O estudo, coordinado polo deputado Bernard Carayon, subliña tamén que o conxunto da Unión Europea debera optar polo Open Document. A decisión, explican, traería significativos beneficios para institucións e empresas desde o punto de vista económico. O informe suxire a creación dun centro de investigación sobre seguridade e código aberto e a creación dun organismo que traballe pola independencia tecnolóxica no ámbito da Unión Europea. Máis información na web da Unión Europea.


    20 MINUTOS UNIFICARÁ AS SÚAS DÚAS REDACCIÓNS
    De cara á integración da pantalla e do papel
    [15/11/2006 18:57] A prensa xeneralista a nivel mundial está a experimentar unha crise económica (por falta de vendas e de anunciantes) que ten como unha das súas causas principais a irrupción de internet como medio informativo e a escolla maioritaria deste como medio de referencia por boa parte da audiencia. Os xornais precisan 'reinventarse', e o gratuíto 20 Minutos é un bo exemplo. Acaban de anunciar a que van comezar a traballar para que as redaccións para a edición en papel e para a edición dixital conflúan nunha soa equipa.

    Continuar


    O PAPEL DIXITAL PREPÁRASE PARA SER PRONTO UNHA REALIDADE
    Que virá despois do xornal?
    [15/11/2006 19:46] Parece que a prensa escrita e publicada en papel ten os seus días contados, ou iso é o que afirman moitos analistas, amais de indicalo as tendencias de vendas e investimento publicitario... A prensa fica estancada ante a inmediatez e a extensión de internet. Mais, que virá despois do papel? Pois segundo algúns deses analistas, o papel electrónico. Esta nova tecnoloxía, denominada así pola súa similitude co papel normal, podería comercializarse e comezar a estenderse en 2008. O papel electrónico é un soporte fino, flexíbel e que funcionaría de xeito similar ao papel, só que nel poderíanse actualizar continuamente os contidos. Actualmente existen experiencias similares a esta, mais para imprimir en papel normal, como por exemplo El País 24 Horas, que se actualiza de forma continuada e está pensado para imprimir na casa. Co papel electrónico só faría falta substituír a palabra 'imprimir' por 'descargar' no noso 'lenzo' dixital.


    REUNIÓN DOS PROFESIONAIS DO SECTOR TIC GALEGO
    A Noite Galega das Telecomunicacións aproveita para destacar a campaña do PuntoGal
    [17/11/2006 10:11] Este venres 17 celébrase no Hotel Hesperia da Toxa a XI edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2006. Será punto de encontro para máis de trescentos profesionais do sector tecnolóxico galego, e servirá para o relanzamento do Proxecto PuntoGal, que quere conseguir para a lingua e a cultura galegas un dominio propio en internet. Ademais, no acto organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, AETG-COETG vanse entregar os Premios Galicia das Telecomunicacións. Continuar


    O PRIMEIRO CONCELLO EN OFRECERLLE O SERVIZO A TODOS OS VECIÑOS
    Banda larga sen fíos e de balde para os veciños de Salvaterra
    [16/11/2006 14:19] Hai tempo que Ponteareas fora pioneiro en fornecer de internet gratis de alta velocidade a varias zonas do concello a través de rede sen fíos. Agora, o veciño Concello de Salvaterra, que xa lle ofrecía un servizo semellante aos cidadáns nalgunhas parroquias, anuncia que o estenderá en breve a toda a xeografía local. Será o primeiro en Galiza en garantirlle aos veciños o acceso universal de banda larga. Continuar


    XORNADAS DO CONSELLO DE XUVENTUDE
    Enredando: mocidade e novas tecnoloxías
    [17/11/2006 10:18] Os obxectivos: Impulsar á mocidade como axente activo á hora de dar unha visión informativa do seu tempo e o seu espazo; dotar de coñecementos aos participantes, que reflictan un xeito de achegarse á rede máis activo e participativo; contemplar as estratexias de marketing dentro da idea que desexen transmitir ao conxunto da rede; ampliar o coñecemento sobre políticas positivas e recursos dispoñíbeis dirixidos a persoas emprendedoras e coñecer experiencias persoais sobre os procesos necesarios para aplicar dun xeito eficiente a idea ou iniciativa empresarial que se desexe emprender. As xornadas desenvólvense entre o xoves 16 e o sábado 18. Máis información e programa na web do Consello da Xuventude.


    ABRE NA COMUNIDADE VIRTUAL UN CENTRO GALEGO
    Unha tapa de polbo en Second Life?
    [17/11/2006 14:17] Se non hai sitio no mundo no que non haxa un galego, os novos territorios virtuais non podían ser menos, e precisamente esta semana abriuse un Centro Galego na comunidade de Second Life. Este territorio, a medio camiño entre o videoxogo e o Grande Irmán, acolleu a inauguración, de mans dun Touriño e dun Quintana virtuais, do centro da galeguidade máis estraño até o momento. Iso si, está dotado de bar e de tapas de polbo. Continuar


    PODEN SER REQUISADOS NAS ADUANAS SEN INDICIOS DE DELICTO
    Se vas aos EEUU deixa o portátil na casa
    [17/11/2006 14:53] Poucas cousas quedan nas aduanas dos EEUU que non poidan ser controlábeis polos seus funcionarios. Desde logo, do que máis escasea nas fronteiras ianquis desde a chegada do 'furor antiterrorista' é o dereito á privacidade e á intimidade. A penúltima das manifestacións desta situación son os problemas que pode dar viaxar con algo hoxe en día tan común como un ordenador portátil. A lexislación estadounidense contempla a posibilidade de que un ordenador poida ser requisado e inspeccionado por axentes de aduanas e de inmigración, sen necesidade de unha causa fundamentada ou o máis mínimo indicio de delicto. A 'Association of Corporate Travel Executives', algo así como 'Asociación de Executivos Viaxeiros', xa expresou as súas queixas á administración. Se calquera funcionario pode rexistrar o un ordenador persoal faise complicado que este teña material, precisamente, persoal; non digamos datos empresarias confidenciais. Sen embargo, polo momento parece que a cousa vai ficar así, así que se viaxas aos EEUU, coida de levar o portátil ben limpiño.


    REDES GALEGAS
    Que pode facer internet pola lingua e a cultura galegas?
    [20/11/2006 12:01] Coa intención de facer un percorrido "polos motivos que levan a unha persoa a crear un blog, escribir nel regularmente, escoller a lingua galega para contar, e ler outras tantas bitácoras a cotío", Débora Campos, que mantén a bitácora Fíos Invisibles, escolleu un conxunto de blogueiros e fíxolles unha pregunta: "Pensa que internet pode facer algo específico na construción e reforzo do amor pola terra, pola lingua e pola cultura galegas?". Recomendámoslles o artigo completo, publicado en Grial, que pode descargarse, (.pdf), na web da Editorial Galaxia.


