Vieiros Galego.org

Edición xestionada por Vieiros
 FORO

Que che parece o Plan de Normalización Lingüística? Opina no foro de galego.org.
 A MAN

Accede dende aquí aos recursos que a web de Galego.org recolle sobre o idioma.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta nas páxinas que sobre lingua hai no buscador de Vieiros.

 

LINGUA E UNIVERSIDADE
Manuel Outeiriño gaña o concurso de monólogos monolingües

[25/11/2004 17:08] O profesor de Xornalismo e escritor, X. Manuel Outeiriño, foi o gañador do I Concurso de Monólogos Monolingües que organizou a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de CC. Económicas da USC. A aula onde se celebrou o concurso viu desbordada a súa capacidade para 250 persoas, pois foron moitos os asistentes que seguiron, con moita espectación, o desenvolvemento do acto de pé ou sentados nas escaleiras.


A presentación e mantemento do concurso correu ao cargo de Artur Trillo e Toño Casais, de "Talía Teatro", que escenificaron breves fragmentos da súa obra "Bicos con lingua", que se representará tamén na Facultade de Económicas o vindeiro día 16, como unha iniciativa conxunta das comisións de normalización lingüística de Económicas, Ciencias da Educación, Filoloxía e CC. da Información.

A profesora Xulia Guntín, como coordinadora da Comisión de Normalización de Económicas, foi a encargada de presentar a propia Comisión e o seu obxectivo: contribuír a estender o uso do galego no centro.

A seguir comezou a fase do concurso, no cal estaban inscritos 10 participantes, aínda que finalmente foron 8 os monologuistas presentados, entre os que figuraban estudantes, profesores e membros do PAS de toda a USC. A problemática das persoas xordomudas, a reinvindicación do castrapo, a atracción fatal por outro idioma, a historia da lingua vista a través da historia dunha familia, a reivindicación da "lingua proletaria do meu pobo", a diferencia entre a plenitude da lingua e falar coa boca chea, a política lingüística do Imperio Galego Galáctico ou a perda da lingua propia, foron os eixos dos monólogos presentados a concurso, que buscaba tanto ser unha actividade lúdica dentro da Facultade, como conseguir unha maior sensibilización cara á situación do galego. Con ese mesmo obxectivo presentaron os seus monólogos dous membros da CNL do centro, mais fóra de concurso.

O concurso estaba dotado con tres premios, consistentes nunha subscrición de balde a BIBLOS-Clube de Lectores por un ano, e en tres vales por unha contía de 500 € ao primeiro, 300 € ao segundo e 200 € ao terceiro, para a adquisición de libros a través deste mesmo Clube de Lectores. O xurado estaba constituído por Tucho Calvo, director literario do Clube de Lectores Biblos; Yolanda Castaño, poeta, escritora e directora do programa cultural de TVE en Galicia "Mercuria"; Ana Domínguez, membro da Comisión de Normalización Linguística da Facultade de CC. EE.; Isabel Vaquero, técnica do Servizo de Normalización Lingüística da USC; e Artur Trillo, actor e director teatral.

O primeiro premio outorgóuselle a Xosé Manuel Outeiriño, polo seu monólogo "A lingua e os borbóns de chocolate"; o segundo premio recaeu en Leonardo Fernández Campos, por "Castrapo pajuer"; Juan Vega González foi o merecedor do terceiro premio por "O cuchilo".



Ligazóns relacionadas:
Anteriores: A ver quen é máis rápido coa lingua, forasteiro




© Vieiros