And-o them katar i muxli   No País da brétema

Presentación de Chavós


 
Chavos
A
Asociación Chavós -que en caló quere dicir rapaces- xurdiu a principio dos anos 80 en Ferrol no seo do claustro de profesores do Colexio Público Chavorré Calé. Eran tempos en que nas institucións non se entendían as medidas socioeducativas sobre alumnados distintos, e cando a interculturalidade non se contemplaba nas facultades de Ciencias da Educación.

Agora, case vinte anos despois, a Asociación xa non está vencellada exclusivamente ao ensino. Ademais, se nun primeiro momento o ámbito de actuación de Chavós foi a cidade de Ferrol, agora a Asociación emprende accións tamén na Coruña e Santiago.

Con todo, os obxectivos cos que naceu séguennos inspirando na actualidade: proporcionarlle ao pobo xitano as ferramentas necesarias para que poida lograr en pé de igualdade a súa incoporación e convivencia coa sociedade maioritaria, e, doutra parte, lograr na poboación non xitana a desparición de estereotipos negativos mediante o coñecemento da cultura xitana a e da súa realidade, dende un punto de vista positivo, sen que estea deformada polo espello do racismo e da ignorancia.

Por iso a educación é o eixo principal das intervencións de Chavós sobre a poboación xitana: dende programas de apoio á primeira infancia (transporte e monitoraxe para garderías) e apoio escolar en horario non lectivo para tódolos niveis do proceso educativo, ata cursos de graduado escolar dirixido a alumnos que finalizaron a súa escolarización sen o acadar e programas de alfabetización de homes e mulleres adultos. Pero tamén acomete outras medidas de apoio en relación coa tramitación e información a respecto de acceso á vivenda, bolsas, subvencións…, a erradicación do chavolismo, a formación ocupacional ou a animación sociocultural.



Portada | Introducción de Vieiros e Sargadelos | Patrocinadores e artistas



640x480 600x800 1024x768