    MANIFESTO "POLOS CIDADÁNS HACKERS"
    Contra fundamentalismos e elitismos: A natureza "hacker" da bloguesfera
    [20/11/2006 12:26] Hai dez anos que John Perry Barlow redactara a, internáuticamente famosa, Declaración de Independencia do Ciberespacio. Desta volta, un texto do blogueiro coruñés Juan Freire, Nómada, serviu de inspiración para que os asistentes ao Evento Blog aproveitaran para unirse ás reivindicacións propostas: "Escribe sobre o que desexes, sobre a túa vida ou sobre o mundo. Todo é útil, nada impide que exista na rede".


    CATRO MIL PERSOAS DEBATERÁN SOBRE AS DIMENSIÓN SOCIAIS E CULTURAIS DAS TIC
    "Coñecemento aberto": Comeza na rede o Congreso do Observatorio para a Cibersociedade
    [21/11/2006 10:30] Máis de catro mil persoas inauguraron este luns no ciberespacio o III Congreso Online do Observatorio para a Cibersociedade. Ata o próximo 3 de decembro a sede virtual do congreso acollerá debates sobre as dimensións sociais e culturais nos procesos de implantación das novas tecnoloxías da información e a comunicación. A iniciativa conta co respaldo de recoñecidas figuras e entidades que exporán as súas experiencias e visións particulares sobre a cibersociedade. Continuar


    UNHA ESCOLA DE CORISTANCO CREARÁ SOFTWARE LIBRE PARA GANDEIROS
    O Linux tamén serve para as vacas
    [14/12/2006 12:02] No concello de Coristanco 35 gandeiros están a aprender a usar software libre para mellorar a produción das súas granxas. Ainfoagra é unha pioneira aula de formación rural que introduce aos gandeiros de Bergantiños na informática. Ao final do curso, saberán calcular a produtividade das vacas ou os custes do tractor usando, iso si, programas de código aberto. Continuar


    O PAÍS DO .GL
    Galiza conexión Grenlandia
    [14/12/2006 12:06] Afoutos internautas galegos intentaron nos últimos anos facerse con dominios .ga, tentando sen éxito que o goberno de Gabón, propietario deste sufixo para internet, concedese a beizón deste apelido web para sitios galegos. Na súa bitácora, o informático Xaime lembra que tradicionalmente para referírense á nosa lingua, no mundo internáutico usan a abreviatura GL. Malia iso, no que lle toca aos dominios, o .gl é propiedade de Grenlandia. Continuar


    'COÑECEMENTO ABERTO, SOCIEDADE LIBRE'
    Democracia e novas tecnoloxías, rexorde o activismo por unha vivenda digna
    [23/11/2006 11:49] "O activismo pola vivenda descóbrenos un fenómeno político e social fresco, con gran potencial, que aproveita as novas tecnoloxías para darse a coñecer e organizarse de forma eficaz e democrática. Alén diso, estamos falando dunha mobilización social que apunta cara aos defectos máis graves e estruturais do sistema político. Este novo activismo é unha gran oportunidade para iniciar o necesario camiño de rexeneración dunha democracia que actualmente está freada e secuestrada pola clase política. Ao fío do Congreso do Observatorio da Cibersociedade, este xoves recomendámoslles a comunicación de Diego Arranz, incluída no eixo temático sobre política e cambio social, no grupo de traballo Profundización democrática na era Internet.


    A XUNTA PROBARÁ ALÍ A SÚA PRIMEIRA REDE WIMAX ANTES DE ESPALLALA POLO RURAL
    A banda larga chegará á comarca do Courel o ano que vén
    [23/11/2006 13:09] Medio Rural comezará a instalar unha rede de Wimax no Courel en 2007. A Xunta escolleu esta comarca para probar por primeira vez esta tecnoloxía no rural. O Wimax permite conexións de banda ancha sen ter que instalar cables. Outras zonas, como os Ancares e A Fonsagrada poderían ser as seguintes en beneficiarse. Malia todo, o carácter piloto da iniciativa mostra as dificultades da promesa estatal de garantir o acceso universal antes de 2008. Continuar


    EGANET DENUNCIA UNHA INICIATIVA QUE ATACA O SECTOR
    As Cámaras fanlles competencia desleal ás empresas TIC usando fondos europeos
    [23/11/2006 14:19] O Consello Superior de Cámaras de Comercio puxo en marcha o programa Camerpyme coa fin de facilitar a presenza das empresas estatais en internet. Paradoxalmente, para o acceso ás axudas de até o 60% para a elaboración da web, esixen que o traballo sexa realizado pola empresa madrileña do mesmo nome, participada ao cen por cen polas cámaras. A manobra é denunciada pola Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet, Eganet, que advirte de que este tipo de uso de fondos públicos, promovido por institucións ou administracións de calquera tipo, é competencia desleal e no canto de axudarlle á promoción da sociedade de información contribúe a obstaculizar o seu desenvolvemento. Continuar


    'COÑECEMENTO ABERTO, SOCIEDADE LIBRE'
    A historia de internet: A importancia clave de que os protocolos e estándares sexan abertos"
    [24/11/2006 11:47] "É unha historia coñecida pero chea de mitos", comenta Andreu Veà, quen destaca que os actores fundamentais na construción da rede foron persoas anónimas "con gran entusiasmo por compartir coñecemento, moita innovación e sobre todo, traballo colaborativo". O vídeo da súa conferencia na apertura do Congreso do Observatorio da Cibersociedade pode verse xa na rede, xunto cos documentos cos que apoiou o seu relatorio.
    • Anterior: Aposta polo "formato aberto" cara á independencia tecnolóxica europea



    DENUNCIAN AS AMEAZAS Á LIBERDADE DA EXPRESIÓN DA LEI DE IMPULSO DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN
    A AUI demanda que só un xuíz poida pechar unha web
    [24/11/2006 13:04] "Tal e como está redactada pode provocar a censura e o veto para acceder a contidos do mesmo xeito que está acontecendo en países como China". O agoiro faino a Asociación de Usuarios de Internet, AUI, logo de botarlle un ollo ao borrador da futura Lei de Impulso da Sociedade da Información. Láianse desde esta asociación de que o executivo non introducise algunhas das máis importantes recomendacións realizadas ao respecto polo Consello Asesor de Telecomunicacións. Continuar


    O ACCESO A INTERNET IGUÁLASE NA XENTE NOVA
    A xuventude vai rachando coa fenda
    [24/11/2006 14:25] A fenda dixital de xénero vaise reducindo en Galiza nas xeracións máis novas, ao tempo que o conxunto da mocidade galega iguala á media do estado español en acceso tanto aos ordenadores como a internet. As galegas de entre 16 e 24 anos usan internet tanto como os galegos da mesma idade, e en grupo mantéñense dentro da media estatal, algo que non ocorre coas súas nais, por non dicir avoas, ou mesmo coas súas irmás maiores. Continuar


    CONCURSO PÚBLICO PARA A COMPRA DE 150 COMPUTADORES
    Os servizos informáticos de Medio Rural piden PCs con "Windows XP en castelán"
    [24/11/2006 14:40] "Sistema Operativo Windows XP Profesional en castelán co último Service Pack preinstalado e configurado segundo as instrucións que o Servizo de Informática lle facilite ao adxudicatario". Pídeo así o prego de prescripcións técnicas para o concurso (.pdf) de adquisición de computadores persoais para a Consellería do Medio Rural. En tempos nos que a administración dá os primeiros pasos cara á introdución do software libre e para a promoción da lingua galega no ámbito das novas tecnoloxías, as inercias da práctica diaria ofrécennos mostra das eivas que aínda existen. Lembrámoslles que calquera usuario que teña o Windows XP pode descargar unha chavella para convertelo ao galego.


