Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO ARQUIVO

Malvar e Jiménez de Parga: polémicos antecesores

Ramón García-Malvar, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia durante doce anos, pechou ciclo caendo en desgracia fronte ao consello fiscal, sancionado con catro meses de suspensión polo suposto retraso intencionado na tramitación dunha causa. A súa xestión foi a miudo criticada por PSOE e o BNG, que o acusaron de actuar como parapeto xudicial da Xunta e do PP. Tamén polémico e marcado por habituais excesos verbais foi o paso de Manuel Jiménez de Parga pola presidencia do Constitucional.

- 09:12 16/06/2004
Tags:

Malvar foi fiscal xefe en funcións en Galiza deica a súa xubilación a finais do 2003. Cando durante os meses de verán o consello fiscal votou a súa continuidade no cargo, non recibiu nin un só voto de apoio. Por este motivo, o daquela fiscal xeral do Estado, Jesús Cardenal, decidiu non propoñerlle ao consello de ministros que García Malvar seguise no cargo.

Poucos meses antes, Malvar fora sancionado con catro meses de suspensión polo suposto retraso intencionado na tramitación dunha causa. A mediados do 2002, Cardenal abríalle un expediente disciplinario como posible autor dunha falta disciplinaria moi grave e ordeaba a súa suspensión por seis meses. Segundo a oficina do Fiscal Xeral do Estado, Malvar foi presunto autor de "conductas irregulares que comprometen a dignidade da función fiscal". Todo parte dunha visita á sé do TSXG pola Inspección Fiscal en novembro do ano 2000, cando se detectaron retrasos inxustificados sobre unha causa penal.

Ao tempo, a xestión de Ramón García Malvar tiña sido criticada con forza pola oposición parlamentaria galega. PSOE e BNG acusaron frecuentemente a García Malvar de actuar como parapeto xudicial da Xunta e do Partido Popular.

Exemplo disto foi o acontecido durante a crise posterior ao afundimento do Prestige. Daquela, Malvar pediulle ao xuíz de Corcubión que deixase de considerar imputados no caso Prestige ao delegado do goberno en Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, e ao capitán marítimo da Coruña, Ángel del Real. Malvar exercía entón a representación do ministerio público no xuízo que se desenvolvía a raíz da querela de Nunca Máis e rematou acusando á plataforma de "ocultar datos de forma deliberada na presentación da querela" por concretar a demanda en cargos que non están protexidos por un foro especial e por non incluír un informe elaborado polo ex-director xeral de Mariña Mercante.

Xosé Manuel Beiras criticaba nese momento a solicitude do fiscal xefe denunciando que "no canto de exercer o seu cargo e encausar a un dos máximos responsables da catástrofe, converteuse no seu avogado defensor".

Os excesos verbais de Jiménez de Parga
Destaca da polémica traxectoria do que foi durantes os últimos anos presidente do Tribunal Constitucional a súa crítica posición fronte aos nacionalismos vasco, catalán ou galego. "No ano 1000, cando os andaluces tiñamos varias ducias de surtidores de auga de sabores distintos e cheiros diversos, nalgunhas zonas das chamadas comunidades históricas nin siquera sabían o que era asearse nas fins de semana", manifestaba Parga durante unha conferencia.

No mesmo acto en que pronunciaba esas palabras, declaraba que o concepto de 'nacionalidades históricas' é un gran erro, xa que o resto das comunidades de España redúcense a "segundonas fronte ás tres comunidades que din que son distintas". A continuación criticaba os sistemas educativos destas comunidades, onde na súa opinión, "non ensinan historia de España".


0/5 (0 votos)