ENTREVISTA CO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA DA RÍA
Antón Masa: "ENCE inviste moitos cartos para comprar vontades" [03/05/2005 19:34] Entrevista con Antón Masa, presidente da Asociación polo Defensa da Ría de Pontevedra, sobre a situación da mobilización social contra a fabrica de Celulosas e a estratexia mediática da empresa.
Enfrentádesvos a un inimigo moi poderoso....
Sempre houbo un complexo conglomerado de intereses que se opoñen aos nosos, que nestes momentos son os da maioría da poboación. Esta oposición fíxose máis patente e máis forte desde o momento en que se privatizou a fábrica. Desde o momento en que Caixa Galicia se fai dona de ENCE, hai unha maior oposición tanto desde os poderes políticos como económicos e, polo tanto, mediáticos. Nestes últimos anos, a Asociación ten moitísima menos incidencia nos medios de comunicación da que tivo ata agora, cando agora debería ter máis porque as nosas posicións son máis sólidas. Sempre baseamos os nosos informes en datos oficiais, contrastados, e co máximo rigor, o que nos proporcionou unha credibilidade social que foi en aumento dun tempo a esta parte. Porén, mesmo o feito de que conseguísemos que ENCE fose condenada por delicto ecolóxico continuado (algo inusitado no estado español), foi practicamente silenciado na maior parte da prensa. Xa nese momento a fábrica era de Caixa Galicia. É moi difícil que as nosas posicións saian á luz pública, mentres que os que defenden a empresa están sumamente publicitados. Cómpre ter en conta que ENCE está investindo moitos cartos para comprar vontades naquilo para tratar de lavar a cara do seu mal comportamento medioambiental. En que consiste a súa estratexia? Practicamente todos os medios de comunicación a nivel local teñen un volume moi importante de publicidade de ENCE e especialmente a Cadena Ser de Pontevedra e algúns xornais. Iso sumado a que ENCE está subvencionando, por exemplo, a unha gran cantidade de clubes deportivos da cidade co que consigue que moita xente se pronuncie a favor de ENCE, cando realmente está en contra. Pero, claro, sábese que poñerse en contra da fábrica pode supoñer a perda da subvención. O caso do equipo de fútbol do Pontevedra é paradigmático. Desde o club se nos di que non debemos facer ningunha campaña en contra de ENCE na que se vexa implicado o equipo, porque poden perder unha subvención que para eles é vital. Creo que a pesar de todo estamos saíndo bastante airosos desta situación e mesmo conseguimos facer unha pequena campaña contra Caixa Galicia. Nin eles nin nós podemos facer un balanzo exacto da cantidade de persoas que deixaron de traballar por esta razón con Caixa Galicia, pero sabemos que, aínda que eles digan que son relativamente poucas as contas que se pechan, están preocupados pola cantidade de contas que non se abren por esta razón. Esa é unha baza que temos nós. Igual que a da mobilización social e a dos recursos xudiciais. Que pode significar a manifestación convocada para o 4 de xuño? Trátase de que a manifestación sexa convocada unitariamente. Na última xuntanza había máis de 70 colectivos implicados na organización. Nós entendemos que vai ser unha manifestación moi importante. Non só porque o momento o require, senón porque non é o mesmo facer unha marcha como facemos todos os anos desde a Asociación pola Defensa da Ría desde Pontevedra a Lourizán, que con toda a dificultade que supón move máis de 3.000 persoas de cada vez, que facer unha gran manifestación unitaria e só no contorno do centro da cidade. Quizais sexa a manifestación máis importante en relación con ENCE que se teña feito nunca. Cal foi a evolución do movemento cidadán contra a factoría de Lourizán? Un movemento cidadán foi sempre necesario, desde o momento no que se instalou a fábrica. O que pasa e que así como as mariscadoras de Lourizán entenderon desde un primeiro momento que aquilo ía contra os seus postos de traballo, do seu xeito de vida e do seu pan, a idea que se daba era que a factoría viña solucionar todos os problemas económicos e laborais de Pontevedra. Daquela houbera xa algunha mobilización en Lourizán e algún enfrontamento físico coas forzas de seguridade franquistas, que daquela eran máis ben forzas militares da Escola Naval de Marín. Dunha maneira máis consciente e organizada sempre houbo en Pontevedra cando menos xermolos de oposición. Tanto a AN-PG como despois o BNG tiveron case desde o principio unha postura en contra en contra da instalación da Celulosa en Lourizán, e mesmo houbo intentos de artellar algún tipo de plataforma en contra de ENCE desde a Asociación de Licenciados en Ciencias Biolóxicas de Galiza. Pero quen levou o peso da contestación dunha forma máis sistemática foi ADEGA. A verdade é que cada pouco tempo nacía unha plataforma contra ENCE pero cunha vida efémera. Xurdían só para unha mobilización concreta e despois esvaíanse. Como