    A OPOSICIÓN ÁS ANTENAS BATE CO USO MASIVO DE MÓBILES
    É posíbel falar por teléfono sen radiación?
    [24/11/2006 14:48] A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) vén de presentar un 'Código de Boas Prácticas' para a instalación de antenas de telefonía móbil, elaborado polo Servizo de Asesoramento Técnico e Información (SATI). Esta decisión xorde das contradiccións que se dan cada vez que se producen movementos de oposición veciñal contra a colación deste tipo de dispositivos, fronte ao uso social cada vez máis e máis estendido dos teléfonos móbiles. Continuar


    NO CONCURSO PARA A ADQUISICIÓN DE COMPUTADORES
    Medio Rural rectifica e esixirá Open Office e XP en galego
    [27/11/2006 10:37] O venres pasado contabámoslles do prego de prescricións técnicas para o concurso de adquisición de computadores persoais para a Consellería do Medio Rural, onde se solicitaba que os equipos incluísen Windows XP "en castelán". Este luns, desde a consellaría informan de que a redacción foi un erro e aseguran que o concurso será modificado, esixindo que os computadores traian instalada a chavella que converte ao galego o sistema operativo, do que por certo non hai noticia de que se vaia apostar por alternativa de código aberto. Alén diso, os equipos deberán incorporar tamén o paquete ofimático do Open Office, na súa tradución galega.


    'COÑECEMENTO ABERTO, SOCIEDADE LIBRE'
    As ciencias detrás da web
    [27/11/2006 12:43] Comunidade de usuarios, web 2.0 e 3.0, folcsonomías, análises de linguaxe, data mining.... Arredor destes asuntos e sobre o xeito no que se está usando e investigando a rede na actualidade, falou Ricardo Baeza, de Yahoo na súa intervención no Congreso do Observatorio da Cibersociedade. Directamente vencellado con este foro, o Consello da Cultura acolle este martes 28 en Compostela unha xornada sobre novas tecnoloxías e creación cultural: Cara a unha cultura 2.0, que contará entre outros co brasileiro Marcelo d'Elia Branco, experto en software libre.


    XORNADAS NO CENTRO MULTIMEDIA DE GALICIA
    A volta á blogosfera en catro días
    [27/11/2006 13:01] Hoxe comezan no Centro Multimedia de Galicia as xornadas A blogosfera, nas que se darán a coñecer as distintas modalidades de bitácoras que existen na rede mediante a experiencia de doce blogueiros galegos. Serán en total catro días de conferencias, que comezarán ás catro da tarde e durarán catro horas. A sesión de hoxe servirá para amosar como dar os primeiros pasos na blogosfera, e contará coa intervención de Pedro Silva 'Goretoxo', que falará sobre como crear un blog; 'Opaco', sobre a lectura de bitácoras, e Berto Yáñez, que presentará o modelo Chuza! de información sen control xerárquico. A xornada do martes irá dedicada á reflexión sobre blogs, nos aspectos de deseño, licenzas e novo xornalismo; a do mércores ás bitácoras para mirar e a do xoves aos blogs para escoitar. Continuar


    ENTREVISTA CON CARLOS PEDREIRA, DIRECTOR DA ÁREA TIC DA CIDADE DA CULTURA
    "Levamos un ano de atraso no plan do ministerio de levar a banda larga ao rural"
    [27/11/2006 16:57] Carlos Pedreira é un dos maiores coñecedores das telecomunicacións en Galiza. O director de Tecnoloxías da Información (TIC) da Fundación Cidade da Cultura aposta por superar a panacea das subvención e apoiar ás empresas tecnolóxicas do país mediante contratos. Así Galiza podería desenvolver unha tecnoloxía propia, exportábel a lugares con problemas semellantes. Non se trata dun soño inalcanzábel, pois emprendedores como Igalia, Imaxin e Lambastream xa aplican esta fórmula. "Triunfa localmente e vende en todo o mundo" é a receita do éxito empresarial para este enxeñeiro de telecomunicacións. Continuar


    'COÑECEMENTO ABERTO, SOCIEDADE LIBRE'
    Podcasting: orixe, tendencias e influencia nunha comunicación máis libre
    [28/11/2006 12:44] O fenómeno do podcast non prendeu aínda con moita forza na rede galega, aínda habendo bos exemplos, como os falangullos de Modesto ou o Home de Areia. No Congreso do Observatorio da Cibersociedade, José Antonio Gelado, podcaster pioneiro a nivel estatal, falou esta semana das orixes, primeiras experiencias e do camiño cara a unha comunicación máis libre. Na web poden consultar o audio da súa intervención.


    GALINUX É QUEN DE FUNCIONAR NOS EQUIPOS OBSOLETOS PRESENTES EN MOITAS AULAS
    Mestres ferroláns publican unha distribución de Linux para o ensino en galego
    [28/11/2006 17:26] Un equipo de profesores de Ferrolterra acaba de lanzar a nova versión dunha distribución de software libre en galego especialmente deseñada para as aulas. Fartos de que os alumnos dedicasen o tempo a fedellar no ordenador no lugar de atender, o equipo de mestres adaptou o sistema ás súas necesidades. Así, Galinux impide que os rapaces danen o sistema operativo e, ademais, é quen de traballar en equipos antigos. Continuar


    DATOS DE EMPREGO DE GOOGLE
    O buscador máis usado, aquí e mais na China?
    [15/12/2006 14:46] Se se trata de responder á pregunta, non nos dous sitios. Aínda que desde logo Google é o buscador máis famoso e empregado do mundo, hai diferencias salientábeis. Por exemplo, no estado español o seu uso acada o 99% dos internautas, un dato que non para de sorprender aos executivos da empresa. En Alemaña ou Holanda úsano o 91% das usuarias de internet. Manteñen estas altas cifras Francia, Australia ou o Reino Unido, entre o 75 e o 85%. Sen embargo, no país de orixe de Google, aínda coa popularidade da que goza, úsano menos da metade dos internautas: o 42%. E aínda que os mesmos datos digan que é o máis usado do mundo, con case o 60% dos internautas, o certo é que se lle resiste o mercado asiático, cun triste 21% de uso na China.


