Ben certo é que a miña avoa le os xornais dende que eu acordo. Vai ao caixón da cociña e saca os lentes. Pasa os cristais con coidado polo mandil e envórcase enriba da mesa da cociña a ler as portadas, aproveitando que a raiola do mediodía entra pola fiestra do vertedoiro. A min gústame poñerme detrás dela sen que se dea conta. Ten o costume, quizais aprendido nos escasos meses de escola, de ler murmurando, coma se cada palabra escrita precisase de ser procesada verbalmente, coma se cada sílaba tivese un significado secreto. Comeza sempre polas letras máis gordas: «U-no-de-ca-da-tres-gha-lle-gos-per-ci-be-al-ghún-ti-po-de-sub-si-dio». Bota un pequeno salaio, casa imperceptible, e prosegue lendo. Eu conteño o alento para que non sospeite que estou a poucos centímetros da súa caluga. Marabíllame que unha muller case centenaria se preocupe polo IPC, pola reforma dos estatutos e polas necrolóxicas. Miña avoa le esta sección coma quen lle oe o reconto dominical de funerais ao crego. Ás veces, escóitolle dicir para ela mesma: «Érache ben novo aínda».
Rememorando esta imaxe pódese pensar, nunha primeira impresión, que miña avoa vive nunha especie de esquizofrenia lingüística. Foi por iso que optei por analizala neste artigo, porque eu, mirándoa a través da súa lectura diaria, comprendina mellor, pero tamén, sen querer ser pretensioso, sería covarde non dicilo, ao meu propio país. Como se pode entender que a prensa en Galicia siga a ser monolingüe (en castelán) canda a meirande parte da poboación segue a pensar, a sentir, a falar e mesmo a traducir mentalmente no idioma vernáculo? Póñolles outro exemplo que para min foi case tan revelador como o antes referido. Sendo este que lles escribe estudante máis crápula que sapiente en Compostela, ía semanalmente á Praza de Abastos. Cun amigo e veciño percorría aquel lugar buscando materia prima para os nosos festíns gastronómicos. Agardabamos na ringleira a que nos atendera a pescantina. A vendedora falaba un galego cheo de filigranas e seseos que ben puidera ser natural dalgunha das aldeas que se deitan fronte ao mar na ría de Muros-Noia. Cando chegaba o momento de atendernos variaba o rexistro co que se dirixira aos outros clientes máis vellos. Mudaba para falar un castelán que soaba estentóreo contra a pedra do mercado. Pouco máis daba que nós teimásemos en seguir a conversa no idioma común. A diglosia, a teoría da lingua A e lingua B, a diferenza entre o idioma prestixiado e o que era relegado a usos «domésticos» (e domesticados), revelábase diante de nós con extraordinaria nitidez. Non fai falta acudir aos manuais de sociolingüística para saber que a boa muller, habitual falante da lingua B, se dirixía a nós na A, a pesar de que nosoutros utilizabamos tamén a B. Convirán comigo en que esta enleada ecuación de vogal e fonema oclusivo dá, sen dúbida, un resultado moi insatisfactorio para todos os que cremos que a vizosidade dunha lingua, independentemente do número de falantes, é unha riqueza, un sinal de cultura, de identidade e de futuro para aqueles pobos que a defenden. Pola contra, hai quen segue a pensar que a absorción lingüística, coma se os idiomas cotizasen en bolsa, é o mellor que nos pode pasar. Debemos venderlles as accións da nosa pequena empresa ás multinacionais, sosteñen; aínda que axiña corramos o risco de descapitalizarnos, de renunciarmos ao que creamos e modelamos ao longo dos séculos. Suxiren que nos pandeemos submisamente diante dun novo produto manufacturado que ten mellor marketing. Claro que, grazas ao bilingüismo harmónico, o noso idioma tería garantida por lei unha vitrina na rúa do Franco. Así os turistas poderán fotografar as vellas palabras canda o marisco de cetaria. Artigo premiado en segundo lugar no certame de xornalismo normalizador do Concello de Carballo |
Ramón Vilar Ramón Vilar Landeira (Rodís-Cerceda, 1973). É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de asumir a dirección de Vieiros, traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo. |
||||||||||||||