|
Apuntalando un mito
[17/05/2005 18:30] por Isaac Lourido
Era na selva de EsmXosé Luís Méndez FerrínEspiral Maior, A Coruña, 2005. 115 páxs., 21 €
A edición das obras completas, a reunión dos poemarios de determinado período da traxectoria dun autor, rescatar do esquecemento editorial aqueles libros escasamente difundidos ou de escrita circunstancial... son privilexios que só asisten aos poetas de ampla e longa traxectoria, protagonistas dominantes do campo literario, merecedores do recoñecemento da crítica e do público. Ningunha destas premisas se lle pode negar a Ferrín, esa sorte de monstro político-literario admirado de xeito unívoco pola súa obra, máis cuestionado ou ignorado agora (mudan os tempos, mudan as vontades) pola súa dimensión política. Pasan os anos e a figura de Ferrín segue a proxectar moita sombra como patriarca que é e quere ser da literatura galega. Aínda aqueles e aquelas (escritores, críticos, profesores) que poderían descabezar o seu maxisterio lle renden tributo, mais comeza a renxer tanto mito entre algúns dos novos axentes que xogan no campo (que saben ler pero prescinden da veneración).
Era na selva de Esm recolle libros e poemas do autor dispersos ou de difícil acceso. Desde o seu primeiro poemario Voce na néboa, publicado en 1957, até o poema "Cabido en Novelúa" (Batiscafo 2, 2003), este volume (re)presenta a poesía marxinal de Ferrín, que enmarca e complementa obras de insubstituíbel pegada na literatura galega como Con pólvora e magnolias (1977) ou A fin dun canto (1982). Compoñen a edición poemas publicados en revistas como Dorna ("Bóveda en Otero" e "Na memoria de Reimundo Patiño", publicados a comezos dos oitenta) ou Vieiros (tres poemas enviados á revista mexicana en 1962), libros breves de edicións moi minoritarias (Homes e Illas, Erótica, Morte de Amadís e O Outro), composicións que formaron parte dalgún outro tipo de publicación (colectáneas, catálogos de exposicións...) e até unha inédita "Epístola a Darío". Sobre toda esta maraña pon orde e memoria o propio autor no prólogo, engrandecendo a súa lenda sobre obras inéditas, fragmentadas ou perdidas. Algúns dos trazos que anegan a poesía ferriniana son o dominio dunha peculiar linguaxe poética, a construción dun denso mundo mítico con coordenadas simbólicas que conducen ao compromiso social, o ton épico-lírico e a pegada dos movementos literarios europeos do século XX e de certos modelos da tradición galega. Como queira que, por motivos obvios, Era na selva de Esm non esixe unha lectura de conxunto, cómpre advertir a presenza doutros rexistros en poemarios concretos. Así, en Voce na néboa habita unha preocupación existencialista, atenuada en libros posteriores, que encadra o libro na chamada "Escola da Tebra" da literatura galega. Os oito poemas de Erótica (1992) están unxidos pola unidade temática que o mesmo título indica, unha dimensión do amor que, se ben non é allea a outras obras súas, o autor plasma cunha forza perturbadora. Finalmente, a inclinación de Ferrín a facer explícito o vencello con circunstancias e personaxes do seu universo literario, ideolóxico e persoal agroma no feixe de poemas recollidos baixo o epígrafe Extravagantes, polo que desfilan, a modo de homenaxe (afirmada desde o presente ou inscrita na memoria), nomes como os de Darío Xohán Cabana, Alexandre Cribeiro ou Luís Seoane. Espiral Maior ofrece, polo tanto, unha edición destacábel na que, se cadra, o interese historiográfico prevalece sobre o estritamente cualitativo (por exemplo, comprobar como Ferrín expresaba en México, a través de Vieiros, o que aquí lle sería vedado pola ditadura). Á espera de novas entregas, e recoñecidas xa as bases da súa andaina literaria, deteñámonos de vagar na produción menos visíbel dun dos personaxes máis complexos, referente e mito, da poesía galega contemporánea. mércao en Andel OUTRAS NOTICIAS
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||