Vieiros Opinión

CONTACTA CON VIEIROS
NOVAS
HOXE AO COMPLETO
OPINIÓN
NO ESCÁNER
GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
ALGO ESPECIAL
ANTERIORES
COMUNIDADE
AXENDA
CHAT-CHAT-CHAT  
FOROS
ENQUISAS
POSTAIS
TENDA
LIGAZÓNS
BUSCADOR
NOVIDADES
TOP100
DOSSIERS
PUBLICIDADE
QUE É VIEIROS

 
UNHA TEMPADA NO PALEOLÍTICO
Lume (2)
Un artigo de: Xabier Vázquez Pumariño
[09/08/2006]

Hai un ano publiquei un artigo titulado "Lume" nesta mesma columna de opinión. 11 meses e 15 días máis tarde non teño nada que engadir, así que quen queira unha diagnose sobre o tema remítoo ao citado artigo. Nesta nova entrega o único que pretendo é facer unha serie de puntualizacións ás que a conxuntura destes días obriga para continuar neste déjà vu colectivo.


Qué é o que cambiou este ano? A cuestión é que este Goberno herdou a xestión dunha industria moi potente, a industria de apagar o lume, cuxa materia prima básica é a existencia de lume. Ben, o Goberno tratou de facer algo (dá igual que fora moito ou pouco, ben ou mal ou mesmo que finalmente fixera algo), o colectivo de apagalumes sentiuse molesto e en todo colectivo amplo existen persoas que se saen do común, unha minoría (insisto no de minoría) de borders line que pasaron á acción e puxeron algún que outro lume conseguindo visibilidade. Fano nunhas condicións nas que non é posible apagar o lume, haxa os medios que haxa, lembremos: máis de 30ºC de temperatura, humidade relativa menos do 30% e ventos de máis de 30 km/h; e aínda é menos apagable se temos en conta que temos un territorio "non apagable".

Ese lume sae nos medios de comunicación, o fume é visto a km de distancia e prodúcese o que vou chamar "efecto contaxio": o típico tarado que hai en case todas as aldeas pon lume, o típico paisano envexoso de todas as aldeas aproveita para queimar a finca para ver o marco ou para foder os da parroquia do lado, o típico gandeiro descontento aproveita para poñerlle lume ao monte e librarse do lobo que está a criar e cuxos ataques ao seu gando non lle foron pagados este ano pola Xunta, o ancián que queima unhas silvas ... e así un longo etcétera. Ao final esta situación explícase con non máis dun par de ducias de persoas en perfecta descoordinación. Din que está todo perfectamente estudado e que prende cerca das estradas e das casas: claro, hai estradas por todas partes e sobre todo casas, casas e núcleos enteiros que nunca xamais deberon facerse neses lugares e que un a un os alcaldes foron consentindo. Os lumes seguen máis ou menos unha liña NE-SO xustamente como o vento que arrastra o fume que todos estas persoas poden ver.

A maior parte da xente detida o ano pasado acabou no psiquiátrico, por certo, cousa que non se comenta habitualmente. Cánto tempo pasará antes de que colectivamente asumamos que a deturpación á que se someteu e somete o medio rural galego provoca monstros coma este sen necesidade de acudir a teorías conspirativas? Pregúntese a calquera médico do rural, a ver que contesta.

Neste contexto se algo hai que achacarlle á Consellería do Rural é descoñecer a realidade do país, do país de a pé, das tabernas, das cociñas, das churrasquerías, das cuadrillas de caza, dos peóns que pasan medio ano poñendo piñeiros polos montes e fumando Ducados ... que é onde se agocha boa parte do colectivo que o PP contrataba para a industria do lume... a realidade dese país ao que din representar e ao que din coñecer e amar. Tamén hai que sinalar e agradecer o brutal esforzo aos axentes, gardas e patrullas forestais que están asumindo a dirección do traballo sen ser a súa competencia directa en vez de técnicos cualificados, enredándose a situación.

Así, hai algo que da tanto pánico como o lume: a de simplezas que se están a dicir en toda canta declaración hai por aí, veñan de políticos, opinadores profesionais, xornalistas, etc. Da pánico porque o lume pasará e pola contra a intelixencia colectiva non acaba de chegar nunca.

Ante unha situación como a actual, mellor buscar un culpable concreto a quén botarlle as culpas eximíndonos cada un da nosa cota de responsabilidade individual e colectiva que tratar de aprehender a complexidade da situación. Neste senso é particularmente patético que dende o Goberno actual se estea a dicir o mesmo que dicían os sucesivos Gobernos de Fraga, o mesmo Suárez Canal que Romay Beccaría ou Barreiro. Non hai mafias, oxalá fora todo tan doado e se limitara a unha cuestión policial. E dende logo tampouco hai motivacións políticas: xentes do PP acusaron no seu día ao BNG e xentes deste último grupo acusan agora ao PP; este despropósito é dobremente perigoso porque di moi pouco da intelixencia e sensatez dos grupos políticos e criminaliza ao adversario nun enfermizo exercicio de odio mutuo que debería terse freado hai moito.

A quén benefician os lumes? Atrévome a dicir que a todos, como dicía é unha industria pública fantástica que emprega a moitas persoas e consume moitos medios. Habería que calcular en cánto benefician os lumes ao PIB galego.

A semana que vén cambia o tempo, apagaranse os lumes e teremos o problema noutro lugar que xa creo que nos debería ocupar seriamente: os sedimentos do lume encherán de limos os bancos marisqueiros das rías.

Para rematar, cumpre buscar algunha lectura positiva: creo que, se cadra, os políticos tomarano en serio e se poñerán a traballar nun pacto entre os tres partidos con representación parlamentaria a longo prazo (poñamos 30 anos). Se non o fan, non se vai solucionar nada e continuaremos, non ano tras ano, senón xeración tras xeración con este déjà vu colectivo.

Suxiro unha serie de pasos lóxicos: 1.- elaboración dun diagnóstico da situación, evolución e historia feito por unha equipa multidisciplinar e a ser posible de fora do país, 2.- sometemento da diagnose á opinión da sociedade civil e sectores implicados, 3.- elaboración dun plan de acción a 30 anos no que se basearía o pacto político. Habería que introducir algún aspecto como o do cambio climático, que incrementará o risco de incendio nos próximos anos, e ter claro que o actual modelo madeireiro debe ser abandonado, poñéndolle freo, entre outras cuestións, ás multinacionais da madeira-lixo que se benefician deste caos, e primar outras áreas produtivas como é, de novo, a agricultura, a gandería extensiva e outros aspectos como é a conservación da biodiversidade, a preservación das bacías fluviais, das rías, da paisaxe, dos usos recreativos, etc.

Se dentro de dous meses a Consellería do Rural volta plantar piñeiros e "reforestar" as terras queimadas saberemos que, un ano máis, fracasamos.


COMENTARIOS:

Hai 44 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa




Xabier Vázquez Pumariño

Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista.


ÚLTIMOS ARTIGOS DE Xabier Vázquez Pumariño:

© Vieiros