|
Un amor de pan
[20/03/2006 10:03] por Santiago Freire
As Cervicais da memoriaOlalla Cociña LozanoFervenza, 2005. 52 páxs., 10 €
Olalla Cociña Lozano (Viveiro, 1978) entra na farándula poética galega cun interesante libro, As Cervicais da memoria –despois de ter acadado o prestixioso Premio O Facho¬–, xa en letra impresa, empurrada pola discreta lufada de Edicións Fervenza. Esta nova voz emparéntase con poetas nacidas na mesma década e con tendencias poéticas parellas, anque tinxidas por unha vea mística, como Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Lupe Gómez, Lucía Novo, e sobre todo, con dúas poetas ás que lles vexo certa afinidade no uso da sintaxe, refírome a Olga Novo, unha das voces máis briosas e prometedoras dos últimos anos, e a Elvira Riveiro Tobío. As cervicais da memoria é introducida por un agudo prólogo do tamén poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, que realiza unha análise viva dos poemas, avisando ao lector de paso que se deteña nalgúns versos. Olalla parte en dous o seu discurso poético; por unha banda, e como preámbulo da éxtase amatoria, titúlao "baleiro do nome"; e por outra, "visita aos volcáns", onde intensifica o carácter erótico que enchoupa todo o libro. Os poemas están engarzados por unha liña argumental e temporal: a arela de atoparse co amado, cunha linguaxe puramente petrarquista –en consonancia co amor–, e a final consecución do erotismo, o encontro dos amantes. Os poemas, de fermosa factura, fraquean algunhas veces, pero cando acertan coa expresión xusta a voz de Olalla Cociña acada un alto voo. Destaca a súa habelencia á hora de tensar a sintaxe até alcanzar o acorde onírico. "Quebradas lanzas son as benvidas", para referirse á chegada do amado; ou o precioso verso de amor, que merece estar nas mellores antoloxías da nosa poesía, "hai un amor de pan que me da de comer"; e o eco pedrosaliniano de "o sol estalando en pronomes que me anuncian". Poesía amatoria, e ao mesmo tempo relixiosa, con ese ton místico que celebra a éxtase voluptuosa de dous corpos entretecidos, con esa imaxe tan sensual que usa Olalla dun tren que atravesa unha aldea ao solpor, ferroviaria metáfora da cópula. Aquí temos unha nova voz poética, Olalla Cociña, cunha gran capacidade para a creación de penetrantes imaxes, un bo dominio da lingua, recaendo ás veces en certos excesos, propios dunha primeira incursión no verso. Abofé, Olalla promete mellores logros. Celebremos este libro, estas palabras con vocación de tétano, tanto como Olalla celebra a milagre de vivir, agasallándonos con este himno uterino.
Hai 1 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa
OUTRAS NOTICIAS
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||