    OS LÍDERES DO SECTOR TIC XÚNTANSE PARA DEFINIR O PLAN DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN (PEGSI)
    Industria lanzará unha factura electrónica en código aberto para as PEMEs galegas
    [29/11/2006 14:52] Case 70 profesionais debateron hoxe as medidas que aplicará a Xunta para achegar Galiza á sociedade da información. Na reunión, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, adiantou que o Goberno desenvolverá unha factura electrónica para as PEMEs. Esta aplicación de software libre busca potenciar o comercio electrónico entre as empresas galegas. A xornada é parte da elaboración do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). A través do PEGSI, as administracións queren investir 800 millóns de euros para paliar o déficit galego en novas tecnoloxías. Continuar


    'COÑECEMENTO ABERTO, SOCIEDADE LIBRE'
    Música 2.0: A adaptación da música diante dos retos tecnolóxicos
    [29/11/2006 16:20] "Estamos nun punto intermedio entre a forma na que se divulgaba a música tradicionalmente e o que será o futuro". Unha das intervencións esta semana no Congreso do Observatorio para a Cibersociedade foi a de Andy Ramos, Interiuris.com, blogueiro e podcaster que reflexionou sobre a relación da música coas novas tecnoloxías nos últimos dez anos. Ramos aposta polas redes P2P como medio "eficaz, sinxelo e económico" para distribuír a música a través de internet. Na web poden escoitar a súa conferencia e tamen ler a transcrición.


    LATIFUNDISTA DO SECOND LIFE
    Unha moza xunta millóns especulando con leiras virtuais
    [30/11/2006 11:49] Algo menos de dez euros gastou Ailin Graf, moza chinesa, residente en Alemaña, para crear unha conta en Second Life hai dous anos. Rebautizada como Anshe Chung, esta muller iniciou unha exitosa carreira no mercado do ladrillo virtual. O seu hábil manexo do negocio inmobiliario nun mundo ficticio que malia todo move elevadas cantidades de cartos reais, converteuna en millonaria en pouco tempo. O Financial Times, New York Times ou Business Week xa lle adicaron espazo. Por certo, este xoves concede unha entrevista colectiva. Poden ampliar na súa web, á vez portal da súa axencia de compra-venda de predios virtuais.


    MILLÓNS DE INTERNAUTAS VEN GRATIS SERIES E FÚTBOL EN DIRECTO
    A tecnoloxía p2p mételle un gol á televisión de pago
    [30/11/2006 13:40] Ver en directo e de balde os partidos do Celta que só emiten as canles de pago ou seguir os últimos capítulos das series americanas antes de que se estreen en Europa. Todo isto é posible grazas a televisión p2p, a última evolución do intercambio de arquivos. Millóns de internautas xa comparten vídeo en tempo real e ameazan con poñer patas arriba o multimillonario pastel dos dereitos de retransmisión. Continuar


    POR EDITAR WINDOWS NA LINGUA 'MAZUDUNGUN' SEN PEDIR PERMISO
    Comunidades mapuches cavilan denunciar a Bill Gates
    [01/12/2006 14:21] Varias comunidades mapuche expresaron a súa indignación e a súa intención de evitar, pola vía legal, que Microsoft manteña a súa versión de Windows en mapuzungun, lingua propia de parte dos mapuches chilenos. O seu argumento principal é que a empresa que encabeza Bill Gates incorreu nun acto de "piratería intelectual" coa súa lingua ao non pedir permiso para empregala. Continuar


    A CONCELLARÍA DE XUVENTUDE IMPARTE UN OBRADOIRO DE NOVAS TECNOLOXÍAS
    Os betanceiros inícianse no mundo dos blogs
    [01/12/2006 17:13] A xente nova de Betanzos poderá aprender todo sobre os blogs nun obradoiro que se vai impartir este mes de decembro. O programa de formación de cursos de informática que organiza a concellaría de Xuventude e Normalización Lingüística, está dirixido a mozos e mozas de 15 a 30 anos con coñecementos básicos a nivel usuario. Segundo a concellaría, o curso responde ás demandas de formación recibidas na Oficina de Información Xuvenil betanceira. Os contidos incluirán, ademais da iniciación nas novas tecnoloxías, a introdución en ferramentas de software libre en galego. A actividade formativa arrancará o sábado 16 ás dez da mañá e terá unha duración de 30 horas. As prazas son limitadas.


    REMATA O TERCEIRO OBSERVATORIO PARA A CIBERSOCIEDADE
    Un mellor acceso ás novas tecnoloxías é vital para implantar a web 2.0
    [04/12/2006 13:28] A existencia de dificultades para a implantación dunha verdadeira sociedade electrónica foi unha das principais conclusións do terceiro congreso online Observatorio para a cibersociedade, que nesta edición levou como lema 'Coñecemento aberto, sociedade libre'. Juan Freire explicou nunha conferencia plenaria sobre o futuro da web 2.0 en España que as redes sociais que fan posíbel este paso están a ter unha introdución moi limitada no estado. Ademais do feito de que os principais usuarios das novas tecnoloxías son menores de 25 anos, constatou que os altos prezos das conexións e a ausencia dunha rede sen fíos que permita que internet chegue a todas partes impiden que se formen redes sociais distribuídas eficaces. Continuar


    A TECNOLOXÍA QUE MUDA AS VIDAS
    Tarecos que cambiaron o mundo
    [13/12/2006 13:55] En plena febre videoxóguica e coa nova Wii como xogueta de éxito cara a este Nadal tecnolóxico, aproveitamos para lembrar os ciberferranchos pioneiros da industria, como a Atari 2600, agasallo destacado en decembro de 1977. Forma parte da lista de obxectos que cambiaron o mundo, segundo a peneira da revista Wired. Continuar


    ENTREVISTA CON JAVIER VALIÑO, EX-PRESIDENTE DA AGAPI E RESPONSABLE DE ALDEAFILMS
    "Os políticos non saben que a televisión dixital terrestre é un modelo atrasado"
    [04/12/2006 16:22] Javier Valiño, ex-presidente da Asociación Galega de Produtores Independentes (AGAPI), alerta sobre os perigos que ameazan á industria audiovisual do país. A Televisión Dixital Terrestre (TDT) -unha das principais apostas públicas contra fenda dixital en Galiza- é para Valiño unha tecnoloxía desfasada e con problemas de financiamento. O responsable de Aldeafilms defende que "o gran problema" do sector é que "non hai profesionais o suficientemente formados". Continuar


    ÉXITO DE PARTICIPACIÓN DO CONGRESO DA CIBERSOCIEDADE
    O acceso aberto ao coñecemento: Alternativa social, política e cultural
    [05/12/2006 12:28] A terceira edición do Congreso Online do Observatorio para a CiberSociedade (OCS) clausurouse esta fin de semana coa participación de 4.600 congresistas ubicados en diferentes países de América Latina, EEUU, África e Europa, que durante dúas semanas debateron sobre as dimensións sociais e culturais nos procesos de implantación das novas tecnoloxías da comunicación. Os organizadores consideran que o evento se consolidou como un importantísimo espazo de investigación, reflexión e debate sobre ás TICS e a sociedade do coñecemento. Continuar


    PROMOVIDA POLA ASOCIACIÓN DE INTERNAUTAS
    Internautas TV: Cara á outra internet posíbel
    [05/12/2006 13:53] Conseguir unha internet "accesíbel, a un prezo asequíbel, universal e de calidade, e onde o internauta sexa o protagonista", son obxectivos cos que xa naceu no seu momento a Asociación de Internautas. O colectivo, cunha sólida traxectoria na defensa dos dereitos dos usuarios da rede, pon en marcha agora unha nova ferramenta para a divulgación dos seus materiais e o contacto co planeta en liña: Internet TV. Ciberdereitos, loita contra o canon ou accesibilidade nas webs oficiais do goberno, son algúns dos contidos cos que se inaugura.


