
- Chats con personaxes senlleiros da sociedade galega
- Alá por febreiro Vieiros inaugurou a súa xeira de chats con personaxes salientables da sociedade galega. O primeiro en pasar pola 'chat-room' desta casa foi Víctor Freixanes, novelista, xornalista e comunicólogo, que obtivo un grande éxito de participación. Nesta páxina poden consultar o texto coas palabras do convidado e dos internautas. En marzo, os protagonistas foron dous membros de Milladoiro, Rodrigo Romaní e Xosé V. Ferreirós, que conversaron en liña cos seus máis fervorosos fans. E, para os máis afeccionados á tecnica, o 24 de marzo realizamos un chat cos dous promotores do Proxecto Xis: Camilo Regueiro e Ramón Flores (transcripción). E durante as eleccións municipais e europeas Vieiros organizou, en colaboración con El Correo Gallego, chats cos principais candidatos a alcalde das cidades e cos primeiros galegos nas listas dos partidos ás europeas. No Especial Eleccións 99 poden consultar as transcripcións de cada un dos chats. E pechamos a temporada de conversas en liña cun convidado estrela: Xosé Luís Méndez Ferrín, que non defraudou aos internautas (velaquí a transcrición).
- Edicións locais de Vieiros
- Un dos feitos máis importantes que tiveron lugar este ano foi a posta en marcha de edicións locais de Vieiros. O 19 de febreiro nacía Vieiros Santiago, á vez que Vieiros Ferrol incorporaba o novo deseño que habían ter todas as novas edicións. Uns días máis tarde chegaban Vieiros Lugo e Vieiros Vigo, e máis adiante Vieiros Pontevedra e Vieiros Ourense. A comezos de marzo aterrou Vieiros A Coruña e logo Vieiros Barcelona e Vieiros Madrid, as primeiras edicións das comunidades galegas no exterior. Logo chegou Vieiros O Porto, Vieiros Uruguai e Vieiros Bos Aires.
O Día das Letras Galegas estreamos unha sección moi especial: Pola lingua que nos une, unha web que reúne datos e información sobre as zonas galegofalantes fóra do territorio administrativo galego. Esta incluía catro novas edicións: Vieiros Terra Eo-Navia (Asturias), Vieiros Bierzo (León), Vieiros As Portelas (Zamora) e Vieiros Val do Ellas (Extremadura).
E seguimos medrando. A principios de xuño chegou Vieiros Alemaña, en novembro Vieiros A Mariña, edición xestionada polo equipo de Nosnet, o directorio de recursos da Mariña; e a última en chegar foi a de Vieiros Londres, que periodicamente nos achegará información acerca da capital inglesa da man do escritor Xelís de Toro.
- Canais temáticos de Vieiros
- Á par que as edicións locais, fomos estreando novas canles, novas webs temáticas feitas por persoas individuais ou por asociación. O primeiro en chegar foi o Canal Mundo, unha nova proposta informativa sobre política exterior realizada polo IGADI. Tamén en abril inauguramos o Canal Lusofonía, que nos trae diariamente noticias sobre o mundo lusófono: Portugal, Mozambique, Brasil, etc. En maio a novidado foi o Canal Tempos Novos, onde se verquen semanalmente as principais informacións desta revista de análise mensual dirixida por Luís Álvarez Pousa. En xuño apareceu o Canal Bienio Irmandiño, unha idea da organización Crentes Galegos, que pretende acometer o proxecto de galeguizar a Igrexa en dous anos: 1999 e 2000. A volta á actividade trouxo en setembro consigo o Canal Ciencia, unha iniciativa coordenada por Alberto Cifuentes que trata de escoller as noticias científicas de maior interese para poñelas a disposición do público galego. E en outubro o Canal Verde, dedicado á ecoloxía e ao medio ambiente e coordenado por membros da Federación Ecoloxista Galega.
- Día das Letras 99
- Vieiros preparou, como vén sendo habitual, un Especial das Letras Galegas, adicado este ano á figura do xornalista e poeta Roberto Blanco Torres. Este especial informativo inclúe unha axenda de actos que se celebran en varias partes do mundo para conmemorar este día e a historia e protagonistas do 17 de maio, ademais dos especiais anteriores (dende o ano 1996). Outra das seccións é Letras na rede, que nos achega todas as ligazóns aos recursos adicados a Blanco Torres na Internet. Tamén recuperamos o "Mil primaveras máis", o texto de Cunqueiro sobre a lingua galega que foi traducido a outros corenta idiomas. E tamén hai un percorrido histórico pola historia do xornalismo galego.