se creou a Asociación pola Defensa da Ría? Foi a finais dos anos 80 que nace a Asociación Pola Defensa da Ría con vocación de continuidade. Para isto influiu o feito de que neses anos xa había unha conciencia ecolóxica importante na sociedade en xeral. Amais, naceu como unha asociación e non como unha plataforma de partidos, sindicatos, etc... Ese é o momento no que nace unha organización estábel cunha vida xa de case vinte anos. Aumentou nos últimos anos o apoio da sociedade ás teses da Asociación? Creo que nestes momentos existe unha maioría social que apoia as teses da Asociación Pola Defensa da Ría, cando menos as que fan referencia a necesidade do translado de ENCE de Lourizán. Así como antes apoiar estas posicións restaba votos, agora se ve que dá votos. Mesmo o Partido Popular veuse na obriga de dicir que está polo saneamento da ría, que hai que eliminar os verquidos, respectar a legalidade... Propostas que antes nunha fixeron. Houbo unha relación biunívoca entre a asociación e as forzas políticas. Se ben é certo que as nosas posicións puideron facer que moita xente respaldase aos partidos que defendían estas posicións no concello, tamén é certo que a existencia de gobernos municipais que respaldan estas posicións nos dá a nós tamén maior apoio social. Con independencia de cales foron as relacións entre nós e estes partidos ao longo do tempo. Quedan trece anos para que expire a concesión de ENCE en Lourizán. Non hai tempo de abondo para negociar? ENCE é unha empresa afeita a facer todo o que quixo. Estaba convencida de que non tiña que marchar no 2018. Intentou o tema da supramunicipalidade e ligar a concesión da papeleira pola vía do decreto de innecesariedade dos terreos para a recuperación da ría. Se conseguise esto, non se lle podería aplicar a Lei de Costas e, polo tanto, se lle podería ampliar a concesión máis alá de 2018. Iso non o logrou. A nova vía que buscaron é tratar de conseguir que os terreos que ocupan se integren no porto de Marín. Nese caso, tamén quedarían exentos da Lei de Costas. E aínda lles queda outra saída que non utilizaron polo momento, que é a de pedir unha nova concesión. Téñenno difícil, pero seguro que o van intentar. En calquera caso, detrás desta negativa da fábrica a negociar a posibilidade dun traslado, creo que se pode albiscar que o interese da empresa non é o de montar unha papeleira nin o de dobrar a producion de pasta, senón quedar cos terreos. De feito, o que non queren en ningún caso é asumir ningún custo adicional: ou quedar cos terreos ou seguir facendo o que fan agora. Creo que un erro: en primeiro lugar, desde a perspectiva da propia empresa, porque no caso de que non mude a situación política pode chegar o 2018 e non poidan sequera facer o translado e, en segundo lugar, desde o punto de vista dos sindicatos que se opoñen ao traslado para, segundo eles, conservar os postos de traballo porque o que teñen que facer é pedirlle a empresa que monte a fábrica nun lugar onde poida desenvolverse máis alá de 2018 e así manter ou aumentar o plantel de persoal. Desde a Asociación pola Defensa da Ría non entramos a valorar onde se debe facer o traslado: nós entendemos que hai que pechar a actividade industrial de ENCE na ría de Pontevedra e pechala canto antes. Se a presenza de ENCE está destruindo postos de traballo, destrozando o medio ambiente, contaminando máis alá do que permite a lei, afectando negativamente á saúde e á calidade de vida das persoas e impedindo o desenvolvemento sustentábel das bisbarras... non hai ningunha razón para prolongar esa agonía trece anos máis. Esiximos que o cese da actividade sexa xa, independentemente de que queiran ou non trasladarse. Cre que a ría está aínda en condicións de poder recuperarse para a actividade marisqueira? Creo que se pode recuperar. Hai quen di que se pode volver á situación que había antes, cun banco marisqueiro importante. Pero hai tamén quen se pregunta se coa concentración de contaminantes que hai na ría, sobre todo de mercurio, se podería recuperar a ría sen asumir un risco moi grande ao remover os fondos. Isto é o que máis me preocupa, pero creo que ten que haber solucións técnicas suficientes para poder recuperar o ecosistema sen ter que recorrer a métodos moi agresivos. No momento en que se removen os fondos, o mercurio inorgánico alí depositado transfórmase rapidamente en metil-mercurio, que é máis tóxico. En todo caso é un problema técnico. Se se fixo a limpeza do fuel do Prestige tamén se pode facer isto. Todo é cuestión de cartos: tanto o do traslado como o da recuperación da zona. O que está claro é que esta zona non vive de ENCE, nin sequera o sector forestal que mal vive a pesar de ENCE. Unha economía lóxica, sustentábel, baseada na explotación racional dos recursos forestais, marisqueiros, pesqueiros e turísticos é incompatíbel coa presenza de ENCE. |
|
|||||||||||||||||||||||||||||