Vieiros


Portada do libro en PDF

Premendo na portada poderás descargar e visualizar o libro en PDF. É preciso ter instalado o Acrobat Reader.
Por conto alleo é o resultado dun experimento literario levado a cabo por Camilo Franco e Vieiros. Durante 50 días (e noites), os internautas que quixeron participar, enviaron dúas palabras que cada día a redacción de Vieiros seleccionaba e lle remitía ao autor, para que escribira (entre as sete da tarde e as 11 da mañá) un conto a partir delas. Así que todos os días mentras durou a experiencia publicábase en Vieiros un texto literario ben fresquiño, listo para consumir.

En palabras de Camilo Franco "isto é un xogo, en certo modo demitificador do feito literario, unha aproximación aos lectores". "Quero ofrecerlles unha implicación na construcción literaria: a posición de partida", engade. Outra das razóns polas que se "embarcou" nesta empresa seica foi "por experimentar novos soportes e ver en que medida un medio novo condiciona a escrita".

Mais, ¿cal foi a motivación fundamental? "A presencia do lector será case inmediata para o escritor, e esa posibilidade de resposta só se pode dar nun medio como a rede, dificilmente se podería facer por outra canle". E ao final escápaselle... "tamén hai un pouco de demostrar que dende a periferia se poden facer cousas se se entende a auténtica natureza da técnica".
Camilo Franco é xornalista e escritor. Se queres sabelo todo del, velaquí podes ler a súa biografía non autorizada a xeito de entrevista. Por Pancho Tristán, outro xornalista.

Aínda podes ver en liña os relatos desde esta páxina, e deixar a túa opinión sobre os contos que se foron publicando.