- Galicia en Festas
- Vieiros e a revista "Campo da Festa" estrearon a comezos do verán a web Galicia en Festas, un directorio que incluiu todas as celebracións que tiveron lugar en Galicia ao longo do verán. En agosto estreamos unha nova edición, Vieiros Verán, que substituiu a cara actual desta publicación, adaptándose xa á estética das edicións locais, de actualización automática, que xa logo quedaría permanentemente.
- Especial Volta á Escola de Vieiros
- A dous días para o regreso ás aulas, Vieiros presentou o Especial Volta á Escola, unha web patrocinada por Mundo-R onde pode atopar toda a información relacionada coa educación en Galicia. Nela falan todas as partes implicadas: polos pais, o presidente da principal asociación de APAs, Confapa; polos mestres, o presidente da Xunta de Persoal Docente non Universitario de Pontevedra; polas administracións locais, o concelleiro de Educación de Santiago, Xosé Manuel Iglesias; polas asociacións pedagóxicas, a presidenta de Nova Escola Galega; ademais de todas as ligazóns, datos, estatísticas e un foro onde participar.
- Un experimento literario con Camilo Franco
- A partir do 1 de outubro o escritor Camilo Franco e Vieiros iniciamos un experimento literario, chamado Por conto alleo, para o que necesitamos a colaboración dos lectores. ¿En que consistía? Moi doado: os internautas propuñan dúas palabras e o noso escritor, diariamente, escribiu un relato curto a partir delas. Os lectores enviaban as súas propostas ao longo do día e, ás sete da tarde, en Vieiros elixiamos unha delas, que lle remitiamos ao autor. Camilo tiña dende esa hora ata o día seguinte ás 11 da mañá para escribir un conto e publicalo. Así que durante 50 días Vieiros presentaba a media mañá un texto literario ben fresquiño, listo para consumir... Esta sección foi un éxito de lectores, e mesmo os propios internautas votaron o conto que máis lles gustou: resultou gañador "O síndrome do colmo". E lembramos que "Por conto alleo" -estes 50 relatos- será o primeiro libro publicado exclusivamente na rede en Galicia. Poderédelo "baixar" dende estas mesmas páxinas en breve.
- Enquisas do milenio en Vieiros
- A falta de 50 días para o 2000 Vieiros presentou Virando o Milenio, unha sección que con varias enquisas nas que lle pedimos aos lectores que voten sobre os acontecementos máis importantes do milenio para Galicia. Ademais, deron a súa opinión sobre estas cuestións importantes persoeiros da sociedade galega, que expuxeron e razonaron as súas escollas. Para comezar quixemos saber quen son os Cinco mellores Escritores do Milenio, logo preguntamos polos tres personaxes galegos máis importantes do milenio e, finalmente, cal foi o maior desastre do milenio para Galicia. Resultaron gañadores: Rosalía de Castro, Castelao, Álvaro Cunqueiro, Méndez Ferrín e Blanco Amor no apartado dos escritores; Castelao, Rosalía de Castro e Diego Xelmírez, no de personaxes; e a Doma e Castración do Reino de Galicia, no de desastres.
- Especial Nadal 99
- No Especial Nadal deste ano tiñamos unha páxina web moi especial, Galicia Apocalíptica, na que anticipamos como vai ser a fin do mundo. Opinan os lectores e tamén os nosos convidados: Santiago Jaureguizar e Carlos Santiago, que nos contan como vai rematar o mundo en Galicia. Pero... ¿e se non remata o mundo? ¿como será Galicia no 2999? Pois iso é o que nos desvela Xabier Cordal, un poeta dende a Terra Cha.
Claro que tamén ofrecemos unha Axenda da Fin do Milenio, ou que facer na noite do 31 de decembro. Coma sempre, propoñémosvos Agasallos galegos para os amigos e a familia, xunto cunhas Postais de Nadal electrónicas deseñadas especialmente para Vieiros, e, por suposto, un Menú para o Nadal con receitas de Toñi Vicente.
|