Que importancia pode ter o que eu diga? Non son un experto, nin un brigadista, nin teño responsabilidade directa no asunto; nin sequera son un voluntario (o teléfono habilitado non para de comunicar). Só son un galego desolado; un máis. Así que decidín non escribir ningún artigo sobre a traxedia. Este non é o meu artigo. É o de todos os xornalistas, analistas, opinantes, foreiros e demais xente de boa vontade que leva días erguendo a súa voz sobre esta vaga de fume e destrución. No exercicio de síntese reside a única achega desta colaboración. Porque, se cadra, desta vez máis ca ningunha outra, tantas árbores empecen ver o bosque. Alguén escribiu que non se pode atallar un problema namentres non se coñezan as súas causas. Moi acertado. Manéxanse tantas teorías que un non sabe a quen botar as culpas. Permitinme facer unha selección das que semellan ter unha meirande incidencia na catástrofe:
1.A meteoroloxía: altas temperaturas, baixa humidade, vento forte e seco… 2.Os tolos, e os pirómanos, e os descoidados… (Non paga a pena desenvolver contido ningún dos puntos anteriores: son razóns certas pero comúns a outros territorios, da península ou de fóra, que nunca arden. A cerna do problema está nas razóns "autóctonas", as que trataremos con maior espazo) 3.A política forestal dos decenios pasados, que primou a sobreforestación de determinadas áreas con especies de doada combustión e fortemente restritivas da biodiversidade. Un dato: antes do espallamento do eucalipto en Galicia, a incidencia dos incendios era mínima. 4.A falta de conciencia colectiva sobre o valor do monte, da fauna e da flora, sobre o seu valor económico e produtivo, sobre o seu valor paisaxístico… e tamén, por suposto, sobre o seu valor espiritual, sobre o seu papel na formación do carácter do pobo galego. 5.A estrutura da propiedade das terras: ¿como se pode xestionar un ben colectivo (o monte) con milleiros de pequenos propietarios? ¿como se pode implantar unha estratexia integral a partir de intereses individuais? 6.A indefinición de usos e cultivos, isto é, a insuficiencia da clasificación actual entre uso forestal, agrogandeiro ou residencial; a este feito, hai que engadir a facilidade relativa coa que se pode recalificar un anaco de solo. 7.As ambicións inmobiliarias están sometendo a unha presión insostible a moitos Concellos, aos seus cidadáns e aos propietarios das terras. Estamos ante unha ameaza sen precedentes ao propio modelo de convivencia do noso país, ás súas raíces idiosincráticas e aos valores que definen o seu territorio. 8.A industria da madeira sempre se menciona como un factor de risco importante en Galicia; a propia compra da madeira queimada, nalgúns caso en poxas organizadas ao pouco de extinguir o lume, ou a adquisición do terreo arrasado parecen ser móbiles habituais. 9.Seica a nova "industria do lume" converteuse noutra forza negra. Disque hai persoas perxudicadas pola organización da campaña 2006 que poden "desfogar" a súa frustración queimando o que durante os anos anteriores axudaron a manter verde. 10.As eivas nas dotacións de medios de prevención e extinción, os fallos de coordinación e, sobre todo, a falta de previsión son o elo derradeiro da nefasta cadea do lume. Omito a intencionalidade política esgrimida por algúns entendendo que, con independencia de declaracións desafortunadas (mesmo algunhas que mesturaron a nosa fala coa falta de medios, unhas manifestacións dignas de estudo) e dalgunhas imaxes patéticas (¡que fotografía a do home da mangueira!), non podo admitir que detrás da catástrofe haxa intereses partidistas: sería demasiado admitir. Tendo identificado a esencia do problema, as solucións veñen a seguir. Tomando de novo as achegas dos moitos analistas e opinantes serios do país (máis algunhas propias), este sería un programa profundo e completo de actuación para impedir a repetición da desfeita e, aínda máis importante se cabe, para conseguir devolverlle á terra o valor que debe ter hoxe e sempre. 1.A Ordenación responsable do territorio debe representar unha das principais obrigas deste goberno tras as décadas pasadas de desleixo escandaloso, unha ordenación onde se saiba en que lugares e baixo que condicións se poden construír vivendas, en que lugares e baixo que condicións se pode prantar eucalipto (suxestión: dean unha voltiña pola Fraga do Eume ou polo Espazo natural de Chelo), en que lugares e baixo que condicións se poden montar complexos industriais, en que lugares e baixo que condicións se pode espallar o pasto, etc. Cómpre avanzar e profundar dunha vez por todas na definición dos usos e cultivos que permita unha planificación axeitada do territorio. 