Vieiros Opinión

CONTACTA CON VIEIROS
NOVAS
HOXE AO COMPLETO
OPINIÓN
NO ESCÁNER
GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
ALGO ESPECIAL
ANTERIORES
COMUNIDADE
AXENDA
CHAT-CHAT-CHAT  
FOROS
ENQUISAS
POSTAIS
TENDA
LIGAZÓNS
BUSCADOR
NOVIDADES
TOP100
DOSSIERS
PUBLICIDADE
QUE É VIEIROS

 
MONTE ALTO
Consellos para o desfile
Un artigo de: Xabier Cordal
[25/05/2005]

Se se coloca vostede estes días no medio da praza do Concello da Coruña e efectúa un xiro circular, comprobará que en cada balcón pendura unha bandeira española (sen escudo, supoñemos que para que a imaxinación de cadaquén acabe de completar o símbolo).


Talmente coma cando en agosto, con motivo da visita do xeneral Franco, nos enchían os ollos e os cantóns e as prazas cos emblemas golpistas, o exército ao mando de Juan Carlos I vai exhibirse este sábado na Coruña.

Os desfiles quedaron ancorados nunha fase arcaica da parada militar. Cando os exércitos da OTAN mostran a súa forza adoitan esquecer certos elementos de disuasión que miles de persoas alí apostadas sen dúbida agradecerían.
Faltará, por exemplo, o batallón informático da Guardia Civil, que segundo certas páxinas da esquerda hospedadas en Compostela, Madrid, Barcelona, etc., dedica boa parte do seu esforzo a comprobar cada cuarto de hora que non se lesionan nelas os dereitos do cidadán.

Esteticamente, iso presenta algún conflito. Poderían rodar pequenos carriños de oficina cun equipo fixo en actitude de simulacro, ou iren tamén, de maneira máis tradicional, marcando o paso e termando, na man dereita, dun ordenador portátil, que erguerían ao vento (ao xeito da Sección de Gastadores co vello fusil Cetme) cando alcanzasen a tribuna. Alí aplaudirán Francisco Vázquez, José Bono e o resto de autoridades eclesiásticas e civís.

Outra ausencia notable será, previsiblemente, a dos especialistas encargados de deseñar e sementar artefactos de disuasión para os campos do Terceiro Mundo; por exemplo, as pequenas minas antipersoais (algunhas de fabricación española) ou esas cabezas de mísil con uranio empobrecido, símbolo da alternativa socialdemócrata ao desastre nuclear. En boa lóxica os soldados que prestan axuda humanitaria (alimentos, medicinas, etc.) deberían desfilar detrás, e non diante.

Se se coloca vostede estes días no medio da praza do Concello e efectúa un xiro circular, comprobará que en cada balcón pendura unha bandeira española. Talmente coma cando en agosto, con motivo da visita do xeneral Franco.





Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou catro libros de poemas e ten participado noutras obras colectivas asinadas por Ronseltz e Redes Escarlata, grupo do que forma parte actualmente. Tamén colaborou na Revista das Letras e en varias publicacións periódicas coma a revista A Trabe de Ouro.


ÚLTIMOS ARTIGOS DE Xabier Cordal:

© Vieiros