    AÍNDA ASÍ O ENSINO PÚBLICO TEN MELLORES EQUIPOS CA OS DA PRIVADA
    A conexión á rede nas escolas galegas é a máis baixa de todo o Estado
    [05/12/2006 17:18] Galiza é a comunidade do Estado con menor conexión a internet nos seus centros de ensino primario e secundario. Así o indica un estudio do Ministerio de Educación, que tamén mostra que os estudantes da pública dispoñen de mellores computadores e conexións ca os da privada, tanto a nivel estatal como autonómico. Continuar


    OS USUARIOS GALEGOS PIDEN MENOS "RETÓRICA" E MÁIS MEDIDAS CONCRETAS
    O Congreso di si ao software libre, pero con reservas
    [13/12/2006 11:06] Só un deputado votou en contra da proposición que insta ao Goberno central a promover o software libre. Malia todo, o texto aprobado o luns evita pronunciarse sobre un dos puntos claves, se a administración debe dar preferencia aos programas de código aberto sobre os propietarios. "Hai máis de barullo que medidas concretas ", advirten dende AGNIX, un dos colectivos galegos de usuarios. Continuar


    CALIDADE DVD GRAZAS AO PROTOCOLO BIT TORRENT
    Nace a alternativa de alta definición para o YouTube
    [06/12/2006 13:41] Azureus, a compañía que popularizou o cliente de descargas P2P do mesmo nome, lanzou este luns unha nova plataforma para a descarga de vídeos de alta calidade. A empresa norteamericana espera que Zudeo se convirta no próximo YouTube, xa que o sistema é similar pero ofrecendo arquivos de alta definición. A plataforma utiliza o protocolo Bit Torrent de arquivos compartidos en vez de servidores propios como no caso do YouTube. Continuar


    COMPETIDORA DA XBOX 360 E DA PLAY STATION 3
    A consola de videoxogos Nintendo Wii chega este sábado ás tendas galegas
    [08/12/2006 13:12] O nove de decembro foi a data marcada pola compañía xaponesa Nintendo para o lanzamento europeo da súa nova consola, a agardada Wii. A maior parte das tendas galegas xa confirmaron que a primeira partida de unidades pouco vai durar nos estantes xa que non foron poucos os que a reservaron con antelación. Que ten a Wii para crear tanto rebumbio?. Pois unha aposta clara para rachar coa idea de que os videoxogos son para nenos e adolescentes. Logo de triunfar no público adulto (e en concreto co feminino) coa consola portátil Nintendo-DS, a compañía xaponesa revoluciona coa Wii a forma de gozar dos videoxogos. Continuar


    FERRAMENTA INFORMÁTICA EDUCATIVA
    Etnonet 2.0: Enciclopedia lúdica para as escolas
    [12/12/2006 12:59] Cantos concellos hai en Galiza? Que escritor galego ten dedicada unha escultura na Alameda de Compostela? "Uns pican e outros non", a que típico produto nos referimos? Como se chama a planta de agradábel perfume moi vencellada á Noite de San Xoán? Estas son algunhas das preguntas que propón a brincadeira informática "Etnonet 2.0, Enciclopedia Interactiva da Cultura Galega". Foi elaborada por Xosé Antón Vicente Rodríguez, mestre no Colexio de Ensino Primario O Piñeiriño, en Vilagarcía de Arousa. Máis na bitácora Ensino en Galego.


    EDUCACIÓN GÁBASE DA COMPRA DE MÁIS DE 55.000 ORDENADORES
    "Dotan ás escolas con ordenadores e logo non saben que facer con eles"
    [18/12/2006 13:37] "Os galegos non contratan ADSL porque non lle ven utilidade". É unha denuncia do profesor da Universidade de Santiago, Carlos Ferrás. Este experto advirte que a solución ao atraso tecnolóxico galego non pasa só por incorporar equipos porque "dotan aos centros de ensino con computadores e logo non saben que facer con eles, o cabo dun ano avaríanse, en dous anos están desfasados". Hoxe mesmo a Consellería de Educación publicita a compra de máis de 55.000 computadores en dous anos. Na opinión de Ferrás, formar aos cidadáns e ofrecerlles servizos útiles deben ser as medidas máis urxentes para superar a fenda dixital. Continuar


    TEST CLAVE PARA A EXTENSIÓN DA E-DEMOCRACIA
    Estonia será a primeira en elixir o seu parlamento en internet
    [28/12/2006 14:09] As eleccións lexislativas da próxima primavera en Estonia marcarán un fito. Por primeira vez, os cidadáns dun estado da UE poderán elixir o seu parlamento votando pola rede. Estes comicios serán un paso clave na carreira por crear un sistema de votación electrónica fiábel, que permita unha maior participación dos cidadáns na vida pública. Continuar


    TENDENCIAS TECNOLÓXICAS PARA O ANO QUE VÉN
    Agoiran que en 2007 afrouxará o crecemento da bloguesfera
    [18/12/2006 14:41] O espectacular aumento de bitácoras rexistrado nos últimos meses, co número total multiplicándose cada poucas semanas, vai moderarse en pouco tempo, segundo agoiro dos expertos da consultora Gartner. No primeiro semestre de 2007 haberá un punto de inflexión nesa tendencia, que á beira dos blogueiros habituais xa acumula a cada paso tamén millóns de ex blogueiros. Continuar


    SEGUNDO UNHA ENQUISA DE MANCOMUN.ORG
    O software libre galego triplicou a súa actividade neste ano
    [18/12/2006 17:38] O movemento social a prol do software libre está a expandirse polo país. Así o destaca o estudo "O Software Libre nas entidades de Galiza", publicado polr Mancomun.org. O documento sinala que en 2006 organizáronse o triple de actividades relacionadas con estes programas que en 2005. Agora ben, aínda hai moito camiño por andar para popularizar as aplicacións abertas, especialmente nos concellos, o ensino e nas PEMEs. Continuar


    800 MILLÓNS PARA O PLANO GALEGO DE INVESTIGACIÓN
    A Xunta fixa o investimento en I+D+i medio punto por debaixo da recomendación europea
    [19/12/2006 14:13] Oitocentos millóns de euros e dúas prioridades: que as empresas invistan en innovación e mellorar as condicións dos investigadores públicos. Estas son as claves do novo Plano Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) 2006-2010 presentado este martes. O obxectivo é que o 1,5% do PIB se adique a innovación, un notábel avance respecto ás cifras actuais, pero aínda medio punto por debaixo do marcado pola Unión Europea para 2010. Continuar


    APROVEITANDO OS VÍDEOS PARA A INVESTIGACIÓN POLICIAL
    Se Holmes buscase as pegadas do delito no Youtube...
    [20/12/2006 13:57] Pouco antes dun concerto de hip-hop na localidade de Hamilton, no Canadá, dúas persoas foron acoiteladas no local da actuación durante unha rifa de bandas rivais, morrendo unha das vítimas. Debido ás dificultades para atopar potenciais testemuñas do acontecido e de identificar os responsábeis, a policía local cavilou en formas orixinais de contactar coa mocidade. Así, decidiron subir ao Youtube un vídeo onde se ve a ducias de persoas entrando no bar nos momentos previos ao espectáculo.