2.É necesario distinguir os conceptos de Propiedade e Responsabilidade. Se é preciso, debe haber un proceso de expropiacións de terreos "estratéxicos" para a xestión do monte, e mesmo unha cesión desa xestión a favor dos Concellos (con capacidade suficiente) ou organismos públicos especializados. E debe asignarse un responsable (público ou privado) concreto e específico de cada metro cadrado, de maneira que se saiba a quen acodir nos casos que proceda. Ademais, sería conveniente permitir o dereito de adquisición preferente en beneficio da Xunta ou organismos especializados cando un propietario decida vender un terreo forestal. 3.Reforestación ordenada: sería un erro monumental tentar reforestar ás présas os terreos queimados con especies de rápido crecemento. A reforestación debe observar os criterios de ordenación do territorio e debe primar as especies autóctonas, por moitas razóns. O ano pasado visitei Hondarribia, no Euzkadi estremeiro con Francia: os seus residentes están orgullosos do seu monte, arrasado hai poucos anos por un incendio e repoboado enteiramente por árbores do país. 4.O cumprimento da lei semella un criterio innecesario de mencionar, aínda que a realidade teimuda esixa que o lembremos neste decálogo. Coido que se pode facer algo máis: a creazón dunha Policía autonómica auténtica está plenamente xustificada para atacar delitos de natureza propia, como o lume que leva abafándonos máis de vinte anos. Así mesmo, a apertura de Xulgados especializados suporía outro pulo importante. 5.Estamos ante un problema nacional de longo alcance. É preciso un Compromiso oficial, público e sen volta atrás que atinxa a todas as forzas sociais e políticas. Un gran acordo a longo prazo, para poñer en práctica durante un período de dez, quince, vinte anos. O noso Estatuto debe saber recoller as esencias dese gran acordo nacional. 6.O que tantas veces se leva mencionado durante os últimos doce meses: poñer en valor o medio rural. En Lugo, onde as actividades rústicas e forestais teñen un maior peso no conxunto da economía, hai menos incendios. A propia Consellería do Medio Rural marcou o camiño cos 43 proxectos de aproveitamento forestal a pór en marcha con un investimento de 3 millóns de euros e que darán traballo a 149 persoas. É a liña de actuación, pero as magnitudes teñen que ser multiplicadas por un número suficiente. 7.Sempre coidei que o noso país necesita unha Rede forte de granxas escola como alicerce esencial e diferencial do noso sistema educativo. Estimemos unha rede de 500 granxas escolas, capaces de recibir cada ano os rapaces galegos da ESO e o bacharelato, que coñecerían de primeira man as infinitas posibilidades do noso medio rural ao tempo que aprenderían o valor dos recursos naturais para o seu futuro. 8.Incremento da prevención activa: cortalumes abondos, expedientes de sanción, queimas selectivas e controladas de rastrollo e outro material combustible (como se facía antano), etc. E garantir unha vixiancia a gran escala (o exército?), pois o problema é tamén un problema de escala. 9.Basicamente, as tarefas de extinción do lume seguen a facerse con desprazamento de persoas provistas de auga. Como hai 100 anos. Lin múltiples referencias de avances tecnolóxicos, moitos nas etapas de investigación, que non se están tendo en conta. Coido que Galicia debe incorporar a "ciencia do lume" aos seus programas de I+D+I e incluso converterse nun país líder na tecnoloxía de prevención e extinción de incendios. 10.E, finalmente, a participación cidadá… pero con esta xa contamos. Unha das grandes vantaxes dos medios dixitais vén sendo a posibilidade de consultar os contidos tempo despois. Veremos o que temos avanzado deste programa de accións o vindeiro ano. E comprobaremos canto queda da negrume deste días espantosos. (Desculpen a lonxitude do artigo. Coido que o tema a merecía) A Cerna do Xalundes. Agosto 2006 |
Marcelino Fernández Mallo Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausanne. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Impartiu charlas e cursos en múltiples foros así como nas Universidades da Coruña, Santiago, Vigo e León. Tamén ten colaborado en xornais e revistas de distintos eidos. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro" e o libro de relatos "Cabilia". ÚLTIMOS ARTIGOS DE Marcelino Fernández Mallo: |
||||||||||||||