|
CONCURSO DE MONÓLOGOS MONOLINGÜES
Volve o noso recanto dos faladores (speaker's corner) [03/11/2005 10:00] Remata o prazo para que os faladores e faladoras se inscriban no Concurso de Monólogos Monolingües ‘Move o bico, vennos con contos’, que organiza por segundo ano consecutivo a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Económicas e Empresariais da USC. En 2004 o vencedor da edición, que foi considerada un éxito de participación e púbico, foi o comunicólogo Manuel Outeiriño.
O Concurso de Monólogos Monolingües é unha iniciativa para mover á reflexión sobre a situación do galego e dos seus falantes a partir dos parrafeos que presenten os concursantes, en galego, durante un espazo de tempo non superior a 15 minutos nun acto público que se desenvolverá ao longo deste mes na Facultade de Económicas.
Ao concurso poderá concorrer calquera membro da Universidade de Santiago. Os monólogos versarán sobre o uso do galego na vida cotiá puidendo ser de creación propia ou teren base popular ou literaria. Cada participante concursará individualmente e cun máximo dunha historia cada un. O gañador do concurso recibirá 200 € en metálico, o que acade o segundo posto 150 € e 100 € para o terceiro, ademais dunha subscrición de balde a BIBLOS-Clube de Lectores por un ano xunto con tres vales para a adquisición de libros a través deste mesmo Clube (200 € ao primeiro, 150 € ao segundo e 100 € ao terceiro). As inscricións recóllense a través da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ata o 4 de novembro. A primeira edición deste concurso celebrouse ante máis de 250 persoas, desbordando as previsións de participación do comité organizador. O primeiro premio outorgóuselle ao comunicólogo Xosé Manuel Outeiriño polo seu monólogo ‘A lingua e os borbóns de chocolate’; o segundo recaeu en Leonardo Fernández Campos, por ‘Castrapo pajuer’; e, finalmente, Juan Vega González foi o merecedor do terceiro por ‘O cuchilo’.
Hai 0 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa
OUTRAS NOTICIAS
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||