|
Unha nova aventura do inspector Caldas
[13/07/2009 17:18] por Manuel Rodríguez Alonso
A praia dos afogadosDomingo Villar
Galaxia, Vigo, 2009. 504 páxs., 19,90 € A aparición dun cadáver nunha praia de Panxón fai que o inspector Leo Caldas, xa un nome habitual dentro da novela policial galega tras o éxito de Ollos de auga, inicie unha nova investigación ata aclarar o crime. Pero, ademais, esta novela policial é unha exaltación da paisaxe mariñeira das Rías Baixas, especialmente dos arredores de Vigo, así como unha boa análise sociolóxica das localidades mariñeiro-túrísticas da bisbarra viguesa. Mesmo non faltan situacións propias da novela lírica como o enfrontamento co desamor, coa vellez-xubilación ou incluso coa situación límite que supón a enfermidade e a morte. De acordo coas convencións do xénero policial o que en principio parece un sucidio convértese nun asasinato, pero que ademais vai levar á aclaración doutras dúas mortes acontecidas doce anos antes, tamén asasinatos. Caldas, na liña do detective inglés que emprega o raciocinio como arma fundamental para o descubrimento do criminal, vai atando todos os cabos de xeito que no remate todo queda pechado e ben explicado. É propio da estrutura da novela policial ou de detectives. A parella Caldas-Estévez segue a funcionar para permitir darlles canle aos pensamentos en voz alta do primeiro e ata para contrapor dúas formas diferentes de ver a vida, no esquema tópico Quixote-Sancho.
Mais, como xa indicamos, a novela é algo máis. Deste xeito entra polos camiños do lirismo cando nos presenta a soidade do tío enfermo de Leo mais adozada pola solidariedade do irmán e do sobriño ou penetra no mundo dos xubilados que lle dan un novo sentido á súa vida coa práctica de afeccións que se converten en verdadeiras profesións, desexadas que non impostas (o doutor Trabazos convertido nun experimentado mariñeiro ou o pai de Caldas transformado en compracido viticultor). A visión optimista e superadora destas situacións, habitualmente tratadas de xeito negativo na tradición literaria, son un novo engado desta novela. Sen chegar ao descarnamento da novela negra, a novela tamén incide nos problemas sociais. Ao longo da historia percibimos a práctica desaparición da vida tradicional dos pobos mariñeiros da bisbarra de Vigo, mesmo do oficio tradicional de mariñeiro de baixura, representado polos tres ou catro que quedan no porto de Panxón. Pola contra, o novo turismo de praia e sol, que estragou paisaxes como as dunas de Panxón, ou o enriquecemento por medio da construción de apartamentos para veraneantes son as novas formas de vida, que converten, agás nos meses do verán, as antigas localidades mariñeiras en grandes espazos cheos de edificios baleiros. Neste sentido é moi significativa a figura de Marcos Valverde, reconvertido de mariñeiro en construtor e convertido en millonario. Non falta tampouco o tratamento dun dos temas candentes do noso tempo: o acoso sexual e ata o asasinato da muller que se resiste a este acoso. Realmente un episodio deste tipo ocorrido uns doce anos antes do tempo en que transcorre a acción da novela é o desencadeante de todos os feitos. A mentalidade machista con que moitas veces actúa a sociedade ou mesmo a Administración aparece moi ben reflectido no comportamento do inspector Somoza cando investiga a desaparición de Rebeca Neira. Neste ambiente a aparición do consumo ou tráfico de drogas ou mesmo o acoso inmobiliario son paus que toca Caldas para aclarar a morte do Rubio, mais que terá que ir desbotando. Non obstante sérvennos para ter un reflexo da sociedade que estamos a vivir e dos seus problemas. Algo propio da boa novela policial é que non existe o crime perfecto. Cando parecía que todo o asunto do asasinato de Rebeca Neira e ata do capitán Sousa estaba pechado, unha simple aparición no telexornal dun mariñeiro que pescou un raro peixe tropical desencadea todo o proceso, que comeza co asasinato do Rubio, considerado nun principio un simple suicidio, mais que agocha non só un asasinato, senón outros nunca investigados acontecidos doce anos antes. Por outra banda, o lector vigués ou residente na bisbarra viguesa séntese compracido ao ver como o autor describe de forma axeitada os espazos por onde adoita pasar: as rúas de Vigo, especialmente da zona da praza de Compostela, a zona do Val Miñor ou mesmo aparecen locais emblemáticos como o bar Chabolas de Vigo ou as terrazas de Panxón. Segundo se fala dunha narrativa ourensá, porque a paisaxe da cidade ourensá se converte nun personaxe máis da novela, agora temos que falar dunha novela viguesa (aí están por exemplo Antón e os iñocentes, de Méndez Ferrín, Adiós María de Xohana Torres seguidas despois por narracións de Queizán, Forcadela, Veiga, Pena…) que converte a cidade e a súa bisbarra nunha fantápolis ou espazo literario en que se mestura a realidade coa literaturización. Como estamos seguros de que a novela terá sucesivas edicións, pois Villar xa conta cun público lector de seu (un sinal máis da progresiva normalización que vai acadando a literatura galega), deberá corrixir castelanismos como reanudar (páx. 12), o emprego da preposición a diante de onde, o uso desta mesma preposición con CD, tachar no canto de riscar (páx. 28), libreta no canto de caderno (páx. 163)… Máis grave é o emprego de xerundio con valor especificativo non canto dunha adxectiva especificativa na oración estaba fixado o cartel anunciando a festa do percebe (páx. 363). Así mesmo aparece un castelanismo que é cada día máis habitual en moitos dos nosos escritores, especialmente os novos: o emprego incorrecto do reflexivo nas chamadas reflexivas parciais: Cortouse dous ou tres dedos cunha radial (páx. 459), cubríndose o rostro de novo (páx. 400). Cómpre sinalar, como un dato importante para a socioloxía da literatura, que a novela practicamente ao mesmo tempo que sae en galego aparece traducida ao castelán en editorial Siruela. Curiosamente nas listas galegas de libros máis vendidos aparecen á par a edición galega e a traducida ao castelán. Isto ten que nos mover a reflexionar sobre o feito de que, tras trinta anos de presenza do galego como materia no currículo escolar, moitos lectores prefiran ler en castelán a novela e non a súa versión orixinal en galego. Certamente este é un fracaso máis da chamada política do bilingüismo harmónico ao que agora se quere volver e que leva ao galego cara unha evidente minorización. Digamos, como remate, que esta nova novela de Domingo Villar é unha boa literatura para as vacacións de verán que xa se achegan.
Hai 1 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa
OUTRAS NOTICIAS
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||