|
Un guerrilleiro da cultura galega
[29/03/2007 16:31] por Manuel Rodríguez Alonso
Dun tempo e dun país Manuel Caamaño SuárezEdicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2006, páxs 280, 14 €
Manuel Caamaño Suárez é unha desas persoas que nos anos cincuenta, sesenta e mesmo comezos dos setenta, cando ninguén falaba en galego nin da cultura galega, organizaba actos culturais ou participaba na fundación e xestión de sociedades culturais como O Facho, O Galo, Asociación Cultural de Vigo e tantas outras que, cos seus actos culturais, as clases de galego ou as peticións de que o galego entrase como materia no ensino, mantiveron viva a lingua, literatura e cultura galegas, mentres outras institucións como a Universidade de Santiago ou a propia Real Academia Galega facían doutor honoris causa ou académico de honra a Francisco Franco. O libro de Caamaño reúne artigos diversos en que conta ese pasado próximo de Galicia, que tamén cómpre recuperar, aínda que moleste a moitos que, por aqueles anos, colaboraban coa franquista Fundación Barrié ou co reitor compostelán García Garrido, aínda que despois se reciclasen de demócratas. Son de lectura obrigada os artigos da primeira parte do libro para quen queira coñecer a historia recente de Galicia. Nestes artigos faise a historia, por un protagonista desa historia, do movemento asociativo galego na época do franquismo e do tardofranquismo. Cómpre saber como se fundaron os grupos Mocedade Galega de Barcelona ou como xurdiu o PSG, e tamén cal foi a orixe de sociedades como O Galo, O Facho, Asociación Cultural de Vigo e tantas outras. Diso dá cumprida conta Manuel Caamaño. Estas sociedades artellaron unha verdadeira sociedade e conciencia civil galegas na época do franquismo, que fixo posible a recuperación da lingua e da literatura galegas unha vez morto o ditador, tan gabado daquela polas hoxe democráticas Universidade de Santiago, Real Academia Galega ou Fundación Barrié.
A segunda parte do libro reúne artigos sobre construcións populares galegas como o hórreo e as súas clases, os diferentes tipos de muíños, os batáns, as ferraría tradicionais, os fornos, as eiras e moitas outras formas que presenta a arquitectura popular galega. Caamaño, profesional da arquitectura, describe con mestría de técnico estas construcións, pero, ademais, propón a súa conservación con palabras de patriota que loita contra o feísmo, a especulación urbanística e a destrución da nosa arquitectura popular. Por outra banda, inscribe as construcións populares no medio, na sociedade e na economía que as fixo posibles. Asistimos ao paso dunha Galicia rural a unha Galicia urbana, que esquece ou destrúe as súas construcións tradicionais. Mais non pensemos que a defensa do mundo tradicional supón, como era o caso dalgúns dos autores de Nós, a defensa dunha mentalidade tradicional ou unha volta á sociedade rural. Caamaño é un progresista que defende a conservación dos monumentos tradicionais, mais non a sociedade tradicional agraria e case feudal que os orixinou. A súa defensa do pasado non é nostálxica, senón como lección para construír un futuro mellor e máis xusto, sen que isto supoña a perda dos nosos sinais de identidade. O conxunto de artigos que presenta neste libro Manuel Caamaño falan da existencia en Galicia dunha sociedade civil, que defende a lingua e o patrimonio cultural galegos , fronte aos que din que os galegos somos uns desleigados individualistas. A lectura deste libro de Caamaño fai que desbotemos ese tópico do individualismo galego, que algúns estenden de xeito interesado. Nestes tempos de especulacións urbanísticas e feísmo arquitectónico, desculpados por algúns que se presentan como apóstolos do desenvolvemento e da modernidade, cómpre ler este libro de Caamaño, que esfarela todos estes falsos estereotipos. Mais o libro tamén resulta unha chamada para recuperar na sociedade galega o pulo que tiveron as asociacións dos sesenta e setenta. Como ben escribe Suso de Toro na sección de Galicia de El País (4-03-2007), non abonda con que un partido substitúa a outro no goberno. Non basta con que agora manden os nosos. Cómpre que na política galega se impoñan a eficacia, a honradez, a transparencia e a desaparición do nepotismo clientelar, e se os nosos non cumpren con esas esixencias aí está a sociedade civil para lembrárllelo. Por iso, o libro de Caamaño é unha chamada á revitalización do asociacionismo cidadán, á marxe dos partidos políticos, demasiado atados hoxe, dígase o que se diga, ás ordes e consignas dos aparatos, que levan a protexer os nosos e rexeitar todos aqueles que critican, mesmo apoñéndolles que son antipatriotas ou reaccionarios. Benvida sexa, xa que logo, o libro deste incombustible guerrilleiro cultural, que é Manuel Caamaño. mércao en Andel
Hai 0 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa
OUTRAS NOTICIAS
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||