    OS PRECARIOS EXAMINAN O NOVO PLANO GALEGO DE I+D+i E PIDEN CONTRATOS PARA TODOS
    "Non hai empresas abondo para acoller a todos eses investigadores anunciados pola Xunta"
    [20/12/2006 13:53] "Unha cousa é o papel e outra a realidade". Precarios-Galicia avalía con escepticismo o novo Plano de I+D+i, pero tamén recoñece o carácter "innovador" do multimillonario programa da Xunta presentado o martes. O portavoz desta asociación, Jorge Pérez Maceira, reclama contratos para todos os investigadores dende o intre que comezan a traballar. E é que aínda existe unha gran cantidade de bolseiros sen dereitos básicos como cotizar para o paro. Maceira considera "unha boa idea" a pretensión da Xunta de fomentar a contratación de investigadores polas empresas. Porén, dubida do seu realismo pois "non hai unha estrutura empresarial que poida acoller a todos eses investigadores". Na súa opinión, a capacidade de innovación nas compañías do país é feble coma un "castelo de naipes". Continuar


    HABERÁ AXUDAS PARA 82 PROXECTOS
    As asociacións reciben 1,2 millóns en subvencións para estender a sociedade da información
    [21/12/2006 12:18] O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a concesión das subvencións para "promover actuacións de difusión e formación" sobre a sociedade da información. As iniciativas promovidas pola CIG, a Asociación de Voluntarios Tecnolóxicos, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións e a Fundación Sabiria van recibir as axudas máis importantes. En total, a Consellería de Industria seleccionou un total de 82 proxectos aos que vai apoiar con máis de 1,2 millóns de euros. Continuar


    AVALIANDO A "BELEZA" DIXITAL
    As novas top models son "virtuais"
    [21/12/2006 12:18] Banshee, Manu Cast, Linea, Lonnie, Lorelei, Odette e Dark Eve. Esta media ducia de mozas compiten polo premio de beleza Miss Mundo Dixital. Porén, aviso para paparazzis: ningunha delas existe en realidade. Son todas creacións realizadas a través do computador por diversos ciberartistas. Os organizadores queren que as gañadoras protagonicen calendarios, videoxogos e publicidade. Poden ampliar en Wired.


    CAMPAÑA DA FREE SOFTWARE FOUNDATION
    O Vista "é malvado"
    [21/12/2006 12:18] A finais de xaneiro está previsto que Microsoft poña nas tendas o seu novo sistema operativo, Windows Vista, con prognóstico da empresa de pechar 2007 instalado xa en 100 millóns de computadores. Desde a Free Software Foundation opinan que se trata dunha ferramenta decepcionante, que non só implicaría apenas unha pequena "actualización" do sistema actual, senón que en opinión do colectivo recortará liberdades e atacará a privacidade do usuario. Por este motivo, decidiron abrir a bitácora Bad Vista.


    INDEPENDENTEMENTE DA OPCIÓN ESCOLLIDA
    Haberá unha materia de "cultura científica" para todos os alumnos de Bacharelato
    [21/12/2006 12:46] "Ciencias do Mundo Contemporáneo" é o nome escollido para a nova materia que estudarán os alumnos do Bacharelato, e que será común a todas as especialidades. Artes; Humanidades e Ciencias Sociais; Ciencias e Tecnoloxía, son os as tres opcións nas que se concentrará o Bacharelato, e cando menos nun dos dous cursos deste treito educativo, os estudantes deberán cursar esta materia científica. Segundo avanzou o Ministerio de Educación, os novos estudos non entrarán en funcionamento até 2008.


    ENTREVISTA CON XAVIER ALCALÁ SOBRE I+D+i, NOVAS TECNOLOXÍAS E LINGUA
    "Temos centros de formación moi bos, pero non son máis ca escoliñas de emigrantes"
    [27/12/2006 19:18] Xavier Alcalá, director da nova Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDI), está moi preocupado pola fuga de cerebros. De "desastre continuo" cualifica a sangría de moitos dos mellores licenciados galegos en carreiras tecnolóxicas que teñen que emigrar do país debido aos "soldos de miseria". Para contribuír a solucionar esta lacra, Alcalá, que tamén é profesor universitario, acaba de coller as redas da OPIDI, un ente co que a Xunta agarda atraer para Galiza un anaco do pastel de 53.000 millóns cos que conta o novo Programa Marco de Investigación da Unión Europea. Ademais, incide na necesidade de mellorar o ensino medio para evitar que "alguén comece unha carreira técnica sen saber de memoria o valor da raíz de dous". Continuar


    ASTURIAS, ANDALUCÍA E CASTELA E LÉON XA EMPREGAN ESTA CERTIFICACIÓN
    Trinta mil galegos xa teñen e-DNI pero aínda non poden usalo na web da Xunta
    [22/12/2006 18:46] Cada día uns mil galegos conseguen o novo Documento Nacional de Identidade electrónico (e-DNI) que incorpora a firma dixital. Isto permite aos cidadáns identificarse na rede e completar en liña trámites administrativos, aforrando así a sempre incómoda presentación de papeis. Porén, o número de xestións que se poden facer en internet é limitado, especialmente en Galiza. E é que a Xunta aínda está "en proceso de adaptación" para sacarlle partido a esta ferramenta, que xa emprega o goberno estatal e os de Asturias, Andalucía e Castela-León. Continuar


    EN CASE DEZ ANOS DE HISTORIA
    Fillos.org: Un centro galego virtual con catro mil socios
    [26/12/2006 12:06] Só algunhas entidades históricas no exterior como a Casa de Galicia de Montevideo ou o Centro Galego de Bos Aires suman tantos socios como a comunidade virtual Fillos de Galicia. Ao tempo que a participación mingua na realidade cotiá destes centros, os internautas da emigración seguen especialmente activos neste recuncho da internet. Continuar


    SCHOLARPEDIA E CITIZENDIUM
    Enciclopedias libres con peneira de expertos
    [26/12/2006 12:56] As queixas polas grallas e incorrecións na Wikipedia axitaron nos últimos tempos o debate sobre esta referencia do coñecemento aberto en internet, que malia os problemas puntuais veu ofrecendo garantías de credibilidade. Hai tempo falaramos do Citizendium, proxecto de inspiración similar que pretendía aumentar a calidade. Agora, destacámoslles tamén a ScholarPedia, que só publica artigos de especialistas convidados. A continuación, os internautas poden ampliar ou corrixir esas entradas, pero non serán visíbeis até que teñan a beizón do autor inicial.


