Vieiros Galego.org

Edición xestionada por Vieiros
 FORO

Que che parece o Plan de Normalización Lingüística? Opina no foro de galego.org.
 A MAN

Accede dende aquí aos recursos que a web de Galego.org recolle sobre o idioma.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta nas páxinas que sobre lingua hai no buscador de Vieiros.

 

TOPONIMIA
Borren Pretoria dos seus circuítos cerebrais

[27/05/2005 11:22] Esta non é a páxina final dunha novela de ciencia-ficción. A cidade sudafricana que coñeciamos por Pretoria xa non existe. Aprobouse unha proposta do Consello Toponímico sudafricano por unanimidade e agora a capital administrativa do país máis poderoso de África recibe o nome ndebele de Tshwane, que antes facía referenza unicamente á área metropolitana. A cidade, de 1.300.000 habitantes, levaba o nome do colono bóer Andries Pretorius, e Tshwane é o nome do hipotético primeiro poboador zulú que colonizou este val do norte do país. Unha boa parte da poboación branca de Tshwane oponse á mudanza, e acusan os gobernantes da Sudáfrica preta de querer acabar coa herdanza africáner.


O abano de criterios que o Consello Toponímico emprega para modificar os nomes de lugar é amplo. De feito, poden mudar os nomes para recuperar formas toponímicas anteriores, para escoller entre varias que estean en uso en diferentes linguas, para restaurar termos nas súas linguas de orixe que foron adaptados por linguas colonizadoras, para limpar incorreccións ortográficas e dialectais a medida que as linguas africanas se estandarizan, e mais tamén para axustar os nomes de lugar ás novas circunstancias "culturais ou políticas", é dicir, a Sudáfrica da igualdade post-apartheid.

No caso concreto de Tshwane, os opositores brancos aseguran que a mudanza toponímica suporá un custo duns 180.000 euros. Outras capitais do cono sur africano xa mudaron o seu nome en tempos. Por exemplo, Salisbury transformouse en Harare (Cimbabue) en 1982 e Lourenço Marqués (Mozambique), en Maputo en 1975.

A web da cidade de Tshwane, que ten como lema 'Somos os mesmos', ten versións en catro idiomas: inglés (principal), africán, zulú e sesotho. En Sudáfrica fálanse case medio cento de linguas distintas, pero teñen distintos graos de oficialidade once: o africán, o ndebele, o sotho, o sesotho, o suaci, o tsonga, o tsuana, o venda, o xhosa, o zulú e o inglés.






© Vieiros