Cando lle preguntaron a Truman Capote a súa opinión sobre a novela de Kerouac No camiño, dixo que non era máis que mecanografía. Hoxe, como a tecnoloxía avanza de medo, dun libro coma Ámote case se podería dicir que pouco máis é que ordenador. O valor estético dun relato non se pode deixar en mans da computadora, porque dela só xurra a lingua na súa mecanicidade morfosintáctica, pero non o estilo. Isto é o primeiro que descorazona neste libro: que se queira dar como estilístico o que só é lingüístico. Neste sentido, insístese teimudamente nos mesmos efectos (que findan en defectos) que se amosaban en Ébora: o fagocidio verbal, a inflación lexical case oceánica, onde aboian algúns produtos mentais de feble entidade intelectual. O mesmo narrador confesa o seu pecado de logorrea: "un empeza a escribir pensando que vai contar un suceso determinado e finalmente acaba parafraseando palabras" (p. 319). Segue sendo índice de inmaturidade estilística a práctica das montaxes morfémicas —derivativos a cachón—, case sempre de substrato inventarial castelán ao que o autor se entrega co frenesí dun xogo de mecano. O resultado é un cadoiro de neloxismos superfluos que contrasta coa ausencia ou a parquedade de pezas lexítimas patrimoniais que terían oportunidade por razóns temáticas. Por poñer un exemplo, é pavero que o protagonista do relato, un idiota de paradigma, ao que se alude cunha restra de epítetos merecidos —bobo, imbécil, etc— nunca se lle chame parvo, que sería axeitada atribución, con toda a riqueza sémica específica que este vocablo posúe na nosa lingua. O protagonista é un parvo exacto, un parvo do país que ao autor lle sae redondo e nesta construción radica un mérito que é xusto computar. Este antiheroe, namorado de duascentas mulleres, evidencia, por virtude da propia cantidade e segundo a lei orteguiana, que nunca sentiu amor. El non milita nun amor imposible, senón na imposibilidade dun fornicio universal. E mentres entretén a fame de femia, este Ulises esperpéntico fica extraviado en reflexións periféricas sobre a soidade, a melancolía, o cinismo, a natureza da literatura e o mundo mediático.
Aínda que o autor non renuncie en ningún momento á súa condición de animal lingüístico (que non é o mesmo que animal estilístico, insisto), resulta case urticante esa reiteración quérote-quérote-quérote, que toca o punto de cursilería con expresións como "que lindo quererte", como ladaíña dun discurso sen contido. Se, como di Peirce, a linguaxe dun home é a suma total de si propio, aquí hai pouco que sumar desde o punto de vista cognitivo, que sempre ten que ser unha achega inexcusable nun libro que se gabe de meterse no tema do amor. O fraseo vai desde a insipidez escolar ("o paraíso non existe se ti non estás", ou "cando un está namorado sempre ve uns ollos verdes", p. 15), pasando pola obviedade ("a violencia paréceme o peor dos defectos da humanidade") e mais polo tópico ("a fama convértese no gran andazo do século vinte e un", p. 334). Pero onde o texto amosa máis debilidade cognitiva é nas numerosas reminiscencias desa caste que se achega á estereotipia, de xeito que o que por esixencia temática debería ser un sólido entramado intertextual, fica reducido a lugares comúns e titulares de suplemento literario: "os paraísos están no pasado" (p. 303), vagamente proustiano; "o periodista é o recolledor da sucidade humana" (p. 184), con aromas de Vargas Llosa; "falo coa autoridade que me outorga o fracaso", que é o que queda de Scott Fitzgerald en todos os calendarios. Se a todo isto lle esparexemos uns versos de Neruda (a invocación nominalista máis recorrida), velaí temos toda a grámmica lectural do libro de Caneiro. Porén, tratándose dunha temática axial nas series literarias non foron convidados os grandes especialistas en "ciencia amorosa", como diría Rubén. Os inventores do amor e a muller, Balzac e Stendhal nomeadamente, non asisten á convocatoria intertextual dun libro de amor que paradoxalmente nunca consegue ser erótico.
En realidade, ao meu ver, non se trata dun libro de amor. O tema da novela é a testosterona sen drenaxe, que conduce a unha forma do sublimación que é a logorrea. Xa o di o apostemado narrador cando recoñece que, en materia de amor, as putas "aprendéronme todo" (p. 311). E isto parece unha idioenciclopedia rudimentaria; non porque as fillas de Príapo non posúan a súa específica mestría no xénero, que hai que recoñecérllelo, senón porque o personaxe —en coherencia coa súa parvicie— non lle tira aproveitamento lectivo.
No tocante ao vernizado humorístico, que tenta ás veces o beocio protagonista, hai que dicir que non consegue callar. O humor son as ventás dun relato e este tería agradecido estas luces, pero alusións coma esa tan dominante, recorrente e irreverente a Jesusito (de mi vida...) cae desde a intención cómica na condición patética.
En fin, esta novela recórdame que un relato non é cuestión de abrir a billa das palabras, porque aínda que o estilo dun escritor é a súa linguaxe e as palabras son a súa moeda, esta moeda —como todas— debe contar cunhas reservas que a respalden, neste caso cuns contidos de mente e corazón que aquí son escasos e compénsanse coa inflación verbal.
mércao en Andel