
MISTURA DE GAITA E CANTO POPULAR
Treixadura presenta "Unha semaniña enteira", o seu cuarto disco
[14/06/2006 18:42] Este seu último traballo é a continuación dos dous anteriores, Unha noite no muíño e Unha noite non é nada. Con Unha semaniña enteira os gaiteiros de Treixadura pretenden dar conta do pouso que o canto popular foi deitando na historia da música galega, "reivindicando, unha vez máis, a transmisión das melodías e do noso patrimonio cultural". Para poder realizaren este proxecto, a colaboración do orfeón Treixadura, do gaiteiro Tino Baz e do bombeiro Pablo Cés foron imprescindíbeis.
Unha semaniña enteira "reúne dúas concepcións ben arraigadas na música da nosa terra: o canto e a gaita", afirman os compoñentes do grupo. As voces púxoas o Orfeón Treixadura, do que o gaiteiro da Guarda Tino Baz formou parte nunha primeira etapa da agrupación. No que respecta á música, Treixadura Gaiteiros recolleu a tradicional "salvagardada polos coros decanos galegos". A colaboración de Baz estendeuse tamén á música do disco, logo do labor que desempeñan conxuntamente desde o 1999.
Con este úlitmo disco, os gaiteiros de treixadura queren, ademais de contribuír á divulgación e normalización da música tradicional, "compartir o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo". Para completar a gravación, contaron tamén coa participación do bombeiro Pablo Cés, fundador dos Cempés e que hoxe forma parte de Malvela e Son de Seu.
A obra gravouse nos estudos A casa de tolos de Gondomar e Edisco, na Estrada, a finais de 2005 e principios de 2006, coa axuda dos técnicos de son Segundo Grandío, Pablo Casal e Fernando Campos. Nela, a copla popular Unha semaniña enteira Rescatada dunha antiga gravación familiar dos Campaneiros de Vilagarcía, ocupa o primeiro lugar. Séguena composicións feitas entre Treixadura e Tino Baz, pezas populares e versións de temas tradicionais dados a coñecer por agrupacións tan sobranceiras como Cántigas da Terra, entre outras.
O acto de presentación celebrarase no Consello da Cultura e a el acudirán Luís Costa Vázquez, en representación do Consello da Cultura Galega; Antón López e Xaquín Xesteira, por Treixadura Gaiteiros; e Delio Domínguez e Xosé Méndez "Morgan" polo Orfeón Treixadura.
|