    PROXECTO DO CREADOR DA WIKIPEDIA
    Wikiasari: o buscador "colaborativo" do futuro?
    [26/12/2006 16:07] No primeiro trimestre de 2007 entrará en funcionamento o novo proxecto de Jimmy Wales, coñecido promotor da Wikipedia. Trátase dun motor de busca para internet, bautizado Wikiasari. "A procura é parte fundamental da infraestrutura de internet", opina Wales na web do proxecto, reflexionando que na actualidade sofre dos mesmos problemas que o software propietario: falta de liberdade, comunidade ou transparencia. Fronte a esa situación, propón aproveitar a forza da colaboración entre os internautas para construír un procurador de webs que funcione colaborativamente. De inspiración colaborativa xa foi o proxecto Dmoz, que de feito constitutiu a base da que Google se aproveitou para o seu buscador. Máis en The Times.


    A FENDA DIXITAL DEPENDE DA CLASE SOCIAL
    O acceso á rede en Galiza é cuestión de cartos
    [29/12/2006 11:38] Poder conectarse a Internet en Galiza depende moito dos recursos de cada familia. Mentres que un terzo das familias que ingresan ao mes máis de 1.500 euros teñen acceso á rede, nos fogares nos que entran menos de 600 euros a penetración é mínima, un 2%. Así se desprende dos novos datos que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE). A conclusión é que, aínda que o índice de conexións a internet multiplicouse por sete dende o 99, Galiza segue lonxe da media estatal. Continuar


    CONTRADICIÓN ENTRE O DISCURSO OFICIAL E REALIDADE COTIÁ
    No Parlamento prefiren Microsoft
    [02/01/2007 12:42] Malia que o software libre é unha das bandeiras da Xunta para impulsar as novas tecnoloxías, os deputados galegos seguen a usar programas propietarios no seu traballo. Así, o Parlamento de Galicia gastou máis de 208.000 euros en mercarlle ordenadores a todos os representantes. Os computadores traían de serie o Microsoft Windows XP e o Office. A compra destes ordenadores fíxose cando o bipartito controlaba a cámara, en setembro de 2005; malia que os programas electorais de PSdG e BNG incluían medidas de apoio ao software libre. Continuar


    SEGURIDADE E APPLE
    Entre Lemos e Finisterre: buscando os furados da mazá
    [03/01/2007 11:28] Abriuse esta semana en internet o "mes das vulnerabilidades de Apple", con espazo para tratar diariamente os pouco coñecidos buracos de seguridade deste tipo de computadores. Sobre o asunto, recomendámoslles visitar a web Security Focus, onde o galego Robert Lemos entrevista o galego Kevin Finisterre, creador dunha empresa informática e autor dun verme especialmente deseñado contra os Mac, segundo el, coa única arela de axudar ao reforzo da seguridade dos computadores de Apple.


    O PODER DE BILL GATES
    Microsoft: o plan do "Imperio"
    [03/01/2007 14:34] O monopolio no mercado informático de Microsoft leva espertando críticas moitos anos, cos internautas revisando polo miúdo calquera proxecto da empresa e paso do seu fundador e gurú, Bill Gates. Na rede está aínda Evil Empire, bitácora xa pechada e dedicada a publicar noticias críticas co xigante da informática. Desta volta chéganos mapa gráfico do imperio Microsoft, unha representación en clave bélica das frontes comerciais abertas pola empresa de Gates.


    DOPICO FALA SOBRE O FUTURO DA COMPAÑÍA E A FENDA DIXITAL EN GALIZA
    "R non se vendeu porque é líder de rendibilidade no estado"
    [03/01/2007 15:58] A compañía galega de cable R é unha excepción. Da ducia de operadores autonómicos que naceron en 1998, só tres se libraron de seren comprados: Euskatel, Telecable e R. Arturo Dopico, director xeral da empresa, explica que a supervivencia de R "non se trata dunha cuestión de tamaño senón de rendibilidade". Nesta entrevista, Dopico discute o futuro da compañía e da sociedade da información en Galiza. Entre outras medidas, reclama a Madrid que desbloquee a concesión das licencias de radio, claves para estender a banda larga ao rural galego. Continuar


    O OPERADOR GALEGO R VAI INVESTIR 200 MILLÓNS
    Nun prazo de dous anos o 60% da poboación terá acceso á rede de fibra óptica
    [03/01/2007 17:08] Lalín, Ponteareas, Sanxenxo, Moaña, Bueu, Cedeira, Ordes, As Pontes, Chantada e Xinzo de Limia. Estas son as poboacións en que o operador galego de cable, R, xa ten licenza para expandir a súa rede de fibra óptica. A empresa anuncia que "comezará a dar servizo durante 2007" nestas localidades. Ademais, o operador sinala que está a piques de conseguir permisos en Ponteceso, Boiro, Allariz e O Grove. O obxectivo é que a finais do 2008 o 60% dos galegos poidan optar por una tecnoloxía que permite un acceso a unha internet de alta velocidade. Continuar


    FERRAMENTA EN LIÑA
    Fochicando no universo a través da NASA
    [04/01/2007 10:56] Como se ve a Terra desde Venus pola mañanciña? Fai bonito Marte visto desde o planeta Xúpiter? Estas e outras inquedanzas poderán resolvelas coa aplicación que a axencia espacial estadounidense, a NASA, puxo a disposición de todos os internautas. A ferramenta permite remexer no Sistema Solar introducindo diversas combinacións posíbeis e obtendo de balde imaxes do espazo exterior. Especialmente recomendábel para os interesados na astronomía, o trebello permite mesmo consultar imaxes tiradas desde a perspectiva da nave espacial Voyager.


    INVESTIGACIÓN DE MÉDICOS INGLESES
    Atopan un sistema para escapar ás patentes e facer menciñas baratas
    [04/01/2007 10:55] Os grandes xigantes do negocio farmacéutico, amarran a patente de menciñas fundamentais para o tratamento de enfermidades durante longos períodos de tempo. Fixan deste xeito os prezos, afastando os achados do acceso de moitas persoas con poucos recursos. Diante desa situación, destaca o recente sistema desenvolvido por dous investigadores ingleses, que axudaría a reducir os custos de produción dun medicamento contra a hepatite. Continuar


    NAS SEIS MESAS REDONDAS PARTICIPARON EXPERTOS DE GALIZA, BRASIL E PORTUGAL
    Os vídeos das xornadas galego-lusófonas de software libre xa están na rede
    [05/01/2007 10:29] Xa se poden ver na rede as seis mesas redondas das xornadas galego-lusófonas de software libre do Porriño, que se desenvolveron do 30 de novembro ao 3 de decembro, organizadas por AGNIX e o Concello porriñés. Nos coloquios participaron expertos nos diferentes eidos do software libre de Galiza, Brasil e Portugal. Os vídeos ofrécense na modalidade de streaming, é dicir, que non se poden descargar directamente, e para velos é preciso empregar un reprodutor que admita arquivos en formato Quicktime. Dende mancomún.org recomendan usar o VLC. Continuar


