Manuel Ferreiro
autor de 'Gramática histórica' do galego. Universidade da Coruña |
|
1. Dende un punto de vista estrictamente lingüístico, ¿cres que se pode considerar Galicia unha forma galega? |
Non, porque a documentación antiga, cando o galego era unha lingua normal e a influencia do castelán aínda non se deixara sentir, é practicamente unánime a prol da forma "Galiza", aparecendo "Galicia" unicamente en textos con grafías vacilantes ou latinizantes, ou, senón, en textos notariais serodios en que xa se rexistran interferencias do español. |
2. Dende un punto de vista estrictamente lingüístico, ¿cres que se pode considerar Galiza unha forma galega?
|
Si, porque tanto pola evolución esperada desde a forma latina como a documentación medieval así o testemuñan inequivocamente. |
3. ¿Que razóns sociolingüísticas cres que hai para defender a forma Galiza? ¿E Galicia?
|
Se se xeneraliza a forma "Galiza" suporía un paso máis na tarefa de restauración da lexitimidade lingüística e cultural, así como o enlace, por un lado, co período de normalidade sociocultural (a Idade Media en sentido lato), e, por outro, coa vontade normalizadora do período iniciado polas Irmandades da Fala e culminado pola Xeración Nós. Isto é, suporía un paso máis na recuperación da nosa memoria como pobo, como nación, como cultura. "Galicia", que lingüisticamente presenta alteración da terminación, só se podería defender en tanto que, por agora, é forma maioritaria na fala espontánea, sempre considerándoa como unha cicatriz máis do longo proceso de colonización que o noso país padeceu. |
4. Usando Galiza no canto de Galicia conseguiríase...
|
Usando "Galiza" no canto de "Galicia" conseguiríase restaurar a normalidade nun elemento tan simbólico (ademais de diferencial a respecto do español) como é o nome da nosa nación. Lembremos que a forma "galego" comezou a usarse coas Irmandades da Fala (1916), substituíndo o xeral "gallego" do Rexurdimento e da fala espontánea: é, por tanto, un problema de vontade e de práctica lingüística. Se se recuperou "galego", poderá recuperarse "Galiza". En fin, xa se preguntaba o noso Shakespeare: que hai detrás dun nome? | |