Vieiros Canal Verde

Edición xestionada por Federación Ecoloxista Galega
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas que falan sobre ecoloxía.

 

FEG E GUERRILLEIROS DAS FRAGAS DENUNCIAN O ABANDONO DO ESPAZO NATURAL
As Fragas do Eume en perigo

[06/04/2005 14:24] Ultimamente estanse a acelerar os trámites de moitos proxectos que ameazan a integridade do entorno do Parque Natural das Fragas do Eume e os seus propios valores ambientais e paisaxísticos. A falla dun Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) está a favorecer estas actuacións daniñas para o Parque. As Fragas é un exemplo do que acontece nos Parques Naturais galegos.


O Parque Natural das Fragas do Eume, a pesar da súa importancia ecolóxica, está sometido a unha serie de ameazas. Un exemplo disto é o proxecto de explotación de andalucita (mineral que se emprega para a fabricación de refractarios) no Monte Fontardión (As Pontes). Cun xacemento previsto de 30,1 hectáreas, das cais a metade pertencen ao Parque Natural, preténdense extraer 26 millóns de toneladas de material nos próximos 54 anos.

Os trámites do proxecto están bastante avanzados, no DOG do 4 de marzo someteuse a información pública o proxecto sectorial de aproveitamento de andalucita, o estudo de impacto ambiental, o plano de restauración e a declaración urxente de ocupación para a explotación na concesión promovida por Picobello Andalucita S.L.

Por outra banda, nas proximidades do lugar do Barqueiro (Cabanas), dentro do espazo natural protexido, está o parque de maquinaria dunha empresa de construción de estradas de dubidosa legalidade, onde se realizan operacións de mantemento (cambio de aceite, lavado…) sen ningún tipo de control, aparte de almacenar material de construción.

A debilidade da actual figura de protección agudízase no perímetro exterior do espazo protexido, permitíndose proxectos cun elevado custo ambiental.

Grandes superficies de bosque autóctono existentes no perímetro exterior do Parque Natural están expostas á degradación. Un exemplo diso é a concentración parcelaria da parroquia de Piñeiro (Xermade), coa apertura de pistas polos bosques da ribeira lucenses do Eume. Aínda non se produciron talas de importancia pero é previsible que se repita o acontecido nas parroquias pontesas de Bermui e de Ribadeume na década dos 80, cando a causa dunha concentración parcelaria desapareceu unha paisaxe tradicional galega composta por sebes centenarias e grandes superficies de fraga

Guerrilleiros das Fragas-FEG e a Federación Ecoloxista Galega están a favor do desenvolvemento das enerxías alternativas (solar, eólica, minihidráulica…) sempre que supoña unha redución real das enerxías contaminantes e non se dane espazos naturais protexidos. Por iso critican a existencia de dous proxectos de parques eólicos a menos de 100 m do límite do Parque Natural, o de Cisterna-Raño-Penafesa (Monfero) e o de Serra da Loba (Guitiriz). Ámbolos dous están paralizados temporalmente, o primeiro por danos no patrimonio cultural e o segundo por iniciar as obras sen ter superado tódolos trámites.

A escasa protección da zona perimetral das Fragas do Eume aféctalle especialmente a un núcleo reprodutor de lobo asentado na zona. A administración galega, en vez de favorecer a colonización do Parque Natural por esa especie, compensando os escasos danos producidos na cabana gandeira, permite o seu exterminio autorizando batidas en plena época de cría.

A xuízo dos ecoloxistas, o anteriormente exposto xustifica a necesidade de:

- Ampliar os límites do Parque Natural das Fragas do Eume.

- Dotalo dunha partida orzamentaria seria que permita a compensación xusta ós veciños afectados polas medidas conservacionistas .

- Un aumento dos servizos de vixilancia.

- A creación dun equipo de educación ambiental específico para os afectados polo espazo natural protexido.







© Vieiros