    ACORDO DO GOBERNO DA CIDADE CON EARTHLINK E GOOGLE
    San Francisco terá cobertura de internet sen fíos integral e de balde
    [08/01/2007 11:00] San Francisco será a primeira gran cidade dos Estados Unidos en ter unha cobertura integral e gratuíta de internet sen fíos. O Concello da cidade, presidido por Gavin Newsom, asinou o venres un convenio con EarthLink e Google para instalar e xestionar o servizo. Despois de sete meses de negociacións, o asunto pasará ás mans da cámara de representantes, que ten competencias para adiar ou mesmo desbotar o proxecto. Newsom asegurou que a dispoñibilidade universal e gratuíta da rede mellorará o acceso dos cidadáns á educación, os servizos sociais e as oportunidades económicas. Pero non todo o mundo está de acordo cos detalles do contrato. Continuar


    SEGUNDO O TRABALLO DOS CIENTÍFICOS DUNHA UNIVERSIDADE ESTADOUNIDENSE
    Descobren que o líquido amniótico pode ser fonte de células tronco
    [08/01/2007 12:06] Científicos estadounidenses descubriron que o líquido amniótico pode ser unha nova fonte de células nai, que se poden empregar para reparar órganos humanos danados. Os investigadores obtiveron células do líquido que rodea o feto durante o embarazo e conseguiron facelas medrar nun laboratorio. Até agora, as células tronco só se podían obter extraéndoas de embrións humanos. No artigo, publicado en Nature Biotechnology, os científicos din que é posíbel estimular a capacidade desas células para se transformaren en diferentes tecidos co fin de tratar doenzas. Continuar


    INDUSTRIA ACTUALIZA OS PRAZOS DE EXTENSIÓN DE INTERNET A 2.800 PUNTOS DO RURAL
    Sen ADSL ao carón do Obradoiro
    [08/01/2007 16:24] Os cidadáns que viven en áreas sen acceso de alta velocidade xa poden consultar cando e como se van poder conectar. O Ministerio de Industria acaba de actualizar as súas previsións de extensión de internet ao rural. As promesas oficias falan de conectar máis de 2.800 puntos nos dous próximos anos. O certo é que ata agora a administración non foi quen de cumprir os seus propios prazos. Non son os veciños de aldeas illadas os únicos que sofren a fenda dixital, xa que a lista de áreas por conectar inclúe lugares de concellos urbanos como, por exemplo, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Ourense e Lugo. Continuar


    DISCUSIÓN SOBRE SE DEBE SER ".LLI" OU ".LEO"
    Crean xestora a prol dun dominio para o leonés
    [09/01/2007 13:55] Lograr un dominio para a lingua e cultura leonesas. Este é o fin dunha xestora que acaban de crear un grupo de cidadáns de León, que xa comezaron unha campaña en medios e institucións. Trátase dunha iniciativa similar a Puntogal, que busca un dominio propio para Galiza. No caso leonés apareceu a polémica de seguido ¿debería ser ".lli", en relación a denominación da lingua, o llionés, ou ".leo"? En Galiza, opotouse por ".gal" no lugar de ".gz", máis difícil de conseguir. Continuar


    OS RESULTADOS AUMENTAN UN 219% CON RESPECTO AO ANO ANTERIOR
    A operadora galega R conseguiu uns beneficios de 12,7 millóns en 2006
    [12/01/2007 14:12] A operadora galega de comunicacións por fibra óptica R, logrou en 2006 un beneficios de 12,7 millóns de euros. Esta cifra será finalmente menor xa que de aquí hai de deducir aínda os impostos aos que terá que facer fronte a compañía. Aínda así, a cifra reflicte que os beneficios da empresa foron un 219% máis grandes ca en 2005.
    • Anterior:"R non se vendeu porque é líder de rendibilidade no estado"
    • Nun prazo de dous anos o 60% da poboación terá acceso á rede de fibra óptica



    A OPERADORA R PRESENTA UN BALANCE DE BENEFICIOS NETOS DE 8,6 MILLÓNS
    As conexións a internet a través de fibra óptica aumentaron un 34% en 2006
    [17/01/2007 13:03] A conexión a internet a través de fibra óptica non para de medrar espectacularmente no país. A operadora de telecomunicacións R sinala que as conexións á rede con fibra óptica medraron o ano pasado un 34%. Segundo estes datos, a finais do ano pasado contabilizábanse case 96.000 accesos de cablemódem en Galiza. Ademais o conselleiro delegado da empresa, Arturo Dopico, sinalou diante da prensa que a compañía que el dirixe estima un beneficio neto, logo do pago de impostos, de 8,6 millóns de euros. Este dato converte á operadora na máis rendíbel de todas as que traballan no Estado español. Continuar


    NA PRESENTACIÓN DA NOVA WEB E DA CANLE DE TELEVISIÓN POR INTERNET
    O Concello da Coruña di que hai máis casas con internet que con ordenador
    [19/01/2007 15:07] Ao Concello da Coruña escapóuselle unha curiosa gralla na nota de presentación da súa nova web. O municipio asegurou que o "76% dos fogares coruñeses dispoñen de conexión Internet" logo de dicir que "o 55% dos fogares coruñeses contan con ordenador". É dicir, que habería un 21% de fogares na cidade con internet pero sen ordenador. Anécdotas á marxe, o novo sitio web incorpora interesantes funcións, como a posibilidade de aproveitar o DNI electrónico para obter certificados do padrón. Tamén dispón dunha canle de televisión por internet. Continuar




    Noticias anteriores

     
  • EN VIEIROS
    O Sergas defende o gasto de 650.000 euros en licenzas de Microsoft
    Medio Ambiente descarta a incineración para a "segunda Sogama" do sur
    Política Lingüística avoga por converter a Xunta nun "axente galeguizador"
    Irlanda do Norte decide a composición do seu parlamento
    Lalín valora un proxecto para levar internet, telefonía e televisión ao rural
    Estamos en obras, desculpen as molestias
    Líder curdo á cadea por "respectar" a Ocalan
    Hamás promete a fin da violencia se Israel evita o boicot internacional ao novo goberno palestino
    Protección Civil activa a alerta vermella nas costas norte e noroeste do país
    Homenaxe blogueira a Carlos Casares o 9 de marzo
    Unha lei francesa pretende castigar os que difundan vídeos violentos sen ser xornalistas
    O Entroido tamén chegou a Terra Santa
    Feminino plural, todas as mulleres á escena
    Tosar e Piti Sanz presentan o seu grupo en Vigo
    A explotación das mulleres do téxtil, na Mariña
    Tan só un de cada cinco colexios públicos do país ten nome de muller
    Tres culturas unidas pola poesía
    O Bloque afirma que os populares amparan o "terrorismo urbanístico"
    Xosé Luís Vázquez Somoza leva o Ánxel Fole de narrativa
    A clase política homenaxea a Anxo Guerreiro o 14 de abril en Compostela
    Todos os colexios galegos a xogar á billarda
    Vicepresidencia organiza un programa de concertos para promover a música clásica do país
    Seminario de arquitectura sustentábel en Compostela

    © Vieiros