|
A METADE DOS CONCELLOS AÍNDA NON ESTÁN EN INTERNET
Pouca presenza e baixa calidade dos concellos en internet [03/04/2006 13:45] A metade dos concellos galegos aínda non teñen sitio web oficial, porcentaxe que chega ao 73% dos municipios na provincia de Lugo e que baixa ao 27% en Pontevedra. O director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, Juan José Gómez Romero, vén de afirmar que alén de impulsar a creación das webs, o executivo quere cubrir as eivas das webs existentes e promover que sexan "pasarelas onde se lle presten servizos aos cidadáns", deseñando medidas "eficaces e duradeiras" que muden a situación actual. Á beira do actual Observatorio TIC, a Xunta creará outro portal especificamente centrado na administración electrónica.
Gómez Romero recoñeceu que as análises que se realizaran deica agora fixéronse sen a implicación dos propios concellos, de forma que os propios gobernos municipais non chegan a ser conscientes dos seus défices en internet. O obxetivo de agora en diante, segundo o director de Calidade e Avaliación, é que conten unha orientación continua na mellora dos servizos públicos a través da rede para que definan as estratexias oportunas en cada caso.
A dirección xeral de Calidade e Avaliación e a de Administración Local van realizar un diagnóstico completo da situación e impulsarán o "portal da administración electrónica galega", que guiará aos municipios neste contexto proporcionándolles "os modelos de referencia a seguir en canto ao deseño e prestación de servizos na administración electrónica". Romero lembrou os datos do Observatorio TIC, dependente da consellaría de Innovación, segundo os cales preto do 50% dos concellos galegos non dispoñen de páxina web oficial: o 73% dos concellos de Ourense; o 55% dos de Lugo; o 40% dos de Pontevedra e o 27% dos de Pontevedra. "O futuro non está tanto en volcar numerosos servizos senón en modificar a organización dos concellos para que teñan capacidade de resposta áxil a través desta canle de comunicación", opinou. De xeito concreto laiouse dos incumprimentos coa normativa legal en materia de protección de datos, con só un 16% de concellos ao día neste eido. Por outro lado, lembrámoslles que no recente informe sobre o estado das webs municipais galegas, promovido polo colectivo Fillos de Galiza, apúntase que dous de cada dez non poden consultarse en lingua galega e que tres de cada catro incumpren as normas de accesibilidade, aínda que no novo escenario legal a finais do pasado 2005 as webs públicas xa deberan ter arranxado esas eivas básicas de accesibilidade. Ligazóns relacionadas:
Camarada Roldán, dende logo vexo que falas sin saber realmente como son as cousas, en primeiro lugar a fundación que tanto criticas ten unha labor importante para as empresas galegas, non sendo unicamente una páxina web de tres observatorios.
Tampouco me gusta como criticas a xestión do grupo anterior do goberno, sabendo que os que están agora están a facer o mismo, contratando ós seus amigos naZonalistas, pero cunha salvedade, a capacidade (técnica e de xestión) dos de agora deixa bastante que desear, e están desaproveitando unha boa oportunidade de mellorar o que xa estaba feito e non destruilo e criticalo sen mais como o estan a facer. Dentro duns anos se verán as barbaridades que se están a facer neste novo goberno, manexado por catro fanáticos do naZonalismo, que ainda por riba perderon nas ultimas eleccions moito mais apoio que o PP, sin capacidade de gobernar e que o unico que pretenden é sacar un estatuto mellor que o de cataluña e calquera outra comunidade, HAI QUE Un payo galego (14/05/2006 13:55) Pouco ou nada bo pode agardarse desta iniciativa. Juan José Gómez Romero, antes de director xeral de avaliación da calidade das políticas públicas con Méndez Romeu, foi "xerente" da fundación para o fomento da calidade, un deses obscuros entes de dubidosa xestión, opaca para o consello de contas de galicia, que conformaban a administración paralela pepeira. No seu periodo á fronte -operativamente- desa fundación, a súa labor estivo baseada na creación de multitude de iniciativas (observatorio tic, observatorio calidade, observatorio innovación, etc.) que distan de ser instrumentos de utilidade real máis aló da súa fachada virtual. O que sí foron é unha entrada sinxela para a adxudicación de ducias de concursos públicos para un feixe de empresas de consultoría, que supoño agora estarán novamente de noraboa co nomeamento desta persoa, de escaso e negativo currículo, á fronte dunha dx nun goberno de ¿progreso? Roldán (04/04/2006 14:21) Coincido contigo. Esperemos que se decidan a optimizar recursos e non se repitan erros como o de GaliciaAberta. RedeGalega/Fillos (04/04/2006 11:24) Caro lles custou reaxir! Que sexa pra ben, de todos os xeitos eralles millor que falasen convosco, mais que nada pra aforrar traballo... Pizzicato (04/04/2006 10:44) Alédanos que o noso informe teña servido para algo. Parece que alguén tomou nota a un nível decisivo. Agora están por ver os resultados e tamén os seus custos económicos. Lembramos que o noso informe está dispoñible en http://www.RedeGalega.org para que teñan por onde comezar o seu traballo. RedeGalega/Fillos (03/04/2006 16:40) Envía o teu comentario: En Vieiros cremos que a verdade non é propiedade de ninguén, senón que se constrúe entre todos. Por iso, tamén estamos convencidos de que a participación dos lectores e lectoras engade outro valor aos contidos informativos. Pero este xogo ten as súas regras. O insulto, as descalificacións persoais e a linguaxe despectiva atrancan a comunicación libre. O diálogo establécese sobre as ideas, non sobre quen as emite. Por esta razón, eliminaremos os comentarios que non favorezan a liberdade e o razoábel intercambio de opinións. En beneficio da participación e do debate. | ||||||||||||||||||||||||||