Mil primaveras

O carballo de Santa Margarida, en Mourente, foi escollido polo Concello de Pontevedra como símbolo do Ano Sarmiento. Con esta imaxe trátase de representar a antigüidade, a fortaleza, a resistencia e a vitalidade do noso medio natural e da nosa cultura.

Arredor do centenario carballo de Santa Margarida, o Concello de Pontevedra e a Comisión Sarmiento artellaron unha serie de actividades que teñen como protagonistas ás arbores en xeral e o carballo en particular. Estes actos, enmarcados na campaña Mil primaveras, deron comezo o día 21 de marzo, Día da Árbore, coa plantación no alto da Fracha, en Marcón, de 25 carballos que representan simbolicamente a Marcos da Portela e aos "vintecatro galegos rústicos" do Coloquio.

No mes de outubro, o Concello fixo público o manifesto “Mil primaveras”, escrito por Xosé Vázquez Pintor, no que se procura o compromiso activo de persoas e entidades para garantir o pleno desenvolvemento e o futuro do idioma e da cultura galega. Como acto final da campaña do manifesto, o sábado 14 de decembro terá lugar un encontro baixo o carballo de Santa Margarida. O acto comezará ás 17,30 horas con unha marcha a pé desde a praza da Ferrería ata o outeiro de Santa Margarida. Ás 18,00 horas terá lugar baixo o carballo a lectura do manifesto e diversas intervencións de persoas e colectivos comprometidos co proxecto Mil Primaveras. No caso de mal tempo está previsto que o acto se desenvolva a partir das 18 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Por mor da catástrofe do Prestige, que está a devastar as costas galegas, queremos que a marcha do próximo día 14 sexa unha maré humana que exprese a nosa coraxe e a esixencia colectiva de medidas para que o mar de Galiza estea protexido e non se volvan producir situacións como a que estamos a sufrir. Agardamos a vosa presencia en Pontevedra e Mourente o día 14 de decembro para seguirmos construíndo un futuro de árbores e palabras e mares limpos para Galiza.
 
As persoas e entidades interesadas en apoiar este manifesto poden facelo dirixíndose ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra - Chalé Fontoira, Praza do Campo do Boi, s/nº PONTEVEDRA Telf. 986 863 157 Correo electrónico

Consulta tamén máis información (en formato PDF) sobre:
O carballo de Santa Margarida, símbolo do ano Sarmiento
As 1000 primaveras
As actividades do Ano Sarmiento
Outras actividades culturais do Concello de Pontevedra
 

Mil primaveras

Se hai na Galiza un patrimonio irrenunciábel ese é a nosa voz que vén de lonxe: tullas cheas de palabras que nas valigotas, nos outeiros e nos mares que habitamos foron sempre a herdanza natural dunha colleita permanente. Gardamos dentro e damos uso á ferramenta antiga coa que labraban a fala as tribos das citanias, os obradores dos castros, os ourives das cantigas. Son romarías nas nosas casas de granito, aquí onde se enforna o pan e sabe tanto o Amor, que se repite e canta e orgullece.

Dígano as raíces. Non somos a tona, a superficie, a albarda ou o traxe de festa e ocasión. O idioma dásenos no ventre das nais, tan dentro como é posíbel na cámara nutricia. E a muller acarrexa e aloumiña o canto que ha de ser de berce e de infancia, e xuventude e madureza, para que o soño medre e ilusione o xeito de vivir. ¡Ímoslle aló! deciden na fala as xentes da beiramar. E atravesan os océanos, navegan, vencen os cabezos do vento e do mar alzados, chegan polas rías e son voces, brazos, arcas de lei. ¡Eih carballeira! é o berro que retrousa ao aturuxo, cando a forza da vida se pronuncia en desafío á noite e á tristeza. E o carballo, cerna sustancial da estirpe de Galiza, arromba e move o corpo contra o escuro, medra, resiste, abrocha, bota landras unha e outra e outra vez.

No corpo santo da Árbore de Santa Margarida de Mourente, A Carballa, temos a memoria atenta á voz amiga e maxistral de frei Martín Sarmiento. Reparade ben no aire que nos chega aquí. Hai unha ponliña no alto, coma un colo, agochada para o nordés, que nunca se desviste, nunca. Cando as invernadas a visitan ela está sabida. Non pode o vento, nin a saraiba, nin o trebón crebar o seu encanto, o seu fulgor. Por ela atendemos, nos días de nortada e xistra, que a Carballa ha resistir cen anos máis, ¡mil!.
Agora só cabe referenciar esa marabilla aos novos mundos, convocar aos visitadores, aos herdeiros da cultura, da ciencia e do progreso para que saiban vir e ver e pronunciar esta metáfora da Nosa Lingua Aquí.

E Álvaro Cunqueiro asiste á romaría, vai e leva consigo a pronuncia en epitafio leal, para que os granitos recollan a gravura dos séculos de historia en tantos días que nos quedan por vivir:

¡¡¡ Mil Primaveras Máis !!!
Por elas agardamos, tan felices. Velaquí.

Xosé Vázquez Pintor

Asina


 
Ano Sarmiento Concello de Pontevedra