Que unha multinacional, o partido político da oposición e varios medios de comunicación, cos seus asalariados e ignorantes spin doctors, se alíen e batallen conxuntamente contra o actual Goberno polo tema das piscifactorías, e en concreto pola imaxinaria de Cabo Touriñán, é completamente insólito nunha democracia e percíbese un turbio bafo desestabilizador. Cumpre lembrar, unha vez máis, que a lei está para ser cumprida; consecuentemente se no país existen un feixe de espazos naturais incluídos na Rede Natura 2000 non é por capricho senón para cumprir, mal que ben, a lei. Se a piscifactoría en Cabo Touriñán chegara a ser construída simplemente a lexislación tería sido vulnerada tal e como os sucesivos gobernos de Fraga afixeron ás grandes empresas e ao conxunto da sociedade (quizais sexa este o problema) e sirvan como exemplos a piscifactoría no veciño Cabo Vilán ou as centrais eólicas noutros espazos da Rede Natura 2000.
Os citados actores coñecen perfectamente estas cuestións pero dálles igual porque lles convén para os seus intereses económicos ou políticos, que na dereita ven a ser o mesmo. Pero resulta preocupante que se lle propoña ao actual Goberno da Xunta que vulnere a lexislación vixente e que parte da sociedade vexa isto como unha práctica normal. Francamente, se o que pretendemos é desenvolver unha actividade económica en Touriñán sen que nos importe a súa legalidade, ocórrenseme un par de actividades moito máis lucrativas que o engorde de peixes. Inda así, é curioso observar a esquizofrenia que somos capaces de despregar con respecto á Unión Europea: adoramos as súas subvencións pero non cumprir determinadas directivas, como a famosa Directiva de Hábitats. En Portugal, deslumbrados polo glamour do rodaballo, parece que queren cometer os mesmos erros e irregularidades que Galiza no pasado inda que parece que aprenden axiña pois xa comezaron a buscar ubicacións alternativas ás dunas de Mira, tamén na Rede Natura 2000 e obxecto de inversións europeas en materia de conservación, curiosamente. Hai, porén, moitos máis elementos de interese detrás das piscifactorías que están pasando inadvertidos. A primeira delas é a relación entre subvencións e postos de traballo. En Cabo Touriñán é improbable que se chegaran a crear máis de 15 postos de traballo. Obviamente nada que ver cos 350 que se chegaron a prometer nunha espiral de optimismo lisérxico. Isto supón que se perciben unha subvención de 15 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia (50% do investimento) pois sae a millón por posto de traballo creado e tamén ocórrenseme mellores xeitos e máis económicos de crear postos de traballo. Isto abre unha nova perspectiva territorial: querería dicir que a Xunta investiría 15 millóns de Euros en todos os Concellos que o precisen para crear 15 postos de traballo por Concello?. É obvio que territorial e economicamente é absurdo. Por outra banda, agóchase detrás unha especulación evidente co prezo do solo: ¿de qué outro xeito poderíanse conseguir terreos na beira do mar a un euro o metro cadrado?. Pero sendo o exposto ata agora dunha gran importancia, o autenticamente grave e transcendente das piscifactorías é o seu modelo: dise que a acuicultura é o futuro pois os caladoiros estanse a esgotar. Efectivamente os caladoiros nos mares de todo o planeta están a ser esquilmados polos súperarrastreiros de multinacionais das multinacionais da pesca, galegas ou non, que converten o que pescan en pensos para alimentar peixes de piscicultura ao outro lado do mundo, a carón do consumidor, dándolle así saída ós subproductos da sobrepesca industrial e a pesca pirata. Polo tanto, persistir neste modelo de acuicultura, baseado na producción de especies carnívoras con pensos de peixe é completamente insostible, non xa no longo prazo senón nun escenario temporal moi próximo. Este é, sen dúbida, o talón de Aquiles desta industria e debera ser obxecto consideración pública. Así, se o actual Goberno persiste en subvencionar rodaballos, inda que sexa fora da Rede Natura 2000, estanos obrigando aos contribuíntes a financiar a ruína dos mares en todo o planeta con consecuencias que xa son visibles para todos pois están máis que avalados por datos científicos. O actual executivo galego debera apostar decididamente polo desenvolvemento sostible pensando noutras alternativas económicas. Mentres, a pesca artesanal, creadora de riqueza e depositaria dunha cultura ancestral, agoniza na beira do mar.
Hai 18 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa
|
Xabier Vázquez Pumariño Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista. ÚLTIMOS ARTIGOS DE Xabier Vázquez Pumariño: |
||||||||||||||||