Vieiros Galego.org

Edición xestionada por Vieiros
 FORO

Que che parece o Plan de Normalización Lingüística? Opina no foro de galego.org.
 A MAN

Accede dende aquí aos recursos que a web de Galego.org recolle sobre o idioma.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta nas páxinas que sobre lingua hai no buscador de Vieiros.

 

LINGUA E SOCIEDADE
O Defensor do Pobo entende que se lesionan os dereitos dos castelanfalantes en Galiza

[05/10/2005 19:55] O Defensor do Pobo español, Enrique Múgica, envioulle unha carta á ministra de Educación, María Jesús San Segundo, para amosarlle o seu malestar e "crecente preocupación" ante a "lesión de dereitos" que sofren os que queren usar o castelán "como lingua vehicular" e residen en comunidades autónomas con lingua cooficial, "especialmente en Cataluña, Baleares ou Galiza". Segundo o Defensor, son cada vez máis frecuentes as queixas en que "se pon de manifesto a nula efectividade da opción lingüística dos que desexan recibir ensinanzas oficiais" en castelán. Múgica, na súa documentada carta, sinala que en Galiza está implantado no ensino un "modelo de inmersión lingüística".


Enrique Múgica sostén que na práctica os alumnos con lingua familiar castelán ou os que chegan ás comunidades procedentes doutras se ven na obriga a estudar noutro idioma, "polo que queda sen efectividade ningunha no ámbito do ensino a súa liberdade de opción lingüística".

A carta céntrase no caso de dous rapaces xordomudos de familia castelanfalante en Cataluña, que deben aprender en catalán, se ben non se precisa cal é o tempo que levan en Cataluña. Lembremos que hai uns días o goberno de Zapatero recoñeceu a existencia oficial da lingua castelá de signos e da lingua catalá de signos, que é o vehículo habitual da comunidade de xordos de Cataluña.

Múgica, que sinala que este é un problema especialmente grave nas autonomías que "como Catauña, Baleares ou Galiza optaron polo modelo denominado de inmersión lingüística". O Defensor tamén sinala que en Cataluña os impresos oficiais non informan os pais e alumnos dos "limitados dereitos lingüísticos" que lles corresponden. Múgica envía esa carta na "oportunidade" de que se vai reformar parlamentariamente o sistema educativo, e pídelle que se incorporen á nova Lei elementos "que garantan, dende a óptica e competencia do lexislador estatal, a plena efectividade dos dereitos lingüísticos que lles corresponden aos destinatarios do dereito á educación".

Por último, o Defensor recomenda que se "contemple o dereito dos alumnos a que, en determinadas circunstancias persoais ou sociais, se dispense a aprendizaxe da lingua cooficial e a que, en todo caso, se apoie os nenos na súa aprendizaxe cando alumnos se incorporen serodiamente ao sistema educativo dunha Comunidade Autónoma con lingua cooficial de seu".

Críticas da Mesa
En resposta a estas declaracións de Enrique Múgica, A Mesa envioulle unha copia do informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística e convidouno a coñecer o noso país e a visitar colexios, institutos e universidades. Carlos Callón, o seu presidente, acusouno de "camuflarse en queixas cidadás illadas para actuar politicamente ao seu antollo" e de silenciar as queixas enviadas ao longo do ano pasado. Así Callón sinala que no informe do Defensor correspondente a 2004 non aparecen ningún dos escritos da Mesa e si a queixa dunha empresa que lle esixía ao Concello de Vigo que se comunicase con ela en español e a dun cidadán que lle pedía o mesmo ao concello de Cervo.



Ligazóns relacionadas:
O Consello de Europa recomenda que o ensino sexa principalmente en galego

Documentos anexos:
Fragmento do informe 2004 do Defensor do Pobo referido a problemas lingüísticos

COMENTARIOS:

Hai 29 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa


 ENQUISA
Cres que un sistema de ensino con inmersión en primaria e secundaria sería
Imprescindíbel
Inaxeitado, non é o momento
Interesante para primaria e menos en secundaria
Ver resultados



© Vieiros